31 de ago. de 2015

Reseña: Pánico



Pánico é a última novela de Lauren Oliver, autora famosa, sobre todo, pola súa triloxía Delirium, unha triloxía distópica que me encantou o ano pasado, sobre a que podedes ler facendo clic aquí. A verdade, non é que esta nova novela da autora tivese moi boas críticas e opinións, pero igualmente a trama parecía moi interesante e diferente, así que, coma sempre, púxenme mans á obra.

Pánico conta como na cidade de Carp os alumnos de último curso, tras graduarse, pasan un verán xogando a Pánico, intentando superar as probas que os farán gañar unha gran cantidade de diñeiro. O libro alterna o narrador con cada capítulo, contándonos as vivencias de Heather e Dodge dende o seu punto de vista.

A verdade, é que o libro me gustou moito. moitísimo máis do que esperaba e entretívome tamén máis do que nun principio pensei. Contaba con que a trama se ía a centrar principalmente en Pánico, no xogo, e, aínda que nun principio é así, pronto se nos empeza a contar a vida e relacións familiares dos protagonistas e a competición case pasa a un segundo plano.

Encantoume como se vai desenrolando a historia individual de cada personaxe, e como a razón pola que buscan gañar ese premio en metálico se nos explica, sobre todo no caso de Dodge. A verdade, é que a narración se nos presenta dunha forma mi especial, adictiva e fácil de ler, que ademais é moi lixeira, algo que se acentúa coa intercalación de protagonistas, centrándonos nun personaxe en cada capítulo con vivencias diferentes que van encaixando pouco a pouco.

Podemos atopar tamén nesta novela, unha trama de algo de misterio e intriga, non só por cal serán as seguintes probas de Pánico, senón tamén polo descubrimento da identidade dos misteriosos xuíces que o ven todo dende a sombra e en segredo e, se ben eu xa coñecía os seus nomes dende bastante antes de que se esclarecera, gustoume igualmente o resultado porque era necesario para o argumento e a historia. Pero, como dixen antes, a trama tamén se centra moito, sorprendéndonos, nas vivencias e historias dos personaxes, non só de Dodge e Heather, aínda que si principalmente, senón tamén de Nat e Bishop, os amigos desta. Gustoume moito todo ese sufrimento acumulado de Dodge polo desgraciado accidnte que sufriu súa irmá, tan relacionado coa competición na que el agora participa, pero sobre todo esa difícil e triste vida de Heather e a súa irmá menor nun parking de caravanas e cunha nai alcohólica. Cando ocorre o que ocorre con relacióna esto último, aínda me enganchei máis á trama se cabe, pois quedei realmente preocupada polo próximo que podía pasar.

Tamén quedei contenta cun dos recursos de Oliver, que consiste en presentarnos personaxes secundarios que moito máis tarde terán importancia, para que logo nos sorprendamos e sepamos a quen se está facendo referencia e cale máis en nós. Tamén o feito de que haxa unha evolución por parte dos personaxes, sobre todo destacable en Heather, aínda que tamén en Dodge, e o cambia na súa forma de pensar, sen dúbida, para mellor, que fan que toda esa dura experiencia pola que pasan, polo menos, tivera unha razón de ser.

En canto ao romance, si existe neste libro. Aínda que non sexa moi moi principal, si ten certa importancia dentro da novela e non está caramelizado ata un punto insoportable, senón que ten un perfecto sentido e proporción entre a trama. Hai dúas historias amorosas independentes, cun desenrolo diferente pero igualmente ben levado.

Conclusión: A verdade é que non teño queixa algunha sobre esta novela, que me gustou moito, e a verdade, non entendo porque causou unha tan mala opinión entre os lectores. Non sei si foi polas miñas baixas expectativas ou porque realmente o libro está tan ben, pero o caso é que me encantou esta novela e creo que é moi recomendable.

26 de ago. de 2015

Reseña: El último corazón (Mystic City 02)



Continuando con ese mes de Agosto rematando triloxías e sagas comezadas en Xullo (como xa comentei na reseña de Perfección, outro exemplo de triloxía continuada) decidín ler a segunda parte da triloxía Mystic City: Mystic City 2, el último corazón. A primeira novela pareceume absolutamente marabillosa e quedei tan encantada con ela (reseña) que incluín a triloxía na lista das miñas distopías preferidas (para vela clica aquí) pero tras rematar o segundo libro, quedei decepcionadísima.

A trama continúa onde rematara o primeiro libro, nun momento moi moi intrigante e interesante, tras unha apasionante historia de traicións e desconfianza e comezando unha trama de guerra e rebeldes común nas triloxías distópicas xuvenís. 

Xa dende o inicio do libro, o autor comeza a cambiar todos os puntos fixos que xa coñecíamos do primeiro libro da triloxía, tanto nos personaxes, facendo que Hunter cambiase para mal (sen vir ao caso para nada) o seu carácter e Aria se volvese cada vez máis tonta e parada, como na forma de prantexarse o argumento. Se non tivera visto o nome de Theo Lawrence na portada da novela, podería ter crído que non fora el quen a escribira, pois ata a forma de narrar a historia me pareceu diferente.

Ademais destes cambios espantosos, a novela tamén perde auga por outros puntos, como o feito de que o argumento sexa moi débil, xa que non ten realmente ningún sentido, e non se nos presente ata moi adiante na novela, tendo que aguantar moitas páxinas sen que ocorra nada relevante. Aria decide atopar o corazón da súa defunta criada, algo que ten unha explicación, (si, aínda que non o creades) pero moi estraña, collida por pinzas e repulsiva, o que a leva a cometer cincocentas estupideces (xa vos digo que a protagonista está algo espesa nesta parte da triloxía) e verse en mil perigos dos que sempre ten que ser rescatada, pois non consegue salvarse soa en ningunha circunstancia, algo que a min xa me bota bastante para atrás.

Como xa comentaba antes, o autor tamén cambia moito a Hunter, pasando de ser o bo e o namorado de Aria, e poñerse en dúbida as súas intencións e preguntarse un certas cousas arredor dos seus actos (non digo se estas suposicións son confirmadas), en calquera caso, parece que estemos a ler sobre dous personaxes diferentes cun mismo nome, pois non hai un punto en común entre eles en ningún momento, apesar de ser unha mesma persoa. O que isto provoca, é unha nova, estraña e forzada historia de amor entre Aria e outro personaxe principal (non quero spoilear, así que non digo nada máis) que non é nada críble e, unha vez máis, non era para nada necesaria.

Para continuar enumerando puntos negativos, pois non hai ningún positivo que resaltar, a escea ou batalla final entre os tres bandos enimigos (os rebeldes, a familia Rose e a familia Foster) vese en perigo por unha ameaza creada por un deses tres grupos que, unha vez máis, NON TEN SENTIDO e NON É NADA CRÍBLE e deixa un final de novela non demasiado interesante. 

Creo que non hai moito máis que destacar, pois a novela é un completo desastre de principio a fin e a maior decepción deste ano, sen dúbida, en canto a lecturas se refire, non tendo ademais nada que destacar na parte positiva, pois tampouco ten grandes partes boas. Fatal, novela directa á lista das peores lecturas do 2015 que publicarei a fin de ano.

