6 de set. de 2015

Top 5 novelas de Agatha Christie


Como seguro que saberedes se sodes lectores habituais do meu blog literario, Agatha Christie é unha das miñas autoras preferidas, cuxas novelas de misterio e asasinatos disfruto moito ao tratarse dun dos meus xéneros preferidos, sobre todo se contan co detective Hercules Poirot como protagonista (Miss Marple, a outra protagonista das súas novelas nunca acabou de convencerme), polo que hoxe vos traio a lista dos 5 libros de Agatha Christie que máis me gustaron ata o día de hoxe para que saibades por onde comezar se nunca lestes nada da autora ou por onde continuar se si que o fixestes. Quero decir, por último, que dudei moito para elixir só cinco libros desta escritora, e quero facerlle unha mención especial a dous deles que non aparecen no Top e que tamén me encantaron, Cartas sobre la mesa e Cianuro espumoso, sobre todo o primeiro

Coma sempre, a orde na que se presentan os títulos é completamente aleatoria.

  • O Asasinato de Roger Ackroyd.




Esta foi a primeira novela da autora que lin, coa idade de 11 ou 12 anos, no maior apoxeo do xénero detectivesco entre as miñas lecturas. O meu exemplar está en galego e é da editorial Galaxia, pero non puiden atopar a portada en Internet por ningunha parte. Recordo que me impresionou tantísimo o final e a identidade do asasino (que sigo recordando a día de hoxe e que segue sendo o final máis impresionante da autora que xamais lin e un dos máis impresionantes de calquera das miñas lecturas en xeral) que non puiden deixar de falar do libro en semanas. Foi unha novela que me mantivo en vilo durante todo o tempo que durou a súa lectura e que se atopa entre os meus libros favoritos de Christie sendo, case con seguridade, o meu preferido da autora.

Sinopse: Na ficticia cidade de King´s Abott, a señora Ferrars suicídase tras anos sendo víctima de chantaxe tras asasinar ao seu marido, deixando unha carta na que figura o nome do extorsionador ao home que ela amaba, Roger Ackroyd. Pero antes de que este poida chegar a descubrir o nome do suxeito, é asasinado. Hercules Poirot e o seu bo amigo Hastings investigarán o sucedido e descubrirán dunha vez por todas quen é o chantaxista e asasino que permanece no anonimato, todo isto narrado por un habitante do pobo, o doctor Sheppard.



  • Asasinato no Orient Express.






Tras o éxito da anterior novela entre as miñas lecturas, rapidamente me dispuxen a comezar a lectura de Asasinato no Oriente Express (tamén en galego e cun exemplar da editorial Galaxia que tampouco puiden atopar por ningures). Este é sen dúbida o libro da autora con máis fama e recoñecemento e, se ben a min non chegou a gustarme tanto como a novela anterior, tamén me intrigou unha barbaridade e me sorprendeu co seu final, aínda que tampouco chegou ao nivel da sorpresa acadada coa identidade do asasino de Roger Ackroyd, xa que descubrín o final unha páxina antes de sernos resolto o asasinato. Aínda así, outro libro moi moi recomendable da autora e que tamén me encanta.

Sinopse: No tren no que viaxa o detective Hercules Poirot, atópase o cadaver dunha persoa asasinada con doce puñaladas mentres dormía, uns compartimentos máis alá de onde o facía, á súa vez, Poirot. Este, comeza a investigar para, unha vez máis, resolver un misteriosísimo crime.



  • O misterio da guía de ferrocarrís.




 


Esta vez si que puiden mostrarvos a edición na que levei a cabo a súa lectura, esta colección xa antiga con todas as obras da autora e en cuxos exemplares lin a maioría dos títulos. Esta novela de Agatha Christie é un pouco diferente ás demais, xa que, en lugar do asasinato dunha persoa nun recinto pechado e cun número reducido de posibles sospeitosos, preséntasenos un asasino en serie que mata seguindo unha orde alfabética e (polo menos en principio, non o recordo) ao azar. Foi unha novela que tamén me enganchou e da que non esperaba o final para nada, aínda que non estou segura a día de hoxe da identidade do culpable, pois pasaron uns cuantos anos dende que lin o libro, Outra gran recomendación da autora.

Sinopse: Poirot recibe unha carta firmada por un tal ABC na que lle conta que vai levar a cabo unha serie de asasinatos seguindo unha orde alfabética, Todo comeza coa morte de Alice Asher en Andover, continúa con Betty Beshnar en Bexill-in-sea e comeza a complicarse con Carmichael Clarke en Churston. Todos estes corpos aparecen acompañados por unha guía de ferrocarrís ABC. Poirot investigará este misterioso caso coa axuda do seu (adorado por min) amigo o doutor Hastings. 


  • Dez negriños. 



Este é un libro de Agatha Christie que tamén conta con gran sona entre as súas novelas pero que, a verdade, tardei bastante tempo en ler, antepoñendo moitos títulos da autora a este. A verdade é que me gustou moito, cun final tamén sorprendente (coma sempre), aínda que o que máis intrigante e misterioso me pareceu foi a ambientación, o lugar e circunstancias onde se desenvolve todo. Tamén me pareceu moi moi interesante que a novela estea basada nunha canción infantil moi coñecida en Inglaterra e a forma na que ocorren as mortes e as razóns polas que pasan. Ademais, é unha novela bastante novedosa entre as de Christie polo feito de que non hai un detective investigando o caso.

Sinopse: Oito persoas reciben unha invitación para pasar as vacacións nunha illa situada na costa inglesa. Nesa invitación, detállaselles a cada un as circunstancias nas que o anfitrión di que os coñeceu, situacións que para todos son familiares pero non recordan con exactitude. Todos chegan á illa, na que non se atopan os anfitrións como eles pensaban, pero si uns criados para servilos a todos. 
Tras a cea, escoitan unha grabación na que todos son acusados de provocar unha morte a alguén, algo que todos negan, e díselles que comezarán a ser asasinados como castigo. Dende entón, todos comezan a morrer un a un en estrañas circunstancias.



  • Cita coa morte.


Cita coa morte é un libro de Agatha Christie moi peculiar, debido a que, por unha vez, non se trata dun asasinato sorprendente ou sen posibles sospeitosos, sen ningún personaxe que quixese matar ña vítima, senón que todas as persoas nomeadas na novela odian e desexan a morte da asasinada. Ademais, todo ocorre nunha viaxe turística, lonxe da "civilización" e en circunstancias estrañas. 

Sinopse: Nunha viaxe por Oriente Medio, Poirot conincidirá coa familia Boynton, formada pola señora Boyton e os seus fillos, nos que exerce unha inmensa e desproporcionada influencia a pesar de ser estes maiores de idade e ter formado xa, en varios casos, unha familia propia. Cando a señora Boynton aparece morta, todos serán sospeitosos de asasinato e Poirot deberá interrogar a cada un deles.

4 de set. de 2015

Reseña: El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares.



El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares é a primeira parte dunha triloxía (creo que é unha triloxía, polo menos hai un segundo libro) aínda que eu pensara cando o comecei (e tamén cando o rematei, porque o final non fai pensar que vaia haber unha continuación) que era un libro autoconclusivo. Tiña ganas de iniciar a lectura desta novela tan peculiar precisamente por ser tan rara e diferente, xa que chamaba a miña atención e non sabía que ía atopar.

