1 de ago. de 2015

Reseña: Sueños de dioses y monstruos (Hija de Humo y Hueso 03)


A semana pasada publiquei este Book Tag sobre portadas de libros (para ver máis Book Tags clica aquí) no que dixen que Hija de Humo y Hueso era unha das miñas triloxías favoritas, cuxas dúas primeiras partes me encantaran, hai bastante tempo, cando as lin, e que tiña ganas de rematar a triloxía pero que tiña medo de facelo sen recordar como terminara o segundo libro. Estiven dudando se ler Sueños de Dioses y Monstruos ou non, e finalmente decidín (cunha gran axuda) lanzarme á aventura e terminar esta saga que tanto me gusta.

Karou é un tanto diferente ás demais rapazas, non só polo seu pelo azul, senónporque foi criada polas quimeras, uns seres diferentes a todo o que coñecemos, e en particular por Brimstone, que foi como un pai para ela. Karou é sempre enviada a cumplir estraños encargos, entre os cales se atopa recoller dentes de distintos animais (tamén humanos) que Brimstone precisa, aínda que ela non sabe para que. Esta non é a súa única dúbida, tampouco sabe como acabou sendo adoptada por el e ten a estraña sensación de ter esquecido algo. Cando as quimeras comezan a correr perigo, Karou coñecerá a Akiva e aos demais serafíns, e logrará atopar algunhas respostas. Esta terceira parte, segue onde o deixou a segunda: de forma moi intrigante.

Dende que comecei a novela recordei de súpeto todo o que lera nas outras dúas partes da triloxía, polo que non tiven ningún tipo de problemas na miña lectura. De golpe, percibín de novo esa esencia da novela que tanto me gustara nas outras dúas, tan diferente á do resto dos libros que lin, pois Laini Taylor crea un mundo tan distinto a calquera que puidéramos atopar en libros e películas, sen caer en tópicos e tramas demasiado vistas, que, de verdade, me encanta.

Esperaba que a maior parte da novela tratase da batalla entre os Ilexítimos e quimeras e os serafíns, pero, en cambio, non é a parte máis importante para nada, de feito non se nos conta como se desenrola, só sabemos o resultado e quen foi o gañador, pero non estamos presentes durante o enfrentamento, algo que agradezo, pois soe aburrirme o exceso de acción deste tipo, en batallas e guerras ou enfrentamentos. En cambio, a novela céntrase máis en como afecta a chegada dos anxos á Terra e como solucionalo. Vese como ocorre esa mesma historia dende o punto de vista de diferentes personaxes dende diferentes lugares, non só por parte dos protagonistas, e incluso se engade un personaxe moi moi moi importante, Eliza, que me encantou.

Este era un tema do que quería falar a fondo, pois provoca que se retomen tramas abertas en libros anteriores que non se solucionaran, como a historia do anxo caído Razgut (que me encanta como personaxe secundario, a pesar de que non é especialmente bo, pero si moi interesante de novo) que por fin se nos revela e se nos conta de forma pausada. É unha parte do argumento que se abre no segundo libro da triloxía e que me deixou, recordo, intrigadísima, pois vin a importancia que podía ter na historia. Por fin, encaixan todas as pezas do puzzle, grazas a Eliza, que revela grandes incógnitas sobre o funcionamento do mundo de Hija de Humo y Hueso e provoca que todo teña sentido e esplicación por fin. Resalto de novo o personaxe de Razgut, porque creo que está moi ben creado, cun trasfondo que podemos entrever, e unha gran profundidade, polo que non podo evitar sentir moita pena e lástima, a pesar de que, como xa dixen, non é precisamente unha boa persoa dende un tempo atrás. 

Tamén me gustou o final da triloxía, moi adecuado para esa esencia da que falaba antes, porque un final sinxelo e "fácil" non tería ido, para nada, acorde ás novelas e á complexidade dos sucesos que nelas se nos narran.

Conclusión: Encantada. Novela, ao igual que a triloxía enteira, directa á lista das mellores lecturas do 2015 e mellores triloxías en xeral. Non decepciona nin decae en ningún momento, moi ben.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...