27 de out. de 2015

Reseña: Cada día




Cada día é un libro de David Levithan, autor xuvenil moi valorado en Estados Unidos e bastante coñecido en España, e o primeiro que leo del. A verdade, é que tiña ganas de ler unha novela deste autor, porque Will Grayson, Will Grayson, novela a dúas mans entre el e o meu amado John Green, encantárame, pero agora quería comprobar se había algunha diferenza con respecto a un libro 100% seu. Decidín que este fose Cada día por ter un argumento moi interesante e orixinal, a pesar de que vira que non era dos máis valorados de Levithan, pero creo que me equivoquei ao facelo, pois, a verdade, é que me desgustou e aburriu bastante.

Cada día conta a historia de A, unha persoa que desperta cada día nun corpo diferente, home ou muller, polo que non ten un sexo definido nin unha familia ou vida propias. Isto tráelle moitos problemas, sobre todo á hora de encariñarse dalgunha persoa...

Ao principio tiña unha idea e impresión positiva desta novela, porque era moi dinámica e amena, con capítulos cortiños (maioritariamente) e nos que apenas se entraba en detallles, é dicir, o autor ía directo ao gran. Ademais, ao comezo era moi novedoso e interesante que en cada un dos capítulos se nos contase un día e, polo tanto, a vida dalgunha persoa concreta, pero pronto pasou a facerse soporífero e pesado. Esta maneira de distribuír os sucesos pasou de entretida a repetitiva nun sopro.

Pasando xa á trama do libro, esta era bastante floxa dende un principio, pois tan só se basea no instalove entre A e a moza dun dos rapaces cuxo corpo ocupa, aínda que eu tiña esperanzas de que evolucionara e collera interés, algo no que volvín a equivocarme. Non é que sexa un argumento malísimo e aburrido, pero si debilucho e sen demasiado interés. Volvemos a ter nesta novela unha trama amorosa mooooooi repetitiva (tipo Cazadores de Sombras, non digo máis): a rapaza apenas sufre, aínda que queira finxir que é así, e "faise a dura" mentres que A sufre, non deixa de choromicar e non pode falar doutro tema. En resume, o última cuarta parte do libro faise moi pesada e non deixa de repetir o mesmo unha outra vez.

Tamén podemos atopar tramas que prometen moito sen chegar a nada: o conflicto con Nathan deixa bastante que desexar, pois parece que vai crear un gran problema para logo desinflarse pouco a pouco.

O final (que xa sabedes que é unha parte crucial e importantísima á hora de crearme unha opinión sobre un libro), non me gustou (case) nada. Non digo que nada, porque a resolución a esa trama amorosa foi a que eu quería, a máis realista e creíble, pero o certo é que quedei totalmente descontenta, pois esa especie de solución que A inventa, que saca da manga sen ter ningún tipo de sentido, non só me desagradou senón que me pareceu totalmente ridícula.

Conclusión: Non teño moito máis que comentar, pois é unha novela sen nada especial, unha entre moitas, do montón. Agradable entre lecturas densas ou en momentos con pouco tempo para ler, pero totalmente prescindible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...