Amosando publicacións coa etiqueta John Green. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta John Green. Amosar todas as publicacións

19 de feb. de 2016

Reseña: Noches Blancas.




Cando vin que se ía publicar outro libro de John Green en España (aínda que fose unha recopilación de relatos de varios autores) alegreime de maneira excesiva e desexei con toda a miña alma lelo. Ademais, trataba a temática navideña, a miña época preferida do ano.

Cando por Reis recibín un exemplar como regalo non collía no corpo do gozo, porque desexaba, con ansia, volver a disfrutar a John Green pero, ironías do destino, o seu foi o relato que menos me gustou dos tres, o menos navideño, o máis simple e o que conseguiu deixarme indiferente.

Este libro recopila, como dixen, tres relatos de tres autores xuvenís, protagonizados por diferentes personaxes cada un deles, aínda que os principais de cada historia son secundarios na seguinte e así sucesivamente. Son tres historias de amor, pero distintas, nada pastelosas, cun espíritu navideño que me encantou (aínda que o lese un mes máis tarde de ter acabado o Nadal). Con el cumprín a condición de "Ler un libro dun autor que che gusta" que sacara da Book Jar.

O primeiro relato prantexa o comezo da trama que máis tarde seguirán os tres, ensínansenos o lugar do que parte a historia: un tren que queda parado debido a unha tormenta de neve. Unha rapaza que viaxa nel, compartirá compartimento cun mozo da súa idade e ambos comezarán a coñecerse. 

Este relato, o de Maureen Johnson, foi o meu segundo preferido, porque si conseguiu que disfrutase pero tampouco me pareceu nada especial. Ademais, a protagonista, Jubilee, pareceume terriblemente insufrible e insoportable. Había momentos nos que simpatizaba con ela en certa maneira, pero na seguinte páxina ela soltaba algún comentario ou chegaba a algunha conclusión que me provocaba ganas de gritarlle ao libro. A pesar disto, esta historia pareceume bastante boa, normaliña, e non me desgustou.

A seguinte segundo a orde do libro, é a de John Green, aquel relato polo que eu mercara a novela, e que me decepcionou dunha maneira increíble. Gustoume a maneira na que se integraba aos personaxes da historia de Maureen Johnson como secundarios e descubrir cales das persoas das que esta nos falaba de maneira pasaxeira se volverían protagonistas, pero nada máis, E isto nin sequera era de todo mérito do autor.

O seu relato pareceume igual que os que soe escribir, na súa liña, pero peor. É dicir, normalmente encántanme as súas novelas pero neste caso pareceume que Green escribiu un relato sen esforzarse o máis mínimo, resaltando os puntos que menos me gustan da súa prosa e das personalidades que máis adoita utilizar e que xa coñecía, explotando aspectos que non me atraen.

De feito, algo moi curioso certamente, os personaxes principais do seu relato gustáronme moito máis no seguinte, da man de Lauren Myracle, e coa súa forma de tratalos consegueu mellorar o inmellorable.

Este último relato do libro encantoume, e desexei que se centrase nel toda a novela. De feito, conseguiu subir media estrela ou incluso máis a miña calificación en Goodreads. A trama era moito máis orixinal, a protagonista divertida, contaba cunha trama interesante e completa e a maneira de integrar as historias anteriores foi algo que Myracle soubo controlar e facer con naturalidade. 

Pareceume un relato divertido e á vez positivo, adorable, o que realmente esperaba dun libro navideño. Consegueu transmitir as ideas básicas dunha película de Nadal.

O mellor, mellor, mellor de Noches Blancas, foi o final. Ese encontro das tres parellas formadas nos relatos, a relación entre eles, como tres historias opostas e independentes se integran nunha. O libro mellora cara o final sen dúbida.

En conclusión, Lauren Myracle salva todo o libro, (aínda que Maureen Johnson non o fixese tan mal) tras a absoluta sinxeleza e sosez de meu amado John Green. Un libro para amantes do Nadal, que tampouco conseguiu conquistarme, aínda que con el esbocei algún que outro sorriso. Un sinxeliño 3/5 en Goodreads.


2 de set. de 2015

Adaptacións cinematográficas #2: Ciudades de Papel.



Traio de novo unha entrada dentro da sección de Adaptacións cinematográficas de libros, esta vez sobre a película basada nunha das novelas de John Green que máis adoro: Ciudades de Papel.

