29 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #4: Novembro 2015



A elección da mellor lectura do mes non foi demasiado difícil nesta ocasión, por dúas sinxelas razóns: en primeiro lugar, El guardián entre el centeno, elixido como preferido, foi unha novela que me encantou e apasionou e en segundo lugar, nos últimos trinta días non levei a cabo moitas lecturas que digamos, pois estiven moi ocupada e apenas puiden ler e, ademais, creo que estou pasando por un bloqueo lector, que fai que non me acabe de gustar ningún libro e que teña ganas de abandonalos, polo que tardo moitísimo en acabar algún. 

En resume, só lin un libro, relín outro e comecei para logo abandonar un terceiro: El guardían entre el centeno, Harry Potter y la cámara secreta e La reina roja, respectivamente. Creo que tratarei de continuar con este último, pois tivo moitas e moi boas críticas e, aínda que a min me pareceu aburrido en exceso, pode que sexa por culpa do bloqueo lector, pero dende logo non o vou facer proximamente.

Como xa dixen na súa reseña, El guardián entre el centeno, foi unha novela que me encantou, pois reunía todos os puntos que me gusta atopar nas miñas lecturas e cos que todos os meus libros preferidos contan. Trátase dunha novela reflexiva, realista, na que o protagonista nos conta todos aqueles pensamentos e medos que el ten e que é realmente entrertida. Atrápache rapidamente e non podes evitar sentir cariño polo seu protagonista. Ademais, recordoume moitísimo ao meu libro preferido de todos os tempos Las ventajas de ser un marginado, pois ambos seguen unha mesma liña, como xa comentei na entrada anterior e na propia reseña da novela de JD Salinger pois, como recentemente descubrín, Stephen Chsbosky durante a súa etapa no instituto estivo moi apegado a El guardián entre el centeno e, en certo modo, basouse neste para crear a Charlie.

En resume, un libro xenial e recomendadísimo que se atopa enre as mellores lecturas do ano.

22 de nov. de 2015

Se che gustou... Gustarache... (1ª Parte)

Facía realmente moito tempo que vos quería traer este post, porque se trata dunha forma de recomendar libros que me encanta ler, ver e escribir e que me parece realmente útil. Consiste en atopar semellanzas entre libros, de maneira que se che gustou un, tes moitas posibilidades de disfrutar co outro. Alá imos!


1. Se che gustou a triloxía Delirium de Lauren Oliver, gustarache a saga Traición de Scott Westerfield.





A saga Delirium ésta formada por tres libros de temática distópica moi coñecidos, escritos por unha autora tamén moi famosa e recoñecida, mentres que a saga Dos feos ou saga Traición, de Scott Westerfield, desapareceu por completo do mundo da literatura xuvenil despois de certo éxito no momento da súa publicación.

Creo que se trata de dúas sagas moi semellantes en varios aspectos, polo que se che gustou unha delas a outra tamén o fará. En primeiro lugar, ambas se desenrolan nun futuro distópico e nunha sociedade moi controlada e bastante superficial. En ambas sagas hai unha operación cirúrxica que cobra un papel moi importante e que marcará un cambio na súa vida, así como un grupo de rebeldes cos que a protagonista terá certa relación, polo que a trama dos dous libros vai nesa dirección e as personalidades das protagonistas son moi semellantes, ambas senten o mesmo en situacións semellantes e actúan da mesma maneira, marcadas polos mesmos valores.

En definitiva, se che gustou a triloxía Delirium, deberías probar a saga Traición e viceversa.



2. Se che gustou Las ventajas de ser un marginado de Stephen Chbosky, gustarache El guardián entre el centeno, de J.D Salinger.




                        



Estas dúas novelas son moi especiais para min e forman parte do grupo dos meus libros preferidos, pois ambas teñen unha trama que segue a liña que me gusta: son reflexivas e teñen unha temática moi semellante, nas que se fala sobre un personaxe marxinado pola sociedade e moi moi especial. Se che gustan os libros profundos e realistas, con certas reflexións, e algunhas tramas deprimentes e algo duras, e tamén cunha evolución do protagonista, considero que calquera destas novelas é ideal para ti.

