Estes dous libros contan como dous na miña lista (pois ambos me desagradaron por separado) pero falarei deles en conxunton porque foi así como os reseñei no seu momento e os factores que provocaron este sentimento son os mesmos practicamente nos dous.
Trátase do quinto e sexto libro da saga Cazadores de Sombras de Cassandra Claire, os dous últimos tomos da serie, que, como toda ela en xeral, agradaron a un numerosísimo número de persoas mentres que eu, con cada libro que pasaba, máis me ía desencantando coa historia que contaban, por varias razóns. O primeiro e segundo libro da saga, parecéronme moi orixinais, e encantoume a fantasía urbana que mostraban e como a autora facía seu este estilo e conseguía crear algo bo, pero co terceiro quedei totalmente queimada: fíxoseme eterno, aburriume e, sobre todo, fun incapaz, INCAPAZ, de soportar a estupidísima e melosa historia de amor que nun principio me encantaba entre Clary e Jace. Xa con desgana lin o cuarto, tempo máis tarde, e considéroo o mellor de todos, pois aínda me pareceu aceptable, pero coa chegada no 2015 dos dous libros cos que concluía a historia, aceptei, definitivamente, que Cazadores de Sombras non era para min e perecéronme dous dos peores libros cos que me enfrentei na miña vida, sen ningunha característica boa que destacar e que considero, sinceramente e sentíndoo moito, malos.
Como dixen, o elemento que máis me desagrada é esa relación amorosa, na que practicamente se centra a saga, e a falta de argumento que se presenta nesta de cando en vez, ademais de que nos inmensos libros que a conforman só se repite o mesmo unha e outra vez: Cassandra Claire utiliza e reutiliza as mesmas tramas trilladas mil veces sen cansarse nunca e iso é máis do que podo soportar como lectora. Todo isto sen deixar de lado a presenza de acontecementos absurdos ao longo da historia...
Este é un libro que no seu momento, ao reseñalo, definín como terrinblemente aburrido e manteño esa postura. Ao contrario que nas anteriores novelas das que falei nesta entrada, nesas outras peores lecturas, Crime en Compostela non ten o seu fallo na falta de calidade literaria, senón na densísima narración e excesiva descripción de lugares e monumentos históricos da capital galega. Trátase dunha novela de misterio (polo menos en principio) pero esta trama non é en realidade a principal e apenas se lle presta atención ata ben entrada a segunda metade da mesma e o asasinato que se investiga non conta co interés que precisaba para atraer a atención do lector nin se desenvolve da maneira adecuada, pois é simple en exceso, e conta cun final tamén sinxelo e sen practicamente investigación. En resume, un libro soporífero e repetitivo.
Juntos de Ally Condie foi unha primeira perte de triloxía distópica que lin este verán, pois tiña un argumento que me chamaba a tención, e que me decepcionou en alto grado.
Non se trata dun libro que odiase con toda a miña alma ou que considere espantoso, horrible e malísimo, pero, simple e directamente, non ten argumento e trátase co colmo da simplicidade. A narración e sinxelísima, os personaxes planos planísimos, a sociedade distópica sen acabar de definirse e sen desenvolverse completamente e apenas ocorre nada coa excepción da evolución dos sentimentos e relación de Ky e Cassia. Non me aburrín lendo este libro e non podo dicir que o odiase (de feito cando o lin e como reflexo na súa reseña non me desagradou demasiado nin o critiquei en exceso) pero co paso do tempo madurei a idea que tiña sobre el e dinme conta de que non se trata dunha novela demasiado boa que digamos, como xa ao rematala sabía e xa dixera na publicación sobre ela, e que non me aportou nada: a miña vida como lectora seguiría igual si non tivese coñecido nunca a existencia deste libro e foi unha perda de tempo rematalo e, seguro segurísimo, non seguirei lendo a triloxía.
En realidade, Si decido quedarme (reseña) non foi unha mlísima e horrible lectura en si, senón que se tratou dunha grandísima decepción e un impacto, pois eu estaba convencida de que me ía a encantar e que ata podía chegar a ser unha das miñas novelas preferidas, polo que foi aínda peor. O plantexamento do argumento da novela en si mesmo está ben, é interesante e relativamente novedoso, pero a forma de executalo da autora non foi a mellor, pois pareceume un libro moi sinxelo, sen apenas reflexións e para nada tan profundo como se presenta e se di.
Pareceume un libro do máis común, sen esa sensibilidade que tanto se destaca da novela e con moitos puntos negativos. En primeiro lugar, a decisión da protagonista sobre se debe quedarse no mundo ou morrer tras o tráxico accidente que a deixou en coma, que debería ser o eixe principal sobre o cal xirara toda a historia, está moi collido por pinzas, e apenas existe, o que fai que a trama principal se desdibuxe e apenas sepamos cal é en realidade. Ademais, os seus argumentos para quedarse, son realmente estúpidos e, en resume, o único que lle importa para de verdade facelo, é a relación amorosa co seu noivo, polo que a maior parte da curtísima novela se basa en recordar momentos con el. Isto en sí non é algo negativo (a introducción destas memorias foi o único que realmente me convenceu da novela) pero botei en falta moito máis, a existencia dunha narración dunha historia emotiva e reflexiva que me convencese no presente, non só a intercalación de recordos un detrás do outro. A gran capacidade da autora para fiar estes recordos de forma decuada non soubo manterse na creación dun final e conclusión da novela no que a protagonista decide demasiado rápido, en catro frases e sen darche tempo a paladear o ocorrido.
