Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recomendacións. Amosar todas as publicacións

13 de xan. de 2016

Top 10 Mellores Lecturas 2015

Este 2015 foi un ano de moitas lecturas para min, levei a cabo un total de 71, das cales xa elixín as 10 peores (clica aquí para descubrilas), aínda que a maioría delas me gustaron moito ou, en todo caso, non me desgustaron. Foi bastante complicado elexir os 10 libros que aparecen nesta lista (moi complicado), pero logreino finalmente e decidín ordenalos dende o que menos me gustou (aínda que me encantou, por eso está na lista) ata o mellor dos mellores, que ocupa o posto número 1. E para rematar, deséxovos un feliz ano 2016!!

10. Sueños de dioses y monstruos (Hija de Humo y hueso 03).



Esta foi unha das grandes sorpresas do ano, pois non esperaba levar a cabo a lectura de Sueños de dioses y monstruos (reseña) en absoluto, xa que pasara moitísimo tempo dende que lera a segunda parte da triloxía e non me parecía moi adecuado comezar coa terceira sen recordar nada. Pero alégrome moitísimo de ter decidido continuar coa triloxía de Hija de Humo y Hueso, porque este libro co que conclúe a historia é tan maravilloso como os anteriores (que tamén adorara e foran moi especiais para min) e conseguiu que, por fin, puidese considerar Hija de Humo Y Hueso como unha das miñas triloxías preferidas.

Non podo contar de que vai Sueños de Dioses y Monstruos porque faría un gran e enorme spoiler dos dous libros anteriores, pero direi de que trata o primeiro deles. Karou é unha rapaza checa moi peculiar, non só polo seu pelo azul, senón tamén pola extraña familia á que pertence: uns seres chamados quimeras, con aspecto de animal, que criaron a esta xoven humana dende pequena. Brimstone, o seu pai adoptivo, encarga a Karou dende moito tempo atrás a recollida de dentes de toda clase de animal e incluso humanos con un proposito descoñecido para ela e polo que sinte curiosidade. Cando as quimeras comezan a ser ameazadas polo perigo dunha guerra contra os anxos ou serafíns, os seus enemigos ancestrais, Karou conseguirá respostas e deberá cumplir unha misión...

Sueños de Dioses y Monstruos é un libro (como os outros dous) cunha trama bastante extraña, cunha esencia diferente e especial, que a fai única. Disfrutei de maneira increíble con cada unha das palabras que lin nas súas páxinas e, simplemente, conseguía crear en min cada vez que abría a novela un sentimento que nunca antes experimentara, facendo que a adorase. Ademais, o final que se crea para a triloxía non é sinxelo e común, senón extraño e diferente, moi acorde con toda ela, e nel acláranse moitos puntos e tramas abertas nas outras partes da saga, que fan que a sintas ben terminada.






Diario del búnker (reseña) é unha novela dura, brutal e moi especial, pois ao contrario que todos os demais thrillers ou novelas de intriga, non se anda con preámbulos nin narra os acontecementos de maneira elaborada, senón que o autor vai ao gran, directo a acción que acontece, intentando describilo todo dunha maneira dura e realista, acorde coa situación. 

É un libro que atrapa, que fai que non te poidas despegar das súas páxinas ata rematalo, porque necesitas saber o final, que ocorrerá no último momento e nos capítulos anteriores a ese último, xa que o argumento é terriblemente intrigante.

Conta como Linus desperta nun búnker subterráneo, tras ser enganado e posteriormente sedado e secuestrado, no que a única comunicación co exterior ou, mellor dito, coa planta superior e un vello ascensor que sube e baixa sempre á mesma hora. Nese lugar, hai seis habitacións, seis vasos, seis platos... o que lle indica ao protagonista, como realmente é, que proximamente chegarán novos secuestrados.
Nesta novela veremos o día a día dos secuestrados, a súa deseperación, o seu sufrimento, todo sen ningún tipo de suavidade, de maneira bastante cruda, e intrigarémonos; meterémonos de cheo no misterio, de maneira que será imposible parar na metade da novela sen máis. Foi unha boísima lectura que me mantivo en vilo e cuxo final me pareceu terriblemente desgarrador e para nada previsible.






