10/07/2016

Reseña: Wayward Pines. El Paraíso (Wayward Pines #1) de Blake Crouch



“For every perfect little town, there's something ugly underneath. No dream without the nightmare.” 
"En cada pequena e perfecta cidade, hai algo feo debaixo. Non hai soño sen o pesadelo" 

Tras superar (aparentemente) o meu bloqueo lector, morría de ganas de comezar un libro de intriga, misterioso, deses que che enganchan e fan que non poidas deixar de ler ata descubrir o misterio que agochan, e que tivese, ademais, algo de acción que contribuíse a esta sensación. Finalmente, decanteime por Wayward Pines. El Paraíso, primeira parte dunha triloxía (que se adaptou en forma de serie de televisión, por certo) que debo dicir que cumpriu totalmente o meu propósito.

Dende o primeiro momento que comezas a lectura estás intrigado e desexas saber que ocorre, pois, ao igual que o protagonista, non sabes que é o lugar descrito, que fai este alí, e cales serán os seguintes sucesos cos que o autor che sorprenderá, xa que te atopas igual de descolocado e desconcertado que o propio personaxe.

A novela comeza cando o protagonista esperta nun pobo ideal e marabilloso, onde fai sol, os nenos xogan, os paxaros cantan e os veciños se queren entre eles. Tanta calma e paisaxe idílica dá mala espiña a Ethan, quen pouco a pouco comeza a descubrir que nada é o que parece en Wayward Pines, que ese lugar esconde algo, e tamén porqué está alí atrapado sen poder saír.

Esta primeira parte da triloxía ten un ritmo trepidante marabilloso, pois non tes un só momento de pausa para aburrirte mentres les xa que, incluso nas páxinas que semellan tranquilas e sen acontecementos, podemos percibir pequenos indicios importantes na resolución dese misterio, desa trama estraña que se presenta. Ademais, o personaxe, coa súa identidade tan pouco clara nun inicio (non se nos conta directamente quen é e a que se dedica) que se vai esclarecendo ao longo da obra mediante analepses, tamén é un misterio que se suma aos que o seu entorno presenta. En definitiva, este libro é un cúmulo de misterios que che fará sentirte intranquilo e inseguro, pois o único que si sabes, o único que sabes que podes crer, é que ese pobo ideal non é bo, nin o será o futuro do noso protagonista de permanecer alí.

Outro punto importante da novela, é a profunda personalidade de Ethan. Poderíamos pensar, tras as miñas opinións anteriores, que Wayward Pines: El Paraíso é unha desas novelas de acción sen profundidade de personaxes, pero non é así, pois pouco a pouco váisenos deixando ver os problemas, preocupacións e traumas deEthan que inflúen na súa maneira de actuar e, en certo modo, teñen que ver co que lle está a ocorrer. De feito, durante toda a novela tiña a impresión de que existía un narrador en 1ª persoa cando non era así, de maneira que me sorprendía de cando en vez ver o nome do personaxe seguido de verbos en terceira persoa narrados polo narrador omnisciente.

Debo dicir, que a pesar do que poida parecer, a novela non me encantou. Gustoume moito, sobre todo o inicio, ata algo máis da metade, pero logo a trama toma outro camiño alonxado do que en principio seguía a historia e vólvese menos orixinal, asemellándose a outras triloxías e novelas que lera con anterioridade. Digamos que eu pensaba que se trataría de algo semellante a "El show de Truman" e "Diario del búnker" e acabou parecéndose máis a "El corredor del laberinto" mesturado con "Farenheit 451". Todas as anteriores novelas e filmes me gustaron moito, pero ao velas xuntas formando Wayward Pines, non acabou de convencerme a mestura. Non por nada, senón porque non era o que desexaba ler, o que me esperaba, e pareceume o "camiño fácil".

O libro no inicio fálanos dun home atrapado nun entorno aterradoramente perfecto e idílico, que agocha algo (como en "El show de Truman"). O protagonista non tiña demasiado claro como chegara alí e isto agobiábao, ademais de necesitar saír do pobo sen que existise maneira aparente de logralo e ter que convivir con xente rara que non parecía de fiar. Isto son características que xa lera en "Diario del búnker", e era precisamente o que desexaba ler, o que fóra a buscar na novela, e aquilo que ten máis importancia no comezo, o que máis me gustou e atrapou. Pero chegado certo punto, a novela pegaba un brusco cambio, e comezaba a asemellarse a "Farenheit 451", pero no bo sentido, por así decilo, pois tiña as partes que me convenceran dela e esa sensación atrapante de agobio, descontento coa sociedade. Tamén me acordei deste clásico distópico na fuxida do protagonista ao final da novela (non podo dar detalles precisos) e na brutalidade dese pobo e da súa "organización" que tamén se percibe na fuxida. Foi dende este preciso momento da trama cando me comezou a gustar menos, cando se nos explica todo, por así decilo, cando se asemella demasiado a "El Corredor del Laberinto" e outras distopías e triloxías, sendo pouco orixinal.

Como digo, encantoume toda a aura misteriosa e que cheiraba a conspiración da novela, así como eses saltos temporais, esas diferenzas de idade en Wayward Pines entre persoas nacidas no mesmo ano pero todo terminou cunha explicación un tanto confusa e pouco creíble.

A impresión que me deu é que cambiaba o roteiro da historia, que o autor cambiaba o espíritu e sensacións da novela.

Estaba convencida de darlle á novela unha puntuación de 5/5 cando a comecei pero ao non quedar contenta coa última parte e non sentirme convencida das explicacións e desenvolvemento da historia, decidín deixalo nun 4/5 en Goodreads.

As continuacións do libro prometen, pois remata dunha maneira aberta que pode desembocar na clase de trama que me encanta, así que espero que me guste tanto ou máis que esta primeira parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...