12 de ago. de 2015

Reseña: Si decido quedarme



Normalmente, por non decir sempre, escribo e publico as reseñas das miñas lecturas na orde que as levo a cabo, e poucos días máis tarde de facelo. Esta vez, en cambio, antepuxen outras reseñas a esta (en realidade lin Si decido quedarme antes da primeira parte da triloxía Numbers, reseña aquí) porque non tiña moi clara a miña opinión e o que ía dicir sobre esta novela.

Si decido quedarme de Gayle Forman é un libro moi popular na literatura xuvenil e con moi boas críticas (que ademais conta cunha adaptación cinematográfica), polo que había tempo que o quería ler, e ademais ten un argumento moi chamativo, moi interesante que me inspirou unha gran curiosidade dende o primeiro momento.

Mia e a súa familia deciden visitar aos seus tíos unha mañá nevada de inverno, dado que se suspenderon as clases por esta mesma razón. De camiño, sofren un accidente de tráfico, como consecuencia do cal, Mia entra en coma e deberá decidir se quedarse ou morrer, tendo en conta a súa situación actual.

Esperaba moito máis. Pensaba que ía ser unha novela moitísimo máis profunda e reflexiva, e que me ía encantar, en cambio, fíxoseme moi superficial e para nada tan impactante como esperaba.

Para empezar, o feito de que Mia sexa unha especie de "fantasma" que o ve todo mentres está en coma, xa non me acaba de convencer, preferiría (e pensaba que ía a ser así) que ela escoitase e notase cousas dende o seu corpo, é dicir, que aínda que estivese inconsciente estivese igual atenta ao que ocorrera ao seu redor e se enterase de todo de igual maneira. Aínda así, este feito é un detalliño, unha tontería que non me molestou demasiado na gran montaña de puntos que non me souberon convencer.

A novela, estábame gustando moito mentres Mia recordaba o seu pasado e os últimos sucesos na súa vida, encantoume como a autora intercala estes recordos coas accións que ocorren no presente do libro durante toda a novela, iso teño que recoñecerllo, pero entón, cheguei á parte na que o noivo de Mia chega ao hospital e non lle deixan vela. Basicamente, nese momento el e a mellor amiga da protagonista fan a maior e menos críble estupidez xamais lida ou escrita na literatura mundial. Quedei... descontenta totalmente e coa boca aberta da sorpresa de semellante tontería.

A partir de entón, Mia empeza a ter razoamentos estraños sobre se dependerá ou non dela o quedarse ou morrer (metidos no argumento, ademais, con calzador e moi collido con pinzas, pero ímosllo perdoar) e a basar a súa decisión en recordos e sucesos francamente superficiais e sen importancia, a maioría dos cales arredor da figura do seu mozo e a súa, aínda non decidida, relación a distancia. Francamente, decepcionoume moitísimo que no único que poida pensar no momento da súa importante decisión como argumento para quedar, sexa a súa relación amorosa.

Como xa comentei, o único que verdadeiramente me gustou da novela e non me decepcionou, foi a tan boa obra por parte da autora á hora de introducir os recordos na trama, algo que non soubo manter na creación dun final e conclusión á novela. Simplemente, Mia toma a súa decisión (que ademais se vía a leguas, pero bueno, non estivo tan mal levada) en catro frases, coma quen di, demasiado rápido e sen darche tempo a paladeala. Mal.

Conclusión: Decepcionada é pouco. esperaba moito máis con ese argumento tan prometedor e esas críticas tan boas, pero quedei pasmada do pouco que me fixo sentir e me emocionou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...