La casa 758 (reseña) foi unha novela que me gustou moito e, aínda que no seu momento tampouco me parecera tan tan boa, agora doume conta de que en realidade si que disfrutara moito con ela. Considéroa moi especial, diferente (sei que estou repetindo esta palabra moitas veces nesta lista, pero para min ese feito é algo positivo) e incríblemente pragada de realismo e sentimentos. A súa narración é moi pausada, sen demasiados acontecementos nas súas páxinas, pero moitos pensamentos da protagonista.

En La casa 758, cóntase a historia de Krista, que perdeu a súa nai nun accidente de tráfico hai dous anos, que aínda non o superou. Seu pai, en cambio, seguiu adiante coa súa vida con bastante facilidade, algo que ela non lle perdoa. Krista, ademais, acude todos os días á casa 758, o fogar do rapaz que conducía o outro coche no accidente e que o provocou, sen saber moi ben para que. Ademais, a visita do seu avó húngaro e as historias que el lle conta sobre o Holocausto farán que reflexione e decida seguir adiante coa súa vida.

En realidade, é como si a novela non tivese unha liña argumental fixa e claramente definida, van pasando diversos sucesos que marcan a vida da protagonista, e simplemente é un conxunto dos elementos principais desta. É un libro que transmite sensacións e que convence, pouco a pouco, que me pareceu interesante, cun xiro ao final que non esperaba e que impacta bastante (aínda que non me convencese de todo...).

Ademais, nas páxinas desta novela existe unha historia de amor bastante potable, que me convenceu, e que consegue non acaparar toda a atención e eclipsar o resto da trama, sen ser melosa e excesivamente edulcorada.
En resume, é un libro especial que non se pode definir con palabras, pois hai que lelo para realmente entender como é.






Pánico (reseña) foi a última novela de Lauren Oliver (unha das miñas autoras xuvenís favoritas) que lin e da que non esperaba gran cousa ao iniciar a súa lectura, polo que me sorprendín de forma moi positiva e, fose or iso ou por outra razón, Pánico foi unha das miñas mellores lecturas do ano. Como todas as demais lecturas que incluín na lista, tiven unha boa opinión deste libro porque é diferente, distinto á novela estándar xuveníl que é tan fácil atopar. 

Neste libro, Lauren Oliver narra como na cidade de Carp os alumnos de último curso, tras graduarse, pasan un verán xogando a Pánico, intentando superar as probas que os farán gañar unha gran cantidade de diñeiro. O libro alterna o narrador con cada capítulo, contándonos as vivencias de Heather e Dodge dende o seu punto de vista. Isto gustoume, pois estaba convencida de que o narrador se ía a centrar na competición e nada máis, que se ciñería a eso, pero, en cambio, esta trama case pasa a segundo plano, contándosenos moitos outros aspectos que fan que se converta nunha novela completa e que se  se vai formando pouco a pouco ata conseguir envolverche. 

Hai certa intriga na novela que tamén gustou,e que, aínda que non fora un factor decisivo para que me encantase, tampouco estivo mal pero, sobre todo, gustoume que se centrase tanto, sorprendéndome, nas vivencias e historias dos personaxes, non só dos protagonistas, aínda que si principalmente, senón tamén dos amigos destes. Gustoume moito todo ese sufrimento acumulado de Dodge polo desgraciado accidente que sufriu súa irmá, tan relacionado coa competición na que el agora participa, pero sobre todo esa difícil e triste vida de Heather e a súa irmá menor nun parking de caravanas e cunha nai alcohólica. Cando ocorre o que ocorre con relacióna esto último, aínda me enganchei máis á trama se cabe, pois quedei realmente preocupada polo próximo que podía pasar.

En realidade, non podo dicir que foi o que fixo que me gustase esta novela, simplemente, me pareceu completa, interesante, distinta, completa e fixo que en min nacese un sentimento positivo, polo que creo que deberíades intentalo con Pánico, porque pode gustarvos moito.