Jacob admiraba profundamente ao seu avó na súa infancia, e aínda agora continúa tendo un gran vínculo con el, grazas en parte a unhas marabillosas historias que lle contaba con protagonistas un tanto especiais, como unha nena que levita ou un rapaz con abellas vivindo dentro do seu corpo. Agora, seguindo o rastro deixado nas súas cartas, Jacob decidirá buscar a illa na que o seu avó se criou para dar resposta a moitas das súas preguntas.

O principio do libro gustoume moitísimo, porque era en si bastante intrigante. O lector quere saber se as historias protagonizadas por eses personaxes peculiares son ou non reais e se o avó é en realidade un deses nenos con capacidades estrañas e apasionantes ou se só o inventou todo. Isto ven provocado en gran parte polas marabillosas e preciosas fotografías antigas que podemos atopar ao longo de toda a novela (como a que ilustra a portada, unha das miñas preferidas, que me parece moi bonita) nas que se aprecian esas capacidades peculiares que, polo menos supostamente, teñen os habitantes dese fogar no que o avó se criou.

Os acontecementos que podemos ler ao principio da novela son, como dicía, algo misteriosos, pois á chegada de Jacob á illa coñecemos un lugar tan peculiar como os propios rapaces dos que o avó fala: (está completamente incomunicada e case deshabitada) pero cara a metade do libro, ese interés que tiña foise desvanecendo pouco a pouco, pois a trama tirou cara un lado que, realmente, non acababa de interesarme e gustarme, xa que tiña xa uns tintes fantásticos dun estilo que eu non esperaba, é dicir, era obvio que con esa trama algo así íamos a atopar, pero non cría que ía a atopar unha fantasía ou ficción desas características, polo que non puiden evitar decepcionarme un pouco e que todo o que a novela me gustara ata entón fose a menos.

Todo comeza a desmoronarse cando Jacob descobre o que descobre (coma sempre evito spoilers), xa que me pareceu algo demasiado fantástico e algo collido por pinzas, pero tampouco era para tanto, polo que entón non me importou demasiado, pero cando entran en escea eses enimigos, xa vin que a miña impresión non ía a ser tan tan boa como pensaba. Desde ese punto da novela, ademais, comezou a embargarme unha sensación de aburrimento tal, que desexaba profundamente rematar o libro dunha vez e acabar con ese sufrimento. A pesar de todo, gustoume bastante o final (pois queda algo aberto pero non de todo, polo que non me vexo obrigada a seguir coa triloxía) sobre todo polo feito de que todos os cabos quedan ben atados; todas as tramas abertas e incluso pequenos detalles que se din sen concederlle demasiada importancia teñen a súa explicación. Nese aspecto, moi ben.

Como dicía, non vou continuar coa triloxía, ademais de porque agora mesmo estou rematando dúas (a saga Traición e a saga de Las tejedoras de destinos) porque cando emprendín esta lectura estaba firmemente convencida de que se trataba dun libro autoconclusivo, polo que iso non entraba nos meus plans.

Conclusión: Empeza moi ben e decae ata concluír cun final aburrido e nada especial. En resume, nada destacable pero tampouco me desgustou, simplemente non era a lectura adecuada para min nese momento e non soubo convencerme de todo.

2 de set. de 2015

Adaptacións cinematográficas #2: Ciudades de Papel.



Traio de novo unha entrada dentro da sección de Adaptacións cinematográficas de libros, esta vez sobre a película basada nunha das novelas de John Green que máis adoro: Ciudades de Papel.

Houbo unha gran polémica sobre o feito de que a encargada de representar o papel protagonista feminino, o papel de Margo, fose a modelo Cara Delevinge, non só por tratarse dunha modelo en lugar de unha actriz (algo que non gustou demasiado) senón, nalgúns casos, por ser ela a modelo en cuestión, unha moza que causa habitualmente moita polémica. 
Isto é algo que a min non me molestou en absoluto, nin antes de ver a película nin despois, pois ela presentouse a un casting onde foi elixida e competiu contra outras candidatas, non conseguiu o papel por ser unha modelo famosa, ademais de ser seleccionada polo propio escritor da novela, John Green, que a cría a máis indicada. Ademais, o día 21 de Agosto, o día antes de que eu escribise este artigo, Cara anunciou o seu abandono definitivo das pasarelas para adicarse a outros proxectos, como a interpretación, tras declarar que o mundo da moda a fixera odiar o seu propio corpo. 

En canto á súa interpretación na película, creo que a elección foi moi boa; poucas actrices terían podido pegar tan ben nese papel, pois Margo Roth Spiegelman ten un carácter moi semellante ao da modelo e é polo menos tan polémica como a propia Cara, ademais de contar cun físico que podería ser perfectamente o desta última. 

En canto ao resto dos papeis, creo que os actores foron bastante ben elixidos. Ningún deles era coñecido, coa excepción da xa nomeada Cara Delevinge e o intérprete que facía as veces de Quentin, Natt Wolf, que os, coma min, fans de John Green saberán que tiña o papel secundario de Isaac en Bajo la misma estrella, a outra película basada nunha novela do autor.

Outra cousa que relaciona ambos filmes, é o cameo de Ansel Elgort, Augustus Waters en Bajo la misma estrella, que aparece en Ciudades de Papel como o dependente da gasolineira durante uns segundos, facendo que todo o cine afogara unha exclamación ao recoñecelo.

En canto á adaptación da novela de John Green Ciudades de Papel para crear a película, estou bastante satisfeita. Non houbo ningunha parte ou escena inventada ou cambiada de orde nin se esqueceron de partes importantes do libro. En realidade, levaron á gran pantalla a historia da novela bastante ben pero non quedei de todo contenta en certos aspectos: En primeiro lugar, as partes de Quentin e Margo estiveron realmente ben, moi moi ben, pero aquelas nas que facían a súa aparición os amigos do protagonista, para min, fastidiábana. No libro, Ben, un dos mellores amigos de Quentin, é simpático e divertido e fai que, con certos comentarios seus que vas lendo ao longo das páxinas, esboces un sorriso ou soltes unha gargallada directamente, pero na película, quixeron explotar demasiado esa parte para que gustase máis ao público adolescente (ou esa foi a miña impresión) creando bromas estúpidas e para nada divertidas que fixeron que o Ben que tanto me gustaba na novela me parecese odioso e repelente, ao igual que o outro amigo de Quentin, Radar, aínda que en menor grado. 

En cambio, tamén me ocorreu todo o contrario con outro personaxe, Lacey, amiga de Margo, que na novela apenas tiña importancia e me deixara totalmente indiferente mentres que na película me caeu realmente ben.

A conclusión é positiva, gustoume moito a película e como se adaptou, se ben non creo que captara a esencia de John Green nin da novela todo o que podería telo feito e notei certos fallos, polo menos no que a min respecta, como a excesiva atención e importancia que se lle da á relación Angela-Radar, mentres que é algo totalmente secundario no libro, segundo creo recordar.

31 de ago. de 2015

Reseña: Pánico



Pánico é a última novela de Lauren Oliver, autora famosa, sobre todo, pola súa triloxía Delirium, unha triloxía distópica que me encantou o ano pasado, sobre a que podedes ler facendo clic aquí. A verdade, non é que esta nova novela da autora tivese moi boas críticas e opinións, pero igualmente a trama parecía moi interesante e diferente, así que, coma sempre, púxenme mans á obra.

Pánico conta como na cidade de Carp os alumnos de último curso, tras graduarse, pasan un verán xogando a Pánico, intentando superar as probas que os farán gañar unha gran cantidade de diñeiro. O libro alterna o narrador con cada capítulo, contándonos as vivencias de Heather e Dodge dende o seu punto de vista.

