29 de xuño de 2015

Reseña: Will Grayson, Will Grayson



Cando me regalaron Will Grayson, Will Grayson  emocioneime moito e tiven unhas ganas de lelo tolas e inmensas porque se trataba, nada máis e nada menos, do último libro de John Green, un dos meus autores preferidos sen dúbida algunha, que narra dunha forma moi amena e crea historias fantásticas con personaxes increíbles. Esta vez, ademais, colaboraba con David Levithan, un autor moi coñecido en Estados Unidos aínda que non moito en España (de feito non sei se hai algún libro del traducido ao castelán) que, aínda que non lin nada del (polo menos de momento), ten moito éxito.

Will Grayson, Will Grayson conta a historia de dous adolescentes co mesmo nome (Will Grayson) que teñen dúas vidas totalmente distintas pero ambas raras e un pouco difíciles xa que ningún deles é demasiado feliz. Un Will ten un amigo, Tiny, moi extravagante e que quere crear un musical da súa vida (Tiny Dancer), co que non está pasando o seu mellor momento e o outro Will sofre unha depresión e que non ten nada bo ao que agarrarse, excepto a súa relación online con Isaac. Un día, ambos se coñecen por casualidade e é entón cando comeza de verdade a novela.

Nun principio debo recoñecer que tampouco me parecía un argumento de outro mundo (é dicir, estaba ben, era chamativo, pero tampouco sabía que me ía atopar) pero era un argumento creado por John Green así que iso era o de menos, pois sabía que estarían presentes na novela as demais características da súa prosa que adoro. E, efectivamente, o libro apasionoume dende practicamente o primeiro momento pois tiña ese toque que me namorara en Bajo la misma estrella, Ciudades de Papel e El teorema Katherine e tamén en Buscando a Alaska (aínda que neste caso non quedei de todo contenta, debo dicir. De feito non cheguei a escribir reseña do libro no Nadal, cando o lin, porque non tiña unha impresión de todo formada sobre el e non quedara completamente satisfeita.)

Como dicía, Will Grayson, Will Grayson, foi outro gran éxito de John Green no que á miña opinión se refire, pois non aburre, ten un argumento orixinal e diferente (como todos os seus) e un final inesperado. Fíxome rir e emocionarme co final (magnífico) e, ao igual que dixen respecto a Ciudades de Papel no seu momento, debo pararme a falar sobre o magnífico principio do libro, moi diferente e marabilloso, que usa unha única frase como base (Podes elixir aos teus amigos e podes meter o dedo no nariz, pero non podes meter o dedo no nariz dos teus amigos) que nun primeiro momento pode parecer unha estupidez pero que grazas á maxia da escritura do autor cobra un sentido completo e convértese nun inicio de libro fantástico.

Outro detalle pequeno sobre o que falar pero que chamou a miña atención, é o feito de que os capítulos nos que fala o Will Grayson protagonista (o que coñecemos primeiro) o autor escribe "normal" é dicir, con maiúscula tras un punto e nos nomes propios, pero nos do outro Will (o deprimido Will Grayson) ignora esta norma, sendo algo moi ilustrativo do sentido de ánimo e forma de ser de este último e facendo que diferenciemos claramente que Will Grayson está falando en cada momento.

Conclusión: Pouco máis que dicir aparte de que o libro e o autor coma sempre recomendadísimos e que me deixaron un sabor de boca marabilloso, sendo Will Grayson, Will Grayson outro dos candidatos á lista das miñas mellores lecturas do 2015.

24 de xuño de 2015

Reseña: La mansión de los abismos



La mansión de los abismos é un libro de Joan Manuel Gisbert que lin cando era máis pequena, con 10 anos. Recordo que o pasara "moi mal" porque era un libro para persoas máis maiores, xuvenil, que nese momento me inquedou pero que á vez me gustara moito e do que gardaba un bo recordo. Este ano fíxenme co libro (de forma non premeditada) e decidín volver a lelo para ver se realmente era como o recordaba, e para poder disfrutalo sendo xa máis maior e tendo a idade adecuada para facelo.

