Amosando publicacións coa etiqueta Poirot. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poirot. Amosar todas as publicacións

17 de out. de 2015

Reseña: Navidades Trágicas (Detective Hercules Poirot)




Despois de bastante tempo sen ler e (publicar unha reseña) dun libro do detective creado por Agatha Christie, Hercule Poirot (para ver as reseñas anteriores e próximas da serie clica aquí).

Esta vez, cóntase como todos os membros da familia Lee se reunen con motivo das festas de Nadal, despois de anos separados por diversas pelexas, problemas de herencias e demais, polo que non se trata exactamente dun reencontro agradable para a maioría dos irmáns Lee e as súas mulleres. Ademais, o señor Lee (o pai) está moi enfermo, case inválido, polo que a súa única diversión é crear pelexas e poñer en evidencia ás persoas do seu redor, polo que se complica aínda máis a xa tensa reunión familiar. Cando un dos Lee aparece brutalmente asasinado, Poirot deberá descubrir a identidade do autor do crime.

O primeiro que me agradou e sorprendeu positivamente (e que realmente é o mellor da novela, sen dúbida) é a forma tan diferente de ser narrada con respecto ao resto das obras de Christie: en lugar de contar o que ocorre dende o punto de vista de Poirot ou dalgúns dos protagonistas, a autora limítase a describir diferentes escenas entre cada un dos matrimonios protagonistas durante a primeira metade da novela, sempre e cando teñan relación co argumento desta; unha conversación ou escea en cada capítulo. Desta maneira, o lector está enterado do que ocorre incluso antes que o detective belga e os demais sospeitosos, e pode sacar conclusións e movementos estraños que chamen a súa atención.

A partir da metade do libro, isto xa cambia (tristemente, aínda que tamén está ben esta maneira, a "convencional" ou máis típica da escritora de misterio) e vemos a investigación do asasinato e a súa resolución dende o punto de vista de Poirot, con tan só algunha escea intercalada entre outros protagonistas semellantes ás da primeira metade.

En canto ao misterio en si, POR FIN atopo esa esencia de Agatha Christie que nas últimas novelas lidas súas apenas se deixaba entrever. É un asasinato intrigante polas circunstancias de odio similar nas que se produce e pola forma peculiar (unha vez máis) de narrarse. Mestura un roubo cun asasinato (non digo nada máis, xúroo) e a autora introduce pouco a pouco diversas conversas e misteriosos diálogos que fan que nunca esteas seguro da identidade do culpable, pois parece que aumentan as sospeitas sobre alguén ata a seguinte páxina, na que parece que o asasino é outra persoa totalmente oposta. Marabillosa a maneira de soster o misterio en cada momento, aínda que decae un pouco en certas partes.

En canto a esa resolución do misterio, ese final que tanto caracteriza a autora por sorprender a todos e cada uns dos seus lectores, fíxome quedar bastante satisfeita. E se digo "bastante" e non "completamente", é porque (si, non podía deixar unha reseña sen decilo) quizais hai un aspecto que relaciona ao culpable coa razón pola que levou a cabo o asasinato que está un pouco collida por pinzas e non é demasiado lóxica. A pesar disto, considero que é o mellor final que podia dárselle á novela e era mposible que fose máis sorprendente, pois xamais se me pasara pola cabeza esa posibilidade. Un crime planeado con lóxica e intelixencia e cunha gran razón de ser de fondo.

En conclusión, unha boa novela da autora e xénero, bastante arriba no ranking das miñas novelas de Agatha Christie preferidas, pero tampouco é nada fóra do común, na liña da autora.


29 de abr. de 2015

Reseña: Café sólo

Como tiña uns días soltos entre dúas lecturas (entre que acabei unha e comezaba a ler outra) decidín ler "Café sólo" de Agatha Christie, dado que era moi cortiño, de feito soe venderse xunto co outros dous relatos formando un único libro, aínda que neste caso estaba de forma individual.
En realidade, Café sólo, non é unha novela policiaca senón unha obra de teatro deste xénero escrita por Agatha Christie no 1930, pero  vintedous anos máis tarde, foi novelizada polo escritor Charles Osborne.

Conta a historia de Sir Claude Amory, un científico que descubriu unha fórmula para crear un poderoso explosivo. Esta é roubada por algún dos hóspedes ou familiares que se atopan na súa casa, algo que el sabe, polo que os reune a todos na biblioteca e apaga as luces coa intención de que o ladrón deixase o papel coa fórmula enriba da mesa e coa promesa de que non se descubrirá a súa identidade nin haberá represalias. Cando a luz se acende. Sir Claude Amory está morto e Hercules Poirot deberá descubrir porqué, se ten relación co roubo e cal é a identidade do asasino.
A novela gustoume moitísimo porque o feito de que sexa tan corta é un punto moi positivo xa que fai que o caso non se extenda moito, e que non haxa que recurrir a finais pouco creíbles. Pero o punto que fixo que realmente ame está novela foi o feito de que todo ocorre na mesma habitación, non se narran sucesos que pasan fóra. Moitos dos acontecementos non os presencian Hercules Poirot nin Hastings (que tras o seu casamento reaparece!!) polo que non estás perdido entre as cavilacións de Poirot. Por último, falar do final: moi moi creíble, nada de pistas fantasma que aparecen de repente e xusto no momento preciso nin nada semellente. Moi ben.

Conclusión: Dos mellores da autora e xénero.


