27 de xul. de 2015

Reseña: Hielo negro



"Hielo negro"  é un libro de Becca Fitzpatrick, autora coñecida por ser a autora de Hush, Hush, saga fantástica xuvenil que non lin e non sei se lerei,dada a cantidade de críticas negativas que lin (case máis numerosas que as positivas). En calquera caso, Hielo negro, é unha novela cunha temática totalmente diferente e sen ningún tipo de relación coa saga, que tiña un argumento interesante e que me parecía (como foi realmente) moi sinxela e rápida de ler á par que entretida.

Conta a historia de Britt, unha rapaza que organiza unha viaxe ás montañas para facer alpinismo coa súa mellor amiga Korbie e o mozo desta. Finalmente, o irmán de Korbie, Calvin, debe acompañalas, o maior pesadelo de Britt, dado que ambos estiveran xuntos e que el terminara a súa relación dunha forma rara e sen explicación aparente. Cndo chegan á montaña, Korbie e Britt vense envoltas nunha serie de acontecementos que faran que acaben sendo secuestradas nunha cabaña, aisladas do mundo por unha nevada, por dous estraños individuos que parece que teñen relación cunhas mortes que sucederon na zona.

A impresión xeral foi dunha novela simple e entretida, sen máis. Non é unha gran e imprescindible lectura pero non estivo nada mal e creo que é moi boa opción para ler no verán, non pola temática nin a situación, pois todo ocorre no inverno e no medio dunha forte nevada, senón polo tipo de lectura lixeira que adoita apetecernos nos meses estivais.

Os sucesos que se narran na novela son bastante misteriosos, pois a autora non só nos describe os acontecementos, senón tamén se nos presentan á perfección os pensamentos e sentimentos de Britt e as conclusións que ela saca das esceas que presencia, deixando así que saquemos tamén nós as mnosas propias conclusións. Esperaba un argumento diferente, que a historia tirara por outro lado, centrándose máis nas mortes e na resolución dos misterios, en cambio Becca Fitzpatrick fixo que a historia xirase en torno á supervivencia de Britt e os acontecementos que presencia mentres é retida na cabaña. Tamén cobra moita importancia a relación Calvin-Britt, pois, aínda que el non está moi presente durante a novela, Britt analiza os momentos que ambos viviron e saca novas e relevantes conclusións que fan que cambie de opinión sobre numerosos aspectos da súa relación pasada.

 A evolución dos personaxes é moi notable ao longo da obra, vemos unha Britt que cambia moitísimo a súa actitude e a forma de ver o mundo, e se replantea, como xa dixen con anterioridade, varios aspectos da súa vida. En canto ao seu raptor, simplemente direi (para non revelar nada) que me gustou o cambio, si ben foi sacado un pouco da manga, demasiado de súpeto e sen explicación aparente; a autora debería ter ido máis pouco a pouco.

En canto á intriga do libro, estivo bastante ben, aínda que esperaba máis, pero non contaba con ese final nin esa conclusión, así que supoño que non estivo mal. Un pouco collida polos pelos a explicación a todo, pero podía estar moitísimo peor. Simplemente non se centra tanto nese aspecto como imaxinaba e non é o máis importante do libro.

Conclusión: Entretido, sinxelo e non está nada mal. Gran lectura para o verán pola súa lixeireza e bastante diferente ao que estamos acostumados a ver na literatura xuvenil. Ben.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...