Esta novela é a primeira parte da triloxía do mesmo nome, de Pierce Brown, que conta a historia de Darrow, un vermello, a clase social máis baixa da Sociedade, que traballa baixo terra para conseguir o helio-3, que é necesario para os humanos poidan poboar Marte. É unha Sociedade onde a vida para as clases sociais baixas é moi dura, sen ningunha comodidade, mentres que os dourados contan con numerosos luxos. Ademais, os vermellos deben aguantar os abusos, moi comúns, das clases superiores, que penan coa morte practicamente todos os delitos. Un día, Darrow fará un descubrimento moi importante, que o levará a converterse en dourado.

Trátase dunha triloxía distópica marabillosa, porque aínda que polo que se pode ler na trama non hai moitos aspectos que destaquen nel fronte ao resto das distopías publicadas, non ten nada que ver con elas e trátase, podo dicir case con toda seguridade, da miña distopía preferida. É un libro complexo, no que todos os detalles están pensados e teñen sentido, nada ocorre por casualidade, e hai milleiros de pequenas escenas, moitísimos personaxes e acontecementos tan ben fiados que non se fan pesados ou estresan ao lector, senón que fan que aínda te enganches máis e te sorprendas da gran intelixencia do autor. Este, intelixente, é outro adxectivo aplicable á novela, pois como digo, todo está preparado e pensado con minucioso coidado.

Os personaxes son tamén moi completos e complexos, para nada planos, con evolución e unha historia detrás, e moi únicos e diferentes. Tamén me encantan as tramas políticas, bélicas e de traicións que se dan na novela, outra demostración da súa intelixencia.

En canto á trama, xunta diversos elementos que fan unha mestura perfecta: hai guerra, pouquiño amor que non chega a aburrir, rebelión ante as clases altas opresoras e búsqueda de liberdade como en toda distopía, competicións, familias poderosas e as súa intrigas... Un libro marabilloso e recomendadísimo, difícil de reseñar en tan poucas liñas.






El guardián entre el centeno (reseña) é o único clásico que aparece nesta lista, pero nun bastante alto e merecido posto, porque me encantou, gustoume moitísimo, porque se trata dun tipo de libro que me adoita apasionar, cun protagonista diferente, marxinado, que reflexiona e que nos ensina a súa visión do mundo. Non sei como categorizalo, pero, simplemente, é un libro semellante a Las ventajas de ser un marginado, que a estas alturas xa sabedes que é un dos meus libros preferidos da historia, por non decir o meu favorito, polo que xa me tiña ganada dende o primeiro momento.

A prosa de Salinger é marabillosa, e recordame en certo modo á de John Green, o meu escritor preferido, nese ritmo lento e á vez nada pesado, e en certos aspectos que non sei explicar. Trátase dunha novela que se le de forma amena, pero que á vez non é nada sinxela, senón cun argumento complexo e moi bo. 

As reflexións de Holden son moi profundas, el rexeita a falsedade da xente, moitas veces impulsada pola sociedade e ben vista, así como outros tantos aspectos. É unha persoa que lle da mil voltas ás cousas polo que ao longo das páxinas vemos claras referencias a reflexións anteriores, creándonos nós mesmos desta maneira unha clara imaxe de Holden.

En resume, esta foi unha novela marabillosa, perfecta e que debe lerse, que me encantou e que me produciu sensacións que non sei como expresar con palabras. Trátase dun libro sensible, que transmite emocións á perfección e que atrapa.






E ocupando o cuarto posto na miña lista, xa dentro do Top 5, está Pequeñas Mentirosas (reseña), non só a primeira parte da saga, senón as 8 que levo lidas (ou mellor as 6 primeiras, pois as dúas últimas non me convenceron de todo e comezaron a aburrirme...), porque aínda que non se trate dunha magnífica obra literaria, conseguiu intrigarme, encantarme, engancharme, e facer que só pensase na identidade de A e no asasino de Ali. Ademais, o comentar esta gran saga e os centos de acontecementos que nela ocorren cunha amiga que tamén se veu atrapada pola narración de Sarah Sheppard e pasar decenas de horas falando do tema, fixo que o vivise todo dunha maneira máis intensa e que me apasionase completamente.

