3 de maio de 2015

Book Tag #1: Os odiados






1. Personaxe masculino que menos che guste.



Despois de pensar moito para facer este Tag, cheguei a unha conclusión: caenme peor, polo xeral, os personaxes femininos que os masculinos. Por esta razón, non se me ocorría un personaxe que verdadeiramente non me gustara ata que recordei a Álex, da triloxía Delirium. No primeiro libro encantoume, pareceume un amor, e caíame xenial, tanto el, coma a protagonista, Lena. Pero no segundo libro, ao igual que cambia a trama da triloxía, cambia o personaxe e vólvese un auténtico idiota e de súpeto é moi pouco razonable e incluso unha mala persoa. Cando termina o primeiro libro, parece que Álex está morto, polo que Lena atopa a outro xoven (Julián) que comeza a gustarlle. De repente, Álex reaparece e enfádase con ela, non lle fala e, cando o fai, trátaa fatal. Para colmar o vaso, Lena perdónao despois do mal que se portou, e no libro nin sequera aparece unha escena na que se arrepinta dos seus actos. Co ben que me caía ao principio e co moito que me gustou a saga Delirium, dame pena o que ocorreu con Álex.



2. Personaxe feminino que menos che guste.


Hai varios personaxes femininos que non me chegaron a gustar de todo ou me deixaron algo indiferente (como Katniss de Los Juegos del Hambre) pero que realmente odie, non hai moitos. A única que creo que pode cumprir o requisito desta pregunta é Clary de Cazadores de Sombras porque, aínda que nalgunhas ocasións a autora o fai ben con ela, xeralmente creo que está apampanada e que ademais non é un personaxe activo ou valente, senón que parece a típica muller á sombra do protagonista masculino (Jace) e que se preocupa de cousas moi superficiais, como se Jace a quere ou non (algo que está ben e interesa unha, dúas, tres ou vinte veces pero que a partir de aí xa farta) e non usa demasiado a cabeza. Non me gusta nada, nada, nada e, a cada libro que lía, me gustaba menos.

3. Malvado máis odiado.


Quizais o malvado máis odiado é Sebastian de Cazadores de Sombras dado que, non só ten as características que máis se odian nun enemigo dun libro, como son a capacidade de manipular e enganar por completo aos personaxes e protagonistas, senó que volve unha e outra vez e cando parece que foi vencido, regresa de novo. Non teño moito máis que dicir del, aparte de que é unhas das poucas cousas que me gustaron da saga á que pertence.


4. Portada máis fea dos libros que leras.


Aínda que hai moitas portadas feas de libros que lera, creo que vou falar das portadas da saga "Pequeñas Mentirosas" en xeral (todos os libros teñen practicamente a mesma portada) dado que é unha saga que aínda estou lendo e, polo tanto, teño recente. Refírome ás portadas orixinais (a que vedes se facedes clic no nome da saga, que vos levará á súa reseña, ou na imaxe do lado) e non ás novas que foron creadas coas fotos das actrices da serie televisiva do mesmo nome basada na novela. O que podemos ver en cada unha das portadas é unha boneca semellante á Barbie que pon os pelos de punta e que non ten absolutamente nada que ver con "Pequeñas Mentirosas" (polo menos literalmente, non sei de forma metafórica como podería entenderse). Non sempre se trata da mesma, cambia a cor do pelo e a cara en sí de cada libro, e unhas son peores ca outras. Nos primeiros títulos da serie, polo menos as sinistras bonecas aparecen de lonxe, pero a partir do quinto, sae nun primeiro plano. En realidade, non sei cando darán máis medo, aínda que persoalmente as que menos me gustan son a do primeiro libro e o primeiro plano da que sae na portada do sétimo, con eses ollos azuis tan falsos e horripilantes.


5. Parella que menos che gustara.



                                                             

Non vou dicir Jace e Clary de Cazadores de Sombras porque xa falo da saga máis abaixo e de Clary na segunda pregunta , pero quedo coas ganas, (ao comezo da serie, era unha relación interesante e con certa emoción polo amor prohibido, pero chega a un punto de resultar moi moi cansino). Vou facer trampas e dicir dúas parellas dado que ningunha delas me desgustou tantísimo, simplemente non a crín para nada no primeiro caso (Harry e Giny de Harry Potter) e non me gustou por razóns que direi a continuación no segundo (Tita e Pedro de Como agua para chocolate).

Harry Potter e o meu libro e a miña saga favoritos dende que o lin e para sempre xamais, de feito os libros que conforman as súas sagas son os que máis veces lin, tanto a saga enteira como os libros de forma independente e solta. A pesar disto e de que non atopei 
ningún tipo de detalle que cambiaría na historia, si hai algo que non me acabou de convencer de todo: a relación entre Giny e Harry. Aínda que odiei máis o que houbo entre Harry e Cho, non a considero unha parella, xa que deixaron o que sexa que tiveron tan rápido e tan de repente e sen sentido como o comezaron. Tras esta breve... relación?, Harry comezou a saír coa irmá do seu mellor amigo Ron, Giny, pero todo ocorreu sen unha "introdución" nin nada semellante, é dicir, de repente, e o noviazco en si non tivo nin pasión, nin amor, nin nada e non me pareceu nin creíble, nin interesante, nin nada. A saga de Harry Potter merecía algo moitísimo mellor, aínda que podía terse feito moitísimo peor, tamén o hai que dicir.


