25 de maio de 2015

Reseña: Sin memoria



Sin memoria é o primeiro libro da triloxía Reiniciados de Teri Terry e trátase dunha distopía que non é demasiado coñecida en España. Eu levaba moito tempo con este libro no meu e-book pero non me decidía a lelo porque non chamaba a miña atención, ata que o comecei a semana pasada e quedei encantada, sorprendida e sin palabras. Para empezar, debo dicir que as distopías son quizais os libros xuvenís que máis me gustan, polo que esta novela xa tiña varios puntos para que me encantase desde antes de comezar a lelo.

Conta a historia dunha sociedade futura na que os menores de dezaséis anos que cometeron un delito (sobre todo se foi un acto terrorista) poden conmutar a súa pena polo reinicio, é dicir, bórranselle os recordos, sensacións, coñecementos... e vólveselle a ensinar o básico para que volvan a integrarse (nunha nova familia) e comecen de novo. A protagonista, Kyla, sae do hospital no que realizan a reiniciación para ir vivir coa súa nova familia e coñece a Ben, o seu único amigo tamén reiniciado, e xuntos danse conta de que ela é diferente aos demais reiniciados e que non todo é como pensan na sociedade.

En primeiro lugar, este libro recordoume moitísimo a "Sueña" (primeira parte da triloxía La cazadora de sueños, do que xa fixen reseña) a pesar de que a temática non se parece en nada (absolutamente en nada) nin a expresión, tan só a forma pausada e lenta (que adoro) de ser contada. A autora vai pasiño a pasiño, descubrindo novas tramas, pistas e acontecementos pouco a pouco, dunnha forma pausada que adoro. Se non che gustan os libros lentos e sen (case) acción, Sin memoria non é o teu libro, debo advertir, pero a min pareceume magnífico. Non lía un libro que me apasionara tanto en moito tempo.

Unha característica do libro que creo que é moi positiva é o feito de que tes esa sensación de angustia e desconcerto, producida pola desconfianza, pois ninguén é de fiar, e  que simpatizas en seguida coa protagonista. En cambio con Ben, un dos personaxes máis importantes e amigo de Kyla, tiven sentimentos encontrados: caéme ben e pareceme moi boa persoa, pero véxoo atontado e plano, sen case personalidade, e, aínda que isto é un dos efectos secundario de ser reiniciado, non me acabou de convencer, aínda que pretendo darlle unha oportunidade, sen dúbida.

A única cousa que non me gustou en realidade de Sin Memoria, foi o final desta primeira parte, basicamente por unha razón: non o entendín. Non ten sentido. De repente, na última páxina, a autora comeza a desvariar e a dicir cousas estrañas que NON ENTENDO. Aínda así teño a esperanza de que se aclare todo nas seguintes partes da triloxía Reiniciados porque unha primeira parte tan boa e imposible que se estropee desta forma. IMPOSIBLE.

Conclusión: Espléndido, magnífico e xenial. Non me gustaba tanto un libro dende moito tempo atrás.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...