Aínda que me da pereza que a saga conte xa con 15 libros (e aínda virán máis, segundo creo) nos que xa comezan a repetirse cousas, isto tamén é algo positivo, porque poderei seguir disfrutando do misterio durante algo máis de tempo, sen contar, ademais, coa existencia dunha adaptación da novela a serie televisiva que tamén me gusta.

Esta saga trata a historia de cinco rapazas (Alison, Aria, Emily, Hannah e Spencer), ricas, (polo menos case todas, hai unha ou dúas de clase media-alta, en realidade) que se fan moi amigas a pesar de que son totalmente diferentes e que, realmente, o único que as une é Alison, unha rapaza moi popular é á que todos envidian. Un día, celebrando unha festa de pixamas na casa dunha delas, Alison desaparece. A historia que conta esta saga é como as catro amigas restantes se separan e deixan de falarse tras este suceso e como volven a unirse tras ser atopado o cadáver de Ali tres anos máis tarde da súa desaparición. Todo parece relativamente normal, pero as catro amigas gardan un segredo que non lle contaron a ninguén e que Alison tamén sabía e, misteriosamente, un tal "A" comeza a mandarlles SMS e e-mails amenazando con contalo xunto con varios segredos máis.








A seguinte lectura que conseguiu encantarme e apasionarme, foi a novela de Diane Setterfield El cuento número 13 (reseña), que se diferenza bastante do que adoito ler e que me sorprendeu moito, porque é un libro que transmite calidez, fai que esteas a gusto e que o pases ben: é moi agradable e consigue que te sintas así.

É unha narración desenrolada no pasado, que fai que te intrigues polo fin da historia que se che conta, porque ela marcará o final da novela en si, e o destino dos protagonistas, cos que simpatizas en seguida.

É un libro (por enésima vez neste post, pero é totalmente certo) especial e distinto, que recomendo moito, sobre todo para unha época fría e invernal. 

Trata sobre Margaret, unha bibliógrafa con moi pouca experiencia (é máis que nada unha afición para ela) que recibe unha carta dunha escritora moi popular e moi prolífera pero da que ninguén sabe nada, pois en cada entrevista inventa unha vida diferente e unhas experiencias distintas. Na carta, Vira Winter, a escritora, pídelle a Margaret que acuda á súa casa, pois está moi enferma, a punto de morrer, e quere contar a verdade por primeira vez. Margaret, aínda que recelosa, pois pensa que as súa preguntas van obter mentiras de novo como resposta e, ademais, non entende porque foi elixida para semellante tarefa, acude, e alí comeza a marabillosa narración da vida de Vida Winter.





Vale, se os anteriores libros desta lista non son moi comúns e fáciles de atopar na literatura xuvenil, Y por eso rompimos (reseña) é a definición feita libro da novela diferente e especial. Cando a comecei, pensei que non me ía gustar nada, porque tiña críticas boísimas e críticas terribles, e ademais polo tema, romántico en apariencia, da historia, pero ao pouco de empezar namoreime por completo da narración, da maneira de escribir do autor, das ilustracións, da estructura do libro, a maneira de tratar a trama...

En primeiro lugar, a forma na que se presentan as diferentes historias e moi dinámica, fácil de ler e moi interesante, xa que se presenta un obxecto (en forma dunha ilustración preciosa, por certo) a redor do cal xira o relato, de maneira que o lector está sempre pendiente de atopar esa relación obxecto-recordo-razón da ruptura. As historias que se contan son preciosas, pois a forma de narrar do autor é moi especial e moi bonita, con referencias contínuas co cine antigo ou alternativo.

E que houbo mil e un detalles que me apasionaron e que fixeron que quedase impresionada con Y por eso rompimos, polo que é difícil enumeralos todos: trátase simplemente dun cúmulo se cousas positivas e marabillosas.

