8 de ago. de 2015

Reseña: Juntos 01


Juntos é a primeira parte dunha triloxía distópica do mesmo nome, escrita por Ally Condie que se sitúa nunha sociedade na que as persoas son emparelladas polos funcionarios para así evitar enfermidades e lograr a mellor "mestura" de xenes posible, facendo unha "selección natural" artificial que evite problemas de saúde e cree aos mellores individuos. Carrie é emparellada co seu mellor amigo, Xander, pero por un erro no sistema, aparece outro xoven, Ky, na microficha con información sobre a parella que reciben todos os emparellados. Dende ese momento ela non poderá evitar preguntarse se el tería sido a súa parella de non tratarse dun aberrante, unha clase social á que non se lle permite o emparellamento.

En primeiro lugar, o libro non ten argumento. É dicir, só se nos conta a historia de Cassia día a día e os acontecementos nos que se ve envolta, pero en realidade non pasa nada, non existe un plantexamento, un nó e un desenlace propiamente ditos, hai un final (obviamente) pero non se segue a estructura propia dunha novela. A acción non existe en Juntos, nin apenas se narran acontecementos. A base da novela é tan só como ela comeza a plantexarse porqué foi emparellada por accidente con Ky e como evolucionan os sentimentos cara el e cara Xander, pero non vai máis lonxe diso e non hai unha historia realmente.

Ademais, os personaxes son planos e non evolucionan: Cassia (que me caeu fatal, por certo) pareceume tonta, creo que non atopo unha palabra mellor para definila. Está quieta e calada todo o tempo, sen apenas atreverse a nada pero sen deixar de facelo tampouco, e precisa sempre de alguén que a axude e a protexa. Non sabe facer nada por si mesma, nin tomar decisións, e cando o fai, é despois de moitísimo tempo e de que alguén llo diga. Por non falar xa de Xander, plano planísimo, o personaxe con menos personalidade que vin nunca en ningunha novela que lera, por parecer, parece case un moble. O único que se salva é Ky, que aínda que non é algo excepcional, polo menos ten unha personalidade propia e non parece unha pedra.

A pesar de estes tantísimos puntos negativos, podo dicir que foi unha novela entretida: aínda que para nada novedosa na súa trama nin na creación desa sociedade distópica, déixase ler e está ben para o verán, pois non require para nada reflexionar nin nada parecido, e ten un ritmo áxil e fluído. Algo que si me gustou e que lle da quizais a única pincelada de orixinalidade a esta primeira parte da triloxía Juntos, é o relacionado coas reliquias, antigüedades que os habitantes poden ter (sempre que sexa tan só unh por persoa) que pertenceron á súa familia, e que van pasando de xeración en eración. Non é gran cousa, pero paréceme polo menos algo diferente e novo.

Conclusión: Cun ritmo áxil e fluído, esta primeira parte da triloxía distópica Juntos déixase ler e entretén, pero non é para nada orixinal ou novedosa e non pode considerarse unha boa distopía ou, directamente, unha boa triloxía. Está ben para ler no verán pola súa simpleza e lixeireza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...