25 de ago. de 2015

Reseña: La casa 758



La casa 758 é un libro publicado por Nube de Tinta, unha editorial que soe publicar libros do estilo que me gusta, reflexivos e moi interesantes, como o caso das novelas de John Green. Neste caso, cóntasenos a historia de Krista que perdeu a súa nai nun accidente de tráfico hai dous anos, que aínda non o superou. Seu pai, en cambio, seguiu adiante coa súa vida con bastante facilidade, algo que ela non lle perdoa. Krista, ademais, acude todos os días á casa 758, o fogar do rapaz que conducía o outro coche no accidente e que o provocou, sen saber moi ben para que. Ademais, a visita do seu avó húngaro e as historias que el lle conta sobre o Holocausto farán que reflexione e decida seguir adiante coa súa vida.

A verdade é que o libro me sorprendeu bastante no que concerne á dirección que ía tomar a novela, pois pensei que a base da historia serían o avó e as súas vivencias durante a Segunda Guerra Mundial, mentres que iso non é para nada o máis importante e o avó non aparece no libro ata máis da metade. En realidade, a trama máis importante e na que se apoia a novela case ao completo son os sentimentos de Krista con respecto á morte de súa nai e o mal que o pasa debido á pronta superación de seu pai e como refai a súa vida en tan pouco tempo, tendo xa unha nova parella que, ademais, ten dous fillos pequenos. É realmente interesante ver o frustrada que ela se atopa e como intenta por todos os medios evitar ir á casa 758 sen conseguilo, aínda que realmente ela non sabe porqué o fai.

A narración e pausada, sen chegar a ser lenta pero sen que ocorran tampouco demasiados sucesos continuamente, e moi áxil, facendo que leas a novela moi moi rápido e de forma moi amena. A verdade é que me gustou bastante, pero ten unha serie de contradiccións que non acabei de entender, como por exemplo o carácter e madurez da protagonista: ao comezo do libro parece quizais máis madura despois de pasar por ese trauma tan duro para ela, pero en canto entra en escea Jake, que será un gran apoio para ela, parece perder cinco anos e adopta o carácter de unha adolescente insegura e ensínanos unha cara moi diferente, aínda que non con iso quero dicir que sexa algo negativo.

Gustoume moito descubrir pouco a pouco o ocorrido hai dous anos, que non se nos conte de golpe ao principio da novela, senón que o vaiamos descubrindo pouco a pouco, e ver tamén esa evolución en canto á aceptación do ocorrido, e a relación cos seus "hermanastros" Chad e Emma, algo que me encantou. Non sei como explicar as sensacións que me transmitiu esta novela, nin como analizar por separado todas esas pezas do puzzle que é a novela, pero simplemente decir que me gustou moitísimo e que é un libro moi especial e moi diferente que recomendo moito.

O máis destacable, quizais, é o final, realmente moi moi moi moi inesperado. Non é só que non esperes o que van a contarche (que non o esperas) senón que, directamente, non esperas que haxa nada que esperar, non cres que vaian a dicirche nada novo. Gustoume ese final, aínda que o vin quizais precipitado, non acabe de explicarse ben de todo e non ten moito sentido que non fagan referencias a iso e o omitan durante odo o libro sendo tan tan tan importante.

Conclusión: Gustoume moitísimo e pareceume moi moi especial. É realmente moi interesante e mestura varios puntos e tramas diferentes para crear unha boa novela.

22 de ago. de 2015

Reseña: Perfección (Saga Traición 02)



Este mes de Agosto decidín rematar as sagas e triloxías que comezara no mes de Xullo, para evitar a acumulación de lecturas e o esquecemento de tramas, un sistema que me está gustando bastante e que creo que seguirei levando a cabo nos seguintes meses tras unha implantación exitosa. O primeiro libro que supón unha continuación de sagas iniciadas, é Perfección de Scott Westerfield, cuxa primeira parte, Traición, reseñei o mes pasado (clica aquí)

Resumindo as miñas impresións desa primeira novela, non estaba demasiado contenta nin decepcionada, simplemente me deixara indiferente e cunha sensación de desconcerto ao non percibir por ningures esa orixinalidade da que se falaba polos blogs e canais de youtube literarios. A pesar de que o libro non me apasionara, era entretido e acabara dunha forma moi moi intrigante, polo que xa tiña decidido ler a segunda parte e, cal foi a miña sorpresa, ao notar un brusco cambio na historia e acontecementos desta, sendo moito máis orixinal (onde vas a parar) e mellor que Traición, a pesar de tratarse realmente dunha novela de transición entre a primeira e terceira parte da triloxía.

O libro comeza onde terminara o anterior, dunha forma que non podo contar, pero simplemente direi que o escenario, o lugar onde ocorre todo, non é o mesmo que na primeira parte para nada, trátase un lugar que os lectores nunca chegamos a ver de todo, de forma que é moi novedoso e positivo para a novela. Aproveitando isto e as circunstancias nas que comeza Perfección, podemos saber moito máis, xa non sobre o funcionamento do sistema, senón sobre a forma de vida dos perfectos e os cidadáns en xeral ademais da tecnoloxía coa que contan e as relacións entre os habitantes neste mundo distópico. Coñecemos, ademais, novos personaxes e amigos de Tally e Shay, algo bastante positivo e necesario para a segunda novela, que ademais me deixaron bastante satisfeita, se ben non é nada do outro mundo.

A forma na que remata a primeira parte é moi intrigante e inesperada, polo que devorei o principio deste segundo libro con ansia para descubrir o ocorrido e foi, a verdade, moi sorprendente (positivamente) e conseguiu que quixese seguir lendo para descubrir o desenlace.

Na novela nárrasenos unha viaxe, un traxecto no cal coñecemos un pobo que vive como os preoxidados (os homes prehistóricos, máis concretamente do neolítico) que resulta ser algo diferente ao que nun principio pensamos e abre unha trama, que supoño que continuará no seguinte libro, con moitas probabilidades de éxito no que a min respecta.

O único que podería quizais criticar de Perfección, é o seu final, que é o que provoca maioritariamente que poidamos tildar esta novela como de transición, pois da a impresión ao lector de que non se avanzou nada, que sempre volvemos atrás e que todo o vivido non serviu, realmente, para ningún fin. Ademais, ocorre de forma moi precipitada, demasiado precipitada, aínda que tamén deixa o final, ao igual que na primeira novela, aberto e con posibilidades.

Conclusión: Con ganas de continuar coa seguinte parte da triloxía, grazas á melloría da segunda novela respecto á primeira e o chute de enerxía e ganas de descubrir o esperado desenlace que me provocou.

21 de ago. de 2015

Reseña: Amsterdam Solitaire



Fernando Lalana creou unha serie de libros de misterio xuvenís protagonizados polo detective Fermín Escartín, que conta actualmente con catro títulos. Eu non recordo se só lin La tuneladora ou tamén realicei a lectura de El caso Galindo (si, é moi raro e moi triste) pero si que me lembro do moitísimo que me gustara o primeiro deles. Encantárame, a verdade, hai uns dous ou tres anos, cando levei a cabo a súa lectura, polo que cando atopei Amsterdam Solitaire, decidinme a lelo de inmediato.

Nesta novela, trátase o tema das estilográficas e o seu valor monetario e profundízase no mundo dos grandes coleccionistas, debido ao roubo da estilográfica máis especial, cara e única do mundo pese ás medidas de seguridade coas que contaba. Fermín Escartín deberá investigar o ocorrido.

