Amosando publicacións coa etiqueta Libros españois. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros españois. Amosar todas as publicacións

20 de xan. de 2016

Reseña: La casa de Bernarda Alba.


La casa de Bernarda Alba é un clásico da literatura española, que tiven que ler para o instituto e cuxo argumento prometía, aínda que tampouco esperaba demasiado del.

É unha obra de teatro, polo que apenas chega ás 60 páxinas, que conta como é o luto das cinco fillas de Bernarda Alba tras a morte de seu pai. Por orde de súa nai, non poderán saír da casa en oito anos, algo que non gusta a ningunha delas, pero a algunhas menos que a outras. Cando Pepe El Romano entra nas vidas das irmás, descubriranse certos segredos e produciranse certos sucesos inesperados para elas.

A verdade é que a obra me gustou, sobre todo o seu argumento, a historia que se conta, pois pareceume orixinal e moi interesante, ao representar moi claramente a mentalidade machista da época (que podemos ver na maneira de pensar de Bernarda) e sociedade española do momento, pero houbo certos aspectos que non me convenceron, que me deixaron fría, e fixeron que a miña opinión sobre o libro empeorara en certo grado.

Ao ser tan breve, todos os seucesos ocorren demasiado rápido, en moi poucas páxinas, e quizais isto fixo que a miña opinión da obra empeorase un pouco, pois estou acostumada a ler novelas, narrativa, e a ausencia de narrador en La casa de Bernarda Alba fixo que me sentise rara e non me convencera de todo.

A pesar disto, os personaxes creados por Lorca parecéronme absolutamente marabillosos, moi complexos e completos, profundos, e, a pesar da ausencia dun narrador que nos puidese mostrar os pensamentos das protagonistas, o lector pode entender a súa mente, adiviñar que pensa e como vai a reaccionar, e practicamente é como si nolo contaran.

Outro aspecto da obra que tamén me encantou e que xunto cos personaxes fixo que mellorase a miña opinión sobre ela, tendo en conta que a historia en si non me onvenceu de todo, foi a menira tan clara de ensinarnos a preocupación de Bernarda en concreto pero tamén das fillas e demais veciñas do lugar, ante a posibilidade de provocar faladurías e ser protagonistas de cotilleos e historias, ese temor ao escándalo que todas sofren e como este inflúe na súa maneira de comportarse e na súa vida en xeral.

Pero, sen dúbida, o mellor de La casa de Bernarda Alba, de toda e cada unha das páxinas do libro, é o final. Xa me gustara e me parecera marabillosa esa maneira tráxica de concluír toda a trama, pero cando lin a última frase de Bernarda (que non vou escribir porque sería un gran e enorme spoiler) quedei marabillada, pois define á perfección a súa mentalidade e o argumento da obra, e considero que non habería outra mellor que poñer no seu lugar.

Conclusión: Ben, personaxes marabillosos e boa descripción da época para unha trama que non me acabou de convencer.

22 de out. de 2015

Reseña: Marianela



Marianela de Benito Pérez Galdós é un clásico da Literatura Española, que foi publicado por primeira vez no ano 1870. A verdade é que non tiña demasiadas ganas de lelo, aínda que tampouco era que esperase que me desgustase, senón que simplemente me era indiferente, pero debía facelo para clase. A verdade é que me sorprendeu moito, estaba convencida que ía ser de determinada maneira e que o autor ía tratar o argumento dunha forma concreta, pero sorprendeume bastante.

Conta a historia de Marianela (á que chaman a Nela) unha rapaza moi pouco agraciada e moi parva (segundo todos lle din, pois non deixan de repetirlle nin un só segundo ningunha das dúas cousas). Ela traballa como lazarillo dun cego, Pablo de Penáguilas, e ambos namóranse. Un bo día, un doutor comunícalles que pode operar ao invidente e facer que recupere a vista, o que provoca que Pablo se ilusione moitísimo, mentres que Marianela comeza a preocuparse e sufrir, pois pensa que ao vela, o cego deixará de querela.

A verdade é que o mellor, sen dúbida algunha, de toda a novela é a narración. A prosa do autor é moi moi especial e diferente, con certas pinceladas de humor que agradan ao lector segundo le. A verdade. é que é unha novela bastante orixinal en xeral, pois en certos capítulos sáese dos tópicos e sorprende, tendo en conta que se trata dun libro publicado 140 anos atrás. 

Tamén me gustou a grande variedade de personaxes: aínda que Marianela e Pablo son os principais, cóntansenos as vidas e pasado dos demais personaxes, que teñen que ver coa trama principal nalgún ou outro momento e que, sobre todo, teñen certo valor á hora de falar da verdadeira temática da obra: a caridade e o trato ás clases sociais inferiores.
O autor trata de deixar ver que realmente un non pode xulgar aos demais polos seus cartos e circunstancias e que son, precisamente estes, os que marcan a súa vida, os que provocan esa falta de educación, non se trata de falta de intelixencia ou bondade. 

Plasmanse na novela os dous puntos de vista (o do autor/Teodoro e, o máis de dereitas, de Sofía) en conversacións e sucesos que provocan momentos bastante cómicos e que representan claramente o contexto social do libro.

O único que realmente non me gustou, foi o final da novela. Non polo que cocorre, que me parece realista e que está ben, senón pola maneira na que sucede, sen ningún tipo de esplicación aparente.

Conclusión: Un clásico que me gustou bastante e que considero que é unha boa novela, pero non me apasionou e deixoume algo indiferente.

5 de out. de 2015

Mellor lectura do mes #2: Setembro 2015



Unha vez máis traivos a entrada da miña Mellor Lectura do Mes  (clica aquí para ver máis Mellores Lecturas!!). Podedes pensar que apenas lin neste mes, pois case non publiquei reseñas en Setembro, pero non é asi, simplemente por diferentes razóns non puiden publicalas antes ou estou en proceso de facelo. 

O mellor libro do mes de Setembro, foi Marina de Carlos Ruiz Zafón. Creo que non se trata de ningunha sorpresa, tendo en conta o ben que falara desta novela na súa reseña (clica aquí) e o moitísimo que xa vos dixera que me gustara.