A verdade, é que o libro me gustou moito. moitísimo máis do que esperaba e entretívome tamén máis do que nun principio pensei. Contaba con que a trama se ía a centrar principalmente en Pánico, no xogo, e, aínda que nun principio é así, pronto se nos empeza a contar a vida e relacións familiares dos protagonistas e a competición case pasa a un segundo plano.

Encantoume como se vai desenrolando a historia individual de cada personaxe, e como a razón pola que buscan gañar ese premio en metálico se nos explica, sobre todo no caso de Dodge. A verdade, é que a narración se nos presenta dunha forma mi especial, adictiva e fácil de ler, que ademais é moi lixeira, algo que se acentúa coa intercalación de protagonistas, centrándonos nun personaxe en cada capítulo con vivencias diferentes que van encaixando pouco a pouco.

Podemos atopar tamén nesta novela, unha trama de algo de misterio e intriga, non só por cal serán as seguintes probas de Pánico, senón tamén polo descubrimento da identidade dos misteriosos xuíces que o ven todo dende a sombra e en segredo e, se ben eu xa coñecía os seus nomes dende bastante antes de que se esclarecera, gustoume igualmente o resultado porque era necesario para o argumento e a historia. Pero, como dixen antes, a trama tamén se centra moito, sorprendéndonos, nas vivencias e historias dos personaxes, non só de Dodge e Heather, aínda que si principalmente, senón tamén de Nat e Bishop, os amigos desta. Gustoume moito todo ese sufrimento acumulado de Dodge polo desgraciado accidnte que sufriu súa irmá, tan relacionado coa competición na que el agora participa, pero sobre todo esa difícil e triste vida de Heather e a súa irmá menor nun parking de caravanas e cunha nai alcohólica. Cando ocorre o que ocorre con relacióna esto último, aínda me enganchei máis á trama se cabe, pois quedei realmente preocupada polo próximo que podía pasar.

Tamén quedei contenta cun dos recursos de Oliver, que consiste en presentarnos personaxes secundarios que moito máis tarde terán importancia, para que logo nos sorprendamos e sepamos a quen se está facendo referencia e cale máis en nós. Tamén o feito de que haxa unha evolución por parte dos personaxes, sobre todo destacable en Heather, aínda que tamén en Dodge, e o cambia na súa forma de pensar, sen dúbida, para mellor, que fan que toda esa dura experiencia pola que pasan, polo menos, tivera unha razón de ser.

En canto ao romance, si existe neste libro. Aínda que non sexa moi moi principal, si ten certa importancia dentro da novela e non está caramelizado ata un punto insoportable, senón que ten un perfecto sentido e proporción entre a trama. Hai dúas historias amorosas independentes, cun desenrolo diferente pero igualmente ben levado.

Conclusión: A verdade é que non teño queixa algunha sobre esta novela, que me gustou moito, e a verdade, non entendo porque causou unha tan mala opinión entre os lectores. Non sei si foi polas miñas baixas expectativas ou porque realmente o libro está tan ben, pero o caso é que me encantou esta novela e creo que é moi recomendable.

26 de ago. de 2015

Reseña: El último corazón (Mystic City 02)



Continuando con ese mes de Agosto rematando triloxías e sagas comezadas en Xullo (como xa comentei na reseña de Perfección, outro exemplo de triloxía continuada) decidín ler a segunda parte da triloxía Mystic City: Mystic City 2, el último corazón. A primeira novela pareceume absolutamente marabillosa e quedei tan encantada con ela (reseña) que incluín a triloxía na lista das miñas distopías preferidas (para vela clica aquí) pero tras rematar o segundo libro, quedei decepcionadísima.

A trama continúa onde rematara o primeiro libro, nun momento moi moi intrigante e interesante, tras unha apasionante historia de traicións e desconfianza e comezando unha trama de guerra e rebeldes común nas triloxías distópicas xuvenís. 

Xa dende o inicio do libro, o autor comeza a cambiar todos os puntos fixos que xa coñecíamos do primeiro libro da triloxía, tanto nos personaxes, facendo que Hunter cambiase para mal (sen vir ao caso para nada) o seu carácter e Aria se volvese cada vez máis tonta e parada, como na forma de prantexarse o argumento. Se non tivera visto o nome de Theo Lawrence na portada da novela, podería ter crído que non fora el quen a escribira, pois ata a forma de narrar a historia me pareceu diferente.

Ademais destes cambios espantosos, a novela tamén perde auga por outros puntos, como o feito de que o argumento sexa moi débil, xa que non ten realmente ningún sentido, e non se nos presente ata moi adiante na novela, tendo que aguantar moitas páxinas sen que ocorra nada relevante. Aria decide atopar o corazón da súa defunta criada, algo que ten unha explicación, (si, aínda que non o creades) pero moi estraña, collida por pinzas e repulsiva, o que a leva a cometer cincocentas estupideces (xa vos digo que a protagonista está algo espesa nesta parte da triloxía) e verse en mil perigos dos que sempre ten que ser rescatada, pois non consegue salvarse soa en ningunha circunstancia, algo que a min xa me bota bastante para atrás.

Como xa comentaba antes, o autor tamén cambia moito a Hunter, pasando de ser o bo e o namorado de Aria, e poñerse en dúbida as súas intencións e preguntarse un certas cousas arredor dos seus actos (non digo se estas suposicións son confirmadas), en calquera caso, parece que estemos a ler sobre dous personaxes diferentes cun mismo nome, pois non hai un punto en común entre eles en ningún momento, apesar de ser unha mesma persoa. O que isto provoca, é unha nova, estraña e forzada historia de amor entre Aria e outro personaxe principal (non quero spoilear, así que non digo nada máis) que non é nada críble e, unha vez máis, non era para nada necesaria.

Para continuar enumerando puntos negativos, pois non hai ningún positivo que resaltar, a escea ou batalla final entre os tres bandos enimigos (os rebeldes, a familia Rose e a familia Foster) vese en perigo por unha ameaza creada por un deses tres grupos que, unha vez máis, NON TEN SENTIDO e NON É NADA CRÍBLE e deixa un final de novela non demasiado interesante. 

Creo que non hai moito máis que destacar, pois a novela é un completo desastre de principio a fin e a maior decepción deste ano, sen dúbida, en canto a lecturas se refire, non tendo ademais nada que destacar na parte positiva, pois tampouco ten grandes partes boas. Fatal, novela directa á lista das peores lecturas do 2015 que publicarei a fin de ano.

25 de ago. de 2015

Reseña: La casa 758



La casa 758 é un libro publicado por Nube de Tinta, unha editorial que soe publicar libros do estilo que me gusta, reflexivos e moi interesantes, como o caso das novelas de John Green. Neste caso, cóntasenos a historia de Krista que perdeu a súa nai nun accidente de tráfico hai dous anos, que aínda non o superou. Seu pai, en cambio, seguiu adiante coa súa vida con bastante facilidade, algo que ela non lle perdoa. Krista, ademais, acude todos os días á casa 758, o fogar do rapaz que conducía o outro coche no accidente e que o provocou, sen saber moi ben para que. Ademais, a visita do seu avó húngaro e as historias que el lle conta sobre o Holocausto farán que reflexione e decida seguir adiante coa súa vida.