A verdade, a novela decepcionoume bastante. O recordo que gardaba de La tuneladora era moi positivo. Parecérame un libro intrigante, misterioso e moi entretido e rápido de ler, que contaba ademais cunha trama interesante e ben levada, sen cousas collidas por pinzas. 

En cambio, Amsterdam Solitaire é un desastre. En primeiro lugar, o nó da historia comeza máis adiante da metade do libro, polo que practicamente o 75% da novela son o plantexamento e a introducción. Ademais, o misterio non ten ningunha intriga e é moi simple, sabéndose ademais, facilmente, a identidade do/s culpable/s.

Na súa defensa, debo dicir que toda a historia da creación da pluma estilográfica e os datos sobre ese mundo que se nos dan ao comezo da novela son moi interesantes e entretidos, pero esa parte do libro non é proporcional ao resto, sendo a lonxitude da novela demasiado curta ou esa introdución demasiado longa.

Hai ademais actitudes por parte dos personaxes e acontecementos algo forzados e que mais ben poderían pertencer a un libro de literatura infantil e que non me recordan para nada ao outro libro que lera (debo advertir que pode ser producido polo tempo que pasou dende a súa lectura e/ou a idade que tiña cando o fixen) e que me decepcionaron un montón. Igual pode ser interesante para lectores entre os 11 e os 13 anos, aínda que non son moi partidaria de recomendar libros por idades, pois creo que depende máis ben da persoa que vaia a realizar a lectura.

Conclusión: Non teño moito máis que dicir, pois é un libro moi curtiño e rápido de ler, simplemente os puntos que comentei con anterioridade que fixeron que non me apasionara esta lectura, moi pouco traballada e moi sinxela para min, que non me conseguiu convencer para nada.

18 de ago. de 2015

Adaptacións cinematográficas #1: Las ventajas de ser un marginado.



Vou inaugurar con esta entrada unha nova sección no blog, Adaptacións Cinematográficas de Libros que espero poder publicar con bastante continuidade, aínda que iso dependerá das películas que poida ir vendo.

Como dixen na reseña de "Las ventajas de ser un marginado" (fai clic aquí!!) no seu momento, esta novela encantoume e fíxome emocionarme e sentir moito, pero tampouco me sentira realmente impactada, pero tras ver a película incrementouse aínda máis ese sentimento positivo que tiña xa do libro e cobrou un novo sentido, que fixo que me gustara aínda máis do que xa me gustara e doulle o último empuxonciño para elevar Las ventajas de ser un marginado á categoría dos meus libros preferidos.

A película gustoume moitísimo, creo que é unha das miñas adaptacións favoritas, porque se axusta moi ben á novela, moi moi ben, e capta a súa esencia á perfección.

Para empezar, os actores e actrices son fantásticos. Creo que imaxinaba a todos os personaxes de maneira parecida, coas únicas excepcións de Patrick (sorprendinme moito ao velo, non sei realmente como cría que era, pero non así, aínda que non me desgustou en absoluto) e Mary Elizabeth, que si que me deixou flipando, pois esperábaa moi distinta. Emma Watson no personaxe de Sam pareceume fantástica e creo que representou moi ben o papel. Na novela, este personaxe é totalmente como se representa na película e non notei nada que me botase para atrás e me fixese pensar que non era propio do personaxe. Tamén ocorre o mesmo no caso que Charlie: o actor tamén da totalmente o pego, e representa a personalidade do personaxe á perfección ata nos momentos máis críticos, cando sofre os ataques do final da novela.

A relación entre Mary Elizabeth e Charlie tamén cobrou un novo sentido na miña mente tras ver a película, pois causárame unha impresión distinta ao ler sobre ela na novela, pero non foi algo que me molestara ou me apasionara, simplemente noteino diferente.

A verdade é que non hai nada do que me poida queixar, pois pareceume unha adaptación realmente xenial e moi ben adaptada, que marca con precisión os momentos máis emotivos e importantes, facéndoos moi bonitos, e enfatizando a importancia na vida do protagonista de certos acontecementos clave. O momento do túnel foi absolutamente xenial.

O único que podería criticar é o final, cando se descobre "algo" sobre a tía de Charlie, tan importante para el, pois é moi difícil de entender se non leches a novela, polo menos na miña opinión, porque se mostra dunha forma moi sutil, pero a pesar desta minucia, a película está moi ben, xenial adaptación e xenial película.

16 de ago. de 2015

Reseña: Diario del búnker.



Simplemente flipei. Diario del búnker era un libro que morría por ler dende que coñecera a súa existencia, porque é o tipo de libro, misterioso e moi moi intrigante e diferente, que normalmente adoro.

Linus desperta nun búnker subterráneo, tras ser enganado e posteriormente sedado e secuestrado, que conta cunha única comunicación co exterior ou, mellor dito, coa planta superior. Nese lugar, hai seis habitacións, seis vasos, seis platos... o que lle indica ao protagonista, como realmente é, que proximamente chegarán novos secuestrados.

A historia cóntanola o propio protagonista, pois el escribe a novela nunha libreta que o secuestrador lles deixou a cada un deles, polo que a maneira de enterarnos dos novos sucesos é sempre moi directa e persoal e realmente xenial. Linus, ocúltanos ademais determinadas cousas (que logo si que nos son reveladas) e, dalgunha maneira, insúltanos por que cre que ese caderno no que el expresa todo o que sente, irá a parar a mans do seu secuestrador. É un libro moi moi adictivo, que engancha e fai que queiras ler sen parar e descubrir o final e que ademais se le moi rápido, de forma que o devorei nun só día.

Todos os personaxes que aparecen nese búnker teñen unhas personalidades realmente moi marcadas e historias duras ás súas costas, o que fai que a interacción entre eles ao estar sufrindo todos o mesmo destino sexa moi interesante e que ocorran cousas realmente duras, ademais de provocar no lector unha gran curiosidade por ver que será o próximo en ocorrer. Ademais, xuntos, tratarán de atopar unha maneira de escapar dese lugar que non lles dará os resultados esperados (non digo máis) e provocará que a forma na que se viñan dando os acontecementos e esa liña fixa que ía seguindo a novela se precipite cara un final realmente fascinante.

Ademais, a novela nárrase dunha forma crua e dura, por ser o narrador o que vive nas súas carnes o que está acontecendo, para nada propia da literatura xuvenil polo xeral, que fará que te poñas na pel dos personaxes e aumentará aínda máis as túas ganas de saber o desenlace. Con respecto a el, simplemente direi que eu podía esperar de todo, imaxinaba calquera conclusión para esa historia, excepto a que realmente se nos narraDecir que flipei e quedei coa boca aberta é pouco, simplemente non podía crelo.

Non podo explicar as sensacións que esta novela transmite ao longo da súa lectura, e tampouco facer ningún spoiler dese para nada esperado final, pero insisto en que é algo totalmente novedoso e que me encantou, é unha novela xenial, apasionante e marabillosa, que recomendo a todo o mundo, pero sobre todo aos amantes, coma min, da literatura de intriga ou aos lectores de terror, aínda que non se trate diso exactamente.

Conclusión: Brutal e marabillosa. Unha novela que me encantou e enganchou dende a primaira páxina, cun final inesperado por completo.