Houbo unha gran polémica sobre o feito de que a encargada de representar o papel protagonista feminino, o papel de Margo, fose a modelo Cara Delevinge, non só por tratarse dunha modelo en lugar de unha actriz (algo que non gustou demasiado) senón, nalgúns casos, por ser ela a modelo en cuestión, unha moza que causa habitualmente moita polémica. 
Isto é algo que a min non me molestou en absoluto, nin antes de ver a película nin despois, pois ela presentouse a un casting onde foi elixida e competiu contra outras candidatas, non conseguiu o papel por ser unha modelo famosa, ademais de ser seleccionada polo propio escritor da novela, John Green, que a cría a máis indicada. Ademais, o día 21 de Agosto, o día antes de que eu escribise este artigo, Cara anunciou o seu abandono definitivo das pasarelas para adicarse a outros proxectos, como a interpretación, tras declarar que o mundo da moda a fixera odiar o seu propio corpo. 

En canto á súa interpretación na película, creo que a elección foi moi boa; poucas actrices terían podido pegar tan ben nese papel, pois Margo Roth Spiegelman ten un carácter moi semellante ao da modelo e é polo menos tan polémica como a propia Cara, ademais de contar cun físico que podería ser perfectamente o desta última. 

En canto ao resto dos papeis, creo que os actores foron bastante ben elixidos. Ningún deles era coñecido, coa excepción da xa nomeada Cara Delevinge e o intérprete que facía as veces de Quentin, Natt Wolf, que os, coma min, fans de John Green saberán que tiña o papel secundario de Isaac en Bajo la misma estrella, a outra película basada nunha novela do autor.

Outra cousa que relaciona ambos filmes, é o cameo de Ansel Elgort, Augustus Waters en Bajo la misma estrella, que aparece en Ciudades de Papel como o dependente da gasolineira durante uns segundos, facendo que todo o cine afogara unha exclamación ao recoñecelo.

En canto á adaptación da novela de John Green Ciudades de Papel para crear a película, estou bastante satisfeita. Non houbo ningunha parte ou escena inventada ou cambiada de orde nin se esqueceron de partes importantes do libro. En realidade, levaron á gran pantalla a historia da novela bastante ben pero non quedei de todo contenta en certos aspectos: En primeiro lugar, as partes de Quentin e Margo estiveron realmente ben, moi moi ben, pero aquelas nas que facían a súa aparición os amigos do protagonista, para min, fastidiábana. No libro, Ben, un dos mellores amigos de Quentin, é simpático e divertido e fai que, con certos comentarios seus que vas lendo ao longo das páxinas, esboces un sorriso ou soltes unha gargallada directamente, pero na película, quixeron explotar demasiado esa parte para que gustase máis ao público adolescente (ou esa foi a miña impresión) creando bromas estúpidas e para nada divertidas que fixeron que o Ben que tanto me gustaba na novela me parecese odioso e repelente, ao igual que o outro amigo de Quentin, Radar, aínda que en menor grado. 

En cambio, tamén me ocorreu todo o contrario con outro personaxe, Lacey, amiga de Margo, que na novela apenas tiña importancia e me deixara totalmente indiferente mentres que na película me caeu realmente ben.

A conclusión é positiva, gustoume moito a película e como se adaptou, se ben non creo que captara a esencia de John Green nin da novela todo o que podería telo feito e notei certos fallos, polo menos no que a min respecta, como a excesiva atención e importancia que se lle da á relación Angela-Radar, mentres que é algo totalmente secundario no libro, segundo creo recordar.

29 de xuño de 2015

Reseña: Will Grayson, Will Grayson



Cando me regalaron Will Grayson, Will Grayson  emocioneime moito e tiven unhas ganas de lelo tolas e inmensas porque se trataba, nada máis e nada menos, do último libro de John Green, un dos meus autores preferidos sen dúbida algunha, que narra dunha forma moi amena e crea historias fantásticas con personaxes increíbles. Esta vez, ademais, colaboraba con David Levithan, un autor moi coñecido en Estados Unidos aínda que non moito en España (de feito non sei se hai algún libro del traducido ao castelán) que, aínda que non lin nada del (polo menos de momento), ten moito éxito.

