17 de out. de 2015

Reseña: Navidades Trágicas (Detective Hercules Poirot)




Despois de bastante tempo sen ler e (publicar unha reseña) dun libro do detective creado por Agatha Christie, Hercule Poirot (para ver as reseñas anteriores e próximas da serie clica aquí).

Esta vez, cóntase como todos os membros da familia Lee se reunen con motivo das festas de Nadal, despois de anos separados por diversas pelexas, problemas de herencias e demais, polo que non se trata exactamente dun reencontro agradable para a maioría dos irmáns Lee e as súas mulleres. Ademais, o señor Lee (o pai) está moi enfermo, case inválido, polo que a súa única diversión é crear pelexas e poñer en evidencia ás persoas do seu redor, polo que se complica aínda máis a xa tensa reunión familiar. Cando un dos Lee aparece brutalmente asasinado, Poirot deberá descubrir a identidade do autor do crime.

O primeiro que me agradou e sorprendeu positivamente (e que realmente é o mellor da novela, sen dúbida) é a forma tan diferente de ser narrada con respecto ao resto das obras de Christie: en lugar de contar o que ocorre dende o punto de vista de Poirot ou dalgúns dos protagonistas, a autora limítase a describir diferentes escenas entre cada un dos matrimonios protagonistas durante a primeira metade da novela, sempre e cando teñan relación co argumento desta; unha conversación ou escea en cada capítulo. Desta maneira, o lector está enterado do que ocorre incluso antes que o detective belga e os demais sospeitosos, e pode sacar conclusións e movementos estraños que chamen a súa atención.

A partir da metade do libro, isto xa cambia (tristemente, aínda que tamén está ben esta maneira, a "convencional" ou máis típica da escritora de misterio) e vemos a investigación do asasinato e a súa resolución dende o punto de vista de Poirot, con tan só algunha escea intercalada entre outros protagonistas semellantes ás da primeira metade.

En canto ao misterio en si, POR FIN atopo esa esencia de Agatha Christie que nas últimas novelas lidas súas apenas se deixaba entrever. É un asasinato intrigante polas circunstancias de odio similar nas que se produce e pola forma peculiar (unha vez máis) de narrarse. Mestura un roubo cun asasinato (non digo nada máis, xúroo) e a autora introduce pouco a pouco diversas conversas e misteriosos diálogos que fan que nunca esteas seguro da identidade do culpable, pois parece que aumentan as sospeitas sobre alguén ata a seguinte páxina, na que parece que o asasino é outra persoa totalmente oposta. Marabillosa a maneira de soster o misterio en cada momento, aínda que decae un pouco en certas partes.

En canto a esa resolución do misterio, ese final que tanto caracteriza a autora por sorprender a todos e cada uns dos seus lectores, fíxome quedar bastante satisfeita. E se digo "bastante" e non "completamente", é porque (si, non podía deixar unha reseña sen decilo) quizais hai un aspecto que relaciona ao culpable coa razón pola que levou a cabo o asasinato que está un pouco collida por pinzas e non é demasiado lóxica. A pesar disto, considero que é o mellor final que podia dárselle á novela e era mposible que fose máis sorprendente, pois xamais se me pasara pola cabeza esa posibilidade. Un crime planeado con lóxica e intelixencia e cunha gran razón de ser de fondo.

En conclusión, unha boa novela da autora e xénero, bastante arriba no ranking das miñas novelas de Agatha Christie preferidas, pero tampouco é nada fóra do común, na liña da autora.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...