Esta é a historia da parella formada por Min e Ed e de como esta finalizou, as razóns polas que romperon, narradas en forma de pequenos relatos. Min é a narradora da novela, que vai camiño da casa de Ed para devolverlle unha caixa con moitos recordos dos seus tempos xuntos, que vai sacando un a un, e escribindo nunha carta para el a historia do obxecto en cuestión e a súa relación con algunha das razóns polas que romperon.








E, ocupando o primeiro posto no meu ranking e sen supoñer ningunha sorpresa para ninguén, dado que xa falei desta novela mil veces neste blog e era terriblemente obvio que me encantara, mais aínda tras que eu dixese que se convertera no meu libro autoconclusivo favorito da historia, está Las ventajas de ser un marginado (reseña), unha novela marabillosa, emotiva, plagada de emocións, reflexións e terriblemente ben tratada polo autor, cun argumento atrapante que forma un conxunto espectacular.

Trátase dun libro que non se centra en acontecementos e sucesos, senón en emocións, sentimentos, reflexións e é isto o que transmite.

Gustoume moito a forma de tratar os seus problemas de Charlie, que deixa algunhas cousas sen acabar de explicar para logo aclaralo, e lle da unha importancia e profundiza nos acontecementos dunha forma moi especial e pouco común e fai que non te aburras. Ademais, a historia gustoume moito, pareceume orixinal, e enfocada dunha maneira nunca antes vista, ou lida, e debo recoñecer que me fixo sufrir en bastantes partes e incluso provocou que algunhas bágoas asomasen nos meus ollos, pois a forma na que se descubre que é o que provocou a inestabilidade psicolóxica de Charlie e de que maneira se produciu ese "trauma infantil", son un tanto impactantes e duras.

Non sei como expresar con palabras o que me fixo sentir, simplemente foi espectacular e xenial. É un libro que relería mil veces, e proxecto facelo pronto.

13 de dec. de 2015

5 libros que ler en Nadal




Despois de moitísimo tempo (seino), traiovos un post recomendando libros, en concreto recomendando aqueles que considero que son ideais para ler nestas festas navideñas que tanto me gustan. Non todos se desenvolven durante estas datas, pero a pesar diso, por unha ou outra razón, creo que son perfectamente adecuados para esta época do ano. Comezamos:



1. El cuento número trece.




Esta novela (reseña) paréceme perfecta para ler en Nadal, de feito creo que, de toda esta lista é a máis adecuada, aínda qu non sei, realmente, dicir porqué. Simplemente, cando eu a comecei, en xuño deste ano, gustoume moitísimo e pareceume marabillosa, converténdose aos poucos capítulos nunha das miñas preferidas, pero recordo que pensei que aínda tería disfrutado máis este libro se o lese nun día frío de Decembro.

Conta a historia dunha célebre escritora, xa maior, e o gran mistero da súa carreira: cal é e onde está o terceiro conto do seu popular libro El cuento número trece, no que o lector só pode ler doce relatos. Por pimeira vez na súa vida, Vida Winter contará a súa verdadeira historia, misteriosa e diferente, que nos saberemos da man da súa biógrafa.

É unha historia cálida, bonita, que se desenvolve no pasado e resulta moi agradable.


2. Harry Potter.



Se a estas alturas, despois do gran boom que tivo, aínda non lle deches unha oportunidade á célebre saga de JK Rowling, esta é a túa oportunidade, pois parécenme unha das mellores eleccións para ler en Nadal, que transmite tranquilidade e calidez e coa que non podes equivocarte.

Se, coma min, xa eres un veterano no mundo de Hogwarts e dos magos e xa leches unha e outra vez cada un dos libros da saga, estas vacacións son a mellor ocasión para relela unha vez máis, porque Harry Potter nunca aburre, e nn hai nada mellor que facelo varias veces. Eu mesma, estou volvendo a ler a saga, e aprobeitarei estas semanas que se aproximan para comezar coa terceira parte, Harry Potter y el prisionero de Azkaban.