En canto a Tita e Pedro de Como agua para chocolate, o que fixo que acabasen nesta categoría foi algo totalmente diferente. Ao comezo da novela, ambos se gustan e queren casarse pero por unha serie de problemas Pedro acaba sendo o marido da irmá de Tita, polo que deixan de ter o que tiñan e máis cando ela se vei en certo punto do libro e están separados. Neste tempo de distancia, Tita coñece a alguén que eu adoro e creo que pega moito moito máis con ela, pero, a pesar de que Pedro non lle fai nin caso e a traizoa (entre outras cousas) ela elíxeo a el. Non entendín porqué e non sería o que eu fixese no seu lugar nin de broma: non me gusta nada esa parella, mellor dito, non me gusta Pedro para Tita, e paréceme unha pena que non haxa unha mellor parella para ela sendo un libro tan bo e que tento me gustou (a pesar de pertencer ao xénero de realismo fantástico, que non me vai moito).





6. Libro que pensaches que non che gustaría e que ao final che gustou moito.




A avaliación pasada tiven que ler como libro obrigatorio para Lingua Galega e Literatura "A Sombra Cazadora" de Suso De Toro. Non daba nada por el, sinceramente, e pensei que ía ser horrible e que o ía ler a desgana só por obligación (a pesar de que a sinopse me interesara, non cría que me gustaría). En cambio, xa dende o principio me apasionou o misteri da narración, xa que os protagonistas viven encerrados nunha casa con seu pai, da que non saíron xamais polo que non saben que hai no exterior, e non se conta porqué (de feito eles mesmos non o saben) pero hai alguén que fala no faiado e óense ruídos que proveñen de alí.
Se cando comezase a ler o libro non tivese unhas expectativas tan baixas, igual ( aínda que me gustaría moito de todas maneiras) non me impresionaría tanto nin me apasionaría desta forma, dado que o final non me gustou case nada (porque é un pouco raro e non se entende moi ben, sinceramente, por moito que penses e lle des voltas). Aínda a pesar desto, creo que está moi ben, que ten unha trama moi orixinal e que superou con creces as expectativas que tiña.

7. Final de saga decepcionante.





Sen dúbida algunha, Memorias de Idhún de Laura GallegoLin estes libros hai xa uns tres ou catro anos polo que non recordo moito da historia, pero si que o final me decepcionou moito (ao igual que a moitos dos fans da autora) e que fixo que acabara o último libro cunha gran decepción, xa que despois de ler os dous primeiros libros da triloxía, que me encantaron, esperaba bastante máis. Tamén destaco, iso si, que o terceiro libro se foi moi longo e pesado durante todo o libro e non só no final, e iso que eu adoro os libros longos con moitas páxinas, pois este conta con 942 e, na maior parte delas, non ocorre nada e dáselle voltas ás mesmas cousas unha e outra vez ata chegar a un punto insoportable.
A pesar destes fallos na terceira parte, gardo moi bo recordo desta triloxía.


8. Peor libro que leras.






Puuuf, non teño nin que pensalo, O Pazo Baleiro de Xabier p. Do Campo. Non esperaba xa nada del cando o comprei e ao comezar a ler, e non tiña ganiñas ningunhas de iniciar a súa lectura, pero tiña que facelo para o instituto de forma obrigatoria. Resumindo o que dixen na súa reseña non seu momento acerca de porque me desgustara tantísimo: non ten case case argumento, lento, demasiada introdución e case inexistentes o nó e o desenlace, a idea do libro non é (para nada) novedosa e hai demasiadas "casualidades" que axudan aos personaxes. Por último, e como guinda, unha narración, na miña opinión, moi pesada.




9. Libro que está de moda e que a ti non che gustou.







Vou dicir unha saga e non un libro, e é sen dúbida algunha Cazadores de Sombras (as reseñas que publiquei cando a lin pinchando aquí e aquí). Todas as persoas que coñezo que o leron din que é marabillosa e que engancha, as personaxes son xeniais etc... Pero eu non encontrei nada deso por ningunha parte: pareceume aburridísima, repetitiva, ningunha emoción, esceas previsibles e finais malos. Ademais, faise moi longa, sóbranlle libros, pois os primeiros aínda son algo entretidos e orixinais, pero a partir do terceiro, sobre todo, fanse repetitivos, densos, sen emoción... Non ten nada que ver coa súa precuela (Cazadores de Sombras, el Origen) que é xenial e entretida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...