15 de ago. de 2015

Reseña: Las tejedoras de destinos.



Las tejedoras de destinos de Gennifer Albin é un libro do que oíra falar moi mal, moi ben e regular, polo que non dudei en comezar a lelo para formarme unha opinión propia. Non contaba para nada con que se tratara dunha distopía, pensaba que era do xénero fantástico sin máis, pero mestura ambos xéneros (como tamén ocorre en Mistyc City, reseña aquí, polo que se vos gustou un dos dous anímovos a ler o outro).

En Arras, ser elixida texedora é o mellor que che pode pasar, pois todos os teus desexos e caprichos serán cumplidos e vivirás nunha vida de luxo e excesos, a cambio do gran servizo protexendo o texido que realizas. A pesar disto, os pais de Adelice (e ela mesma, en realidade) non queren que ela sexa elixida nas probas, separándoa do seu lado e sendo obrigada a tomar duras decisións na vida dos cidadáns, polo que a entrenarán para esconder a súa capacidade especial como texedora, fallando nas probas de selección, pero burlar á Confederación non será tan sinxelo...

Quedei absolutamente alucinada cando descubrín de que ía a triloxía (si, unha vez máis comecei a ler sen saber nada da sinopse) e atopei outro dos meus principios de libro preferidos (xunto co de Ciudades de Papel, como xa dixen en milleiros de ocasións), simplemente impresionante.

A verdade, sorprendeume moito ter atopado críticas negativas deste libro, pois é totalmente novedoso dentro do xénero da distopía xuvenil e moi diferente a calquera cousa que lera con anterioridade. Básase no mito das fiandeiras e é realmente moi moi interesante. A miña opinión xeral é moi positiva, a verdade gustoume moito, porque non hai apenas similitudes con ningunha das sagas distópicas que lera e preséntanos un mundo realmente complexo e dificil de entender en ocasións, incluso. A verdade é que hai que prestar moita atención en determinadas partes nas que se nos bombardea con información sobre a Sociedade ou, sobre todo, os telares e texidos, pilares desta, algo que realmente me gustou.

A trama de Las tejedoras de destinos, céntrase moito na explicación do funcionamento do seu mundo e, sobre todo, en intrigas e traicións dentro dos poderosos e gobernantes que marcarán por completo a vida de Adelice como texedora, aislada do mundo por completo no Coventri, o lugar donde todas elas viven. Isto é outro punto realmente interesante, o seu día a día alí e como vai forxando enimigos e descubrindo diferentes cousas sobre como realmente funciona todo en Arras, pois non todo o que pensaba ata entón era verdade. Simplemente, non sei como expresalo sen entrar en spoilers pero o argumento da triloxía é realmente marabilloso.

Unha vez máis (aínda que a verdade é que hai tempo que non atopo un na literatura xuvenil máis recente) aparece ante nos un triángulo amoroso, formado por Adelice, Erik (un traballador no Coventri, servinte dunha texedora poderosa) e Jost (outro traballador de menor rango que ten multitude de responsabilidades). antes de nada, decir que eu son Team Jost totalmente, pero que de igual forma me gustan moito ambos rivais como personaxes, pois están bastante elaborados (non pidamos máis, que tampouco aparecen tanto na novela) e, polo menos de momento, ningún deles foi "anteposto" (na maioría dos triángulos, o autor fai que un deles leve a cabo algo que perxudique aos "bos" ou axude aos enimigos ou crea actitudes que odiamos para que nós e a protagonista prefiramos ao outro, como con Gale en Los juegos del Hambre).

Ademais, nesta novela tamén os enimigos e malvados están realmente traballados e todo está moi coidado, sen nada collido por pinzas. Realmente ben.

Conclusión: Xenial. Con ganas de ler a segunda parte. Espero que siga así.

14 de ago. de 2015

Reseña: Hyde


Hyde é un libro de David Lozano, un escritor español do que non lera nada antes pero do que oíra falar moi ben, cunha trama fascinante e intrigante, do xénero da novela de misterio e intriga que sabedes que adoro.

Oito adolescentes son encerrados nunha casa sen ningún contacto co exterior, para ser sometidos a unha terapia subliminal que os axude a ler con maior facilidade e provocar que lles guste facelo. O peor que lles pode ocasionar a terapia se algo sae mal, é que non surta efecto, polo que cando pola noite comezan a ocorrer cousas estrañas e aparece o primeiro cadáver, daranse conta de que alí ocorre algo máis.

Este é un argumento que promete un montón, pero debo advertir que non o cumple. Unha vez máis, terminei a súa lectura cunha gran decepción.

Todo o relacionado coas terapias e publicidade subliminais sempre foi un tema que me interesou e me chamou a atención, así que abrín o libro con moita ilusión e expectativas, pero a trama non se centra demasiado (nin tanto como debería) nese punto. 

A principal razón pola que a novela me deixou descontenta foi a tan grande cantidade de violencia e brutalidade que (por moito que o intente) o autor non pode xustificar. En teoría, dase unha explicación na novela, pero para min non foi para nada suficiente. Non me importaría tanto este tema se non fose pola pouca calidade do libro con respecto ao misterio, a ver si me explico: se o misterio fose apasionante e ademais sucedesen mortes violentas que o fixesen máis escalofriante e terrorífico, pois sería algo positivo, pero neste caso, apenas hai misterio, si que hai algo que investigar, pero non é o máis importante nin por asomo e o autor introduce tanto sangue e violencia para intentar conseguir esa sensación de desacougo e terror que non é capaz de producirnos a historia e a narración que se nos presentan, pero desa forma tampouco o consegue.

Os personaxes nada profundos ou interesantes: noutras circunstancias e noutro libro teríame dado exactamente igual, pero neste caso, cunha novela que non conseguía cautivarme, aínda provocaban un peor resultado, pois tampouco me identificaba e/ou me interesaba por ningún dos adolescentes en cuestión.

Como en todos os libros de misterio e intriga, o máis importante e o descubrimento do asasino, do culpable ou do criminal, algo, ademais, que no meu caso pode provocar que un libro que me estaba encantando me decepcione, e neste caso non me acabou de gustar. A ver, que non é un final horrible, é certo, trátase dunha das mellores partes da novela, pero vese á legua. Dende o momento un, dende a primeira mención a un asasinato e o primeiro interrogante sobre o culpable, eu sabía que era esa persoa e por esa razón; estaba cantado. A razón pola que todo ocorre, está presente ao longo de toda a novela, intentando que sexa dunha maneira sutil pero conseguindo sinalizalo cun cartel de neón.

O único que de verdade me gustou, foi a intercalación desta historia principal coa investigación dun asasinato paralelo, que parece non ter ningunha relación, aínda que finalmente esta si existe, porque consegue que te fagas preguntas e queiras unir ambas historias (aínda que finalmente sexa un pouco collido por pinzas).

Conclusión: Non hai por onde collelo. Mal.



12 de ago. de 2015

Reseña: Si decido quedarme



Normalmente, por non decir sempre, escribo e publico as reseñas das miñas lecturas na orde que as levo a cabo, e poucos días máis tarde de facelo. Esta vez, en cambio, antepuxen outras reseñas a esta (en realidade lin Si decido quedarme antes da primeira parte da triloxía Numbers, reseña aquí) porque non tiña moi clara a miña opinión e o que ía dicir sobre esta novela.

