4 de set. de 2015

Reseña: El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares.



El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares é a primeira parte dunha triloxía (creo que é unha triloxía, polo menos hai un segundo libro) aínda que eu pensara cando o comecei (e tamén cando o rematei, porque o final non fai pensar que vaia haber unha continuación) que era un libro autoconclusivo. Tiña ganas de iniciar a lectura desta novela tan peculiar precisamente por ser tan rara e diferente, xa que chamaba a miña atención e non sabía que ía atopar.

Jacob admiraba profundamente ao seu avó na súa infancia, e aínda agora continúa tendo un gran vínculo con el, grazas en parte a unhas marabillosas historias que lle contaba con protagonistas un tanto especiais, como unha nena que levita ou un rapaz con abellas vivindo dentro do seu corpo. Agora, seguindo o rastro deixado nas súas cartas, Jacob decidirá buscar a illa na que o seu avó se criou para dar resposta a moitas das súas preguntas.

O principio do libro gustoume moitísimo, porque era en si bastante intrigante. O lector quere saber se as historias protagonizadas por eses personaxes peculiares son ou non reais e se o avó é en realidade un deses nenos con capacidades estrañas e apasionantes ou se só o inventou todo. Isto ven provocado en gran parte polas marabillosas e preciosas fotografías antigas que podemos atopar ao longo de toda a novela (como a que ilustra a portada, unha das miñas preferidas, que me parece moi bonita) nas que se aprecian esas capacidades peculiares que, polo menos supostamente, teñen os habitantes dese fogar no que o avó se criou.

Os acontecementos que podemos ler ao principio da novela son, como dicía, algo misteriosos, pois á chegada de Jacob á illa coñecemos un lugar tan peculiar como os propios rapaces dos que o avó fala: (está completamente incomunicada e case deshabitada) pero cara a metade do libro, ese interés que tiña foise desvanecendo pouco a pouco, pois a trama tirou cara un lado que, realmente, non acababa de interesarme e gustarme, xa que tiña xa uns tintes fantásticos dun estilo que eu non esperaba, é dicir, era obvio que con esa trama algo así íamos a atopar, pero non cría que ía a atopar unha fantasía ou ficción desas características, polo que non puiden evitar decepcionarme un pouco e que todo o que a novela me gustara ata entón fose a menos.

Todo comeza a desmoronarse cando Jacob descobre o que descobre (coma sempre evito spoilers), xa que me pareceu algo demasiado fantástico e algo collido por pinzas, pero tampouco era para tanto, polo que entón non me importou demasiado, pero cando entran en escea eses enimigos, xa vin que a miña impresión non ía a ser tan tan boa como pensaba. Desde ese punto da novela, ademais, comezou a embargarme unha sensación de aburrimento tal, que desexaba profundamente rematar o libro dunha vez e acabar con ese sufrimento. A pesar de todo, gustoume bastante o final (pois queda algo aberto pero non de todo, polo que non me vexo obrigada a seguir coa triloxía) sobre todo polo feito de que todos os cabos quedan ben atados; todas as tramas abertas e incluso pequenos detalles que se din sen concederlle demasiada importancia teñen a súa explicación. Nese aspecto, moi ben.

Como dicía, non vou continuar coa triloxía, ademais de porque agora mesmo estou rematando dúas (a saga Traición e a saga de Las tejedoras de destinos) porque cando emprendín esta lectura estaba firmemente convencida de que se trataba dun libro autoconclusivo, polo que iso non entraba nos meus plans.

Conclusión: Empeza moi ben e decae ata concluír cun final aburrido e nada especial. En resume, nada destacable pero tampouco me desgustou, simplemente non era a lectura adecuada para min nese momento e non soubo convencerme de todo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...