3. Las ventajas de ser un marginado.



(Reseña) Si, é terriblemente estraño que recomende este libro que tanto me gusta e que considero o meu (autoconclusivo) favorito. Pero non podo evitalo, simplemente porque é ideal para estas datas e, en certa parta, a acción ocorre en Nadal. Ademais, paréceme que co plagado de emoción e sentimentos que está cada páxina, pega moito co espíritu navideño e coas películas que se ven nestas datas. De feito, tamén vos recomendo moitísimo para ver este Nadal, a adaptación cinematográfica da novela.


4. El asesinato de Roger Ackroyd.





Non pode faltar entre as nosas lecturas navideñas un bo libro de misterio e intriga, que nos atrape dende o principio ata o fin, e como a  deste xénero é a miña amada Agatha Christie, creo que debe ser unha das súas novelas.

Podedes elixir calquera, porque ten decenas delas publicadas, pero eu vouvos recomendar unha en especial, a miña preferida, que forma parte do Top 5 de libros de Agatha Christie que publiquei hai uns meses: La muerte de Roger Ackroyd. Esta foi a primeira que lin e a que máis me sorprendeu, polo inesperadísimo final, que non se lle pasa xamais ao lector pola mente. Ten tamén película, pero non é, nin de lonxe, tan boa como o libro e non vola recomendo demasiado.

Esta novela comeza co suicidio da señora Ferrars que, tras anos sendo vítima da chantaxe dun individuo anónimo que descubrira que ela asasinara ao seu marido, decide quitarse a vida, deixando tras de si unha carta na que figura o nome do extorsionador que entrega ao home que ela amaba, Roger Ackroyd. Pero este é asasinado antes de descubrir a identidade do extorsionador e será tarefa do detective belga Hercules Poirot e o seu gran amigo Hastings esclarecer o acontecido e descubrir dunha vez por todas ao culpable.



5. Y por eso rompimos.






Intentei recomendar cinco lecturas adecuadas para o Nadal pero tamén diferentes entre si, para todos os gustos, así que a última delas será unha novela contemporánea diferente ás demais e formada por uha especie de relatos ou capítulos ou mestura de ambos que lin moi recentamente e que me encantou. Y por eso rompimos é un libro terriblemente adecuado para esta época, porque é lixeiro pero non simple e transmite sensacións que creo que son adecuadas para estas vacacións aínda que non ocorra a historia no inverno. É unha historia triste e alegre ao mesmo tempo e que non se parece nada á idea preconcebida que se ten del, pois pola súa trama semella unha historia romántica e pastelosa máis, e nada que ver coa realidade.

Y por eso rompimos é a historia da parella formada por Min e Ed e de como esta finalizou, as razóns polas que romperon, narradas en forma de pequenos relatos. Min é a narradora da novela, que vai camiño da casa de Ed para devolverlle unha caixa con moitos recordos dos seus tempos xuntos, que vai sacando un a un, e escribindo nunha carta para el a historia do obxecto en cuestión e a súa relación con algunha das razóns polas que romperon.



29 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #4: Novembro 2015



A elección da mellor lectura do mes non foi demasiado difícil nesta ocasión, por dúas sinxelas razóns: en primeiro lugar, El guardián entre el centeno, elixido como preferido, foi unha novela que me encantou e apasionou e en segundo lugar, nos últimos trinta días non levei a cabo moitas lecturas que digamos, pois estiven moi ocupada e apenas puiden ler e, ademais, creo que estou pasando por un bloqueo lector, que fai que non me acabe de gustar ningún libro e que teña ganas de abandonalos, polo que tardo moitísimo en acabar algún. 

En resume, só lin un libro, relín outro e comecei para logo abandonar un terceiro: El guardían entre el centeno, Harry Potter y la cámara secreta e La reina roja, respectivamente. Creo que tratarei de continuar con este último, pois tivo moitas e moi boas críticas e, aínda que a min me pareceu aburrido en exceso, pode que sexa por culpa do bloqueo lector, pero dende logo non o vou facer proximamente.

