24 de xuño de 2015

Reseña: La mansión de los abismos



La mansión de los abismos é un libro de Joan Manuel Gisbert que lin cando era máis pequena, con 10 anos. Recordo que o pasara "moi mal" porque era un libro para persoas máis maiores, xuvenil, que nese momento me inquedou pero que á vez me gustara moito e do que gardaba un bo recordo. Este ano fíxenme co libro (de forma non premeditada) e decidín volver a lelo para ver se realmente era como o recordaba, e para poder disfrutalo sendo xa máis maior e tendo a idade adecuada para facelo.

É un libro de intriga que conta como Théodore Bertrand, un home misterioso acusado de matar a seis mulleres coas que previamente casara pero que foi absolto por falta de probas ao non atoparse os cadáveres, consegue seducir a unha sétima vítima para levar a cabo outro asasinato. Esta vez, a policía está decidida a, senón impedir a morte, polo menos atopar probas que incriminen ao sospeitoso. 

Como todas as novelas do autor, en La mansión de los abismos está pragada de intriga e misterios, pero neste caso particular, aínda máis, pois dende o principio do libro sabes que o protagonista matou (polo menos supostamente) a seis mulleres, e sufres pola vida de Gundula, a sétima. Ademais, non só se ve a historia dende o punto de vista de Gundula, tamén dende o de varios personaxes máis como a policía, uns veciños do pobo que teñen participación na historia etc. Isto provoca que percibas mellor os acontecementos, pois todas as historias se cruzan ao longo da obra, e que vexas que conclusións dalgúns personaxes respecto a outros e a acontecementos son equivocadas e que suposicións o son tamén.

O único que quizais non me gustou demasiado, foi o final da novela, moi inesperado, pero sen acabar de ser algo positivo, pois é quizais pouco creíble e moi diferente ao resto da novela, é dicir, para tratarse dun libro realista e con feitos que perfectamente puideron ter ocorrido, a conclusión e explicación da historia decepcionoume por non tratarse de algo, digamos, "racional".

Conclusión: Non podo falar moito deste libro sen desvelar detalles, pero simplemente direi que era quizais unha novela algo máis infantil para min do que esperaba, se ben na contraportada do propio libro se recomenda para maiores de 14 anos. Aínda así, intrigante, sorprendente e ben narrado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...