En resume, unha idea moi boa pero mal executada, demasiado rápido e sen conseguir que me emocionase ou sentise ningún tipo de sentimento.
Unha das peores lecturas do ano sen dúbida algunha. Hyde (reseña) de David Lozano é outro libro que promete moito e non sabe cumprilo. Cunha trama intrigante e a promesa de ser un thriller apasionante, semella ser unha gran novela, pero, para min, o autor non soubo aproveitalo.
O primeiro que non me agradou da novela é a presenza dunha inmensísima cantidade de violencia e brutalidade inxustificadas e innecesarias, polo menos ata eses extremos. En teoría, dase unha explicación na novela, ten unha razón de si, pero para min non foi nada creíble e nin suficiente. Se esa violencia aportara algo ao misterio da novela non me importaría, pero non é necesaria nin o mellora. Este é outro aspecto a mellorar: o misterio non é nada misterioso. A intriga non está presente por ningún lado, pois non hai sutiles elementos na narración que che enganchen e interesen, senón que o autor vai directo ao gran con asasinatos varios e pouca intención (ou polo menos nulo resultado) de desacougar e aterrar ao lector. Mal.
Os personaxes: planos e nada interesantes. Moi comúns e nada peculiares e particulares.
O final foi, para min, terriblemente previsible, aínda que con sentido, sen estar collido por pinzas en exceso e bastante aceptable, pero eso non mellora a novela ata o punto de deixar de ser, para min, insoportable. Unhas das peores lecturas do 2015 dentro da lista das peores lecturas.
Deste libro si que podo dicir que foi o peor do ano con diferencia, cunha diferenza abismal. Xa pronosticaba na súa reseña que ía a ocupar un hoco nesta lista e así é. Ao feito de que se trata dun libro malísimo (e isto non é algo que eu adoite dicir dun libro, pero neste caso estou convencidísima de que así é e debía deixalo claro) súmase a gran impresión que me causou, dado que a primeira parte da triloxía á cal pertence El último corazón me encantou, mentres que descubrín nesta segunda parte un libro malísimo.
Enumerar todas aquelas cousas que non me gustaron da novela é terriblemente complicado, pois son moitas. En primeiro lugar, o autor cambia dende o principio do libro todos aqueles puntos fixos que tiñamos claros dende a primeira entrega da triloxía, pero de forma desordenada e sen responder a ningún tipo de razón. Ademais, Theo Lawrence cambia ata a maneira de narrar e de plantexar a historia que coñecíamos da primeira parte de Mystic City.
Ademais, a novela perde auga por mil outros puntos: un argumento débil, sen sentido e nin avance da historia que non se presenta ata máis adiante da metade do libro, deixando atrás demasiadas páxinas de palla, sen ningún tipo de sentido; a protagonista, Aria, vólvese tonta de repente, levando a cabo mil actuacións sen lóxica nin explicación e decidindo buscar o corazón da súa criada sen ningunha razón aparente (tendo que ser salvada por diferentes personaxes masculinos durante toda a historia, sen saber valerse por ela mesma, o cal me bota moito para atrás) e Theo Lawrence cambia por completo ao protagonista masculino, facendo que a única relación entre o Hunter do primeiro libro e o deste só teñan o nome en común. E como estes outros centos de puntos negativos máis, sen ningún positivo que os compense. Un mal libro, probablemente o peor que lin xamais, e non comprendo como foi publicado.
Este libro representou unha gran decepción, pois confiaba plenamente en que a prosa de David Levithan (a quen tiña moitas ganas de ler) me gustaría, e en realidade non. Non creo que Levithan non me guste en xeral, senón que confió e estou convencida de que foi esta novela en concreto a que non estaba á altura do que adoita escribir.
Ao comezo da novela, parecía que me estaba gustando, pois era un libro ameno e sinxelo (o que buscaba nese momento en concreto porque non tiña demasiado tempo para ler durante esas semanas) pero pensei que ía evolucionar e que a trama collería forma nalgún momento, cando non foi así. Non é que sea un libro horripilante e malísimo, pero non é nada especial, é demasiado simple e apenas ocorre nada.
A base principal do argumento é o instalove entre os protagonistas, e isto é algo que non me acaba de gustar, (porque o instalove en si non é un recurso demasiado bo, literariamente falando, e a min en concreto non me gusta nada) porque non está o suficientemente ben levado como para interesar e salvar a novela. Ademais, a relación amorosa é excesivamente repetitiva, acaramelada e aburrida, semellante á de Clary e Jace de Cazadores de Sombras da que falei nesta mesma lista, e conseguiu chegar a cansarme en moi poucos capítulos.
A estrutura do libro, está formada por capítulos extremadamente breves, cada un deles representando un día na vida de A. Esta idea, nun principio orixinal e con capacidade de volver a historia amena, chegou a cansarme arredor da metade do libro, ata un punto insoportable.