É un libro de intriga que conta como Théodore Bertrand, un home misterioso acusado de matar a seis mulleres coas que previamente casara pero que foi absolto por falta de probas ao non atoparse os cadáveres, consegue seducir a unha sétima vítima para levar a cabo outro asasinato. Esta vez, a policía está decidida a, senón impedir a morte, polo menos atopar probas que incriminen ao sospeitoso. 

Como todas as novelas do autor, en La mansión de los abismos está pragada de intriga e misterios, pero neste caso particular, aínda máis, pois dende o principio do libro sabes que o protagonista matou (polo menos supostamente) a seis mulleres, e sufres pola vida de Gundula, a sétima. Ademais, non só se ve a historia dende o punto de vista de Gundula, tamén dende o de varios personaxes máis como a policía, uns veciños do pobo que teñen participación na historia etc. Isto provoca que percibas mellor os acontecementos, pois todas as historias se cruzan ao longo da obra, e que vexas que conclusións dalgúns personaxes respecto a outros e a acontecementos son equivocadas e que suposicións o son tamén.

O único que quizais non me gustou demasiado, foi o final da novela, moi inesperado, pero sen acabar de ser algo positivo, pois é quizais pouco creíble e moi diferente ao resto da novela, é dicir, para tratarse dun libro realista e con feitos que perfectamente puideron ter ocorrido, a conclusión e explicación da historia decepcionoume por non tratarse de algo, digamos, "racional".

Conclusión: Non podo falar moito deste libro sen desvelar detalles, pero simplemente direi que era quizais unha novela algo máis infantil para min do que esperaba, se ben na contraportada do propio libro se recomenda para maiores de 14 anos. Aínda así, intrigante, sorprendente e ben narrado.

20 de xuño de 2015

Reseña: Materia Oscura: "La Brújula Dorada" e "La Daga".

                           


Hai un tempo, lin a primeira parte da triloxía A Materia Escura: "Luces del Norte" ou "La Brújula Dorada" (o nome orixinal era o primeiro pero cando se rodou a película cambióuselle) que me gustou moito, pois creaba un mundo fantástico, cun argumento moi bo e moi entretido polo que quixen ler a segunda parte pero, pouco a pouco, funo deixando, deixando, deixando ata que pasaron un par de anos. Finalmente, o outro día decidín lela xa así que comecei "A Daga", a segunda parte da triloxía.

Luces del Norte, conta a historia de Lyra, unha rapaza que non coñece a seus pais e vive no College de Oxford donde gasta bromas aos licenciados e o pasa moi ben xogando co seu amigo Roger. Seu tío, acude anualmente ao college a visitala, e nunha desas visitas ocorrerá algo que cambiará a súa vida, provocando unha fantástica viaxe ao Norte.

La Daga, continúa a historia de Luces del Norte pero cambia o argumento por completo e engade un personaxe novo, Will, e a súa historia. Apenas aparecen os personaxes da primeira parte da triloxía, e cando o fan é cunha historia secundaria e non protagonista.

Luces del Norte gustoume moito cando o lin, sobre todo todo o relacionado co Norte, pois falaba dos pobos que vivían alí e describía todos eses lugares polos que Lyra ía pasando. Ademais, aparecían os giptanos e contábanse tamén as súas costumes dunha forma moi interesante, xunto a un argumento bo, con aventura e acción (aínda que escasa, era a suficiente). Apasionoume todo isto, e ademais a trama era interesante, nada aburrida e con sentido.

En cambio, dende que empecei La daga, vin que xa non me ía a gustar tanto, pois o protagonismo pasaba de telo Lyra, a telo un personaxe novo, Will, que non pintaba nada na novela. Ademais cambiaba o argumento por completo, parecendo un libro independente case, pois nin sequera os personaxes aparecían moito: as bruxas seguen aparecendo, e teñen certa importancia no libro, pero non é o mesmo; non me gustou a forma de enfocalo, tan diferente á de Luces del Norte. Ademais, os capítulos paréceronme longuísimos, lentos e aburridos.Ata a metade (literal) da novela, non se sabe por onde o autor vai a tirar e hai tramas que quedan abertas e que non teñen sentido. Ademais, varios personaxes teñen intencións e "misións" diferentes pero que os van levar ao mesmo punto, unha idea brillante, pero mal desenrolada.

