10 de ago. de 2015

Book Tag #4: Planetas literarios

1. Mercurio: Libro curto que disfrutaras.



Café solo, de Agatha Christie, é un libro (do que fixen reseña, clicando aquí) que non é exactamente curto, xa que ten pouco máis de 200 páxinas, pero a sensación que o lector ten ao rematalo é esa, debido a que a novela describe tan só os acontecementos que ocorren en determinada habitación, algo que adorei, como xa comentara no seu momento. Isto débese a que, en realidade, Agatha Christie escribiu unha obra de teatro, novelada anos máis tarde dando lugar ao libro actual, polo que ten explicación a tan curta lonxitude de Café solo comparada coas demais novelas da autora.


2. Venus: Un libro perfecto para o verán.


Creo que hai moitísimos que podería meter nesta categoría, polo que me costou moito decidirme, pero finalmente creo que recomendarei El Club de los Corazones Solitarios de Elizabeth Eulberg (minireseña aquí) pola súa orixinalidade e a novedosa idea con respecto ás relacións durante a adolescencia. Xa sabedes que a romántica non é un xénero que me guste demasiado, e que non leo libros deste tipo, pois son unha persoa á que lle gustan as historias de amor, pero non como tema principal do libro, senón dentro dunha distopía, libro de intriga ou calquera outro xénero, sen que se trate da trama principal. A pesar disto, encantoume a idea que transmite a novela e gustoume moitísimo en xeral. Ten un ritmo moi áxil e é moi fresca, polo que é ideal para o verán, e contén un montón de referencias ás cancións dos Beatles. Ademais, este ano publicouse unha segunda parte, polo que se trata dunha biloxía (para máis biloxías clica aquí) que aínda non lin, aínda que teño ganas de facelo, pero tamén medo de que poida estropear a primeira parte; xa vos contarei.


3. Terra: Libro cuxo autor sexa do teu país.

Laura Gallego é a miña escritora española preferida, da que lin case todas as novelas, gustándome todas (coa única excepción de Todas las hadas del reino, novela da que expresei a miña estraña opinión na súa reseña, que podedes ler pinchando no título). Un dos meus libros preferidos de Laura Gallego, é Donde los árboles cantan. Non recordo moi ben a historia, pero si que quedara bastante satisfeita tras rematar de lela e que incluso me emocionara co seu final (que tampouco recordo). Recomendo esta novela e á autora en xeral.


4. Marte: Libro con portada vermella.




Non teño e non recordo que lera ningún libro coa portada totalmente ou maioritariamente vermella, polo que vou elixir Amanecer rojo (enlace coa miña opinión aquí), que ten a cor no nome e nas ás da portada, ademais de ser moi importante no propio argumento e de desenvolverse no planeta de Marte en concreto, polo que non podía facer unha elección mellor. Foi un libro que me encantou e que vai estar na lista de mellores lecturas do 2015, porque achega frescura e novidade ao xa trillado xénero da distopía dentro da literatura xuvenil, o meu favorito como xa dixen en moitísimas ocasións. Normalmente, as distopías xuvenís teñen bastantes similitudes entre si, mentres que en Amanecer Rojo podemos apreciar unha sociedade moito máis dura e un argumento diferente ao habitual.

5. Xúpiter: Libro longo que leras moi rápido.


El cuento número trece ( descubre aquí a súa reseña!!) é un libro marabilloso e excepcional que descubrín por casualidade e empecei a ler a cegas, sen saber nada do seu argumento, pois na sinopse non se nos conta practicamente nada. Levei a cabo a súa lectura en Xuño, en plena época de exames de final de curso, e, a pesar da cantidade deles que tiña, ademais de traballos, devoreino nuns poucos días (sen poder evitar parar de estudiar de vez en cando para ler un par de capítulos) iso que ten 480 páxinas. Un libro recomendadísimo sen dúbida algunha.


6. Urano: Libro que che enganchou.



Hai moitísimos libros que cumplen esta condición, pero un dos que recordo con máis intensidade é o primeiro libro da triloxía Divergente, con ese mesmo nome. Comecei a lelo unha tarde de Xullo do ano pasado e acabeino ese mesmo día, porque non era capaz de parar de ler. Encantoume a idea dende o primeiro momento e tamén coñecer a Sociedade e a forma de vida. Normalmente, as distopías non soen centrarse niso, pero neste caso a primeira novela da triloxía paráse un montón nestes aspectos debido á diverxencia da protagonista e como debe sobrevivir. Encantoume, sen dúbida o mellor libro dos tres.

7. Saturno: Libro cuxa portada che guste moito.



Para non volverme repetitiva e volver a falar de Como agua para chocolate por enésima vez nun Book Tag, vou dicir Temblor. É o primeiro libro dunha triloxía (da que só lin a primeira parte porque no seu momento non me encantara, é dicir, gustárame pero non me apasionara, polo que o fun deixando, deixando... ata o día de hoxe) que ten unha portada marabillosa, que me encanta e que, aínda que non se aprecia na imaxe, ten unha especie de brillo e unha textura moi diferente que tamén me encanta. Pretendo continuar coa triloxía este verán, a ver se recordo algo do argumento, así que xa vos contarei.


8. Neptuno: Libro perfecto para o inverno.




Como non podía ser doutra maneira, Harry Potter ten que aparecer en algunha das preguntas deste Book Tag. Calquera dos libros da saga é ideal para esta estación, especialmente nun día de frío e chuvia, con toda a tarde para ler por diante. Sobre todo, as últimas novelas da saga, máis longas, pois o inverno é unha época do ano na que me apetecen este tipo de libros.


9. Plutón: Libro que leras do que fixeron unha película.





Cando vin a primeira película de Los Juegos del Hambre, con ese mesmo título, non me gustou nada, pero absolutamente nada, porque me esperaba algo totalmente diferente e non me gustou a adaptación. En cambio, a segunda, En Llamas, encantoume, e pareceume que captara xenial a esencia da novela. Aínda non vin as dúas últimas películas, equivalentes ao último libro (pois foi dividido en dúas partes, algo que non me agradou demasiado cando me enterei, debo dicir) pero teño unhas expectativas bastante altas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...