A verdade é que o libro me sorprendeu bastante no que concerne á dirección que ía tomar a novela, pois pensei que a base da historia serían o avó e as súas vivencias durante a Segunda Guerra Mundial, mentres que iso non é para nada o máis importante e o avó non aparece no libro ata máis da metade. En realidade, a trama máis importante e na que se apoia a novela case ao completo son os sentimentos de Krista con respecto á morte de súa nai e o mal que o pasa debido á pronta superación de seu pai e como refai a súa vida en tan pouco tempo, tendo xa unha nova parella que, ademais, ten dous fillos pequenos. É realmente interesante ver o frustrada que ela se atopa e como intenta por todos os medios evitar ir á casa 758 sen conseguilo, aínda que realmente ela non sabe porqué o fai.

A narración e pausada, sen chegar a ser lenta pero sen que ocorran tampouco demasiados sucesos continuamente, e moi áxil, facendo que leas a novela moi moi rápido e de forma moi amena. A verdade é que me gustou bastante, pero ten unha serie de contradiccións que non acabei de entender, como por exemplo o carácter e madurez da protagonista: ao comezo do libro parece quizais máis madura despois de pasar por ese trauma tan duro para ela, pero en canto entra en escea Jake, que será un gran apoio para ela, parece perder cinco anos e adopta o carácter de unha adolescente insegura e ensínanos unha cara moi diferente, aínda que non con iso quero dicir que sexa algo negativo.

Gustoume moito descubrir pouco a pouco o ocorrido hai dous anos, que non se nos conte de golpe ao principio da novela, senón que o vaiamos descubrindo pouco a pouco, e ver tamén esa evolución en canto á aceptación do ocorrido, e a relación cos seus "hermanastros" Chad e Emma, algo que me encantou. Non sei como explicar as sensacións que me transmitiu esta novela, nin como analizar por separado todas esas pezas do puzzle que é a novela, pero simplemente decir que me gustou moitísimo e que é un libro moi especial e moi diferente que recomendo moito.

O máis destacable, quizais, é o final, realmente moi moi moi moi inesperado. Non é só que non esperes o que van a contarche (que non o esperas) senón que, directamente, non esperas que haxa nada que esperar, non cres que vaian a dicirche nada novo. Gustoume ese final, aínda que o vin quizais precipitado, non acabe de explicarse ben de todo e non ten moito sentido que non fagan referencias a iso e o omitan durante odo o libro sendo tan tan tan importante.

Conclusión: Gustoume moitísimo e pareceume moi moi especial. É realmente moi interesante e mestura varios puntos e tramas diferentes para crear unha boa novela.

22 de ago. de 2015

Reseña: Perfección (Saga Traición 02)



Este mes de Agosto decidín rematar as sagas e triloxías que comezara no mes de Xullo, para evitar a acumulación de lecturas e o esquecemento de tramas, un sistema que me está gustando bastante e que creo que seguirei levando a cabo nos seguintes meses tras unha implantación exitosa. O primeiro libro que supón unha continuación de sagas iniciadas, é Perfección de Scott Westerfield, cuxa primeira parte, Traición, reseñei o mes pasado (clica aquí)

Resumindo as miñas impresións desa primeira novela, non estaba demasiado contenta nin decepcionada, simplemente me deixara indiferente e cunha sensación de desconcerto ao non percibir por ningures esa orixinalidade da que se falaba polos blogs e canais de youtube literarios. A pesar de que o libro non me apasionara, era entretido e acabara dunha forma moi moi intrigante, polo que xa tiña decidido ler a segunda parte e, cal foi a miña sorpresa, ao notar un brusco cambio na historia e acontecementos desta, sendo moito máis orixinal (onde vas a parar) e mellor que Traición, a pesar de tratarse realmente dunha novela de transición entre a primeira e terceira parte da triloxía.

O libro comeza onde terminara o anterior, dunha forma que non podo contar, pero simplemente direi que o escenario, o lugar onde ocorre todo, non é o mesmo que na primeira parte para nada, trátase un lugar que os lectores nunca chegamos a ver de todo, de forma que é moi novedoso e positivo para a novela. Aproveitando isto e as circunstancias nas que comeza Perfección, podemos saber moito máis, xa non sobre o funcionamento do sistema, senón sobre a forma de vida dos perfectos e os cidadáns en xeral ademais da tecnoloxía coa que contan e as relacións entre os habitantes neste mundo distópico. Coñecemos, ademais, novos personaxes e amigos de Tally e Shay, algo bastante positivo e necesario para a segunda novela, que ademais me deixaron bastante satisfeita, se ben non é nada do outro mundo.

A forma na que remata a primeira parte é moi intrigante e inesperada, polo que devorei o principio deste segundo libro con ansia para descubrir o ocorrido e foi, a verdade, moi sorprendente (positivamente) e conseguiu que quixese seguir lendo para descubrir o desenlace.

Na novela nárrasenos unha viaxe, un traxecto no cal coñecemos un pobo que vive como os preoxidados (os homes prehistóricos, máis concretamente do neolítico) que resulta ser algo diferente ao que nun principio pensamos e abre unha trama, que supoño que continuará no seguinte libro, con moitas probabilidades de éxito no que a min respecta.

O único que podería quizais criticar de Perfección, é o seu final, que é o que provoca maioritariamente que poidamos tildar esta novela como de transición, pois da a impresión ao lector de que non se avanzou nada, que sempre volvemos atrás e que todo o vivido non serviu, realmente, para ningún fin. Ademais, ocorre de forma moi precipitada, demasiado precipitada, aínda que tamén deixa o final, ao igual que na primeira novela, aberto e con posibilidades.

Conclusión: Con ganas de continuar coa seguinte parte da triloxía, grazas á melloría da segunda novela respecto á primeira e o chute de enerxía e ganas de descubrir o esperado desenlace que me provocou.

21 de ago. de 2015

Reseña: Amsterdam Solitaire



Fernando Lalana creou unha serie de libros de misterio xuvenís protagonizados polo detective Fermín Escartín, que conta actualmente con catro títulos. Eu non recordo se só lin La tuneladora ou tamén realicei a lectura de El caso Galindo (si, é moi raro e moi triste) pero si que me lembro do moitísimo que me gustara o primeiro deles. Encantárame, a verdade, hai uns dous ou tres anos, cando levei a cabo a súa lectura, polo que cando atopei Amsterdam Solitaire, decidinme a lelo de inmediato.

Nesta novela, trátase o tema das estilográficas e o seu valor monetario e profundízase no mundo dos grandes coleccionistas, debido ao roubo da estilográfica máis especial, cara e única do mundo pese ás medidas de seguridade coas que contaba. Fermín Escartín deberá investigar o ocorrido.

A verdade, a novela decepcionoume bastante. O recordo que gardaba de La tuneladora era moi positivo. Parecérame un libro intrigante, misterioso e moi entretido e rápido de ler, que contaba ademais cunha trama interesante e ben levada, sen cousas collidas por pinzas. 

En cambio, Amsterdam Solitaire é un desastre. En primeiro lugar, o nó da historia comeza máis adiante da metade do libro, polo que practicamente o 75% da novela son o plantexamento e a introducción. Ademais, o misterio non ten ningunha intriga e é moi simple, sabéndose ademais, facilmente, a identidade do/s culpable/s.

Na súa defensa, debo dicir que toda a historia da creación da pluma estilográfica e os datos sobre ese mundo que se nos dan ao comezo da novela son moi interesantes e entretidos, pero esa parte do libro non é proporcional ao resto, sendo a lonxitude da novela demasiado curta ou esa introdución demasiado longa.