Si decido quedarme de Gayle Forman é un libro moi popular na literatura xuvenil e con moi boas críticas (que ademais conta cunha adaptación cinematográfica), polo que había tempo que o quería ler, e ademais ten un argumento moi chamativo, moi interesante que me inspirou unha gran curiosidade dende o primeiro momento.

Mia e a súa familia deciden visitar aos seus tíos unha mañá nevada de inverno, dado que se suspenderon as clases por esta mesma razón. De camiño, sofren un accidente de tráfico, como consecuencia do cal, Mia entra en coma e deberá decidir se quedarse ou morrer, tendo en conta a súa situación actual.

Esperaba moito máis. Pensaba que ía ser unha novela moitísimo máis profunda e reflexiva, e que me ía encantar, en cambio, fíxoseme moi superficial e para nada tan impactante como esperaba.

Para empezar, o feito de que Mia sexa unha especie de "fantasma" que o ve todo mentres está en coma, xa non me acaba de convencer, preferiría (e pensaba que ía a ser así) que ela escoitase e notase cousas dende o seu corpo, é dicir, que aínda que estivese inconsciente estivese igual atenta ao que ocorrera ao seu redor e se enterase de todo de igual maneira. Aínda así, este feito é un detalliño, unha tontería que non me molestou demasiado na gran montaña de puntos que non me souberon convencer.

A novela, estábame gustando moito mentres Mia recordaba o seu pasado e os últimos sucesos na súa vida, encantoume como a autora intercala estes recordos coas accións que ocorren no presente do libro durante toda a novela, iso teño que recoñecerllo, pero entón, cheguei á parte na que o noivo de Mia chega ao hospital e non lle deixan vela. Basicamente, nese momento el e a mellor amiga da protagonista fan a maior e menos críble estupidez xamais lida ou escrita na literatura mundial. Quedei... descontenta totalmente e coa boca aberta da sorpresa de semellante tontería.

A partir de entón, Mia empeza a ter razoamentos estraños sobre se dependerá ou non dela o quedarse ou morrer (metidos no argumento, ademais, con calzador e moi collido con pinzas, pero ímosllo perdoar) e a basar a súa decisión en recordos e sucesos francamente superficiais e sen importancia, a maioría dos cales arredor da figura do seu mozo e a súa, aínda non decidida, relación a distancia. Francamente, decepcionoume moitísimo que no único que poida pensar no momento da súa importante decisión como argumento para quedar, sexa a súa relación amorosa.

Como xa comentei, o único que verdadeiramente me gustou da novela e non me decepcionou, foi a tan boa obra por parte da autora á hora de introducir os recordos na trama, algo que non soubo manter na creación dun final e conclusión á novela. Simplemente, Mia toma a súa decisión (que ademais se vía a leguas, pero bueno, non estivo tan mal levada) en catro frases, coma quen di, demasiado rápido e sen darche tempo a paladeala. Mal.

Conclusión: Decepcionada é pouco. esperaba moito máis con ese argumento tan prometedor e esas críticas tan boas, pero quedei pasmada do pouco que me fixo sentir e me emocionou.

10 de ago. de 2015

Book Tag #4: Planetas literarios

1. Mercurio: Libro curto que disfrutaras.



Café solo, de Agatha Christie, é un libro (do que fixen reseña, clicando aquí) que non é exactamente curto, xa que ten pouco máis de 200 páxinas, pero a sensación que o lector ten ao rematalo é esa, debido a que a novela describe tan só os acontecementos que ocorren en determinada habitación, algo que adorei, como xa comentara no seu momento. Isto débese a que, en realidade, Agatha Christie escribiu unha obra de teatro, novelada anos máis tarde dando lugar ao libro actual, polo que ten explicación a tan curta lonxitude de Café solo comparada coas demais novelas da autora.


2. Venus: Un libro perfecto para o verán.


Creo que hai moitísimos que podería meter nesta categoría, polo que me costou moito decidirme, pero finalmente creo que recomendarei El Club de los Corazones Solitarios de Elizabeth Eulberg (minireseña aquí) pola súa orixinalidade e a novedosa idea con respecto ás relacións durante a adolescencia. Xa sabedes que a romántica non é un xénero que me guste demasiado, e que non leo libros deste tipo, pois son unha persoa á que lle gustan as historias de amor, pero non como tema principal do libro, senón dentro dunha distopía, libro de intriga ou calquera outro xénero, sen que se trate da trama principal. A pesar disto, encantoume a idea que transmite a novela e gustoume moitísimo en xeral. Ten un ritmo moi áxil e é moi fresca, polo que é ideal para o verán, e contén un montón de referencias ás cancións dos Beatles. Ademais, este ano publicouse unha segunda parte, polo que se trata dunha biloxía (para máis biloxías clica aquí) que aínda non lin, aínda que teño ganas de facelo, pero tamén medo de que poida estropear a primeira parte; xa vos contarei.


3. Terra: Libro cuxo autor sexa do teu país.

Laura Gallego é a miña escritora española preferida, da que lin case todas as novelas, gustándome todas (coa única excepción de Todas las hadas del reino, novela da que expresei a miña estraña opinión na súa reseña, que podedes ler pinchando no título). Un dos meus libros preferidos de Laura Gallego, é Donde los árboles cantan. Non recordo moi ben a historia, pero si que quedara bastante satisfeita tras rematar de lela e que incluso me emocionara co seu final (que tampouco recordo). Recomendo esta novela e á autora en xeral.


4. Marte: Libro con portada vermella.




Non teño e non recordo que lera ningún libro coa portada totalmente ou maioritariamente vermella, polo que vou elixir Amanecer rojo (enlace coa miña opinión aquí), que ten a cor no nome e nas ás da portada, ademais de ser moi importante no propio argumento e de desenvolverse no planeta de Marte en concreto, polo que non podía facer unha elección mellor. Foi un libro que me encantou e que vai estar na lista de mellores lecturas do 2015, porque achega frescura e novidade ao xa trillado xénero da distopía dentro da literatura xuvenil, o meu favorito como xa dixen en moitísimas ocasións. Normalmente, as distopías xuvenís teñen bastantes similitudes entre si, mentres que en Amanecer Rojo podemos apreciar unha sociedade moito máis dura e un argumento diferente ao habitual.

5. Xúpiter: Libro longo que leras moi rápido.


El cuento número trece ( descubre aquí a súa reseña!!) é un libro marabilloso e excepcional que descubrín por casualidade e empecei a ler a cegas, sen saber nada do seu argumento, pois na sinopse non se nos conta practicamente nada. Levei a cabo a súa lectura en Xuño, en plena época de exames de final de curso, e, a pesar da cantidade deles que tiña, ademais de traballos, devoreino nuns poucos días (sen poder evitar parar de estudiar de vez en cando para ler un par de capítulos) iso que ten 480 páxinas. Un libro recomendadísimo sen dúbida algunha.


6. Urano: Libro que che enganchou.



Hai moitísimos libros que cumplen esta condición, pero un dos que recordo con máis intensidade é o primeiro libro da triloxía Divergente, con ese mesmo nome. Comecei a lelo unha tarde de Xullo do ano pasado e acabeino ese mesmo día, porque non era capaz de parar de ler. Encantoume a idea dende o primeiro momento e tamén coñecer a Sociedade e a forma de vida. Normalmente, as distopías non soen centrarse niso, pero neste caso a primeira novela da triloxía paráse un montón nestes aspectos debido á diverxencia da protagonista e como debe sobrevivir. Encantoume, sen dúbida o mellor libro dos tres.

