30 de set. de 2015

Reseña: Marina



Simplemente marabilloso. O primeiro libro que lin de Carlos Ruiz Zafón foi El príncipe de la niebla, hai dous anos, e gustoume tantísimo que continuei con outras das súas novelas. Por esa razón, cando souben da existencia deste libro do autor, Marina, grazas a Booktube, quixen lelo de inmediato (aínda que o tiven un par de meses na estantería antes de comezar con el...).

Cando abrín o libro por peimeira vez non tiña a máis remota idea de cal era a trama da novela, non porque evitase ler a sinopse da contraportada, senón porque, directamente, non é que nela se diga demasiado, e case me alegro de que tivese sido así, para poder terme sorprendido ao longo do libro. Aínda así, eu si vou facer a miña propia sinopse (coma sempre) por se alguén quere realmente descubrir que temas trata o autor.

Na Barcelona de 1980, Óscar adéntrase, nun dos seus paseos pola cidade, nunha antiga mansión con aspecto abandonado, atraído por unha kisteriosa e cautivadora voz. Cal será a súa sorpresa cando nese mesmo lugar coñeza a unha rapaza que desprende algo especial, pola que enseguida se verá atraído, Marina. Xuntos investigarán os misterios do pasado da capital catalana e veranse envoltos en estraños sucesos...

Quizais ao principio do libro non sentía esa pasión pola historia que máis tarde me embargaría, pois aínda se tarda bastante en comezar coa verdadeira trama principal, pero non era capaz de parar de ler aínda que só fose pola marabillosa maneira de escribir do autor. Ten unha forma de expresarse extremadamente literaria e incluso poética, que fai que sintas o que ocorre cunha gran intensidade e que te vexas absorbido por completo pola novela. 

Todo é narrado con delicadeza, lentamente e dunha maneira moi nostálxica, como o propio escritor admite na pequena introducción que podemos atopar no libro, na que nos explica por qué Marina á a súa última novela xuvenil e por qué se trata dun libro tan importante para el (sobra dicir que tamén me encantou este pequeno texto do autor) pero sen que isto impida que nos vexamos atrapados polo interesante misterio e que leamos certa partes con tensión e certa acción.

En certo modo é parecido a El cuento número trece, que sabedes que me encantou, no sentido desa nostalxia que percibimos e, sobre todo, no feito de que toda a trama se sostén nunha historia pasada, ocorrida moitos anos atrás, que é o pilar básico da parte "do presente" do libro, sen o cal non podería existir. Soubo apasionarme e encantarme tanto neste caso como o fixera o outro libro, volvendo a interesarme case máis a historia pasada que o que lles estaba ocorrendo aos personaxes principais no presente.

En canto ao final, que sabedes que é un punto culminante para decidir se unha lectura me gustou ou non e que son moi crítica nas miñas valoracións a este respecto, debo dicir que non o esperaba, nin o do pasado nin (sobre todo) o do presente, e que chorei moitísimo. 

En conclusión: Unha novela marabillosa, recomendadísima e moi especial.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...