Hai ademais actitudes por parte dos personaxes e acontecementos algo forzados e que mais ben poderían pertencer a un libro de literatura infantil e que non me recordan para nada ao outro libro que lera (debo advertir que pode ser producido polo tempo que pasou dende a súa lectura e/ou a idade que tiña cando o fixen) e que me decepcionaron un montón. Igual pode ser interesante para lectores entre os 11 e os 13 anos, aínda que non son moi partidaria de recomendar libros por idades, pois creo que depende máis ben da persoa que vaia a realizar a lectura.

Conclusión: Non teño moito máis que dicir, pois é un libro moi curtiño e rápido de ler, simplemente os puntos que comentei con anterioridade que fixeron que non me apasionara esta lectura, moi pouco traballada e moi sinxela para min, que non me conseguiu convencer para nada.

18 de ago. de 2015

Adaptacións cinematográficas #1: Las ventajas de ser un marginado.



Vou inaugurar con esta entrada unha nova sección no blog, Adaptacións Cinematográficas de Libros que espero poder publicar con bastante continuidade, aínda que iso dependerá das películas que poida ir vendo.

Como dixen na reseña de "Las ventajas de ser un marginado" (fai clic aquí!!) no seu momento, esta novela encantoume e fíxome emocionarme e sentir moito, pero tampouco me sentira realmente impactada, pero tras ver a película incrementouse aínda máis ese sentimento positivo que tiña xa do libro e cobrou un novo sentido, que fixo que me gustara aínda máis do que xa me gustara e doulle o último empuxonciño para elevar Las ventajas de ser un marginado á categoría dos meus libros preferidos.

A película gustoume moitísimo, creo que é unha das miñas adaptacións favoritas, porque se axusta moi ben á novela, moi moi ben, e capta a súa esencia á perfección.

Para empezar, os actores e actrices son fantásticos. Creo que imaxinaba a todos os personaxes de maneira parecida, coas únicas excepcións de Patrick (sorprendinme moito ao velo, non sei realmente como cría que era, pero non así, aínda que non me desgustou en absoluto) e Mary Elizabeth, que si que me deixou flipando, pois esperábaa moi distinta. Emma Watson no personaxe de Sam pareceume fantástica e creo que representou moi ben o papel. Na novela, este personaxe é totalmente como se representa na película e non notei nada que me botase para atrás e me fixese pensar que non era propio do personaxe. Tamén ocorre o mesmo no caso que Charlie: o actor tamén da totalmente o pego, e representa a personalidade do personaxe á perfección ata nos momentos máis críticos, cando sofre os ataques do final da novela.

A relación entre Mary Elizabeth e Charlie tamén cobrou un novo sentido na miña mente tras ver a película, pois causárame unha impresión distinta ao ler sobre ela na novela, pero non foi algo que me molestara ou me apasionara, simplemente noteino diferente.

A verdade é que non hai nada do que me poida queixar, pois pareceume unha adaptación realmente xenial e moi ben adaptada, que marca con precisión os momentos máis emotivos e importantes, facéndoos moi bonitos, e enfatizando a importancia na vida do protagonista de certos acontecementos clave. O momento do túnel foi absolutamente xenial.

O único que podería criticar é o final, cando se descobre "algo" sobre a tía de Charlie, tan importante para el, pois é moi difícil de entender se non leches a novela, polo menos na miña opinión, porque se mostra dunha forma moi sutil, pero a pesar desta minucia, a película está moi ben, xenial adaptación e xenial película.

16 de ago. de 2015

Reseña: Diario del búnker.



Simplemente flipei. Diario del búnker era un libro que morría por ler dende que coñecera a súa existencia, porque é o tipo de libro, misterioso e moi moi intrigante e diferente, que normalmente adoro.

Linus desperta nun búnker subterráneo, tras ser enganado e posteriormente sedado e secuestrado, que conta cunha única comunicación co exterior ou, mellor dito, coa planta superior. Nese lugar, hai seis habitacións, seis vasos, seis platos... o que lle indica ao protagonista, como realmente é, que proximamente chegarán novos secuestrados.

A historia cóntanola o propio protagonista, pois el escribe a novela nunha libreta que o secuestrador lles deixou a cada un deles, polo que a maneira de enterarnos dos novos sucesos é sempre moi directa e persoal e realmente xenial. Linus, ocúltanos ademais determinadas cousas (que logo si que nos son reveladas) e, dalgunha maneira, insúltanos por que cre que ese caderno no que el expresa todo o que sente, irá a parar a mans do seu secuestrador. É un libro moi moi adictivo, que engancha e fai que queiras ler sen parar e descubrir o final e que ademais se le moi rápido, de forma que o devorei nun só día.

Todos os personaxes que aparecen nese búnker teñen unhas personalidades realmente moi marcadas e historias duras ás súas costas, o que fai que a interacción entre eles ao estar sufrindo todos o mesmo destino sexa moi interesante e que ocorran cousas realmente duras, ademais de provocar no lector unha gran curiosidade por ver que será o próximo en ocorrer. Ademais, xuntos, tratarán de atopar unha maneira de escapar dese lugar que non lles dará os resultados esperados (non digo máis) e provocará que a forma na que se viñan dando os acontecementos e esa liña fixa que ía seguindo a novela se precipite cara un final realmente fascinante.

Ademais, a novela nárrase dunha forma crua e dura, por ser o narrador o que vive nas súas carnes o que está acontecendo, para nada propia da literatura xuvenil polo xeral, que fará que te poñas na pel dos personaxes e aumentará aínda máis as túas ganas de saber o desenlace. Con respecto a el, simplemente direi que eu podía esperar de todo, imaxinaba calquera conclusión para esa historia, excepto a que realmente se nos narraDecir que flipei e quedei coa boca aberta é pouco, simplemente non podía crelo.

Non podo explicar as sensacións que esta novela transmite ao longo da súa lectura, e tampouco facer ningún spoiler dese para nada esperado final, pero insisto en que é algo totalmente novedoso e que me encantou, é unha novela xenial, apasionante e marabillosa, que recomendo a todo o mundo, pero sobre todo aos amantes, coma min, da literatura de intriga ou aos lectores de terror, aínda que non se trate diso exactamente.

Conclusión: Brutal e marabillosa. Unha novela que me encantou e enganchou dende a primaira páxina, cun final inesperado por completo.


15 de ago. de 2015

Reseña: Las tejedoras de destinos.



Las tejedoras de destinos de Gennifer Albin é un libro do que oíra falar moi mal, moi ben e regular, polo que non dudei en comezar a lelo para formarme unha opinión propia. Non contaba para nada con que se tratara dunha distopía, pensaba que era do xénero fantástico sin máis, pero mestura ambos xéneros (como tamén ocorre en Mistyc City, reseña aquí, polo que se vos gustou un dos dous anímovos a ler o outro).

En Arras, ser elixida texedora é o mellor que che pode pasar, pois todos os teus desexos e caprichos serán cumplidos e vivirás nunha vida de luxo e excesos, a cambio do gran servizo protexendo o texido que realizas. A pesar disto, os pais de Adelice (e ela mesma, en realidade) non queren que ela sexa elixida nas probas, separándoa do seu lado e sendo obrigada a tomar duras decisións na vida dos cidadáns, polo que a entrenarán para esconder a súa capacidade especial como texedora, fallando nas probas de selección, pero burlar á Confederación non será tan sinxelo...

