12 de nov. de 2015

Reseña: El guardián entre el centeno



El guardián entre el centeno é unha novela moi importante e coñecida, con certa polémica por ser a último libro que o asasino de John Lennon comprara, e que levaba moitísimo tempo esperando no meu ebook a que eu o lese.

Conta a historia de Holden, un adolescente que estuda nun internado do que é expulsado por ter aprobado só dúas asignaturas. El decidirá pasar os tres días que lle quedan ata ter que regresar á casa en Nova York, para divertirse antes da reprimenda de seus pais, xa acostumados ás expulsións do fillo. Alí el vivirá varias situacións e reflexionará sobre todos aqueles feitos que o preocupan.

Foi unha novela que me transmitiu boas vibracións dende a primeira páxina, pola maneira de narrar souben que me ía a enganchar e a entreter, e que me ían encantar as reflexións que o protagonista leva a cabo. 
A prosa de Salinger é marabillosa, e recordame en certo modo á de John Green, o meu escritor preferido, nese ritmo lento e á vez nada pesado, e en certos aspectos que non sei explicar. Trátase dunha novela que se le de forma amena, pero que á vez non é nada sinxela, senón cun argumento complexo e moi bo.

En canto ao argumento, tamén me recorda a algo, neste caso Holden paréceseme a Charlie, protagonista do meu libro favorito Las ventajas de ser un marginado: Ambos son distintos ao resto, reflexionan moito, danlle voltas a milleiros de aspectos que ao resto dos rapaces da súa idade non lle dan importancia, e sofren e pásano mal por certo asuntiño do seu pasado. En conclusión, que esta novela ten unha trama moi na miña liña e unha narración marabillosa e moi adecuada para o argumento.

As reflexións de Holden son moi profundas, el rexeita a falsedade da xente, moitas veces impulsada pola sociedade e ben vista, así como outros tantos aspectos. É unha persoa que lle da mil voltas ás cousas polo que ao longo das páxinas vemos claras referencias a reflexións anteriores, creándonos nós mesmos desta maneira unha clara imaxe de Holden. 

O único (coma sempre) que quizais non me acabou de gustar, foi o final. Non é que me desgustase, non foi así para nada, senón que o autor deixou moitos cabos soltos e todo no aire. Os feitos que se di que ocorreron dende o fin da novela ata o presente, cando Holden conta a historia, son raros e nada concretos. Aínda así, non me desgustou.

En conclusión, unha novela marabillosa, que consegue que te deixes levar pola lectura e que simpatices co protagonista. Simplemente, un libro xenial con unha prosa tamén marabillosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...