14 de ago. de 2015

Reseña: Hyde


Hyde é un libro de David Lozano, un escritor español do que non lera nada antes pero do que oíra falar moi ben, cunha trama fascinante e intrigante, do xénero da novela de misterio e intriga que sabedes que adoro.

Oito adolescentes son encerrados nunha casa sen ningún contacto co exterior, para ser sometidos a unha terapia subliminal que os axude a ler con maior facilidade e provocar que lles guste facelo. O peor que lles pode ocasionar a terapia se algo sae mal, é que non surta efecto, polo que cando pola noite comezan a ocorrer cousas estrañas e aparece o primeiro cadáver, daranse conta de que alí ocorre algo máis.

Este é un argumento que promete un montón, pero debo advertir que non o cumple. Unha vez máis, terminei a súa lectura cunha gran decepción.

Todo o relacionado coas terapias e publicidade subliminais sempre foi un tema que me interesou e me chamou a atención, así que abrín o libro con moita ilusión e expectativas, pero a trama non se centra demasiado (nin tanto como debería) nese punto. 

A principal razón pola que a novela me deixou descontenta foi a tan grande cantidade de violencia e brutalidade que (por moito que o intente) o autor non pode xustificar. En teoría, dase unha explicación na novela, pero para min non foi para nada suficiente. Non me importaría tanto este tema se non fose pola pouca calidade do libro con respecto ao misterio, a ver si me explico: se o misterio fose apasionante e ademais sucedesen mortes violentas que o fixesen máis escalofriante e terrorífico, pois sería algo positivo, pero neste caso, apenas hai misterio, si que hai algo que investigar, pero non é o máis importante nin por asomo e o autor introduce tanto sangue e violencia para intentar conseguir esa sensación de desacougo e terror que non é capaz de producirnos a historia e a narración que se nos presentan, pero desa forma tampouco o consegue.

Os personaxes nada profundos ou interesantes: noutras circunstancias e noutro libro teríame dado exactamente igual, pero neste caso, cunha novela que non conseguía cautivarme, aínda provocaban un peor resultado, pois tampouco me identificaba e/ou me interesaba por ningún dos adolescentes en cuestión.

Como en todos os libros de misterio e intriga, o máis importante e o descubrimento do asasino, do culpable ou do criminal, algo, ademais, que no meu caso pode provocar que un libro que me estaba encantando me decepcione, e neste caso non me acabou de gustar. A ver, que non é un final horrible, é certo, trátase dunha das mellores partes da novela, pero vese á legua. Dende o momento un, dende a primeira mención a un asasinato e o primeiro interrogante sobre o culpable, eu sabía que era esa persoa e por esa razón; estaba cantado. A razón pola que todo ocorre, está presente ao longo de toda a novela, intentando que sexa dunha maneira sutil pero conseguindo sinalizalo cun cartel de neón.

O único que de verdade me gustou, foi a intercalación desta historia principal coa investigación dun asasinato paralelo, que parece non ter ningunha relación, aínda que finalmente esta si existe, porque consegue que te fagas preguntas e queiras unir ambas historias (aínda que finalmente sexa un pouco collido por pinzas).

Conclusión: Non hai por onde collelo. Mal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...