É unha novela emotiva, triste, intrigante, melancólica e marabillosamente ben escrita. Carlos Ruiz Zafón é capaz de transmitirnos todos os sentimentos do protagonista, e os seus propios, pois é un libro moi especial tamén para el, como podemos ler no prólogo (polo menos na miña edición), outro punto positivo a ter en conta, pois aínda que non forme parte da novela propiamente dita, a verdade é que me sorprendeu e que me gustou tamén moito.

Esta historia é moi especial, cunha esencia misteriosa, que sabe remitirche ao pasado sen problemas e manterche en vilo ao mesmo tempo que écapaz de emocionarche e facerche pasar un bo rato. A delicadeza coa que é narrada e a forma sutil e tranquila de escribir de Zafón souberon conquistarme, unha vez máis, con Marina.

En conclusión, unha lectura marabillosa e, para nada, do montón.

30 de set. de 2015

Reseña: Marina



Simplemente marabilloso. O primeiro libro que lin de Carlos Ruiz Zafón foi El príncipe de la niebla, hai dous anos, e gustoume tantísimo que continuei con outras das súas novelas. Por esa razón, cando souben da existencia deste libro do autor, Marina, grazas a Booktube, quixen lelo de inmediato (aínda que o tiven un par de meses na estantería antes de comezar con el...).

Cando abrín o libro por peimeira vez non tiña a máis remota idea de cal era a trama da novela, non porque evitase ler a sinopse da contraportada, senón porque, directamente, non é que nela se diga demasiado, e case me alegro de que tivese sido así, para poder terme sorprendido ao longo do libro. Aínda así, eu si vou facer a miña propia sinopse (coma sempre) por se alguén quere realmente descubrir que temas trata o autor.

Na Barcelona de 1980, Óscar adéntrase, nun dos seus paseos pola cidade, nunha antiga mansión con aspecto abandonado, atraído por unha kisteriosa e cautivadora voz. Cal será a súa sorpresa cando nese mesmo lugar coñeza a unha rapaza que desprende algo especial, pola que enseguida se verá atraído, Marina. Xuntos investigarán os misterios do pasado da capital catalana e veranse envoltos en estraños sucesos...

Quizais ao principio do libro non sentía esa pasión pola historia que máis tarde me embargaría, pois aínda se tarda bastante en comezar coa verdadeira trama principal, pero non era capaz de parar de ler aínda que só fose pola marabillosa maneira de escribir do autor. Ten unha forma de expresarse extremadamente literaria e incluso poética, que fai que sintas o que ocorre cunha gran intensidade e que te vexas absorbido por completo pola novela. 

Todo é narrado con delicadeza, lentamente e dunha maneira moi nostálxica, como o propio escritor admite na pequena introducción que podemos atopar no libro, na que nos explica por qué Marina á a súa última novela xuvenil e por qué se trata dun libro tan importante para el (sobra dicir que tamén me encantou este pequeno texto do autor) pero sen que isto impida que nos vexamos atrapados polo interesante misterio e que leamos certa partes con tensión e certa acción.

En certo modo é parecido a El cuento número trece, que sabedes que me encantou, no sentido desa nostalxia que percibimos e, sobre todo, no feito de que toda a trama se sostén nunha historia pasada, ocorrida moitos anos atrás, que é o pilar básico da parte "do presente" do libro, sen o cal non podería existir. Soubo apasionarme e encantarme tanto neste caso como o fixera o outro libro, volvendo a interesarme case máis a historia pasada que o que lles estaba ocorrendo aos personaxes principais no presente.

En canto ao final, que sabedes que é un punto culminante para decidir se unha lectura me gustou ou non e que son moi crítica nas miñas valoracións a este respecto, debo dicir que non o esperaba, nin o do pasado nin (sobre todo) o do presente, e que chorei moitísimo. 

En conclusión: Unha novela marabillosa, recomendadísima e moi especial.


21 de ago. de 2015

Reseña: Amsterdam Solitaire



Fernando Lalana creou unha serie de libros de misterio xuvenís protagonizados polo detective Fermín Escartín, que conta actualmente con catro títulos. Eu non recordo se só lin La tuneladora ou tamén realicei a lectura de El caso Galindo (si, é moi raro e moi triste) pero si que me lembro do moitísimo que me gustara o primeiro deles. Encantárame, a verdade, hai uns dous ou tres anos, cando levei a cabo a súa lectura, polo que cando atopei Amsterdam Solitaire, decidinme a lelo de inmediato.

Nesta novela, trátase o tema das estilográficas e o seu valor monetario e profundízase no mundo dos grandes coleccionistas, debido ao roubo da estilográfica máis especial, cara e única do mundo pese ás medidas de seguridade coas que contaba. Fermín Escartín deberá investigar o ocorrido.

A verdade, a novela decepcionoume bastante. O recordo que gardaba de La tuneladora era moi positivo. Parecérame un libro intrigante, misterioso e moi entretido e rápido de ler, que contaba ademais cunha trama interesante e ben levada, sen cousas collidas por pinzas. 

En cambio, Amsterdam Solitaire é un desastre. En primeiro lugar, o nó da historia comeza máis adiante da metade do libro, polo que practicamente o 75% da novela son o plantexamento e a introducción. Ademais, o misterio non ten ningunha intriga e é moi simple, sabéndose ademais, facilmente, a identidade do/s culpable/s.

Na súa defensa, debo dicir que toda a historia da creación da pluma estilográfica e os datos sobre ese mundo que se nos dan ao comezo da novela son moi interesantes e entretidos, pero esa parte do libro non é proporcional ao resto, sendo a lonxitude da novela demasiado curta ou esa introdución demasiado longa.

