22 de xan. de 2015

Reseña: El templete de Nasse House

 Unha vez máis, entráronme ganas de ler unha novela de misterio de Agatha Christie e, tras moito pensar, decidinme por "El templete de Nasse House". Conta, tamén esta vez, a investigación dun asasinato por parte do detective Hercules Poirot pero, nesta ocasión, é un crime moi orixinal, pois ocorre nunha festa na que un dos xogos nos que as persoas podían participar era, precisamente, a investigación dun asasinato, e a asasinada é a muller que facía de morta no xogo.

Lin bastantes libros desta autora, pero este é un dos que máis me gustou, pola orixinalidade da súa trama, ao haber un asasinato nun xogo de misterio e ser precisamente a vítima do xogo quen morre, e polo aparición de turistas durante toda a obra que a fan máis rara e con máis posibilidades á hora de atopar ao culpable. Ademais, na edición que eu lin hai unha lista de personaxes ao principio, que facilita moito a vida, pois Agatha Christie é moi dada a crear innumerables sospeitosos e ao cabo duns capítulos nos que non aparece determinada persoa non recordas cal deles é. En canto ao ritmo da trama, está xenial porque non aburre e intriga polo que non queres parar de ler.

Aínda así, hai unha pega que poño deste libro: o final, aínda que inesperado e bo, coma sempre, é pouco creíble en certo modo e non me acaba de convencer, algo raro nos finais de Agatha Christie. En conclusión, non é das mellores da saga pero tampouco, sen dúbida, das peores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...