O que si me gustou de La Daga, foi a idea dos mundos paralelos, que ademais da explicación a moitas cousas da primeira parte da triloxía, e que é moi interesante e apasionante, aínda que non é algo tan presente na novela como me gustaría.

Conclusión: En definitiva, sinto unha gran decepción. A primeira parte estaba xenial e deixárame moi contenta, pero La Daga non me gustou nada, e decepcionoume moito. Seguramente lea a terceira parte, pero só por saber se mellora e darlle unha oportunidade, pero as ganas son cero.

18 de xuño de 2015

Reseña: El Club de los Corazones Solitarios


Antes de nada, deixar claro que non é un libro de romántica xuvenil porque non me gustan os libros que tratan só sobre amor; amor si, pero non só amor, por favor. Aclaro isto porque tanto polo argumento como pola portada podemos sacar conclusións equivocadas.

Decidín ler este libro, El Club de los Corazones Solitarios de Elizabeth Eulberg porque o seu argumento chamou a miña atención, nin máis nin menos que por esa simple razón. A súa protagonista, Penny, é unha amante dos Beatles (algo que lle ven de familia, dado que seus pais se coñeceron no funeral de John Lennon e eran tamén uns grandísimos amantes da súa música e que ela e as súas irmás teñen nomes de mulleres de cancións dos Beatles; Penny ven de Penny Lane) que, cansa de que as rapazas do seu instituto deixen de lado ás súas amigas cando atopan mozo e de que teñan que deixar de pasalo ben en bailes e festas e na súa vida diaria por andar pendentes deles, saca unha idea da canción Sgt Pepper and the Lonely Hearts Club Band: formar un club cuxas membras se comprometan a non saír con ninguén durante o tempo que estudien no instituto.

Así por encima, pode parecer moi superficial pero a forma na que se conta na novela, é fantástica dinámica e con sentido. Gustoume moito ver a evolución dos personaxes e a forma tan simple na que se narran os acontecementos. É un libriño moi curto e simple, fácil e rápido de ler, pero veume moi ben precisamente isto, pois estaba nunha época de exames cando o rematei e non tiña moito tempo. Disfruteino máis do que pensei que ía ocorrer e, ainda que non é nada do outro mundo, gustoume e foi mellor do que esperaba.

Conclusión: Moi cortiño, fácil e rápido de ler, pero moi entretido, interesante e diferente.

15 de xuño de 2015

Reseña: El cuento número trece



Cando comecei El cuento número trece, de Diane Setterfield non sabía con exactitude de que trataba, é dicir, si sabía mís ou menos por onde ían os tiros (basicamente polo que poñía na sinopse da contraportada) pero non do argumento en sí, sobre que temas nos ía narrar a autora. Ademais, vira moitas reseñas positivas e recomendacións, polo que decidín lelo.

Trata sobre Margaret, unha bibliógrafa con moi pouca experiencia (é máis que nada unha afición para ela) que recibe unha carta dunha escritora moi popular e moi prolífera pero da que ninguén sabe nada, pois en cada entrevista inventa unha vida diferente e unhas experiencias distintas. Na carta, Vira Winter, a escritora, pídelle a Margaret que acuda á súa casa, pois está moi enferma, a punto de morrer, e quere contar a verdade por primeira vez. Margaret, aínda que recelosa, pois pensa que as súa preguntas van obter mentiras de novo como resposta e, ademais, non entende porque foi elixida para semellante tarefa, acude, e alí comeza a marabillosa narración da vida de Vida Winter.

Ao principio do libro, non sabía moi ben por onde ían os tiros, pois, aínda que con relación coa trama, non teñen que ver coa historia principal, pero en poucas páxinas, introducinme na novela dunha forma asombrosa e acabeina en nada de tempo. 

Normalmente, nas novelas que, coma esta, contan como un personaxe narra unha historia pasada, sóeme interesar (ironicamente) máis o presente que esa narración. En cambio, desta vez pasou todo o contrario, e a historia de Vida apasionoume dende o primeiro momento. É unha historia moi interesante, sorprendente e (algo fantástico) cun xiro brutal no final da novela que non logrei ver ( e iso que podo presumir de telo feito en moitos libros).