Hai ademais actitudes por parte dos personaxes e acontecementos algo forzados e que mais ben poderían pertencer a un libro de literatura infantil e que non me recordan para nada ao outro libro que lera (debo advertir que pode ser producido polo tempo que pasou dende a súa lectura e/ou a idade que tiña cando o fixen) e que me decepcionaron un montón. Igual pode ser interesante para lectores entre os 11 e os 13 anos, aínda que non son moi partidaria de recomendar libros por idades, pois creo que depende máis ben da persoa que vaia a realizar a lectura.

Conclusión: Non teño moito máis que dicir, pois é un libro moi curtiño e rápido de ler, simplemente os puntos que comentei con anterioridade que fixeron que non me apasionara esta lectura, moi pouco traballada e moi sinxela para min, que non me conseguiu convencer para nada.

14 de ago. de 2015

Reseña: Hyde


Hyde é un libro de David Lozano, un escritor español do que non lera nada antes pero do que oíra falar moi ben, cunha trama fascinante e intrigante, do xénero da novela de misterio e intriga que sabedes que adoro.

Oito adolescentes son encerrados nunha casa sen ningún contacto co exterior, para ser sometidos a unha terapia subliminal que os axude a ler con maior facilidade e provocar que lles guste facelo. O peor que lles pode ocasionar a terapia se algo sae mal, é que non surta efecto, polo que cando pola noite comezan a ocorrer cousas estrañas e aparece o primeiro cadáver, daranse conta de que alí ocorre algo máis.

Este é un argumento que promete un montón, pero debo advertir que non o cumple. Unha vez máis, terminei a súa lectura cunha gran decepción.

Todo o relacionado coas terapias e publicidade subliminais sempre foi un tema que me interesou e me chamou a atención, así que abrín o libro con moita ilusión e expectativas, pero a trama non se centra demasiado (nin tanto como debería) nese punto. 

A principal razón pola que a novela me deixou descontenta foi a tan grande cantidade de violencia e brutalidade que (por moito que o intente) o autor non pode xustificar. En teoría, dase unha explicación na novela, pero para min non foi para nada suficiente. Non me importaría tanto este tema se non fose pola pouca calidade do libro con respecto ao misterio, a ver si me explico: se o misterio fose apasionante e ademais sucedesen mortes violentas que o fixesen máis escalofriante e terrorífico, pois sería algo positivo, pero neste caso, apenas hai misterio, si que hai algo que investigar, pero non é o máis importante nin por asomo e o autor introduce tanto sangue e violencia para intentar conseguir esa sensación de desacougo e terror que non é capaz de producirnos a historia e a narración que se nos presentan, pero desa forma tampouco o consegue.

Os personaxes nada profundos ou interesantes: noutras circunstancias e noutro libro teríame dado exactamente igual, pero neste caso, cunha novela que non conseguía cautivarme, aínda provocaban un peor resultado, pois tampouco me identificaba e/ou me interesaba por ningún dos adolescentes en cuestión.

Como en todos os libros de misterio e intriga, o máis importante e o descubrimento do asasino, do culpable ou do criminal, algo, ademais, que no meu caso pode provocar que un libro que me estaba encantando me decepcione, e neste caso non me acabou de gustar. A ver, que non é un final horrible, é certo, trátase dunha das mellores partes da novela, pero vese á legua. Dende o momento un, dende a primeira mención a un asasinato e o primeiro interrogante sobre o culpable, eu sabía que era esa persoa e por esa razón; estaba cantado. A razón pola que todo ocorre, está presente ao longo de toda a novela, intentando que sexa dunha maneira sutil pero conseguindo sinalizalo cun cartel de neón.

O único que de verdade me gustou, foi a intercalación desta historia principal coa investigación dun asasinato paralelo, que parece non ter ningunha relación, aínda que finalmente esta si existe, porque consegue que te fagas preguntas e queiras unir ambas historias (aínda que finalmente sexa un pouco collido por pinzas).

Conclusión: Non hai por onde collelo. Mal.



24 de xuño de 2015

Reseña: La mansión de los abismos



La mansión de los abismos é un libro de Joan Manuel Gisbert que lin cando era máis pequena, con 10 anos. Recordo que o pasara "moi mal" porque era un libro para persoas máis maiores, xuvenil, que nese momento me inquedou pero que á vez me gustara moito e do que gardaba un bo recordo. Este ano fíxenme co libro (de forma non premeditada) e decidín volver a lelo para ver se realmente era como o recordaba, e para poder disfrutalo sendo xa máis maior e tendo a idade adecuada para facelo.

É un libro de intriga que conta como Théodore Bertrand, un home misterioso acusado de matar a seis mulleres coas que previamente casara pero que foi absolto por falta de probas ao non atoparse os cadáveres, consegue seducir a unha sétima vítima para levar a cabo outro asasinato. Esta vez, a policía está decidida a, senón impedir a morte, polo menos atopar probas que incriminen ao sospeitoso. 

Como todas as novelas do autor, en La mansión de los abismos está pragada de intriga e misterios, pero neste caso particular, aínda máis, pois dende o principio do libro sabes que o protagonista matou (polo menos supostamente) a seis mulleres, e sufres pola vida de Gundula, a sétima. Ademais, non só se ve a historia dende o punto de vista de Gundula, tamén dende o de varios personaxes máis como a policía, uns veciños do pobo que teñen participación na historia etc. Isto provoca que percibas mellor os acontecementos, pois todas as historias se cruzan ao longo da obra, e que vexas que conclusións dalgúns personaxes respecto a outros e a acontecementos son equivocadas e que suposicións o son tamén.

O único que quizais non me gustou demasiado, foi o final da novela, moi inesperado, pero sen acabar de ser algo positivo, pois é quizais pouco creíble e moi diferente ao resto da novela, é dicir, para tratarse dun libro realista e con feitos que perfectamente puideron ter ocorrido, a conclusión e explicación da historia decepcionoume por non tratarse de algo, digamos, "racional".

Conclusión: Non podo falar moito deste libro sen desvelar detalles, pero simplemente direi que era quizais unha novela algo máis infantil para min do que esperaba, se ben na contraportada do propio libro se recomenda para maiores de 14 anos. Aínda así, intrigante, sorprendente e ben narrado.