7. Saturno: Libro cuxa portada che guste moito.



Para non volverme repetitiva e volver a falar de Como agua para chocolate por enésima vez nun Book Tag, vou dicir Temblor. É o primeiro libro dunha triloxía (da que só lin a primeira parte porque no seu momento non me encantara, é dicir, gustárame pero non me apasionara, polo que o fun deixando, deixando... ata o día de hoxe) que ten unha portada marabillosa, que me encanta e que, aínda que non se aprecia na imaxe, ten unha especie de brillo e unha textura moi diferente que tamén me encanta. Pretendo continuar coa triloxía este verán, a ver se recordo algo do argumento, así que xa vos contarei.


8. Neptuno: Libro perfecto para o inverno.




Como non podía ser doutra maneira, Harry Potter ten que aparecer en algunha das preguntas deste Book Tag. Calquera dos libros da saga é ideal para esta estación, especialmente nun día de frío e chuvia, con toda a tarde para ler por diante. Sobre todo, as últimas novelas da saga, máis longas, pois o inverno é unha época do ano na que me apetecen este tipo de libros.


9. Plutón: Libro que leras do que fixeron unha película.





Cando vin a primeira película de Los Juegos del Hambre, con ese mesmo título, non me gustou nada, pero absolutamente nada, porque me esperaba algo totalmente diferente e non me gustou a adaptación. En cambio, a segunda, En Llamas, encantoume, e pareceume que captara xenial a esencia da novela. Aínda non vin as dúas últimas películas, equivalentes ao último libro (pois foi dividido en dúas partes, algo que non me agradou demasiado cando me enterei, debo dicir) pero teño unhas expectativas bastante altas.

8 de ago. de 2015

Reseña: Juntos 01


Juntos é a primeira parte dunha triloxía distópica do mesmo nome, escrita por Ally Condie que se sitúa nunha sociedade na que as persoas son emparelladas polos funcionarios para así evitar enfermidades e lograr a mellor "mestura" de xenes posible, facendo unha "selección natural" artificial que evite problemas de saúde e cree aos mellores individuos. Carrie é emparellada co seu mellor amigo, Xander, pero por un erro no sistema, aparece outro xoven, Ky, na microficha con información sobre a parella que reciben todos os emparellados. Dende ese momento ela non poderá evitar preguntarse se el tería sido a súa parella de non tratarse dun aberrante, unha clase social á que non se lle permite o emparellamento.

En primeiro lugar, o libro non ten argumento. É dicir, só se nos conta a historia de Cassia día a día e os acontecementos nos que se ve envolta, pero en realidade non pasa nada, non existe un plantexamento, un nó e un desenlace propiamente ditos, hai un final (obviamente) pero non se segue a estructura propia dunha novela. A acción non existe en Juntos, nin apenas se narran acontecementos. A base da novela é tan só como ela comeza a plantexarse porqué foi emparellada por accidente con Ky e como evolucionan os sentimentos cara el e cara Xander, pero non vai máis lonxe diso e non hai unha historia realmente.

Ademais, os personaxes son planos e non evolucionan: Cassia (que me caeu fatal, por certo) pareceume tonta, creo que non atopo unha palabra mellor para definila. Está quieta e calada todo o tempo, sen apenas atreverse a nada pero sen deixar de facelo tampouco, e precisa sempre de alguén que a axude e a protexa. Non sabe facer nada por si mesma, nin tomar decisións, e cando o fai, é despois de moitísimo tempo e de que alguén llo diga. Por non falar xa de Xander, plano planísimo, o personaxe con menos personalidade que vin nunca en ningunha novela que lera, por parecer, parece case un moble. O único que se salva é Ky, que aínda que non é algo excepcional, polo menos ten unha personalidade propia e non parece unha pedra.

A pesar de estes tantísimos puntos negativos, podo dicir que foi unha novela entretida: aínda que para nada novedosa na súa trama nin na creación desa sociedade distópica, déixase ler e está ben para o verán, pois non require para nada reflexionar nin nada parecido, e ten un ritmo áxil e fluído. Algo que si me gustou e que lle da quizais a única pincelada de orixinalidade a esta primeira parte da triloxía Juntos, é o relacionado coas reliquias, antigüedades que os habitantes poden ter (sempre que sexa tan só unh por persoa) que pertenceron á súa familia, e que van pasando de xeración en eración. Non é gran cousa, pero paréceme polo menos algo diferente e novo.

Conclusión: Cun ritmo áxil e fluído, esta primeira parte da triloxía distópica Juntos déixase ler e entretén, pero non é para nada orixinal ou novedosa e non pode considerarse unha boa distopía ou, directamente, unha boa triloxía. Está ben para ler no verán pola súa simpleza e lixeireza.

6 de ago. de 2015

Reseña: Numbers 01

     



Non coñecía de nada a triloxía Numbers de Rachel Ward, nin sequera me sonaba a súa portada ou o seu nome, directamente descoñecía a súa existencia, polo que non sabía as opinións dos seus lectores nin podía sequera adiviñar con que me ía a atopar, pero tras ler o seu argumento, a miña curiosidade puidome e decidín lanzarme á súa lectura. 

Jem ten a capacidade de ver a data na que morrerá toda persoa que a mire aos ollos, o que lle acarrexa grandes problemas, como o deixar de relacionarse, porque é difícil implicarse en algo ou con alguén cando sabes o día exacto no que vai a deixarche. Jem coñecerá a Spider e xuntos emprenderán unha viaxe a Londres, onde presenciarán un acontecemento que fará que ambos deban fuxir .

É realmente un libro diferente. É algo que se di a miudo e de moitas novelas distintas, pero realmente non creo que haxa unha palabra mellor que defina esta primeira parte da triloxía Numbers. A autora crea un mundo duro e cruel que, ao igual que as situacións que deben vivir os personaxes e as súas actitudes, non está para nada endulzado, senón que se presenta dunha forma realista e dura durante toda a novela. Neste aspecto, recórdame en certo modo á triloxía La cazadora de sueños de Lisa Macmann: aínda que con tramas diferentes, ambas novelas teñen unha esencia negativa que se transmite ao lector e que non sei como explicar. En Numbers, os dous personaxes principais sofren unhas situacións difíciles que marcan o seu carácter por completo, facendo que influan no seu comportamento e accións durante todo o libro, sen tregua, e agreando os seus carácteres. É algo que me gustou moito na novela, e que está realmente moi presente en toda ela e na súa propia esencia.

En canto ao argumento, cando lees a sinopse podes ter unha idea diferente da dirección pola que vai ir a autora. Realmente eu pensei que ía tirar pola típica historia de "poderes", pero nada máis lonxe da realidade, pois a historia de Numbers vólvese orixinal grazas ao enfoque de Rachel Ward.

Encantoume es especie de road trip (tan de moda na literatura xuvenil nos últimos anos) que se nos presenta, aínda que en realidade se trata dunha fuxida, na que os dous protagonistas deben buscar unha forma de sobrevivir e que, unha vez máis, non é para nada fácil, senón dura e chea de penurias. Foi, quizais, o que máis me gustou do libro, e un gran punto positivo de Numbers sen dúbida algunha. Outro, é a capacidade da autora de crear personaxes cunha forma de ser para nada perfecta e tópica, senón realista, sobre todo nos personaxes secundarios, como a avoa de Spider ou as persoas que atopan na súa fuxida.