Como xa dixen na súa reseña, El guardián entre el centeno, foi unha novela que me encantou, pois reunía todos os puntos que me gusta atopar nas miñas lecturas e cos que todos os meus libros preferidos contan. Trátase dunha novela reflexiva, realista, na que o protagonista nos conta todos aqueles pensamentos e medos que el ten e que é realmente entrertida. Atrápache rapidamente e non podes evitar sentir cariño polo seu protagonista. Ademais, recordoume moitísimo ao meu libro preferido de todos os tempos Las ventajas de ser un marginado, pois ambos seguen unha mesma liña, como xa comentei na entrada anterior e na propia reseña da novela de JD Salinger pois, como recentemente descubrín, Stephen Chsbosky durante a súa etapa no instituto estivo moi apegado a El guardián entre el centeno e, en certo modo, basouse neste para crear a Charlie.

En resume, un libro xenial e recomendadísimo que se atopa enre as mellores lecturas do ano.

22 de nov. de 2015

Se che gustou... Gustarache... (1ª Parte)

Facía realmente moito tempo que vos quería traer este post, porque se trata dunha forma de recomendar libros que me encanta ler, ver e escribir e que me parece realmente útil. Consiste en atopar semellanzas entre libros, de maneira que se che gustou un, tes moitas posibilidades de disfrutar co outro. Alá imos!


1. Se che gustou a triloxía Delirium de Lauren Oliver, gustarache a saga Traición de Scott Westerfield.





A saga Delirium ésta formada por tres libros de temática distópica moi coñecidos, escritos por unha autora tamén moi famosa e recoñecida, mentres que a saga Dos feos ou saga Traición, de Scott Westerfield, desapareceu por completo do mundo da literatura xuvenil despois de certo éxito no momento da súa publicación.

Creo que se trata de dúas sagas moi semellantes en varios aspectos, polo que se che gustou unha delas a outra tamén o fará. En primeiro lugar, ambas se desenrolan nun futuro distópico e nunha sociedade moi controlada e bastante superficial. En ambas sagas hai unha operación cirúrxica que cobra un papel moi importante e que marcará un cambio na súa vida, así como un grupo de rebeldes cos que a protagonista terá certa relación, polo que a trama dos dous libros vai nesa dirección e as personalidades das protagonistas son moi semellantes, ambas senten o mesmo en situacións semellantes e actúan da mesma maneira, marcadas polos mesmos valores.

En definitiva, se che gustou a triloxía Delirium, deberías probar a saga Traición e viceversa.



2. Se che gustou Las ventajas de ser un marginado de Stephen Chbosky, gustarache El guardián entre el centeno, de J.D Salinger.




                        



Estas dúas novelas son moi especiais para min e forman parte do grupo dos meus libros preferidos, pois ambas teñen unha trama que segue a liña que me gusta: son reflexivas e teñen unha temática moi semellante, nas que se fala sobre un personaxe marxinado pola sociedade e moi moi especial. Se che gustan os libros profundos e realistas, con certas reflexións, e algunhas tramas deprimentes e algo duras, e tamén cunha evolución do protagonista, considero que calquera destas novelas é ideal para ti.

 Se disfrutaches con Las ventajas de ser un marginado debes probar El guardián entre el centeno, e viceversa, pois, aínda que a narración e a escritura por parte dos autores e diferente, con tan só algunha semellanza, o argumento, o tema, é bastante parecido, así como a forma de pensar de Charlie e Holden. Non teñen historias que se basen no mesmo nin xiran ao redor dos mesmos eixes e tramas, pero creo que o lector dunha pode ser perfectamente lector da outra.



3. Se che gustou a triloxía de Los Juegos del Hambre de Suzzane Collins, gustarache a triloxía  Amanecer Rojo de Pierce Brown.


                          

                                   


Se eres un lector habitual de literatura xuvenil é case imposible que non leras a famosísima triloxía de Los juegos del hambre de Suzzane Collins. Trátase dunha distopía que considero moi boa, cun mundo perfectamente creado pola autora e imaxinado por ela ata o milímetro, non hai ningún elemento collido por pinzas. Cando eu lera a triloxía, alá polo 2012, recordo que me apasionara e que non puidera deixar de ler nin un só segundo ata finalizar os libros debido á intriga que en certa maneira existe na novela, esa necesidade de saber que ocorrerá coa protagonista. 