30 de maio de 2015

Reseña: Todas las hadas del reino



"Todas las hadas del reino" é un libro de Laura Gallego, unha das miñas escritoras favoritas, polo que cando me enterei de que se publicara quixen lelo enseguida, pero ao ler a sinopse e ver que ía de fadas e contos (a parte dos mundos de fantasía que menos me gusta, pois eu son máis das temáticas das outras novelas de Laura Gallego como "El libro de los portales" ou "Memorias de Idhún" máis relacionadas con mundos paralelos ou portais teletransportadores; máis críbles) quitáronseme as ganas, a verdade. Pero a pesar diso, como a autora era quen era, decidínme a lelo de todas formas.

Todas las hadas del reino, conta a historia de Camelia, unha fada madriña que está cada vez máis sobrecargada xa que os seus afillados aumentan cada vez máis e, polo tanto, a súa maxia está máis dividida e débil. Encárgaselle axudar a Simón, un mozo pobre que se namorou da princesa do seu reino que nunca se fixou e nunca se fixará (polo menos en principio) nel e Camelia volcarase no su traballo aínda máis que de costume. Ademais de Simón, cóntanse tamén cousas dos demais problemas dos seus afillados e aspectos da vida de Camelia.

En primeiro lugar, a portada do libro paréceme horrenda porque lle da ao libro un aspecto moi moi moi infantil e fai chegar á persoa que o ve a conclusións equivocadas, aínda que o libro me pareceu tamén un pouco máis infantil do que esperaba, pois como foi lido por moitos adolescentes e xente algo máis maior (tanto do meu redor como bloggers e demais) eu tiña unha idea bastante distinta do que me ía atopar, e quedóuseme algo pequeno.

Gustoume da novela, que se fai referencia a momentos e sucesos dos contos populares que todos coñecemos (como Rapunzel ou Hansel e Gretel) tanto directamente como de forma non explícita, e en momentos moi oportunos. Tamén me parece un punto positivo que non se narre só a historia principal, a de Simón, senón a de todos os afillados, e que se conte a orixe das fadas madriñas e como pasaron de ser sete, nas súas orixes, a ser cada vez menos, pero costoume bastante saber, por culpa disto precisamente, a donde quería chegar a autora e por onde ía tirar, e, iso si, non acertei para nada. O que creo que foi o único que realmente podo dicir que me gustou de Todas las hadas del reino é que dende o principio ata o final do libro pasan moitos anos (moitos, moitos anos) e ves como van medrando os personaxes (sobre todo os afillados que coñeces cando son pequeniños) e que lles ocorre, algo que soe depender en certa medida dos "desexos" que lles concede Camelia, pero non se conta demasiado, e é algo secundario da trama (por desgracia, porque é do pouco que me deixou contenta, debo dicir con moita pena pola miña parte).

Dende o principio ata algo máis adiante da novela, non me apasionou moito a historia, nin os personaxes (a verdade e que non me chegaron a caer ben nin simpaticei con ningún especialmente) pero algo máis adiante da metade, a trama cambia moi moi moi bruscamente (algo que lle facía falta, sen dúbida) e vólvese máis interesante, polo menos para min. Fíxoseme moi lento, sobre todo ata a parte xa citada, e non simpaticei nin me interesei con case nada do narrado (con quizais a excepción de Camelia e algúns sucesos e historias do pasado das fadas, sobre todo, que tiñan algo de interés) como xa dixen antes, ata que aparece un novo personaxe que ten certa relación con Camelia (non romántica) e que me cae ben dende o primeiro instante. Faise referencia á casa de doces de Hansel e Gretel e ocorren diversas cousas entre Camelia e o personaxe xa citado, e dase a única parte que si que me gustou moito. Logo, ven o final que volveu a non gustarme, polo que só quedei contenta cun 15-25% da novela, como moito. 

Conclusión: Creo que se fora un tema que me interesase e me gustase, tería sacado mellor impresión do libro, pero aínda así, creo que é un dos libros, digamos "menos maduros" de Laura Gallego e que non se achega nin de lonxe a outras novelas súas que adorei, como as fantásticas Memoria de Idhún, Donde los árboles cantan, El libro de los Portales (reseña pinchando no nome) e moitos máis, senón que é moito máis infantil, para rapaces de 10-13 anos máis ou menos, aínda que dependa da persoa, e que se centra en aspectos que non son para min, pero segue igualmente moi ben escrito, como todas as súas obras.

14 de maio de 2015

Reseña: El capitán Alatriste



"El capitán Alatriste" non é precisamente un libro cuxo tema sexa común entre as miñas lecturas, pero tiña que lelo para o instituto, polo que aínda que non quixese tería que facelo igualmente. De todas maneiras, si ben non o estaba desexando, tampouco o comecei con idea de que non me ía gustar nin sen ganas, simplemente non tiña expectativas de ningún tipo. 

El capitán Alatriste é o primeiro libro da saga do mesmo nome e conta a primeira aventura de Diego Alatriste, na que deberá cumplir un misterioso encargo entre conspiracións, emboscadas etc.

A sensación xeral ao ter acabado o libro é boa. Gustoume bastante, non me aburríu e hai na obra varios aspectos moi positivos baixo o meu punto de vista. En primeiro lugar, está moi ben contada a historia (cun narrador en primeira persoa) pois non profundiza en partes pouco importantes e explícanse aspectos da época con importancia para entender todo o que ocorre no libro. Ademais, unha cousa que creo que foi clave para que tivese unha boa opinión de El Capitán Alatriste, foi o feito de que aparecesen personaxes reais da historia de España (escritores, pintores, membros da familia real...) como Francisco de Quevedo ou Lope de Vega. Como estou dando en clase de Literatura Española precisamente a biografía e obras destes autores, foime moi útil e gustoume moito que fosen parte da obra, porque ademais ao ser detalles reais e históricos, interesáronme moito. O libro non se fai longo e ten un bo final que non queda pechado pero tampouco de todo aberto (polo que non é necesario seguir coa saga, eu non teño pensado facelo).

