12 de xul. de 2015

Reseña: Mystic City 1: Ciudad del Agua



Mystic City é unha triloxía que tiña inmensas ganas de ler dende había moito tempo, pois mesturaba dous xéneros que me encantan: a distopía (pois a historia desenvólvese nun mundo futurista non tan bo como parece) e a fantasía (existen na novela uns seres, chamados místicos, que teñen cualidades especiais). 

A novela sitúase nun futuro Manhattan que foi, en parte, asolagado polo mar debido debido ao cambio climático e ás altísimas temperaturas que este provocou, que fixeron aos polos derretirse e subir, polo tanto, o nivel do mar. Os cidadáns máis pobres viven na zona baixa da cidade, case cuberta por auga, con canais semellantes aos venecianos, e en moi malas condicións, e as persoas con máis diñeiro e mellor situación, teñen as súas casas máis arriba, nunha especie de plataformas chamadas Atalaias. As familias Rose e Foster, moi poderosas e con gran influencia no goberno da cidade, foron enemigas durante xeracións e xeracións, ata que se anuncia o compromiso entre Aria Rose e Thomas Foster. Aria é a protagonista da triloxía, unha rapaza que sufriu unha sobredose de stic (unha droga moi perigosa) como consecuencia da cal non recorda nada, nin sequera ao seu prometido, a consecuencia do cal, comeza a descubrir sucesos e cousas moi misteriosas e que non acaba de entender sobre os místicos e o funcionamento da sociedade.

Dende a primeira páxina, xa vin que me ía, non só a encantar, senón a apasionar esta novela, pois era moi diferente a outras do mesmo estilo ou xénero. En lugar de explicarche o funcionamento da cidade e sociedade e a súa distribución dende o primeiro momento e de forma clara, como na maior parte das distopías, o autor vai deixándoo caer pouco a pouco, ao longo dos primeiros capítulos. Isto é algo que, senón se fai ben, pode resultar moi negativo e perxudicial para a novela, pero neste caso foi apasionante e non provocou que non me enterase de nada, como podería ter sido, nin que non me quedaran claras as diferencias sociais da época. Ademais, Mystic City 1 comeza cando Aria non recorda nada do que pasou nos meses anteriores, nin a súa relación con Thomas, polo que sabes o mesmo que ela en todo momento e descubres todo á vez que ela o fai, polo que non podes parar de ler e, en moitos casos, sorprenderte cos seus descubrimentos.

Con respecto a estas intrigas e sorpresas, debo dicir que non me sorprendín para nada coa maior parte delas. A intención do escritor era impactar ao lector; que non esperara nin pensara que ían ocorrer eses cambios bruscos, pero hai varios, a maioría, que xa esperaba totalmente dende o principio. Aínda así, imaxinade o moitísimo que me gustou a novela, non me molestou nin decepcionou en absoluto o adiviñar a resolución destes problemas e quedei encantadísima. 

Debo destacar (non é spoiler, pono na sinopse de Mystic City) que hai unha revolución por parte dos máis marxinados e peor tratados da sociedade (como en todas as distopías xuvenís, ou no 97%), que é un factor que non me atrae moito e que me chega a cansar incluso, como xa comentei en varias reseñas de sagas distópicas, pero nesta triloxía o autor, polo menos de momento, fíxoo moi ben: non centrou moito a trama en iso, pero tampouco o olvidou; non o converteu en algo pouco creíble e tampouco o fixo pesado.

Con respecto aos personaxes, estou encantada con Aria, pois non é un personaxe feminino demasiado indefenso e que busca a protección do protagonista masculino durante toda a novela (chegando a levar a cabo actos heroicos sen apenas experiencia no campo da loita e revolución), e tampouco é plana, senón que ten unha personalidade bastante marcada e que me agradou en gran medida. Pero, sen dúbida, o meu personaxe preferido é Hunter: non se fai o duro, non intenta "alonxarse de Aria para a súa seguridade" dunha forma estúpida e sen vir ao caso, nin outras actitudes comúns e desgradables. Un sincero aplauso para Theo Lawrence!!!!

Conclusión: Unha novela apasionante, que mestura fantasía e distopía, e que se converteu nunha das miñas triloxías favoritas. Animada e con mil ganas de ler a continuación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...