31 de ago. de 2015

Reseña: Pánico



Pánico é a última novela de Lauren Oliver, autora famosa, sobre todo, pola súa triloxía Delirium, unha triloxía distópica que me encantou o ano pasado, sobre a que podedes ler facendo clic aquí. A verdade, non é que esta nova novela da autora tivese moi boas críticas e opinións, pero igualmente a trama parecía moi interesante e diferente, así que, coma sempre, púxenme mans á obra.

Pánico conta como na cidade de Carp os alumnos de último curso, tras graduarse, pasan un verán xogando a Pánico, intentando superar as probas que os farán gañar unha gran cantidade de diñeiro. O libro alterna o narrador con cada capítulo, contándonos as vivencias de Heather e Dodge dende o seu punto de vista.

A verdade, é que o libro me gustou moito. moitísimo máis do que esperaba e entretívome tamén máis do que nun principio pensei. Contaba con que a trama se ía a centrar principalmente en Pánico, no xogo, e, aínda que nun principio é así, pronto se nos empeza a contar a vida e relacións familiares dos protagonistas e a competición case pasa a un segundo plano.

Encantoume como se vai desenrolando a historia individual de cada personaxe, e como a razón pola que buscan gañar ese premio en metálico se nos explica, sobre todo no caso de Dodge. A verdade, é que a narración se nos presenta dunha forma mi especial, adictiva e fácil de ler, que ademais é moi lixeira, algo que se acentúa coa intercalación de protagonistas, centrándonos nun personaxe en cada capítulo con vivencias diferentes que van encaixando pouco a pouco.

Podemos atopar tamén nesta novela, unha trama de algo de misterio e intriga, non só por cal serán as seguintes probas de Pánico, senón tamén polo descubrimento da identidade dos misteriosos xuíces que o ven todo dende a sombra e en segredo e, se ben eu xa coñecía os seus nomes dende bastante antes de que se esclarecera, gustoume igualmente o resultado porque era necesario para o argumento e a historia. Pero, como dixen antes, a trama tamén se centra moito, sorprendéndonos, nas vivencias e historias dos personaxes, non só de Dodge e Heather, aínda que si principalmente, senón tamén de Nat e Bishop, os amigos desta. Gustoume moito todo ese sufrimento acumulado de Dodge polo desgraciado accidnte que sufriu súa irmá, tan relacionado coa competición na que el agora participa, pero sobre todo esa difícil e triste vida de Heather e a súa irmá menor nun parking de caravanas e cunha nai alcohólica. Cando ocorre o que ocorre con relacióna esto último, aínda me enganchei máis á trama se cabe, pois quedei realmente preocupada polo próximo que podía pasar.

Tamén quedei contenta cun dos recursos de Oliver, que consiste en presentarnos personaxes secundarios que moito máis tarde terán importancia, para que logo nos sorprendamos e sepamos a quen se está facendo referencia e cale máis en nós. Tamén o feito de que haxa unha evolución por parte dos personaxes, sobre todo destacable en Heather, aínda que tamén en Dodge, e o cambia na súa forma de pensar, sen dúbida, para mellor, que fan que toda esa dura experiencia pola que pasan, polo menos, tivera unha razón de ser.

En canto ao romance, si existe neste libro. Aínda que non sexa moi moi principal, si ten certa importancia dentro da novela e non está caramelizado ata un punto insoportable, senón que ten un perfecto sentido e proporción entre a trama. Hai dúas historias amorosas independentes, cun desenrolo diferente pero igualmente ben levado.

Conclusión: A verdade é que non teño queixa algunha sobre esta novela, que me gustou moito, e a verdade, non entendo porque causou unha tan mala opinión entre os lectores. Non sei si foi polas miñas baixas expectativas ou porque realmente o libro está tan ben, pero o caso é que me encantou esta novela e creo que é moi recomendable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...