Quedei absolutamente alucinada cando descubrín de que ía a triloxía (si, unha vez máis comecei a ler sen saber nada da sinopse) e atopei outro dos meus principios de libro preferidos (xunto co de Ciudades de Papel, como xa dixen en milleiros de ocasións), simplemente impresionante.

A verdade, sorprendeume moito ter atopado críticas negativas deste libro, pois é totalmente novedoso dentro do xénero da distopía xuvenil e moi diferente a calquera cousa que lera con anterioridade. Básase no mito das fiandeiras e é realmente moi moi interesante. A miña opinión xeral é moi positiva, a verdade gustoume moito, porque non hai apenas similitudes con ningunha das sagas distópicas que lera e preséntanos un mundo realmente complexo e dificil de entender en ocasións, incluso. A verdade é que hai que prestar moita atención en determinadas partes nas que se nos bombardea con información sobre a Sociedade ou, sobre todo, os telares e texidos, pilares desta, algo que realmente me gustou.

A trama de Las tejedoras de destinos, céntrase moito na explicación do funcionamento do seu mundo e, sobre todo, en intrigas e traicións dentro dos poderosos e gobernantes que marcarán por completo a vida de Adelice como texedora, aislada do mundo por completo no Coventri, o lugar donde todas elas viven. Isto é outro punto realmente interesante, o seu día a día alí e como vai forxando enimigos e descubrindo diferentes cousas sobre como realmente funciona todo en Arras, pois non todo o que pensaba ata entón era verdade. Simplemente, non sei como expresalo sen entrar en spoilers pero o argumento da triloxía é realmente marabilloso.

Unha vez máis (aínda que a verdade é que hai tempo que non atopo un na literatura xuvenil máis recente) aparece ante nos un triángulo amoroso, formado por Adelice, Erik (un traballador no Coventri, servinte dunha texedora poderosa) e Jost (outro traballador de menor rango que ten multitude de responsabilidades). antes de nada, decir que eu son Team Jost totalmente, pero que de igual forma me gustan moito ambos rivais como personaxes, pois están bastante elaborados (non pidamos máis, que tampouco aparecen tanto na novela) e, polo menos de momento, ningún deles foi "anteposto" (na maioría dos triángulos, o autor fai que un deles leve a cabo algo que perxudique aos "bos" ou axude aos enimigos ou crea actitudes que odiamos para que nós e a protagonista prefiramos ao outro, como con Gale en Los juegos del Hambre).

Ademais, nesta novela tamén os enimigos e malvados están realmente traballados e todo está moi coidado, sen nada collido por pinzas. Realmente ben.

Conclusión: Xenial. Con ganas de ler a segunda parte. Espero que siga así.

14 de ago. de 2015

Reseña: Hyde


Hyde é un libro de David Lozano, un escritor español do que non lera nada antes pero do que oíra falar moi ben, cunha trama fascinante e intrigante, do xénero da novela de misterio e intriga que sabedes que adoro.

Oito adolescentes son encerrados nunha casa sen ningún contacto co exterior, para ser sometidos a unha terapia subliminal que os axude a ler con maior facilidade e provocar que lles guste facelo. O peor que lles pode ocasionar a terapia se algo sae mal, é que non surta efecto, polo que cando pola noite comezan a ocorrer cousas estrañas e aparece o primeiro cadáver, daranse conta de que alí ocorre algo máis.

Este é un argumento que promete un montón, pero debo advertir que non o cumple. Unha vez máis, terminei a súa lectura cunha gran decepción.

Todo o relacionado coas terapias e publicidade subliminais sempre foi un tema que me interesou e me chamou a atención, así que abrín o libro con moita ilusión e expectativas, pero a trama non se centra demasiado (nin tanto como debería) nese punto. 

A principal razón pola que a novela me deixou descontenta foi a tan grande cantidade de violencia e brutalidade que (por moito que o intente) o autor non pode xustificar. En teoría, dase unha explicación na novela, pero para min non foi para nada suficiente. Non me importaría tanto este tema se non fose pola pouca calidade do libro con respecto ao misterio, a ver si me explico: se o misterio fose apasionante e ademais sucedesen mortes violentas que o fixesen máis escalofriante e terrorífico, pois sería algo positivo, pero neste caso, apenas hai misterio, si que hai algo que investigar, pero non é o máis importante nin por asomo e o autor introduce tanto sangue e violencia para intentar conseguir esa sensación de desacougo e terror que non é capaz de producirnos a historia e a narración que se nos presentan, pero desa forma tampouco o consegue.

Os personaxes nada profundos ou interesantes: noutras circunstancias e noutro libro teríame dado exactamente igual, pero neste caso, cunha novela que non conseguía cautivarme, aínda provocaban un peor resultado, pois tampouco me identificaba e/ou me interesaba por ningún dos adolescentes en cuestión.

Como en todos os libros de misterio e intriga, o máis importante e o descubrimento do asasino, do culpable ou do criminal, algo, ademais, que no meu caso pode provocar que un libro que me estaba encantando me decepcione, e neste caso non me acabou de gustar. A ver, que non é un final horrible, é certo, trátase dunha das mellores partes da novela, pero vese á legua. Dende o momento un, dende a primeira mención a un asasinato e o primeiro interrogante sobre o culpable, eu sabía que era esa persoa e por esa razón; estaba cantado. A razón pola que todo ocorre, está presente ao longo de toda a novela, intentando que sexa dunha maneira sutil pero conseguindo sinalizalo cun cartel de neón.

O único que de verdade me gustou, foi a intercalación desta historia principal coa investigación dun asasinato paralelo, que parece non ter ningunha relación, aínda que finalmente esta si existe, porque consegue que te fagas preguntas e queiras unir ambas historias (aínda que finalmente sexa un pouco collido por pinzas).

Conclusión: Non hai por onde collelo. Mal.



12 de ago. de 2015

Reseña: Si decido quedarme



Normalmente, por non decir sempre, escribo e publico as reseñas das miñas lecturas na orde que as levo a cabo, e poucos días máis tarde de facelo. Esta vez, en cambio, antepuxen outras reseñas a esta (en realidade lin Si decido quedarme antes da primeira parte da triloxía Numbers, reseña aquí) porque non tiña moi clara a miña opinión e o que ía dicir sobre esta novela.

Si decido quedarme de Gayle Forman é un libro moi popular na literatura xuvenil e con moi boas críticas (que ademais conta cunha adaptación cinematográfica), polo que había tempo que o quería ler, e ademais ten un argumento moi chamativo, moi interesante que me inspirou unha gran curiosidade dende o primeiro momento.

Mia e a súa familia deciden visitar aos seus tíos unha mañá nevada de inverno, dado que se suspenderon as clases por esta mesma razón. De camiño, sofren un accidente de tráfico, como consecuencia do cal, Mia entra en coma e deberá decidir se quedarse ou morrer, tendo en conta a súa situación actual.

Esperaba moito máis. Pensaba que ía ser unha novela moitísimo máis profunda e reflexiva, e que me ía encantar, en cambio, fíxoseme moi superficial e para nada tan impactante como esperaba.

Para empezar, o feito de que Mia sexa unha especie de "fantasma" que o ve todo mentres está en coma, xa non me acaba de convencer, preferiría (e pensaba que ía a ser así) que ela escoitase e notase cousas dende o seu corpo, é dicir, que aínda que estivese inconsciente estivese igual atenta ao que ocorrera ao seu redor e se enterase de todo de igual maneira. Aínda así, este feito é un detalliño, unha tontería que non me molestou demasiado na gran montaña de puntos que non me souberon convencer.

