14 de xuño de 2016

Reseña: El hijo dorado (The Golden Son) de Pierce Brown.


"Que vida tan cruel se a visión da miña esposa morta significa esperanza"


Por fin, despois de moito tempo, traio unha nova reseña ao blog. Estaba desexando con ansias poder volver a facer este tipo de publicación (a miña preferida) pero entre o ocupada que estiven e o tempo que me levou rematar a lectura desta segunda parte da triloxía de Amanecer Rojo de Pierce Brown, non daba abasto. Como sabedes, Amanecer Rojo foi unha das miñas Mellores lecturas do ano 2015, ademais de tratarse dunha das miñas triloxías preferidas (tras dúas novelas lidas das tres que a conforman creo que podo afirmalo con seguridade) polo que desexaba ler a súa continuación, a pesar do meu bloqueo lector (que por desgraza aínda persiste...) e das máis de 550 páxinas que posúe, dúas realidades totalmente incompatibles, por certo. 

Esta segunda parte da triloxía continúa uns anos máis tarde do fin do libro anterior, nun futuro distópico e de ficción, nunha situación moi diferente pero á vez dentro da mesma trama que o primeiro tomo, xa que Darrow continúa na súa persistente tentativa de alcanzar ese obxectivo para os seus iguais vencendo á clase dominante, pero esta vez infiltrado no bando enimigo, baixo as ordes daquel a quen máis odio: Augusto. 

Nesta novela, a trama e sucesos son, si é que isto é posible, incluso máis intrigantes, apasionantes, enrevesados, pragados de acción e trepidantes que na anterior, pois  o protagonista está cada vez máis cerca de vencer aos dourados e lograr acabar co sistema clasista e estamental que existe na sociedade chegando ao máis alto entre os dourados.

En El hijo dorado, o lector non ten un momento de pausa durante a lectura, porque non deixan de sucederse novos descubrementos acerca desa misteriosa organización presidida por Ares, a identidade deste e os cambios que se produciron na franxa temporal entre os libros no grupo rebelde e que farán que a novela non deixe de pegar bruscos xiros e cambios de dirección inesperados en poucas liñas, deixándote coa boca aberta e sen asimilar o lido. Isto non é unha gran novidade, pois xa dicía algo semellante na reseña da primeira parte, pero si se trata dunha característica que multiplica a súa presenza neste segundo libro. 

Relacionado con isto, debo destacar un dos rasgos diferenciadores deste libro con respecto ás demais triloxías distópicas existentes na literatura actual e que, personalmente, me encanta e considero un punto forte: as intrigas políticas, traicións, bandos, cambios de aliados e todo tipo de cuestións relativas ao goberno e sistema político da novela, porque se trata dunha temática que me gusta de por si e que, ademais, Brown sabe presentarnos á perfección (el é un licenciado en Ciencias Políticas que participou nas campañas de diversos líderes estadounidenses, polo que imaxinaredes o ben que plasma todo isto na triloxía).

O outro pilar básico de El hijo dorado (xiros argumentais + intrigas políticas e traicións + guerras e pura acción bélica) é quizais o que menos me agrda e convence nesta triloxía, pois non son unha gran amante das batallas, a verdade, e chega a cansarme a presenza contínua (e sen pausa) de enfrontamentos entre bandos e descripcións minuciosas ds táticas e golpes empregados por cada combatente. Si que penso que son necesarias estas guerras, ovbio, pero non en tanta cantidade, porque agota. Aínda que quizais se trata dunha percepción persoal e, realmente, si que está proporcionado co resto da trama.

Unha vez máis, a crudeza, violencia e realidade sen censura (pero sen resultar excesiva e repugnante) das descripcións e batallas é marabillosa, dando credibilidade aos sucesos e interés á novela, xunto coa liberdade do autor para asasinar ou ferir a personaxes principais que provoca que non poidas encariñarte con ninguén e que abandones a clásica idea de que o protagonista sairá sano e salvo de determinada situación peliaguda polo simple feito de que faltan aínda capítulos para rematar o libro ou partes da saga por publicarse. Sublime.

Os personaxes desta triloxía son terriblemente profundos, nada planos nin perfectos, cos seus defectos e partes escuras, de forma que algúns non acaban de agradarche, non hai malos malísimos ni  bos boísimos e non sabes de quen debes fiarte e de quen desconfiar, o que tamén reforza as intrigas e políticas das que falaba con anterioridade.

E como último punto a tratar, as contínuas referencias á cultura latina que podemos ver durante toda a obra, en forma de citas, nomes, uso do latín, referencias a costumes determinadas... que para unha amante (e coñecedora) da cultura clásica son un deleite e un gran punto a ter en conta.

E canto ao final, coma sempre con este autor, apasionante e intrigante, deixándote con ganas de máis...

El hijo dorado, como o seu predecesor na triloxía, trátse dun libro completo, bo, sen puntos débiles ou falta de algún elemento e con gran calidade literaria. Atrapa pero sen deixar a un lado a boa redacción e pluma do autor, trata temas bélicos e traicións sen perder a coherencia ou saírse da trama principal e ten espazo para a reflexión e sentimentos sen deixar a un lado a acción e os nuerosísimos xiros na trama ou simples sucesos. Un exemplo dunha novela equilibrada e perfecta, sen fallos. Auguro un bo futuro a Pierce Brown como escrtor. Un 5/5 en Goodreads (e ben merecido).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...