Os capítulos teñen un bo tamaño porque, a pesar de ser longos, tampouco se fan eternos e os demais pequenos pero importantes detalles como a edición do libro (tapa branda con solapas) están moi ben, sen pega algunha.  

Conclusión: Non é un libro do meu estilo. polo que non seguirei coa saga, pero a pesar diso gustoume, polo que creo que se me encantaran os libros de aventuras desta clase, tería atopado uns bos libros que ler.


19 de abr. de 2015

Reseña: Sin tiempo para soñar

  
Sin tiempo para soñar, de Jordi Sierra i Fabra, conta como dous estudiantes de xornalismo, Gil e Julia, descubren a causa da morte dunha adolescente, Marta, cando facían un traballo para a facultade que consistía en ampliar a información sobre a noticia do seu asasinato. Como Marta tiña antecedentes, non se lle dá case ningunha importancia e a policía non investiga.

Cando lin a sinopse do libro realmente non me pareceu nada novedoso nin especial, así que xa ía mentalizada de que non me ía sorprender e que me iba a deixar un tanto indiferente como algúns dos libros de misterio de Jordi Sierra i Fabra ou libros con temática semellante e escritos de forma parecida aos deste autor (Con los ojos cerrados, por exemplo.)En cambio, sorprendinme bastante ao lelo pois, Sin tiempo para soñar, forma parte das obras deste autor que si valen a pena.

En primeiro lugar, non hai no libro as típicas casualidades que axudan aos protagonistas a descubrir a verdade. ODIO cando pasa eso porque o libro perde credibilidade e a min gústame que os libros deste xénero sexan realistas, senón para min xa perden moito. En este punto entra tamén o feito de que nos libros seeempre atopan na casa ás testemuñas/familiares/amigos cos que van falar e sempre din ou aportan algo. Pois en Sin tiempo para soñar non, hai persoas das que non sacan nada en limpo, xente que non dan atopado etc... Marabilloso.

Outro punto positivo, é o feito de que a intención do libro non é simplemente resolver o asasinato, senón que pretende que reflexionemos sobre algo: como Marta tiña antecedentes, non se lle dá case ningunha importancia e a policía non investiga. De feito, os propios protagonistas cren, antes de comezar a investigar e facer preguntas, que Marta é unha delincuente, metida en drogas e que en algo andaría metida se a mataron, en cambio, ao longo da novela vese que é todo o contrario. Segundo lin, fun reflexionando e dándome conta que só o feito de ter problemas no pasado coa lei e ter antecedentes non significa que fixeras todo do que se che acusa nin que o fixeras conscientemente e con mala intención, e incluso aínda que fora así, non proba que non puideras cambiar por completo.

Por último, o feito de que hai cousas impredecibles e inesperadas (aínda que non moi numerosas, todo o hai que dicir) tamén é algo positivo.

Na parte mala, temos algo sin explicar. Marta aparece morta desnuda e non hai ningún tipo de explicación en todo o libro de porqué e non ten absolutamente nada que ver coa forma, circunstancias ou persoas que a mataron e desde que se di nas primeiras páxinas ata o final non se volve falar do tema. Un misterio misterioso sen resolver.

Tampouco me gustou a historia amorosa sin importancia, sosa e sen emoción en todo o libro. Ata o final da novela non ocorre nada e cando pasa é dunha forma sosísima. Teria preferido que Jordi Sierra i Fabra omitira eso, sinceramente.

Conclusión: A pesar destes puntos negativos, creo que está moi ben (dentro do seu tema e características) e que é unha boa opción se queremos ler un libro de misterio actual (senón Agatha Christie sen dúbida) e que non sea demasiado longo. Nada especial pero gustoume. BASTANTE SATISFEITA.

25 de feb. de 2015

Reseña: La sonrisa del diablo

Este libro de Jordi Sierra i Fabra (outro máis que leo deste autor, últimamente non deixo de ler libros del) trata dunha muller, Ana, que, despois dun ano da morte do seu marido nun accidente de avión, atropella a Lalo, un home que cambiará por completo o curso da súa vida e dos seus fillos: Arantxa e Leo. Pouco a pouco, Lalo e Ana comezan a namorarse pero, Lalo agocha algo estraño e non é tan boa persoa como parece. El atribúe a súa reticencia a falar da súa vida pasada a un mal matrimonio e unha dura e longa separación, pero Leo e Arantxa non o cren e comezan a investigar, atopando a sorprendente verdade.

Empezo a reseña do libro pola contraportada, pois xa houbo algo nela que non me gustou: no resume que fan da trama, revelan varios detalles que fan que non te sorprendas tanto ao ler a novela, como o feito de que xa din que Lalo oculta algo, o que nun principio lendo o libro non sabes, polo que ao contarcho xa esperas, en certo modo polo menos, o que acontece ao comezo do nó. Se ben non son moi importantes estes detalles,  preferiría que non mos tiveran contado antes de empezar a ler. En segundo lugar, o feito de que Ana teña moitos cartos é bastante importante e non o contan, en cambio, ata case o final de maneira que te das conta da súa importancia; se o tiveran contado antes non te terías dado conta dese detalle e non esperarías a relación que ten co acontecido.

Finalmente, outra cousa, esta vez da trama, que me chamou a atención negativamente por parecerme pouco creíble é a escena final, cando Ana mata a Lalo para evitar que este dispare a Leo. Entendo que ela faga o que sexa polos seus fillos, pero de ahí a dispararlle á súa parella (case marido) sen aínda estar ao corrente das investigacións dos fillos, creo que hai un bo cacho.

Conclusión: A pesar disto, unha novela intrigante, cun tema diferente e orixinal, e moi ben contada. Se ben non é indispensable a súa lectura é unha boa opción.

