21 de xul. de 2015

Book Tag #3 : Portadas de libros


1. Portada que me namorou dende a primeira vez que a vin.




Como creo que dixen xa en varias ocasións, o que, sen dúbida, fixo que quixese ler "Como agua para chocolate" foi a portada do 25 aniversario do libro, no que o título e a autora están escritos en chocolate fundido, con pequenas virutas de caramelo de cores por enriba. Sei que non é un bo argumento para ler un libro en ningún caso, pero trátase da pura verdade. Paréceme moi moi bonita a pesar de ser tan simple e adóroa.

2. Portada cun significado que non entendín nun principio.




Trátase dunha boa ocasión para nomear "Buscando a Alaska" de John Green. Os demais libros do autor foron publicados pola mesma editorial e, a pesar de que non son unha saga senón que son independentes entre eles, todos teñen un deseño moi semellante (en todos precioso) que, sobre todo neste caso, non garda relación coa historia se non a lestes. Ata a metade de "Buscando a Alaska" o lector non descubre que ten que ver a margarida cos acontecementos narrados e co argumento (e aínda cando esto ocorre a relación non é moi significativa, pero é unha portada bonita).


3.Tipos de portada que me provocan sentimientos negativos.


Este é un bo apartado para falar dos libros nos que aparece unha parella "acaramelada". Si se trata dun libro de romántica xuvenil, pois é algo normal e aceptable pois ten relación coa trama do libro e a min, que non me gusta demasiado este xénero literario, xa se me advirte que non é un libro para min. Pero o problema ven cos libros cuxo tema principal non é este, senón que son libros fantásticos, distópicos, de misterio... pero teñen unha portada que os fai parecer de tema romántico. Isto pode levar a unha confusión, pois se eu xa sei que non me gustan os libros de romántica xuvenil e creo que a novela con esa portada é deste xénero, descartareina sen darlle unha oportunidade debido a esa idea equivocada que se formará na miña mente. Un par de exemplos de libros cuxa trama principal non é amorosa pero mostran parellas na portada: Across de Universe (distopía) e Cazadores de Sombras (xénero fantástico).







4. A portada que menos me gusta dun libro que teño.

A portada de Sin tiempo para soñar de Jordi Sierra i Fabra paréceme horrible polo simple feito de que a foto está anticuadísima, é dicir, actualmente ningún adolescente leva esas pintas nin, por suposto, eses pelos, iso é máis ben dos anos 90 ou dos principios da primeira década do século XXI, en calquera caso non me gusta nada e tampouco pega demasiado co contido da novela. Se cambiaran a edición, sería moito mellor.






5. Unha portada pola que me sentín atraída pero cuxa historia me decepcionou bastante.






"Crónicas de la Atlántida" é un libro que lin hai moitísimo tempo ( e cando digo moitísimo tempo, digo moitísimo tempo) e que, pola súa portada (moi bonita, haino que recoñecer), me dou unha idea equivocada de sobre a historia e me fixo pensar que me gustaría, cando recordo que me aburrira soberanamente e fora unha gran decepción.


6. Portadas sen conexión coa historia do libro.




É hora de que fale (creo que por primeira vez neste blog) da triloxía de "Hija de Humo y Hueso". Lin tan só os dous primeiros libros (porque a terceira parte saíu bastante recentemente e xa hai anos que rematei o segundo libro, polo que non recordo nada e non si debo continuar coa saga sen saber como acabou o último libro que lin. De todas maneiras, non direi que non, por si cambio de opinión e calquera día vos sorprendo cunha reseña de "Sueños de dioses y monstruos"). É unha das miñas triloxías preferidas, encántame (polo menos os dous libros que lin) e por iso me da pena a portada da primeira parte da triloxía, da que vou a falar. Non reflexa para nada a esencia da novela e non ten nada que ver co argumento, sendo ademais moi fea (polo menos na miña opinión). As portadas das outras dúas partes, tampouco é que teñan ningunha referencia ao contido da novela, pero polo menos son bonitas, sobre todo a última.

7. Libro que merecería unha portada mellor.




Encaixan á perfección nesta pregunta calquera dos libros da saga de Pequeñas Mentirosas. Todos teñen portadas horribles, sobre todo os catro primeiros,nos que se ve unha boneca horrenda de corpo enteiro. É unha saga marabillosa que me encanta e, sen dúbida, merece unhas portadas mellores.

8. Libros cuxas portadas captan á perfección a esencia das historias que conteñen.




El Destello, precuela de El corredor del laberinto, ten unha portada que me encanta e que creo que cumpre esa premisa á perfección, ao igual que as portadas dos tres libros que forman a propia triloxía, pois nelas represéntase como é o mundo no que se desenrola a historia. Son unhas portadas realmente moi descriptivas.

9. Libro do que prefiro a portada co póster da película.




A triloxía A Materia Escura de Philip Pullman tiña orixinariamente unhas portadas horribles e pouco atraentes, que lle daban ao libro un aspecto infantil. Debe ser un dos primeiros casos nos que antepoño a portada co póster da película á orixinal. Encima destas liñas podedes comparar o primeiro libro da triloxía coa foto da película (esquerda) co orixinal (dereita). Aínda que teñan títulos diferentes, son o mesmo libro, simplemente cando se fixo a adaptación cinematográfica, decidiuse cambiar tamén o nome (persoalmente prefería Luces del Norte, o título orixinal, a La Brújula Dorada).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...