 Se disfrutaches con Las ventajas de ser un marginado debes probar El guardián entre el centeno, e viceversa, pois, aínda que a narración e a escritura por parte dos autores e diferente, con tan só algunha semellanza, o argumento, o tema, é bastante parecido, así como a forma de pensar de Charlie e Holden. Non teñen historias que se basen no mesmo nin xiran ao redor dos mesmos eixes e tramas, pero creo que o lector dunha pode ser perfectamente lector da outra.



3. Se che gustou a triloxía de Los Juegos del Hambre de Suzzane Collinsgustarache a triloxía  Amanecer Rojo de Pierce Brown.


                          

                                   


Se eres un lector habitual de literatura xuvenil é case imposible que non leras a famosísima triloxía de Los juegos del hambre de Suzzane Collins. Trátase dunha distopía que considero moi boa, cun mundo perfectamente creado pola autora e imaxinado por ela ata o milímetro, non hai ningún elemento collido por pinzas. Cando eu lera a triloxía, alá polo 2012, recordo que me apasionara e que non puidera deixar de ler nin un só segundo ata finalizar os libros debido á intriga que en certa maneira existe na novela, esa necesidade de saber que ocorrerá coa protagonista. 


Nesta triloxía hai un mundo moi dividido en clases sociais, aínda que non se trata exactamente desta separación que coñecemos, senón que todos os poderosos con alto nivel económico están agrupados nun distrito mentres que os demais, máis pobres canto maior é o número do distrito, viven na meseria sen ter sequera que comer. En Amanecer Rojo, outra das miñas distopías favoritas, ocorre algo parecido: tamén hai varios grupos sociais distintos, pero esta vez separados por cores. Cada unha delas ten unha ocupación na sociedade, pero todas elas están sometidas aos dourados, que dirixen o mundo. En ambas triloxías un membro da clase máis baixa intentará vencer eses límites da sociedade e chegar ao máis alto. Ademais, nas dúas sagas existe unha competición, moi violenta, cuxo resultado marcará a vida do protagonista e o destino da sociedade.

Aínda que as historias toman camiños diferentes e quizais Amanecer Rojo é algo máis dura que Los Juegos del Hambre, seguen unha liña con certos puntos en común e ambas tratan certos temas, polo que creo que se che gustou unha delas, disfrutarás o mesmo ou incluso máis da outra.




4. Se che gustou Ciudades de Papel de John Green, gustarache La casa 758 de Katheryn Berla.






Se che gustou moitísimo, coma a min, Ciudades de Papel, gustarache La casa 758; pero non só se che gustou este, senón se disfrutaches con todos ou algún dos libros do marabilloso John Green , pasarás un bo rato coa novela de Kathryn Berla, pois teñen moitos e ningún puntos en común.

Basicamente, o único que relaciona a todas estas novelas é a temática e a forma de ser narradas, que tamén teñen en común todas as publicación do selo Nube de Tinta (que me encanta): búscase a reflexión por parte do lector mediante a reflexión do personaxe principal e as historias que se tratan son emotivas, tristes e diferentes. Os personaxes teñen algún tipo de problema que os diferenza das demais persoas da súa idade e que os marcará de por vida. 

Tamén a prosa dos autores ten certos puntos en común, é unha narración pausada pero amena que che deixa empaparte dos senyimentos narrados e que te introduzas na historia con facilidade, disfrutando cada palabra.

Aínda que John Green sempre primará no meu corazón, creo que se eres un dos seus lectores habituais, debes intentalo con La casa 758, porque a min tamén me gustou moito e creo que che sorprenderá.