19 de feb. de 2015

Reseña: O centro do labirinto


Este libro de Agustín Fernández Paz, O centro do laberinto, está desenrolado no futuro e trata sobre unha muller moi influinte no goberno da época que decide viaxar a Galicia pois súa nai ( a avoa del) naceu alí e deixou escrito nuns diarios a súa vida nese lugar.  Decide levar ao seu fillo pois ten unha relación bastante mal con el ao tratarse dun adolescente complicado e cre que a viaxe pode axudalos a coñecerse máis. Os problemas comezan cando chegan aos arredores de Santiago de Compostela, pois David (o fillo) desaparece tras sufrir un terrible accidente de aerotaxi e súa nai debe, ademais de buscalo, loitar contra unha serie de complots producidos pola grande cantidade de poder que posúe.

Dende que lin o resume deste libro, pensaba que me ía encantar pola miña afición aos libros futuristas, pero a verdade e que me decepcionou bastante porque, aínda que a parte da trama onde se fala do complot contra Sara (a protagonista) é moi intrigante e interesante, paréceme aburridíiiisima a parte onde ela busca ao seu fillo porque é moi lenta e non ocorre nada durante practicamente todo o libro ata ben entrado o final. Se só existise o relacionado co goberno e o complot, teríame encantado "O centro do laberinto" porque ten un deses finais que me gustan: sorprendente, pero ao ser así decepcionoume bastante e non me convenceu de todo. 

Prodúcese un cambio no medio do libro, mentras que comeza de forma animado e ocorrendo cousas, na metade aproximadamente comeza a parte aburrida da que xa falei e logo volve a ter un bo final. Considero, polo tanto que se fose un pouquiño máis curto me tería gustado máis porque lle sobran cousas.

Outra cousa que contribuíu máis que o anterior a que me desagradara a novela, foi o cambio de narrador. Unha cousa e que a persoa que narra cambie en cada capítulo (algo que me gusta e do que falei positivamente en obras como "a sombra cazadora") e outra que varie sen sentido nin orde aparente. Explícome, ao principio hai un narrador omnisciente, de terceira persoa polo tanto, que conta nun capítulo o que lle ocorre a Sara e no seguinte o que lle pasa a David, e, de repente, pasa a ser un narrador de primeira persoa no que quen fala é Brenda (un personaxe secundario) e logo volta de novo ao omnisciente. Isto, contado así non parece tan malo pero na práctica vese, polo menos para min, horrible. 

Conclusión: Non me gustou demasiado, se ben non é dos peores, porque me aburreu en determinadas partes.





13 de feb. de 2015

Reseña: A sombra cazadora

   

Teño que dicir que me sorprendeu gratamente este libro, A sombra cazadora, de Suso de Toro pois non tiña demasiadas esperanzas nel e, en cambio, gustoume moito. Debo comentar que a reseña que ven a continuación, refírese ao libro antigo, á segunda edición concretamente, que é o que lin eu, pois nas máis actuais o autor introduciu novos acontecementos e cambiou algunhas feitos, como, por exemplo, o final.

Conta como dous irmáns viven con seu pai, aislados do mundo, nunha casa da que eles nunca saliron e seu pai só o fai unha vez cada dous meses para conseguir provisións. Ademais, do faiado saen voces que gritan cousas extrañas, que os rapaces non entenden, e ás cales só seu pai consegue calmar. Un día, algo cambia na rutina que siguen dende que teñen memoria e descubren porque seu pai os ten alí agochados e nunca lles fala do mundo exterior. Desde ese momento, nada será o mesmo.

Sei que a trama da novela, en si mesma, non ten moi boa pinta porque a min doume esa mesma expresión cando a lin, pero tras acabar le lela podo dicir que me gustou moito. Encantoume o principio, sobre todo, cando non sabes, ao igual que os protagonistas, a razón do seu encerro e van contando a súa vida nel, pois non se corresponde, para nada, co mundo actual e os que os rodea (creo que, aínda que non  se di na obra, se desenrola no futuro) e é moi intrigante todo o que ocorre pola súa extrañeza. 

Logo, a parte do nó, xa me gustou algo menos porque considero que se fai moi lenta ao ocorrer os acontecementos maioritariamente no mesmo autobús e nun curto plazo de tempo. Por último, creo que o final é bastante malo porque, tras toda a trama e intriga da novela, paréceme moi decepcionante que se acabe de forma tan simple e sen apenas, na miña opinión, sentido.

Logo, tamén se me presentaron algunhas dúbidas durante a obra como: Por que o pai dos protagonistas lles manda ir á casa do seu padriño? Porque, que ía facer el, ocultalos para sempre? Pareceume algo sen demasiado sentido.

A pesar destes detalles, considero que este libro está moi ben e que non perdín o tempo ao lelo.




17 de nov. de 2014

Reseña: El misterio de la Isla de Tökland

     


El misterio de la isla de Tökland de Joan Manuel Gisbert, é (como todos ou casi todos os libros deste autor) un libro de intriga e misterio. Ao contrario doutras obras del, algunhas das cales xa falei neste blog (La voz de la madrugada, El museo de los sueños, La mujer autómata...) si que teño cousas malas das que falar e puntos que non me gustaron. Joan Manuel Gisbert, é un dos meus escritores preferidos, sen dúbida, porque consegue manter a intriga todo o tempo e teñen unhas tramas xeniais.

El misterio de la Isla de Tökland, trata dunha illa moi pequena sen ríos, terra ou ningún tipo de elemento que favoreza a vida, polo que está totalmente deshabitada, que é alquilada por un grupo de persoa para, segundo din, conseguir que acudan turistas en masa. Os gobernantes do país ao que pertence a illa, non lles parace mal o trato, dado que na illa non hai nungún tesouro ou algo de valor que poidan querer conseguir, asi que lles é alquilado por dez anos.

Despois dun tempo, nos periódicos anúnciase que na illa de Tökland hai unha serie de acertixos moi complicados e que quen os resolva ganará moitos cartos. O protagonista da novela, un periodista, decide intentalo para poder contarlle a súa aventura aos lectores da revista onde traballa, pero cando chega á illa non todo é tan bo como parece.

Normalmente, os libros deste autor gústanme moito pola increíble capacidade de intrigar e escribir libros fantásticos cun final nunca esperado, pero precisamente foi este último punto o que me decepcionou do libro. En lugar dun final realista que esperaba e quería que tubera, terminou dunha forma fantástica que a min, personalmente, non me gustou. En canto ao resto da obra, non me desgustou pero tampouco me encantou. Nin fu nin fa aínda que si houbo partes que me sorprenderon positivamente.