Algo negativo do libro é o seu final, demasiado apresurado en certo sentido, concluíndo de repente a súa fuxida, debido a algo (relacionado con Spider) que ocorre sen previo aviso e dunha forma moi rara e totalmente diferente ao que a novela me tiña acostumada ata ese momento. Non sei como explicalo sen facer un spoiler, realmente, pero simplemente quedei algo chafada e preguntándome que acababa de ocorrer.

Cando terminei esta primeira parte da triloxía Numbers, quixen mirar inmediatamente como comezaba a seguinte parte e de que trataba, pois a trama da primeira queda totalmente pechada ao seu remate, e sorprendinme gratamente ao descubrir que o narrador era un personaxe diferente a Jem (cuxa identidade non podo aclarar para non caer en spoilers e revelacións da novela). Isto é algo que me chama bastante e me gusta, tendo en conta ademais as circunstancias do fin da primeira novela e a identidade do narrador. Non teño a seguridade de que o terceiro libro sexa tamén contado dende o punto de vista de outro personaxe (non quixen mirar para non descubrir nada que non quixera saber) pero creo e (espero) que si.

Conclusión: Ben, pero nada especial. Entretívome e gustoume bastante, pero non se trata de nada fóra do común, aínda que teño ganas de continuar coa triloxía.





4 de ago. de 2015

As miñas distopías favoritas (2015)


Nesta entrada vou falar das triloxías e novelas distópicas (un dos meus xéneros preferidos dentro da literatura xuvenil, por non dicir o que máis me gusta) que máis me gustaron ata o día de hoxe. Supoño que dentro dun tempo, o ano que ven ou, en calquera caso, cando xa teña lidas novas distopías, farei unha versión actualizada.

A orde na que se presentan as miñas distopías preferidas a continuación é aleatoria, é dicir, a novela que ocupe a primeira posición non é necesariamente a que máis me gustou nin a que menos, simplemente non están colocados nunha orde determinada. (Para ver reseñas de distopías fai clic aquí)
  • Los Juegos del Hambre de Suzanne Collins.


Esta é a máis famosa de todas as distopías xuvenís, sen dúbida algunha, e trátase da primeira que eu lin, aí polo 2012, e quedei tan absoluta e gratamente sorprendida que devorei o primeiro libro da triloxía nunha tarde e dunha sentada. Nada máis rematar a primeira das partes da triloxía, pasei directamente ás outras dúas novelas, sen pausa algunha entre elas, como adoito facer para non aburrirme dunha trama e variar un pouco os xéneros e temas das miñas lecturas.

É un mundo distópico, chamado Panem, dividido inicialmente en trece sectores, cada un ocupado nun traballo concreto (minaría, agricultura...) ademais do Capitolio, onde viven os ricos e poderosos. Cando os sectores se enfrentan ao Capitolo e este gana, o sector trece é destruído e créanse os "xogos da fame" que dan nome á triloxía, a onde debe acudir un representante feminino e outro masculino de cada sector, gañando o único supervivinte ao xogo.

  • Reiniciados de Teri Terry.


(Reseña facendo clic aquí) Debo advertir que hai dús triloxías xuvenís co nome de Reiniciados, unha de Teri Terry (da que eu vou falar) e outra de Amy Tintera, cuxo argumento non ten absolutamente nada que ver e que aínda non lin, aínda que pretendo facelo.

Tan só lin a primeira novela da triloxía, Sin Memoria, pero gustoume tantísimo cando o lin que non podía evitar falar del neste Top: a autora tería que estropear moitísimo os outros dous libros para que me decepcionase e me arrepentirse de introducilos, pois amei profundamente a primeira parte.

No futuro desta triloxía, os delincuentes, sobre todo os terroristas, con máis de dezaseis anos poden conmutar a súa pena polo reinicio, é dicir, borraránselle todos os recordos, sentimentos e información persoal en xeral, incluso a razón pola que se lle aplicou esa medida, cun resultado semellante a se volvesen a ser bebés, e acóllenos nunha nova familia, onde seguir coa súa educación e enseñanza. A protagonista do libro, Kyla, é reiniciada, pero, rapidamente, se da conta de que sabe cousas que os seus compañeiros reiniciados ignoran, que co proceso non se obtivo o mesmo resultado no seu caso e descubrirá a razón pola que foi reiniciada.

  • Amanecer Rojo de Pierce Brown.

(Le a reseña clicando aquí!) Esta é unha triloxía distópica moi pouco coñecida actualmente (polo menos en España) e da que tan só lin a primeira parte, porque a segunda (El hijo dorado) foi traducida ao castelán moi recentemente e a terceira non está dispoñible en España polo momento. Foi unha novela que me gustou moito, e que creo que promete, e aínda que, como dixen na reseña, vin quizais un exceso desa batalla ou xogo que se produce (tería eliminado unhas cantas páxinas da guerra) peo polo demais pareceume absoltutamente xenial, cunha realidade moito máis dura que as que acostumamos a atopar nas distopías xuvenís e moi novedosa. Volvo a recomendar unha triloxía sen ter lido todas as novelas que a conforman, pero creo que nas seguintes partes irá, incluso, para mellor, pois a trama gañou interés.

A historia desenrólase en Marte, que foi colonizado polos humanos, divididos en cores segundo a súa clase; sendo os vermellos, como o noso protagonista, a máis baixa, que se encarga de extraer helio-3 das profundidades do planeta vermello para que os humanos poidan vivir alí con normalidade. Un día, Darrow descubre algo que lle abrirá os ollos e, canso dos abusos dos dourados (a clase alta) intentará infiltrarse entre eles.
  • Mystic City de Theo Lawrence.

(Enlace da reseña aquí!) A triloxía de Mystic City foi unha gran sorpresa para min, pois non esperaba para nada que me sorprendera e me encantara, pensei que non sería gran cousa, que me decepcionaría. En cambio, dende o primeiro momento enganchoume moitísimo, sobre todo porque mestura a distopía coa fantasía e a intriga en certa medida, os meus xéneros favoritos sen dúbida, polo que non podía ser mellor. Fascinoume moitísimo e espero que as dúas partes restantes da triloxía (pois só lin a primeira) non me decepcionen.

No futuro, as aguas aumentaron o seu nivel debido ao cambio climático. As persoas máis pobres e pertencentes á clase baixa e os místicos (persoas con avilidades e enerxía especiais) viven na zona baixa da cidade (moi sucia e cheirenta, cuns canais semellantes aos venecianos) mentres que as casas da clase alta, máis rica, atópanse na parte alta. Aria, filla dun dos homes máis poderosos da cidade, non recorda nada despois dunha sobredose de stic, nin sequera ao seu prometido, pero debe casarse con el de igual maneira, pois a súa unión significará unha tregua dos enfrentamentos entre as dúas familias rivais e máis poderosas de Nova York. Aria ten unha serie de sospeitas, sobre as cales decide investigar.

  • El corredor del laberinto de James Dasner.

