6 de feb. de 2016

Reseña: Since you´ve been gone (Desde que te fuiste)


Por fin, por fin, por fin vos traio a reseña de Since you have been gone da popular escritora de literatura xuvenil Morgan Matson. Esta novela foi a miña primeira lectura do ano e convertiuse rapidamente nunha das miñas favoritas da Historia, porque me sorprendeu moitísimo e de maneira moi positiva. 

Este libro foi un dos que comprei no verán polo meu cumpreanos, na súa versión orixinal en inglés, pero aínda non o lera, despois de meses collendo po na estantería. 
A verdade é que me sorprendeu moito, non só porque non esperaba que fose como é, senón porque as miñas expectativas con respecto a el non eran demasiado altas. Simplemente pensaba que era un libro sinxelo, normaliño e sen moita ciencia (razón pola cal, precisamente, o comprei en inglés, esperando que fose moi fácil de ler, como si o foi) pero nada más lonxe da realidade. Si é un libro que se deixa ler e engancha pero vai moito máis alá.

Conta a historia de Emily, unha rapaza tímida, moi sensata e responsable, sen moitos amigos,cuxa vida cambiará cando coñeza a Sloane, unha rapaza totalmente diferente a ela: alocada, moi extrovertida e divertida. Emily pasará de ser unha descoñecida para todos a converterse na "amiga de Sloane", e a súa vida xirará totalmente ao redor desta, polo que cando un verán desaparece misteriosamente, verase nunha situación moi difícil, totalmente soa  sen saber que facer sen Sloane, da cal depende demasiado, pero nun verán, Emily cambiar´e convertirase en alguén que non imaxinaba que podería chegar a ser, grzas a unha lista que Sloane lle deixa, con cousas que debe facer se quere atopala.

Dende o principio do libro enamoreime del e souben que me encantaría. En primeiro lugar, Emily recordoume moitísimo a min en moitos aspectos da súa personalidade e sentinme reflexada en certos acontecementos, xa que eu tamén tiven na miña vida unha mellor amiga como Sloane e pasei por certos momentos como os que ela sofre na súa relación con ela. Isto fixo que me introducise na historia de cheo, e disfrutase cada palabra.

A maneira de narrar da autora tamén axudou a que isto ocorrese, porque é terriblemente envolvente, ademais de conseguir transmitir os sentimentos e pensamentos de Emily dunha maneira impresionante. Para isto axúdase de flashbacks da súa relación con Sloane, que fan que entendas mellor polo que ela pasou ata chegar ao momento presente, que comprendas porque sinte o que sinte e pensa o que pensa.

Ten unha prosa luminosa, positiva e alegre: por moi mal que o estea pasando a protagonista e por moi inverno que fose cando lin Since you´ve been gone, para o lector é sempre verán. É unha lectura cálida, que consegue que te sintas ben. Os acontecementos narrados tamén axudan a que te sintas dese modo, porque o verán que pasa Emily é absolutamente marabilloso, bonito e emotivo.

Non hai un so detalle na novela que poida criticar, nada sobra, nada falta, todo está perfectamente construído e é unha historia perfecta.

En canto á evolución que podemos notar en Emily é algo enormemente notable: a Emily das primeiras páxinas non ten nada que ver coa do final, sendo esta unha persoa independente, libre e feliz, que descubriu unha nova maneira de vivir. Isto tamén o transmite moi ben Morgan Matson coa súa pluma que certos críticos describiron á perfección como "heartwarming". Non creo que haxa nha soa palabra no mundo que poida definilo mellor.

A relación amorosa que se da na novela tamén e marabillosa. Non se trata de instalove (de feito o rapaz de moza durante toda a hisoria ata pouco antes do final e nin seuqera Emily se espera ter nada con el) e vaise desenvolvendo de forma lenta e preciosa, sen ter unha importancia excesiva na novela pero dándolle un toque necesario que a completa. Tamén me pareceu terriblemente importante e bonito como Emily pasa de non ter a ninguén  e sentirse soa e nun bucle depresivo sin fin a ter un boísimo e marabilloso grupo de amigos que de verdade a queren e a aprecian. Esas saídas e quedadas con eles que ía lendo facíanme sorrir e sentirme totalmente feliz.

É un libro que transmite felicidade, ánimo, esperanza e calor. Unha absoluta boa lectura. Non sei como expresar como me fixo sentir; as palabras e a historia non son o principal e o máis importante, senón como a autora o plasmou, a maneira de facelo. Todo está ben atado e os sucesos teñen sentido completo, nada ocorre porque si, incluso os dramas que ocoren a final despois de que "algo" ocorra.

O ritmo da novela é tamén perfecto, o suficientemente rápido para que non te canses e o suficientemente lento para que o entendas todo, te empapes da historia e te vexas atrapado. 

O final, esa parte da trama co que sabedes que son crítica en exceso, soubo convencerme. Que non era o final dos meus soños? Non. Pero pegaba coa trama e coa novela, era adecuado, aínda que eu non faría con Sloane, non sentiría cara ela, o que Emily sentiu e decidiu (non quero spoilear).

O único, foi que quedei con mil ganas de saber que pasa con Emily e Dawn, unha amiga que ela fai no verán e que é un enorme apoio para ela, porque ambas teñen un enfado por algo que Emily fai e que a ela a pilla moi cerca (porque alguén lle fixo o mesmo) pois soluciónase o problema e a autora remata a novela sen resolver o enfado. Desde o meu interior rezo para que todo acabe ben entre elas porque a vexo como moi boas amigas nun futuro.

En resume, unha novela marabillosa, perfecta para min, cunha trama que me pilla moi de cerca e que consegue quentar o teu corazón. Extremadamente positiva, esperanzadora, agradable e perfecta, esta novela vai directísima ao Top das Mellores Lecturas do 2016, sen ningún tipo de dúbida existente.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...