En canto ás portadas, hai moitas diferentes (moitas máis das que hai nesta entrada) pois xa é un libro que ten relativamente bastantes anos e moitas edicións. Eu lino na versión da segunda portada, a que máis me gusta xunto coa terceira e que me parece que chama máis a atención e da máis ganas de ler a novela.

12 de nov. de 2014

Reseña: ¡No disparéis contra Caperucita!



¡No disparéis contra caperucita! de Julián Ibáñez ganou varios premios pero en realidade non me apasionou; gustoume pero houbo varias cousas que me chamaron a atención das que vou falar.

O tema do libro é a investigación arredor dun cadáver atopado polo protagonista, cando traballaba buscando esponxas, no fondo do mar. Ninguén o cre pois o corpo desaparece esa noite, e a policía deteno polo roubo dun barco que el non levou a cabo.

A trama, en si, paréceme intrigante e moi interesante, pero no libro hai unha serie de cousas que non me gustaron. En primeiro lugar, o libro é moi curto, e o nó e a parte de investigación sono tamén e están nas últimas páxinas, polo que cando acabas de ler parece que aínda falta un cacho do libro e quedas desconcertado. Tamén está o feito de que non se investiga o caso nin se sabe a razón do asesinato senón que só se fala dunha posibilidade pero non se aclara quén matou ao asasinado, cándo, porqué, qué relación tiña o xefe do protagonista...
Por outro lado, a rapaza que coñece o protagonita ( e que lle da nome ao libro) podía dar moito xogo e non se aprobeitou e o único detective ou policía (non estou segura) que lle cre non fai moito a verdade no libro.

En resume, o libro empeza moi ben e termina moi mal. Ademais, parece que non está acabado porque non ten un final propiamente dito e partes que podían dar moito xogo e incluso a que da nome ao libro non están desenroladas, facendo que podía ser moi bo e gustarme moito me deixara un pouco indiferente e con dúbidas.

3 de nov. de 2014

Reseña: Todos los detectives se llaman Flanagan



Este libro pertence a unha serie de doce novelas de detectives creados por dous autores españois: Andreu Martín e Jaime Rivera. Trátase do segundo libro de Flanagan pero, aínda que comparten personaxes, temática e pode que falen nalgún momento (aínda que rara vez) de un feito acontecido en obras anteriores, pódense ler desordenados sen problemas.

Flanagan, é un adolescente que comeza a resolver pequenos e tribais misterios para ganar algún diñeiro pero vese envolto en casos de secuestros, drogas e roubos entre outros. Neste caso, deberá descubrir o paradeiro de José, o sobriño dunha rapaza xitana da súa idade da que se namora perdidamente. A investigación, que nun principio parecía sinxela e cun desenlace obvio, vólvese complicada e Flanagan entrará nun mundo de comercio de bebés e outros delitos e coñecerá a Nines, unha rapaza rica que complicará a súa vida persoal.

Gustoume o libro, xa que enseguida simpatizas co protagonista e queres saber cal é o desenlace do misterio pero non é dos mellores deste xénero e non consigue intrigarche e deixarche intranquilo ata que les o final como outros autores, como Joan Manuel Jisbert ou incluso Jordi Sierra i Fabra nalgúns dos seus libros. A súa lectura é moi fácil e, ademais, finalizas a novela en moi pouco tempo pois é moi sinxela. Recoméndo Todos los detectives se llaman Flanagan para aquelas ocasións nas que apetece ler pero algo non moi longo, nin complicado e que non requira moita atención pero si que me gustou e gardo un bo sabor de boca.

22 de out. de 2014

Reseña: O pazo baleiro


Fatal. Este libro de Xabier P. Docampo que acabei onte mesmo e que é o libro de lectura obrigatoria deste primeiro trimestre na asignatura de lingua galega e literatura, non me gustou absolutamente nada. 

Trata duns rapaces que descubren nun reloxo antigo que pertencera ao Pazo abandonado da súa vila, unhas cartas que non están firmadas e que contan unha historia de odio entre dúas familias. Eles deberán descubrir a identidade do emisor e resolver uns crimes dos que se fala nelas e atopar uns obxectos de valor tamén nomeados.

Teño que decir que xa iba cunhas expectativas moi baixas tras saber algúns detalles do libro como o home que vive nun vagón abandonado etc, e que estas se acabaron confirmando. En primeiro lugar, paréceme que o principio do libro non ten nada que ver co resto da historia e que hai uns tres ou catro capítulos que sobran. Ademais, é moi repetitivo, pois din unha e outra vez as mesmas cousas nun prazo curto de tempo (por exemplo, o protagonista di que vai para a casa, e en lugar de decilo unha vez e logo poñer que llo conta a todos os seus amigos, repíteo tantas veces como persoas ten que informar e da mesma maneira sempre, o que aburre e fai que non che apeteza ler.)

En canto á historia en si, paréceme que non hai nó nela, nin ocorre nada, pois comecei a ler e ,tras nove capítulos de introducción, de repente hai dous que son o nó e o desenlace. Neles atopan obxectos e cartas clave no misterio, moi obvias e, que se de verdade levan nese pazo tantos anos, é imposible que ninguén as descubrira, pois eles non fixeron demasiados esforzos. Ademais, as persoas que de verdade atan cabos e contan a historia ocorrida, non son eles, é dicir, que non facía falta atopar todo aquelo para saber a verdade.

Outro punto que sobra, é a breve "declaración de amor" entre dous dos protagonistas pois non pinta nada e dura unhas dúas frases sen volver a falarse do tema para nada nin ocorrer nada que teña que ver co tema.

En conclusión, non hai por onde coller este libro que non é máis que unha copia mala de "Las lágrimas de shiva" de César Mallorquí (que de verdade vale a pena) e que a súa lectura é unha pérdida de tempo. En realidade, non tería lido este libro se non tivera que facelo de forma obrigatoria para o instituto.