Nesta triloxía hai un mundo moi dividido en clases sociais, aínda que non se trata exactamente desta separación que coñecemos, senón que todos os poderosos con alto nivel económico están agrupados nun distrito mentres que os demais, máis pobres canto maior é o número do distrito, viven na meseria sen ter sequera que comer. En Amanecer Rojo, outra das miñas distopías favoritas, ocorre algo parecido: tamén hai varios grupos sociais distintos, pero esta vez separados por cores. Cada unha delas ten unha ocupación na sociedade, pero todas elas están sometidas aos dourados, que dirixen o mundo. En ambas triloxías un membro da clase máis baixa intentará vencer eses límites da sociedade e chegar ao máis alto. Ademais, nas dúas sagas existe unha competición, moi violenta, cuxo resultado marcará a vida do protagonista e o destino da sociedade.

Aínda que as historias toman camiños diferentes e quizais Amanecer Rojo é algo máis dura que Los Juegos del Hambre, seguen unha liña con certos puntos en común e ambas tratan certos temas, polo que creo que se che gustou unha delas, disfrutarás o mesmo ou incluso máis da outra.




4. Se che gustou Ciudades de Papel de John Green, gustarache La casa 758 de Katheryn Berla.






Se che gustou moitísimo, coma a min, Ciudades de Papel, gustarache La casa 758; pero non só se che gustou este, senón se disfrutaches con todos ou algún dos libros do marabilloso John Green , pasarás un bo rato coa novela de Kathryn Berla, pois teñen moitos e ningún puntos en común.

Basicamente, o único que relaciona a todas estas novelas é a temática e a forma de ser narradas, que tamén teñen en común todas as publicación do selo Nube de Tinta (que me encanta): búscase a reflexión por parte do lector mediante a reflexión do personaxe principal e as historias que se tratan son emotivas, tristes e diferentes. Os personaxes teñen algún tipo de problema que os diferenza das demais persoas da súa idade e que os marcará de por vida. 

Tamén a prosa dos autores ten certos puntos en común, é unha narración pausada pero amena que che deixa empaparte dos senyimentos narrados e que te introduzas na historia con facilidade, disfrutando cada palabra.

Aínda que John Green sempre primará no meu corazón, creo que se eres un dos seus lectores habituais, debes intentalo con La casa 758, porque a min tamén me gustou moito e creo que che sorprenderá.

4 de nov. de 2015

Mellor lectura do mes #3: Outubro 2015



Unha vez máis traio este post no que elixo a mellor lectura do mes, que nest ocasión non foi excesivamente complicado pois o mes de Outubro non foi nada productivo en canto a lecturas debido ao comezo do curso e ás lecturas obrigatorias que tiven que levar a cabo, que provocaron que apenas puidese ler algún libro pola miña conta. Ao final, lin un total de 5 libros (moi poucos para o que acostumo ler nun mes): Y por eso rompimos, Navidades trágicas, Cada día, Marianela e A esmorga (todos reseñados xa, coa excepción do último).

Co que máis disfrutei e máis me sorprendeu positivamente foi o primeiro deles, Y por eso rompimos, novela da cal xa falei moi ben na súa reseña.

Trátase dun libro moi moi especial, pois está narrado a base dunha especie de relatos curtos, cada un dos cales é unha razón pola cal a parella protagonista se separou e esta basado nun obxecto. Isto pareceume asombrosamente orixinal e consigue, ademais, que a lectura sexa máis lixeira, sinxela e entretida. A verdade é que o máis importante non é a trama, que pasa a un segundo plano, senón a relación do obxecto coa ruptura e o deixarse levar pola historia.

Simplemente, esta composición a base de relatos curtos, narración en forma de carta, a prosa peculiar do autor, a historia tan especial e diferente e eses preciosos debuxos ao comezo de cada capítulo, dan lugar a unha marabillosa lectura.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...