06/08/2015

Reseña: Numbers 01

     



Non coñecía de nada a triloxía Numbers de Rachel Ward, nin sequera me sonaba a súa portada ou o seu nome, directamente descoñecía a súa existencia, polo que non sabía as opinións dos seus lectores nin podía sequera adiviñar con que me ía a atopar, pero tras ler o seu argumento, a miña curiosidade puidome e decidín lanzarme á súa lectura. 

Jem ten a capacidade de ver a data na que morrerá toda persoa que a mire aos ollos, o que lle acarrexa grandes problemas, como o deixar de relacionarse, porque é difícil implicarse en algo ou con alguén cando sabes o día exacto no que vai a deixarche. Jem coñecerá a Spider e xuntos emprenderán unha viaxe a Londres, onde presenciarán un acontecemento que fará que ambos deban fuxir .

É realmente un libro diferente. É algo que se di a miudo e de moitas novelas distintas, pero realmente non creo que haxa unha palabra mellor que defina esta primeira parte da triloxía Numbers. A autora crea un mundo duro e cruel que, ao igual que as situacións que deben vivir os personaxes e as súas actitudes, non está para nada endulzado, senón que se presenta dunha forma realista e dura durante toda a novela. Neste aspecto, recórdame en certo modo á triloxía La cazadora de sueños de Lisa Macmann: aínda que con tramas diferentes, ambas novelas teñen unha esencia negativa que se transmite ao lector e que non sei como explicar. En Numbers, os dous personaxes principais sofren unhas situacións difíciles que marcan o seu carácter por completo, facendo que influan no seu comportamento e accións durante todo o libro, sen tregua, e agreando os seus carácteres. É algo que me gustou moito na novela, e que está realmente moi presente en toda ela e na súa propia esencia.

En canto ao argumento, cando lees a sinopse podes ter unha idea diferente da dirección pola que vai ir a autora. Realmente eu pensei que ía tirar pola típica historia de "poderes", pero nada máis lonxe da realidade, pois a historia de Numbers vólvese orixinal grazas ao enfoque de Rachel Ward.

Encantoume es especie de road trip (tan de moda na literatura xuvenil nos últimos anos) que se nos presenta, aínda que en realidade se trata dunha fuxida, na que os dous protagonistas deben buscar unha forma de sobrevivir e que, unha vez máis, non é para nada fácil, senón dura e chea de penurias. Foi, quizais, o que máis me gustou do libro, e un gran punto positivo de Numbers sen dúbida algunha. Outro, é a capacidade da autora de crear personaxes cunha forma de ser para nada perfecta e tópica, senón realista, sobre todo nos personaxes secundarios, como a avoa de Spider ou as persoas que atopan na súa fuxida.

Algo negativo do libro é o seu final, demasiado apresurado en certo sentido, concluíndo de repente a súa fuxida, debido a algo (relacionado con Spider) que ocorre sen previo aviso e dunha forma moi rara e totalmente diferente ao que a novela me tiña acostumada ata ese momento. Non sei como explicalo sen facer un spoiler, realmente, pero simplemente quedei algo chafada e preguntándome que acababa de ocorrer.

Cando terminei esta primeira parte da triloxía Numbers, quixen mirar inmediatamente como comezaba a seguinte parte e de que trataba, pois a trama da primeira queda totalmente pechada ao seu remate, e sorprendinme gratamente ao descubrir que o narrador era un personaxe diferente a Jem (cuxa identidade non podo aclarar para non caer en spoilers e revelacións da novela). Isto é algo que me chama bastante e me gusta, tendo en conta ademais as circunstancias do fin da primeira novela e a identidade do narrador. Non teño a seguridade de que o terceiro libro sexa tamén contado dende o punto de vista de outro personaxe (non quixen mirar para non descubrir nada que non quixera saber) pero creo e (espero) que si.

Conclusión: Ben, pero nada especial. Entretívome e gustoume bastante, pero non se trata de nada fóra do común, aínda que teño ganas de continuar coa triloxía.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...