Esta é unha triloxía (reseña clicando aquí) con secuela (que tamén me gustou moito, como podes saber lendo esta outra reseña) cuxo primeiro libro me apasionou. Encantoume, gustoume moitísimo, polo feito, sobre todo, desas circunstancias misteriosas coas que empeza e polo feito de contar coa mesma información que o propio protagonista. É unha saga distópica cunha historia e un argumento moi diferentes aos habituais e con moi poucos tópicos deste tipo de novelas. O primeiro e segundo libros son os mellores, ao igual que a secuela (El Destello), mentres que a terceira parte recordo que me decepcionara un pouco por ter unha trama e ocorrer nela uns sucesos demasiado parecidos aos do segundo libro. Aínda así, triloxía recomendadísima.

No comezo do libro, Tomas, o protagonista aparece (sen ningún tipo de recordo) nun calro só habitado por rapaces adolescentes (ningunha rapaza) que se atopa ao carón dun inmenso e impoñente laberinto cuxas paredes cambian de posición cada noite, facendo que o seu propósito, escapar atopando a súa saída, sexa aínda máis complicado. De repente, as regras que ata entón tivera o "xogo" cambiarán, alertando aos habitantes do Claro de que algo vai ocorrer.

  • Delirium de Lauren Oliver.

Esta saga distópica (reseña!!) tamén me gustou moito. Hai un gran cambio entre os dous primeiros libros e o enfoque da historia tamén cambia moitísimo, parecendo case libros distintos aínda que a historia sexa a mesma. O argumento é moi interesante e bastante diferente, dando ademais moito xogo. É unha saga distópica que recomendo e, aínda que debo advertir que houbo certas partes que me decepcionaron un pouco, teño boa opinión da triloxía.

A humanidade creou unha cura para a enfermidade Deliria Nervosa de Amor (que coñecemos actualmente como amor) pois considera que é unha infección que afecta aos humanos provocándolles moitos efectos negativos. A cura, realízase aos 18 anos, pois si a persoa é operada con anterioridade hai moitas posibilidades de que saía mal. 
Ademais, todo está regulado (a música, os libros...), é o goberno quen decide a parella para cada recén operado e o número de fillos que debe ter, cada cidade está rodeada por un valado para que ninguén poida escapar (e para que non entren os Inválidos, persoas que están en contra da cura e a favor do amor e dos que o goberno nega a existencia) e, por suposto, os rapaces e rapazas non curados non poden estar xuntos na mesma habitación. 
Lena, conta os días que lle faltan para a intervención con ganas, pois o goberno promete unha vida de seguridade e felicidade despois dela, pero todo cambia cando Hana, a súa mellor amiga, vai a un concerto de música ilegal.


  • Divergente de Veronica Roth.



 Plantexeime o feito de deixar fóra deste Top das miñas triloxías preferidas esta triloxía polo feito de que non todos os libros que a conforman me gustaron, pero dado o tantísimo que me encantou a primeira parte (Divergente) non puiden facelo. Foi unha primeira novela xenial, apasionante, distinta e adictiva, que terminei nunha soa tarde. En cambio, o segundo libro da saga non me gustou en absoluto, aburriume, e o terceiro, se ben recuperou bastante, tampouco me transmitiu as sensacións da primeira novela. Aínda así, esta é unha opinión persoal, e ademais é unha distopía que merece ser lida aínda que só sexa por Divergente, a primeira parte.

1 de ago. de 2015

Reseña: Sueños de dioses y monstruos (Hija de Humo y Hueso 03)


A semana pasada publiquei este Book Tag sobre portadas de libros (para ver máis Book Tags clica aquí) no que dixen que Hija de Humo y Hueso era unha das miñas triloxías favoritas, cuxas dúas primeiras partes me encantaran, hai bastante tempo, cando as lin, e que tiña ganas de rematar a triloxía pero que tiña medo de facelo sen recordar como terminara o segundo libro. Estiven dudando se ler Sueños de Dioses y Monstruos ou non, e finalmente decidín (cunha gran axuda) lanzarme á aventura e terminar esta saga que tanto me gusta.

Karou é un tanto diferente ás demais rapazas, non só polo seu pelo azul, senónporque foi criada polas quimeras, uns seres diferentes a todo o que coñecemos, e en particular por Brimstone, que foi como un pai para ela. Karou é sempre enviada a cumplir estraños encargos, entre os cales se atopa recoller dentes de distintos animais (tamén humanos) que Brimstone precisa, aínda que ela non sabe para que. Esta non é a súa única dúbida, tampouco sabe como acabou sendo adoptada por el e ten a estraña sensación de ter esquecido algo. Cando as quimeras comezan a correr perigo, Karou coñecerá a Akiva e aos demais serafíns, e logrará atopar algunhas respostas. Esta terceira parte, segue onde o deixou a segunda: de forma moi intrigante.

Dende que comecei a novela recordei de súpeto todo o que lera nas outras dúas partes da triloxía, polo que non tiven ningún tipo de problemas na miña lectura. De golpe, percibín de novo esa esencia da novela que tanto me gustara nas outras dúas, tan diferente á do resto dos libros que lin, pois Laini Taylor crea un mundo tan distinto a calquera que puidéramos atopar en libros e películas, sen caer en tópicos e tramas demasiado vistas, que, de verdade, me encanta.

Esperaba que a maior parte da novela tratase da batalla entre os Ilexítimos e quimeras e os serafíns, pero, en cambio, non é a parte máis importante para nada, de feito non se nos conta como se desenrola, só sabemos o resultado e quen foi o gañador, pero non estamos presentes durante o enfrentamento, algo que agradezo, pois soe aburrirme o exceso de acción deste tipo, en batallas e guerras ou enfrentamentos. En cambio, a novela céntrase máis en como afecta a chegada dos anxos á Terra e como solucionalo. Vese como ocorre esa mesma historia dende o punto de vista de diferentes personaxes dende diferentes lugares, non só por parte dos protagonistas, e incluso se engade un personaxe moi moi moi importante, Eliza, que me encantou.

Este era un tema do que quería falar a fondo, pois provoca que se retomen tramas abertas en libros anteriores que non se solucionaran, como a historia do anxo caído Razgut (que me encanta como personaxe secundario, a pesar de que non é especialmente bo, pero si moi interesante de novo) que por fin se nos revela e se nos conta de forma pausada. É unha parte do argumento que se abre no segundo libro da triloxía e que me deixou, recordo, intrigadísima, pois vin a importancia que podía ter na historia. Por fin, encaixan todas as pezas do puzzle, grazas a Eliza, que revela grandes incógnitas sobre o funcionamento do mundo de Hija de Humo y Hueso e provoca que todo teña sentido e esplicación por fin. Resalto de novo o personaxe de Razgut, porque creo que está moi ben creado, cun trasfondo que podemos entrever, e unha gran profundidade, polo que non podo evitar sentir moita pena e lástima, a pesar de que, como xa dixen, non é precisamente unha boa persoa dende un tempo atrás. 

Tamén me gustou o final da triloxía, moi adecuado para esa esencia da que falaba antes, porque un final sinxelo e "fácil" non tería ido, para nada, acorde ás novelas e á complexidade dos sucesos que nelas se nos narran.

Conclusión: Encantada. Novela, ao igual que a triloxía enteira, directa á lista das mellores lecturas do 2015 e mellores triloxías en xeral. Non decepciona nin decae en ningún momento, moi ben.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...