17 de out. de 2014

Reseña: "Las chicas de alambre" e "La modelo descalza"



Esta semana, acabei o libro do autor Jordi Sierra i Fabra Las chicas de alambre. Gustoume moito, a pesar de que me dixeran moitas persoas que o leran e que lles decepcionara o final. Unha cousa que ten esta novela e que me agrada moito, é o feito de que a resolución do misterio non ocorre e ten que ver cun feito do final do libro, senón que ten que ver con acontecementos ao longo da trama. 

Aínda así, hai certas cousas que cambiaría, pois non teñen importancia nin son algo que lle de gracia ou guste na novela, senón que son de recheo, como as entrevistas con algúns familiares. Aparte, algo que si me desgustou foi o feito de que a clave para o misterio non a investigou o protagonista (Jon Boix) porque non quixo, coma quen di, pois a clave estaba ahí desde o principio e, aínda que non vou contar cal era, dicirvos que non é a típica pista final que me gusta polo feito de non térseche ocorrido, senón que é algo que era obvio investigar para o protagonista.

A pesar de todo é un libro que si me gustou e que, a pesar da pista final, ten un desenlace aberto pero bonito.

Las chicas de alambre, ten unha segunda parte (aínda que non comparte nin a historia, nin a  trama, nin os personaxes, só o protagonista e a tématica de moda, de feito lina antes que a primeira sen saber que esta existía) chamada La modelo descalza  que trata tamén dunha investigación no mundo da fama e os modelos. Neste caso, o misterio era interesante e, aínda que considero que me gustou máis que o libro anterior, tiña un final bastante decepcionante pois a persoa que estaban buscando (non conto máis) apareceu como por arte de maxia, como sacada da manga cando o autor non sabía como seguir.

Nas fotos superiores, podedes ver a portada de Las chicas de alambre e as portadas de La modelo descalza, tanto na versión castelá como na versión galega (pois eu lino nesta última) da que considero se corresponde máis ao contido e chama máis o interese e as ganas do lector.





27 de set. de 2014

Reseña: La Voz de Madrugada


O outro día recordei a este escritor que levaba un tempo olvidado para min e entraronme unhas ganas tolas de ler algunha das súas obras. Despois de mirar cales me interesaban máis, decidín comezar con esta, La voz de la madrugada, porque tan só con ler a súa sinopse xa quedei intrigada e sabía que non me iba defraudar como, efectivamente, non ocorreu.

La voz de la madrugada, é un programa de radio que se emite a partir das dúas da mañá e no que unha muller da que ninguén coñece a identidade, fala de maneira extraña, con moitas metáforas e dunha maneira que ninguén entende. Pouco a pouco, vai gañando oíntes e convértese nun programa de éxito, pero as cartas e chamadas destes nunca son respondidas nin pola muller nin pola emisora de radio. Varios personaxes vense mesturados na historia e acaban descubrindo o misterio que esa voz agocha.

Encantoume a forma na que está escrita a novela, é dicir, mantendo a intriga todo o tempo e non esclarecendo case nada ata o final, e tamén que en cada capítulo cambie a persoa á que lle ocorren as accións contadas, pero que todas elas acaben atopándose, antes ou despois. Este tipo de libros, en ocasións non me gusta demasiado, porque é dificil recordar quen é cada personaxe ou que lle ocorreu a cada quen, pero neste caso pareceume marabilloso e que considero que perdería moito si tan só houbese un ou dous protagonistas. Neste aspecto, recordoume moito a outro libro do autor que lin hai tempo, La mansión de los abismos no que ocorría exactamente o mesmo: había varios personaxes, sendo cada un o protagonista de un capítulo, que tiñan tramas diferentes que confluían ao final dándolle moito valor á historia. Un detalle típico de Joan Manuel Gisbert que me encanta.

Unha novela marabillosa, intrigante ata o final e que consegue deixarnos en vilo ata a última frase, e que está entre as que máis me gustaron do autor.

23 de set. de 2014

Reseña: El libro de los portales


El libro de los portales é unha das obras de Laura Gallego, como xa teño comentado con anterioridade, unha das miñas escritoras favoritas. É un dos libros máis recentes dela no que, aínda que a historia se desenrola no pasado, (algo que podemos intuír pola pouca tecnoloxía da que se dispón e a forma de vida) é moi diferente ao que todos coñecemos. O medio de transporte principal, son uns portais pintados nas paredes das casas dos máis privilexiados e nas áreas públicas, que tan só poden crear os pintores da Academia Dos Portais, unha especie de universidade.

A miña opinión, é que, se ben me gustou moito, tamén ten cousas que me deixaron un sabor agridulce e non é o mellor da autora. Gústame moito a trama de intrigas e secretos que ten a novela (acabeina mi rápido) e, en realidade, creo que non teño ningunha crítica sobre ela en si, si ben hai cousas que cambiaría: omitiría a un par de personaxes que en realidade non importan para nada na historia, como os amigos de Tabit, o protagonista, e algúns profesores que saen tan só en breves momentos da novela sen verdadeira importancia.

A parte que menos me gustou do libro sen ningunha dúbida, é cando os protagonistas van a parar a outro mundo, un mundo morto, sen vida, no que unha criatura extraña, parecida a unha araña xigante, os axuda. Realmente, creo que non é algo necesario para a novela e que se eles conseguiran salir dalí polos seus propios medios, estaría moito mellor.

Por último, teño que falar das personalidades dos protagonistas (Tabit e Caliandra). Él, é moi soso e faltalle algo de chispa ou de carácter. Con respectoa ela, non me gustou nada a súa historia con Kelan, é dicir, si que debe aparecer en El libro de los portales pero sen darlle esa importancia esaxerada e falar do tema durante tanto tempo.

Aínda así, o libro gustoume moito e gardo un recordo moi moi moi bo del, porque Laura Gallego nunca traiciona. Está ben escrito, boa trama, e creíble (coa excepción da araña xa mencionada, que non me convenceu para nada.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...