A narración da novela é fantástica e fluída, personaxes apasionantes e interesantes en ambas liñas temporais e moitas incógnitas abertas en cada capítulo. De entre os personaxes debo destacar a Hester ( fantástica e marabillosa) pero sobre todo a August, pois non puiden evitar imaxinalo clavadiño a Hagrid de Harry Potter

Conclusión: Non pode contar moito máis porque non quero develar nada, pero resumo todas as miñas ideas e impresións na seguinte frase: Recomendadísima, marabillosa e fascinante. Vai directa á lista das miñas mellores lecturas do 2015.


1 de xuño de 2015

Reseña: Ventajas de ser un marginado


Las ventajas de ser un marginado é un libro de Stephen Chbosky, basándose no cal foi creada a película do mesmo nome protagonizada por Emma Watson, e así foi como eu o coñecin, pois, aínda que non vin a película, tívome boa pinta e quixen ler o libro.

Esta novela conta a historia de Charlie, un adolescente moi marcado por un trauma infantil e uns sucesos que nin el mesmo recorda ben, que influíron na súa infancia e, por conseguinte, no resto da súa vida, que comeza o seu primeiro ano de instituto,  no cal non coñece a ninguén, pois o seu único amigo suicidouse un ano atrás.  Alí coñecerá a Sam e Patrick, dous irmáns que o levarán a coñecer a vida dun adolescente popular e farán que teña novas experiencias vitais. 

Todo isto coñecémolo grazas a unhas cartas que Charlie envía a un rapaz (cuxa identidade non coñece el nin nos, tan só o fai porque escoitou dicir a unha amiga do receptor das cartas que este sabía escoitar moi ben) nas que conta que tal lle vai e que cousas lle ocorren.

Ata aquí, tanto a trama como a forma de ser contada poden parecer xa moi trilladas pero para nada. De feito a sinopse do libro, a que aparece na parte de atrás do libro, é moi superficial, pois a sensación que desprende Las ventajas de ser un marginado provoca que penses, reflexiones e valores o que les, é dicir, non é un libro no que importen tanto os feitos narrados como as sensacións, reflexións e ideas do propio personaxe. En este aspecto, recordoume moito a Buscando a Alaska de John Green, unha novela na que o personaxe é moi moi moi parecido a Charlie (ambos non teñen amigos ata que coñecen aos co-protagonistas, reflexionan moito, namóranse dunha das súas amigas pero saen con outra porque "o seu amor é imposible", son moi profundos...) e tamén ten feitos duros que fan pensar. Aínda así, Las ventajas de ser un marginado gustoume moitísimo máis que Buscando a Alaska, infinitamente máis, encantoume, e quedei impactada co final.

Sen dúbida esta novela converteuse na miña preferida, pois é marabillosa e contén todos os puntos que me gusta atopar nas miñas lecturas. É unha novela especial, diferentes, reflexiva, entretida e que che transmite infinitas sensacións, facendo que te introduzas na historia dunha maneira increíble.

Gustoume moito a forma de tratar os seus problemas de Charlie, que deixa algunhas cousas sen acabar de explicar para logo aclaralo, e lle da unha importancia e profundiza nos acontecementos dunha forma moi especial e pouco común e fai que non te aburras. Ademais, a historia gustoume moito, pareceume orixinal, e enfocada dunha maneira nunca antes vista, ou lida, (ou case, pois John Green tivo unha idea parecida, se ben non igual) e debo recoñecer que me fixo sufrir en bastantes partes e incluso provocou que algunhas bágoas asomasen nos meus ollos, pois a forma na que se descubre que é o que provocou a inestabilidade psicolóxica de Charlie e de que maneira se produciu ese "trauma infantil", son un tanto impactantes e duras.

Conclusión: Un libro orixinal, especial, marabilloso e xenial, moi bo sobre todo para reflexionar e pensar, ideal para cando temos tempo de pararnos, pois é moi cortiño pero require lelo pouco a pouco, sen atracóns, para poder disfrutar cada palabra da marabillosa novela que temos diante.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...