4 de feb. de 2015

Reseña: Asesinato en el campo de golf



Ultimamente, os libros de Agatha Christie estábanme deixando un pouco indiferente porque xusto as novelas que elixira non eran das máis famosas, interesantes e intrigantes da serie ("El templete de Nasse House", "Ocho casos de Poirot"...) Pero desta vez, elixín moi ben pois "Asesinato en el campo de golf" e un dos máis famosos e (como souben máis tarde despois de lelo) con razón. 

Un home rico e poderoso, nacido en Sudamérica pero que vive actualmente en Europa, mándalle unha carta ao detective Hercules Poirot porque sospeita que un perigo se cerne sobre el, aínda que non lle aclara o que, e pídelle que acuda á súa casa. Cando chega, o detective descubre que o home que o contratara fora asasinado. A partir dese momento, unha mestura de personaxes e historias transcurridas en varios continentes, fará que non poidas deixar de ler e que xa non sepas nin sospeites quen é o culpable. 

Conclusión: Esta é unha desas novelas nas que de tantas voltas e xiros que a trama dá, xa non sabes que vai ocorrer agora. É unha desas novelas de Agatha Christie que adoro e as que lin de primeiras e fixeron que me aficionara a elas, está, sen dúbida, dentro do grupo das que considero boas ou mellores que o resto. Recomendo lela sen dúbida porque non deixa indiferente como algunhas outras que case non sabes se che gustan ou non, das que acabas de ler sen case darte conta e sen sentir ningún tipo de emoción.


22 de xan. de 2015

Reseña: El templete de Nasse House

 Unha vez máis, entráronme ganas de ler unha novela de misterio de Agatha Christie e, tras moito pensar, decidinme por "El templete de Nasse House". Conta, tamén esta vez, a investigación dun asasinato por parte do detective Hercules Poirot pero, nesta ocasión, é un crime moi orixinal, pois ocorre nunha festa na que un dos xogos nos que as persoas podían participar era, precisamente, a investigación dun asasinato, e a asasinada é a muller que facía de morta no xogo.

Lin bastantes libros desta autora, pero este é un dos que máis me gustou, pola orixinalidade da súa trama, ao haber un asasinato nun xogo de misterio e ser precisamente a vítima do xogo quen morre, e polo aparición de turistas durante toda a obra que a fan máis rara e con máis posibilidades á hora de atopar ao culpable. Ademais, na edición que eu lin hai unha lista de personaxes ao principio, que facilita moito a vida, pois Agatha Christie é moi dada a crear innumerables sospeitosos e ao cabo duns capítulos nos que non aparece determinada persoa non recordas cal deles é. En canto ao ritmo da trama, está xenial porque non aburre e intriga polo que non queres parar de ler.

Aínda así, hai unha pega que poño deste libro: o final, aínda que inesperado e bo, coma sempre, é pouco creíble en certo modo e non me acaba de convencer, algo raro nos finais de Agatha Christie. En conclusión, non é das mellores da saga pero tampouco, sen dúbida, das peores.

3 de dec. de 2014

Reseña: Ocho casos de Poirot


Encántanme os libros de Agatha Christie, sobre todo os do detective Poirot, polo feito dos impresionantes e inesperados finas que a autora escribe. Normalmente, cada libro trae un só misterio, pero neste caso, "Ocho casos de Poirot" é unha recopilación de oito relatos de misterio que non eran os suficientemente longos ou intrigantes para facer con eles unha novela independiente. Gústanme máis, polo xeral, as novelas nas que se resolve un só caso pois ten máis intriga e o final é menos obvio para o lector e moi sorprendente, aínda que algúns dos misterios deste libro gustáronme.

Vou falar individualmente dos casos que podemos atopar en "Ocho casoso de Poirot":

- El inferior: Non me gustou moito porque o culpable xa se vía vir en certo modo. A pesar diso, tendo en conta os restantes misterios do libro, non está tan mal; é dos mellores.

- El expreso de Plymouth: É un caso moi cortiño,  non me gustou porque se resolve sen apenas investigar e é algo obvio e que parece mentira que escribira Agatha Christie. 

- El caso del Baile de la Victoria: Empezou ben pero perdeu interés cara ao final. Outra vez (sei que me repito) un final obvio e para nada típico da autora.

- El misterio de Market Basing: Aínda que cun final inesperado que me gustou, pareceume moooi curto (só son cinco páxinas).

- La herencia de los Lemesurier: Gustoume todo o que se conta sobre unha lenda que di que os primoxénitos desa familia morren sempre sen herdar, polo feito de ser algo moi intrigante ao cumplirse esta sempre; pero o final foi un pouco forzado e decepcionante. Outra vez se trata dun caso curto.

- El misterio de Cornwall: Gustoume moito, a verdade. Está moi ben polo feito de ser un misterio intrigante (trata dunha muller que cre que o seu marido a envenena e que morre de repente) e cun final pouco esperado, tendo en conta os desta novela.

- El rey de bastos: O meu preferido sen dúbida algunha. Interesante, extensión perfecta e final relativamente inesperado.

- El robo de los planos del submarino: Pouco interesante, nin ben nin mal, deixoume indeferente.

- La aventura de la cocinera: Moi ben, xunto co antepenultimo o mellor.

En conclusión, os misterios da novela recopilatoria "Ocho casos de Poirot" ganan moito segundo lemos, sendo os últimos os mellores, pero, aínda así, non creo que este sexa un bo libro (nin en xeral nin dentro da saga de Poirot) nin moito menos un exemplo da obra de Agatha Christie.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...