A novela, estábame gustando moito mentres Mia recordaba o seu pasado e os últimos sucesos na súa vida, encantoume como a autora intercala estes recordos coas accións que ocorren no presente do libro durante toda a novela, iso teño que recoñecerllo, pero entón, cheguei á parte na que o noivo de Mia chega ao hospital e non lle deixan vela. Basicamente, nese momento el e a mellor amiga da protagonista fan a maior e menos críble estupidez xamais lida ou escrita na literatura mundial. Quedei... descontenta totalmente e coa boca aberta da sorpresa de semellante tontería.

A partir de entón, Mia empeza a ter razoamentos estraños sobre se dependerá ou non dela o quedarse ou morrer (metidos no argumento, ademais, con calzador e moi collido con pinzas, pero ímosllo perdoar) e a basar a súa decisión en recordos e sucesos francamente superficiais e sen importancia, a maioría dos cales arredor da figura do seu mozo e a súa, aínda non decidida, relación a distancia. Francamente, decepcionoume moitísimo que no único que poida pensar no momento da súa importante decisión como argumento para quedar, sexa a súa relación amorosa.

Como xa comentei, o único que verdadeiramente me gustou da novela e non me decepcionou, foi a tan boa obra por parte da autora á hora de introducir os recordos na trama, algo que non soubo manter na creación dun final e conclusión á novela. Simplemente, Mia toma a súa decisión (que ademais se vía a leguas, pero bueno, non estivo tan mal levada) en catro frases, coma quen di, demasiado rápido e sen darche tempo a paladeala. Mal.

Conclusión: Decepcionada é pouco. esperaba moito máis con ese argumento tan prometedor e esas críticas tan boas, pero quedei pasmada do pouco que me fixo sentir e me emocionou.

10 de ago. de 2015

Book Tag #4: Planetas literarios

1. Mercurio: Libro curto que disfrutaras.



Café solo, de Agatha Christie, é un libro (do que fixen reseña, clicando aquí) que non é exactamente curto, xa que ten pouco máis de 200 páxinas, pero a sensación que o lector ten ao rematalo é esa, debido a que a novela describe tan só os acontecementos que ocorren en determinada habitación, algo que adorei, como xa comentara no seu momento. Isto débese a que, en realidade, Agatha Christie escribiu unha obra de teatro, novelada anos máis tarde dando lugar ao libro actual, polo que ten explicación a tan curta lonxitude de Café solo comparada coas demais novelas da autora.


2. Venus: Un libro perfecto para o verán.


Creo que hai moitísimos que podería meter nesta categoría, polo que me costou moito decidirme, pero finalmente creo que recomendarei El Club de los Corazones Solitarios de Elizabeth Eulberg (minireseña aquí) pola súa orixinalidade e a novedosa idea con respecto ás relacións durante a adolescencia. Xa sabedes que a romántica non é un xénero que me guste demasiado, e que non leo libros deste tipo, pois son unha persoa á que lle gustan as historias de amor, pero non como tema principal do libro, senón dentro dunha distopía, libro de intriga ou calquera outro xénero, sen que se trate da trama principal. A pesar disto, encantoume a idea que transmite a novela e gustoume moitísimo en xeral. Ten un ritmo moi áxil e é moi fresca, polo que é ideal para o verán, e contén un montón de referencias ás cancións dos Beatles. Ademais, este ano publicouse unha segunda parte, polo que se trata dunha biloxía (para máis biloxías clica aquí) que aínda non lin, aínda que teño ganas de facelo, pero tamén medo de que poida estropear a primeira parte; xa vos contarei.


3. Terra: Libro cuxo autor sexa do teu país.

Laura Gallego é a miña escritora española preferida, da que lin case todas as novelas, gustándome todas (coa única excepción de Todas las hadas del reino, novela da que expresei a miña estraña opinión na súa reseña, que podedes ler pinchando no título). Un dos meus libros preferidos de Laura Gallego, é Donde los árboles cantan. Non recordo moi ben a historia, pero si que quedara bastante satisfeita tras rematar de lela e que incluso me emocionara co seu final (que tampouco recordo). Recomendo esta novela e á autora en xeral.


4. Marte: Libro con portada vermella.




Non teño e non recordo que lera ningún libro coa portada totalmente ou maioritariamente vermella, polo que vou elixir Amanecer rojo (enlace coa miña opinión aquí), que ten a cor no nome e nas ás da portada, ademais de ser moi importante no propio argumento e de desenvolverse no planeta de Marte en concreto, polo que non podía facer unha elección mellor. Foi un libro que me encantou e que vai estar na lista de mellores lecturas do 2015, porque achega frescura e novidade ao xa trillado xénero da distopía dentro da literatura xuvenil, o meu favorito como xa dixen en moitísimas ocasións. Normalmente, as distopías xuvenís teñen bastantes similitudes entre si, mentres que en Amanecer Rojo podemos apreciar unha sociedade moito máis dura e un argumento diferente ao habitual.

5. Xúpiter: Libro longo que leras moi rápido.


El cuento número trece ( descubre aquí a súa reseña!!) é un libro marabilloso e excepcional que descubrín por casualidade e empecei a ler a cegas, sen saber nada do seu argumento, pois na sinopse non se nos conta practicamente nada. Levei a cabo a súa lectura en Xuño, en plena época de exames de final de curso, e, a pesar da cantidade deles que tiña, ademais de traballos, devoreino nuns poucos días (sen poder evitar parar de estudiar de vez en cando para ler un par de capítulos) iso que ten 480 páxinas. Un libro recomendadísimo sen dúbida algunha.


6. Urano: Libro que che enganchou.



Hai moitísimos libros que cumplen esta condición, pero un dos que recordo con máis intensidade é o primeiro libro da triloxía Divergente, con ese mesmo nome. Comecei a lelo unha tarde de Xullo do ano pasado e acabeino ese mesmo día, porque non era capaz de parar de ler. Encantoume a idea dende o primeiro momento e tamén coñecer a Sociedade e a forma de vida. Normalmente, as distopías non soen centrarse niso, pero neste caso a primeira novela da triloxía paráse un montón nestes aspectos debido á diverxencia da protagonista e como debe sobrevivir. Encantoume, sen dúbida o mellor libro dos tres.

7. Saturno: Libro cuxa portada che guste moito.



Para non volverme repetitiva e volver a falar de Como agua para chocolate por enésima vez nun Book Tag, vou dicir Temblor. É o primeiro libro dunha triloxía (da que só lin a primeira parte porque no seu momento non me encantara, é dicir, gustárame pero non me apasionara, polo que o fun deixando, deixando... ata o día de hoxe) que ten unha portada marabillosa, que me encanta e que, aínda que non se aprecia na imaxe, ten unha especie de brillo e unha textura moi diferente que tamén me encanta. Pretendo continuar coa triloxía este verán, a ver se recordo algo do argumento, así que xa vos contarei.


8. Neptuno: Libro perfecto para o inverno.




Como non podía ser doutra maneira, Harry Potter ten que aparecer en algunha das preguntas deste Book Tag. Calquera dos libros da saga é ideal para esta estación, especialmente nun día de frío e chuvia, con toda a tarde para ler por diante. Sobre todo, as últimas novelas da saga, máis longas, pois o inverno é unha época do ano na que me apetecen este tipo de libros.


