19 de feb. de 2016

Reseña: Noches Blancas.




Cando vin que se ía publicar outro libro de John Green en España (aínda que fose unha recopilación de relatos de varios autores) alegreime de maneira excesiva e desexei con toda a miña alma lelo. Ademais, trataba a temática navideña, a miña época preferida do ano.

Cando por Reis recibín un exemplar como regalo non collía no corpo do gozo, porque desexaba, con ansia, volver a disfrutar a John Green pero, ironías do destino, o seu foi o relato que menos me gustou dos tres, o menos navideño, o máis simple e o que conseguiu deixarme indiferente.

Este libro recopila, como dixen, tres relatos de tres autores xuvenís, protagonizados por diferentes personaxes cada un deles, aínda que os principais de cada historia son secundarios na seguinte e así sucesivamente. Son tres historias de amor, pero distintas, nada pastelosas, cun espíritu navideño que me encantou (aínda que o lese un mes máis tarde de ter acabado o Nadal). Con el cumprín a condición de "Ler un libro dun autor que che gusta" que sacara da Book Jar.

O primeiro relato prantexa o comezo da trama que máis tarde seguirán os tres, ensínansenos o lugar do que parte a historia: un tren que queda parado debido a unha tormenta de neve. Unha rapaza que viaxa nel, compartirá compartimento cun mozo da súa idade e ambos comezarán a coñecerse. 

Este relato, o de Maureen Johnson, foi o meu segundo preferido, porque si conseguiu que disfrutase pero tampouco me pareceu nada especial. Ademais, a protagonista, Jubilee, pareceume terriblemente insufrible e insoportable. Había momentos nos que simpatizaba con ela en certa maneira, pero na seguinte páxina ela soltaba algún comentario ou chegaba a algunha conclusión que me provocaba ganas de gritarlle ao libro. A pesar disto, esta historia pareceume bastante boa, normaliña, e non me desgustou.

A seguinte segundo a orde do libro, é a de John Green, aquel relato polo que eu mercara a novela, e que me decepcionou dunha maneira increíble. Gustoume a maneira na que se integraba aos personaxes da historia de Maureen Johnson como secundarios e descubrir cales das persoas das que esta nos falaba de maneira pasaxeira se volverían protagonistas, pero nada máis, E isto nin sequera era de todo mérito do autor.

O seu relato pareceume igual que os que soe escribir, na súa liña, pero peor. É dicir, normalmente encántanme as súas novelas pero neste caso pareceume que Green escribiu un relato sen esforzarse o máis mínimo, resaltando os puntos que menos me gustan da súa prosa e das personalidades que máis adoita utilizar e que xa coñecía, explotando aspectos que non me atraen.

De feito, algo moi curioso certamente, os personaxes principais do seu relato gustáronme moito máis no seguinte, da man de Lauren Myracle, e coa súa forma de tratalos consegueu mellorar o inmellorable.

Este último relato do libro encantoume, e desexei que se centrase nel toda a novela. De feito, conseguiu subir media estrela ou incluso máis a miña calificación en Goodreads. A trama era moito máis orixinal, a protagonista divertida, contaba cunha trama interesante e completa e a maneira de integrar as historias anteriores foi algo que Myracle soubo controlar e facer con naturalidade. 

Pareceume un relato divertido e á vez positivo, adorable, o que realmente esperaba dun libro navideño. Consegueu transmitir as ideas básicas dunha película de Nadal.

O mellor, mellor, mellor de Noches Blancas, foi o final. Ese encontro das tres parellas formadas nos relatos, a relación entre eles, como tres historias opostas e independentes se integran nunha. O libro mellora cara o final sen dúbida.

En conclusión, Lauren Myracle salva todo o libro, (aínda que Maureen Johnson non o fixese tan mal) tras a absoluta sinxeleza e sosez de meu amado John Green. Un libro para amantes do Nadal, que tampouco conseguiu conquistarme, aínda que con el esbocei algún que outro sorriso. Un sinxeliño 3/5 en Goodreads.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...