12 de nov. de 2015

Reseña: El guardián entre el centeno



El guardián entre el centeno é unha novela moi importante e coñecida, con certa polémica por ser a último libro que o asasino de John Lennon comprara, e que levaba moitísimo tempo esperando no meu ebook a que eu o lese.

Conta a historia de Holden, un adolescente que estuda nun internado do que é expulsado por ter aprobado só dúas asignaturas. El decidirá pasar os tres días que lle quedan ata ter que regresar á casa en Nova York, para divertirse antes da reprimenda de seus pais, xa acostumados ás expulsións do fillo. Alí el vivirá varias situacións e reflexionará sobre todos aqueles feitos que o preocupan.

Foi unha novela que me transmitiu boas vibracións dende a primeira páxina, pola maneira de narrar souben que me ía a enganchar e a entreter, e que me ían encantar as reflexións que o protagonista leva a cabo. 
A prosa de Salinger é marabillosa, e recordame en certo modo á de John Green, o meu escritor preferido, nese ritmo lento e á vez nada pesado, e en certos aspectos que non sei explicar. Trátase dunha novela que se le de forma amena, pero que á vez non é nada sinxela, senón cun argumento complexo e moi bo.

En canto ao argumento, tamén me recorda a algo, neste caso Holden paréceseme a Charlie, protagonista do meu libro favorito Las ventajas de ser un marginado: Ambos son distintos ao resto, reflexionan moito, danlle voltas a milleiros de aspectos que ao resto dos rapaces da súa idade non lle dan importancia, e sofren e pásano mal por certo asuntiño do seu pasado. En conclusión, que esta novela ten unha trama moi na miña liña e unha narración marabillosa e moi adecuada para o argumento.

As reflexións de Holden son moi profundas, el rexeita a falsedade da xente, moitas veces impulsada pola sociedade e ben vista, así como outros tantos aspectos. É unha persoa que lle da mil voltas ás cousas polo que ao longo das páxinas vemos claras referencias a reflexións anteriores, creándonos nós mesmos desta maneira unha clara imaxe de Holden. 

O único (coma sempre) que quizais non me acabou de gustar, foi o final. Non é que me desgustase, non foi así para nada, senón que o autor deixou moitos cabos soltos e todo no aire. Os feitos que se di que ocorreron dende o fin da novela ata o presente, cando Holden conta a historia, son raros e nada concretos. Aínda así, non me desgustou.

En conclusión, unha novela marabillosa, que consegue que te deixes levar pola lectura e que simpatices co protagonista. Simplemente, un libro xenial con unha prosa tamén marabillosa.

4 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #3: Outubro 2015



Unha vez máis traio este post no que elixo a mellor lectura do mes, que nest ocasión non foi excesivamente complicado pois o mes de Outubro non foi nada productivo en canto a lecturas debido ao comezo do curso e ás lecturas obrigatorias que tiven que levar a cabo, que provocaron que apenas puidese ler algún libro pola miña conta. Ao final, lin un total de 5 libros (moi poucos para o que acostumo ler nun mes): Y por eso rompimos, Navidades trágicas, Cada día, Marianela e A esmorga (todos reseñados xa, coa excepción do último).

Co que máis disfrutei e máis me sorprendeu positivamente foi o primeiro deles, Y por eso rompimos, novela da cal xa falei moi ben na súa reseña.

Trátase dun libro moi moi especial, pois está narrado a base dunha especie de relatos curtos, cada un dos cales é unha razón pola cal a parella protagonista se separou e esta basado nun obxecto. Isto pareceume asombrosamente orixinal e consigue, ademais, que a lectura sexa máis lixeira, sinxela e entretida. A verdade é que o máis importante non é a trama, que pasa a un segundo plano, senón a relación do obxecto coa ruptura e o deixarse levar pola historia.

Simplemente, esta composición a base de relatos curtos, narración en forma de carta, a prosa peculiar do autor, a historia tan especial e diferente e eses preciosos debuxos ao comezo de cada capítulo, dan lugar a unha marabillosa lectura.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...