Will Grayson, Will Grayson conta a historia de dous adolescentes co mesmo nome (Will Grayson) que teñen dúas vidas totalmente distintas pero ambas raras e un pouco difíciles xa que ningún deles é demasiado feliz. Un Will ten un amigo, Tiny, moi extravagante e que quere crear un musical da súa vida (Tiny Dancer), co que non está pasando o seu mellor momento e o outro Will sofre unha depresión e que non ten nada bo ao que agarrarse, excepto a súa relación online con Isaac. Un día, ambos se coñecen por casualidade e é entón cando comeza de verdade a novela.

Nun principio debo recoñecer que tampouco me parecía un argumento de outro mundo (é dicir, estaba ben, era chamativo, pero tampouco sabía que me ía atopar) pero era un argumento creado por John Green así que iso era o de menos, pois sabía que estarían presentes na novela as demais características da súa prosa que adoro. E, efectivamente, o libro apasionoume dende practicamente o primeiro momento pois tiña ese toque que me namorara en Bajo la misma estrella, Ciudades de Papel e El teorema Katherine e tamén en Buscando a Alaska (aínda que neste caso non quedei de todo contenta, debo dicir. De feito non cheguei a escribir reseña do libro no Nadal, cando o lin, porque non tiña unha impresión de todo formada sobre el e non quedara completamente satisfeita.)

Como dicía, Will Grayson, Will Grayson, foi outro gran éxito de John Green no que á miña opinión se refire, pois non aburre, ten un argumento orixinal e diferente (como todos os seus) e un final inesperado. Fíxome rir e emocionarme co final (magnífico) e, ao igual que dixen respecto a Ciudades de Papel no seu momento, debo pararme a falar sobre o magnífico principio do libro, moi diferente e marabilloso, que usa unha única frase como base (Podes elixir aos teus amigos e podes meter o dedo no nariz, pero non podes meter o dedo no nariz dos teus amigos) que nun primeiro momento pode parecer unha estupidez pero que grazas á maxia da escritura do autor cobra un sentido completo e convértese nun inicio de libro fantástico.

Outro detalle pequeno sobre o que falar pero que chamou a miña atención, é o feito de que os capítulos nos que fala o Will Grayson protagonista (o que coñecemos primeiro) o autor escribe "normal" é dicir, con maiúscula tras un punto e nos nomes propios, pero nos do outro Will (o deprimido Will Grayson) ignora esta norma, sendo algo moi ilustrativo do sentido de ánimo e forma de ser de este último e facendo que diferenciemos claramente que Will Grayson está falando en cada momento.

Conclusión: Pouco máis que dicir aparte de que o libro e o autor coma sempre recomendadísimos e que me deixaron un sabor de boca marabilloso, sendo Will Grayson, Will Grayson outro dos candidatos á lista das miñas mellores lecturas do 2015.

7 de set. de 2014

John Green



Este verán lin Bajo la misma estrella,  o libro do escritor estadounidense John Green, que se converteu nun inmenso éxito en cuestión duns poucos meses. Gustoume, pero non me encantou, e teño que dicir que polo menos parte da culpa téñena os lectores da novela pois recomendáronma tantas veces, e afagárona tanto que xa sabía o que ía a suceder en cada capítulo. As espectativas que tiña estaban moi altas, e s ben non podo dicir que non se cumpliran, porque non sería de todo certo, quedei cun sabor de boca sen determinar.

Aínda así, disfrutei moito coa súa lectura e por iso me animei a ler os outros dous libros (Ciudades de papel e El teorema de Katherine) que anteriormente publicara Jonh Green, e que grazas ao éxito colleitado polo autor na súa última obra, foran traducidos ao castelán. Deles, o que máis me gustou foi Ciudades de papel, sobre todo polo seu comezo, dos mellores que nunca lera, porque é sorprendente e inesperado, facendo que comeces a ler o libro sen saber que esperarte, sublime. En contraposición, está o seu final, que me decepcionou algo, todo hai que dicilo.

Ségueo moi de cerca El teorema de Katherine, que acabei recentemente, e que tamén devorei con ansia. O tema desta novela (e da outra tamén. a verdade) é diferente, sorprendente e xenial, e volve a ser narrado desa forma sublime e fantástica que tanto caracteríza a John Green, un dos meus escritores preferidos.
O que dende logo sei agora, a pesar de non ter moi claro que libro me gustou máis e cal menos do autor, é que John Green é un magnífico escritor que consegue que leas as súas novelas dun tirón e que xamais converte a lectura nunha actividade pesada, e que, de paso, fai que reflexiones, chores e rías.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...