9. Plutón: Libro que leras do que fixeron unha película.





Cando vin a primeira película de Los Juegos del Hambre, con ese mesmo título, non me gustou nada, pero absolutamente nada, porque me esperaba algo totalmente diferente e non me gustou a adaptación. En cambio, a segunda, En Llamas, encantoume, e pareceume que captara xenial a esencia da novela. Aínda non vin as dúas últimas películas, equivalentes ao último libro (pois foi dividido en dúas partes, algo que non me agradou demasiado cando me enterei, debo dicir) pero teño unhas expectativas bastante altas.

8 de ago. de 2015

Reseña: Juntos 01


Juntos é a primeira parte dunha triloxía distópica do mesmo nome, escrita por Ally Condie que se sitúa nunha sociedade na que as persoas son emparelladas polos funcionarios para así evitar enfermidades e lograr a mellor "mestura" de xenes posible, facendo unha "selección natural" artificial que evite problemas de saúde e cree aos mellores individuos. Carrie é emparellada co seu mellor amigo, Xander, pero por un erro no sistema, aparece outro xoven, Ky, na microficha con información sobre a parella que reciben todos os emparellados. Dende ese momento ela non poderá evitar preguntarse se el tería sido a súa parella de non tratarse dun aberrante, unha clase social á que non se lle permite o emparellamento.

En primeiro lugar, o libro non ten argumento. É dicir, só se nos conta a historia de Cassia día a día e os acontecementos nos que se ve envolta, pero en realidade non pasa nada, non existe un plantexamento, un nó e un desenlace propiamente ditos, hai un final (obviamente) pero non se segue a estructura propia dunha novela. A acción non existe en Juntos, nin apenas se narran acontecementos. A base da novela é tan só como ela comeza a plantexarse porqué foi emparellada por accidente con Ky e como evolucionan os sentimentos cara el e cara Xander, pero non vai máis lonxe diso e non hai unha historia realmente.

Ademais, os personaxes son planos e non evolucionan: Cassia (que me caeu fatal, por certo) pareceume tonta, creo que non atopo unha palabra mellor para definila. Está quieta e calada todo o tempo, sen apenas atreverse a nada pero sen deixar de facelo tampouco, e precisa sempre de alguén que a axude e a protexa. Non sabe facer nada por si mesma, nin tomar decisións, e cando o fai, é despois de moitísimo tempo e de que alguén llo diga. Por non falar xa de Xander, plano planísimo, o personaxe con menos personalidade que vin nunca en ningunha novela que lera, por parecer, parece case un moble. O único que se salva é Ky, que aínda que non é algo excepcional, polo menos ten unha personalidade propia e non parece unha pedra.

A pesar de estes tantísimos puntos negativos, podo dicir que foi unha novela entretida: aínda que para nada novedosa na súa trama nin na creación desa sociedade distópica, déixase ler e está ben para o verán, pois non require para nada reflexionar nin nada parecido, e ten un ritmo áxil e fluído. Algo que si me gustou e que lle da quizais a única pincelada de orixinalidade a esta primeira parte da triloxía Juntos, é o relacionado coas reliquias, antigüedades que os habitantes poden ter (sempre que sexa tan só unh por persoa) que pertenceron á súa familia, e que van pasando de xeración en eración. Non é gran cousa, pero paréceme polo menos algo diferente e novo.

Conclusión: Cun ritmo áxil e fluído, esta primeira parte da triloxía distópica Juntos déixase ler e entretén, pero non é para nada orixinal ou novedosa e non pode considerarse unha boa distopía ou, directamente, unha boa triloxía. Está ben para ler no verán pola súa simpleza e lixeireza.

6 de ago. de 2015

Reseña: Numbers 01

     



Non coñecía de nada a triloxía Numbers de Rachel Ward, nin sequera me sonaba a súa portada ou o seu nome, directamente descoñecía a súa existencia, polo que non sabía as opinións dos seus lectores nin podía sequera adiviñar con que me ía a atopar, pero tras ler o seu argumento, a miña curiosidade puidome e decidín lanzarme á súa lectura. 

Jem ten a capacidade de ver a data na que morrerá toda persoa que a mire aos ollos, o que lle acarrexa grandes problemas, como o deixar de relacionarse, porque é difícil implicarse en algo ou con alguén cando sabes o día exacto no que vai a deixarche. Jem coñecerá a Spider e xuntos emprenderán unha viaxe a Londres, onde presenciarán un acontecemento que fará que ambos deban fuxir .

É realmente un libro diferente. É algo que se di a miudo e de moitas novelas distintas, pero realmente non creo que haxa unha palabra mellor que defina esta primeira parte da triloxía Numbers. A autora crea un mundo duro e cruel que, ao igual que as situacións que deben vivir os personaxes e as súas actitudes, non está para nada endulzado, senón que se presenta dunha forma realista e dura durante toda a novela. Neste aspecto, recórdame en certo modo á triloxía La cazadora de sueños de Lisa Macmann: aínda que con tramas diferentes, ambas novelas teñen unha esencia negativa que se transmite ao lector e que non sei como explicar. En Numbers, os dous personaxes principais sofren unhas situacións difíciles que marcan o seu carácter por completo, facendo que influan no seu comportamento e accións durante todo o libro, sen tregua, e agreando os seus carácteres. É algo que me gustou moito na novela, e que está realmente moi presente en toda ela e na súa propia esencia.

En canto ao argumento, cando lees a sinopse podes ter unha idea diferente da dirección pola que vai ir a autora. Realmente eu pensei que ía tirar pola típica historia de "poderes", pero nada máis lonxe da realidade, pois a historia de Numbers vólvese orixinal grazas ao enfoque de Rachel Ward.

Encantoume es especie de road trip (tan de moda na literatura xuvenil nos últimos anos) que se nos presenta, aínda que en realidade se trata dunha fuxida, na que os dous protagonistas deben buscar unha forma de sobrevivir e que, unha vez máis, non é para nada fácil, senón dura e chea de penurias. Foi, quizais, o que máis me gustou do libro, e un gran punto positivo de Numbers sen dúbida algunha. Outro, é a capacidade da autora de crear personaxes cunha forma de ser para nada perfecta e tópica, senón realista, sobre todo nos personaxes secundarios, como a avoa de Spider ou as persoas que atopan na súa fuxida.

Algo negativo do libro é o seu final, demasiado apresurado en certo sentido, concluíndo de repente a súa fuxida, debido a algo (relacionado con Spider) que ocorre sen previo aviso e dunha forma moi rara e totalmente diferente ao que a novela me tiña acostumada ata ese momento. Non sei como explicalo sen facer un spoiler, realmente, pero simplemente quedei algo chafada e preguntándome que acababa de ocorrer.

Cando terminei esta primeira parte da triloxía Numbers, quixen mirar inmediatamente como comezaba a seguinte parte e de que trataba, pois a trama da primeira queda totalmente pechada ao seu remate, e sorprendinme gratamente ao descubrir que o narrador era un personaxe diferente a Jem (cuxa identidade non podo aclarar para non caer en spoilers e revelacións da novela). Isto é algo que me chama bastante e me gusta, tendo en conta ademais as circunstancias do fin da primeira novela e a identidade do narrador. Non teño a seguridade de que o terceiro libro sexa tamén contado dende o punto de vista de outro personaxe (non quixen mirar para non descubrir nada que non quixera saber) pero creo e (espero) que si.

Conclusión: Ben, pero nada especial. Entretívome e gustoume bastante, pero non se trata de nada fóra do común, aínda que teño ganas de continuar coa triloxía.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...