2 de set. de 2015

Adaptacións cinematográficas #2: Ciudades de Papel.



Traio de novo unha entrada dentro da sección de Adaptacións cinematográficas de libros, esta vez sobre a película basada nunha das novelas de John Green que máis adoro: Ciudades de Papel.

Houbo unha gran polémica sobre o feito de que a encargada de representar o papel protagonista feminino, o papel de Margo, fose a modelo Cara Delevinge, non só por tratarse dunha modelo en lugar de unha actriz (algo que non gustou demasiado) senón, nalgúns casos, por ser ela a modelo en cuestión, unha moza que causa habitualmente moita polémica. 
Isto é algo que a min non me molestou en absoluto, nin antes de ver a película nin despois, pois ela presentouse a un casting onde foi elixida e competiu contra outras candidatas, non conseguiu o papel por ser unha modelo famosa, ademais de ser seleccionada polo propio escritor da novela, John Green, que a cría a máis indicada. Ademais, o día 21 de Agosto, o día antes de que eu escribise este artigo, Cara anunciou o seu abandono definitivo das pasarelas para adicarse a outros proxectos, como a interpretación, tras declarar que o mundo da moda a fixera odiar o seu propio corpo. 

En canto á súa interpretación na película, creo que a elección foi moi boa; poucas actrices terían podido pegar tan ben nese papel, pois Margo Roth Spiegelman ten un carácter moi semellante ao da modelo e é polo menos tan polémica como a propia Cara, ademais de contar cun físico que podería ser perfectamente o desta última. 

En canto ao resto dos papeis, creo que os actores foron bastante ben elixidos. Ningún deles era coñecido, coa excepción da xa nomeada Cara Delevinge e o intérprete que facía as veces de Quentin, Natt Wolf, que os, coma min, fans de John Green saberán que tiña o papel secundario de Isaac en Bajo la misma estrella, a outra película basada nunha novela do autor.

Outra cousa que relaciona ambos filmes, é o cameo de Ansel Elgort, Augustus Waters en Bajo la misma estrella, que aparece en Ciudades de Papel como o dependente da gasolineira durante uns segundos, facendo que todo o cine afogara unha exclamación ao recoñecelo.

En canto á adaptación da novela de John Green Ciudades de Papel para crear a película, estou bastante satisfeita. Non houbo ningunha parte ou escena inventada ou cambiada de orde nin se esqueceron de partes importantes do libro. En realidade, levaron á gran pantalla a historia da novela bastante ben pero non quedei de todo contenta en certos aspectos: En primeiro lugar, as partes de Quentin e Margo estiveron realmente ben, moi moi ben, pero aquelas nas que facían a súa aparición os amigos do protagonista, para min, fastidiábana. No libro, Ben, un dos mellores amigos de Quentin, é simpático e divertido e fai que, con certos comentarios seus que vas lendo ao longo das páxinas, esboces un sorriso ou soltes unha gargallada directamente, pero na película, quixeron explotar demasiado esa parte para que gustase máis ao público adolescente (ou esa foi a miña impresión) creando bromas estúpidas e para nada divertidas que fixeron que o Ben que tanto me gustaba na novela me parecese odioso e repelente, ao igual que o outro amigo de Quentin, Radar, aínda que en menor grado. 

En cambio, tamén me ocorreu todo o contrario con outro personaxe, Lacey, amiga de Margo, que na novela apenas tiña importancia e me deixara totalmente indiferente mentres que na película me caeu realmente ben.

A conclusión é positiva, gustoume moito a película e como se adaptou, se ben non creo que captara a esencia de John Green nin da novela todo o que podería telo feito e notei certos fallos, polo menos no que a min respecta, como a excesiva atención e importancia que se lle da á relación Angela-Radar, mentres que é algo totalmente secundario no libro, segundo creo recordar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...