21 de ago. de 2015

Reseña: Amsterdam Solitaire



Fernando Lalana creou unha serie de libros de misterio xuvenís protagonizados polo detective Fermín Escartín, que conta actualmente con catro títulos. Eu non recordo se só lin La tuneladora ou tamén realicei a lectura de El caso Galindo (si, é moi raro e moi triste) pero si que me lembro do moitísimo que me gustara o primeiro deles. Encantárame, a verdade, hai uns dous ou tres anos, cando levei a cabo a súa lectura, polo que cando atopei Amsterdam Solitaire, decidinme a lelo de inmediato.

Nesta novela, trátase o tema das estilográficas e o seu valor monetario e profundízase no mundo dos grandes coleccionistas, debido ao roubo da estilográfica máis especial, cara e única do mundo pese ás medidas de seguridade coas que contaba. Fermín Escartín deberá investigar o ocorrido.

A verdade, a novela decepcionoume bastante. O recordo que gardaba de La tuneladora era moi positivo. Parecérame un libro intrigante, misterioso e moi entretido e rápido de ler, que contaba ademais cunha trama interesante e ben levada, sen cousas collidas por pinzas. 

En cambio, Amsterdam Solitaire é un desastre. En primeiro lugar, o nó da historia comeza máis adiante da metade do libro, polo que practicamente o 75% da novela son o plantexamento e a introducción. Ademais, o misterio non ten ningunha intriga e é moi simple, sabéndose ademais, facilmente, a identidade do/s culpable/s.

Na súa defensa, debo dicir que toda a historia da creación da pluma estilográfica e os datos sobre ese mundo que se nos dan ao comezo da novela son moi interesantes e entretidos, pero esa parte do libro non é proporcional ao resto, sendo a lonxitude da novela demasiado curta ou esa introdución demasiado longa.

Hai ademais actitudes por parte dos personaxes e acontecementos algo forzados e que mais ben poderían pertencer a un libro de literatura infantil e que non me recordan para nada ao outro libro que lera (debo advertir que pode ser producido polo tempo que pasou dende a súa lectura e/ou a idade que tiña cando o fixen) e que me decepcionaron un montón. Igual pode ser interesante para lectores entre os 11 e os 13 anos, aínda que non son moi partidaria de recomendar libros por idades, pois creo que depende máis ben da persoa que vaia a realizar a lectura.

Conclusión: Non teño moito máis que dicir, pois é un libro moi curtiño e rápido de ler, simplemente os puntos que comentei con anterioridade que fixeron que non me apasionara esta lectura, moi pouco traballada e moi sinxela para min, que non me conseguiu convencer para nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...