Amosando publicacións coa etiqueta Joan Manuel Gisbert. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Joan Manuel Gisbert. Amosar todas as publicacións

24 de xuño de 2015

Reseña: La mansión de los abismos



La mansión de los abismos é un libro de Joan Manuel Gisbert que lin cando era máis pequena, con 10 anos. Recordo que o pasara "moi mal" porque era un libro para persoas máis maiores, xuvenil, que nese momento me inquedou pero que á vez me gustara moito e do que gardaba un bo recordo. Este ano fíxenme co libro (de forma non premeditada) e decidín volver a lelo para ver se realmente era como o recordaba, e para poder disfrutalo sendo xa máis maior e tendo a idade adecuada para facelo.

É un libro de intriga que conta como Théodore Bertrand, un home misterioso acusado de matar a seis mulleres coas que previamente casara pero que foi absolto por falta de probas ao non atoparse os cadáveres, consegue seducir a unha sétima vítima para levar a cabo outro asasinato. Esta vez, a policía está decidida a, senón impedir a morte, polo menos atopar probas que incriminen ao sospeitoso. 

Como todas as novelas do autor, en La mansión de los abismos está pragada de intriga e misterios, pero neste caso particular, aínda máis, pois dende o principio do libro sabes que o protagonista matou (polo menos supostamente) a seis mulleres, e sufres pola vida de Gundula, a sétima. Ademais, non só se ve a historia dende o punto de vista de Gundula, tamén dende o de varios personaxes máis como a policía, uns veciños do pobo que teñen participación na historia etc. Isto provoca que percibas mellor os acontecementos, pois todas as historias se cruzan ao longo da obra, e que vexas que conclusións dalgúns personaxes respecto a outros e a acontecementos son equivocadas e que suposicións o son tamén.

O único que quizais non me gustou demasiado, foi o final da novela, moi inesperado, pero sen acabar de ser algo positivo, pois é quizais pouco creíble e moi diferente ao resto da novela, é dicir, para tratarse dun libro realista e con feitos que perfectamente puideron ter ocorrido, a conclusión e explicación da historia decepcionoume por non tratarse de algo, digamos, "racional".

Conclusión: Non podo falar moito deste libro sen desvelar detalles, pero simplemente direi que era quizais unha novela algo máis infantil para min do que esperaba, se ben na contraportada do propio libro se recomenda para maiores de 14 anos. Aínda así, intrigante, sorprendente e ben narrado.

17 de nov. de 2014

Reseña: El misterio de la Isla de Tökland

     


El misterio de la isla de Tökland de Joan Manuel Gisbert, é (como todos ou casi todos os libros deste autor) un libro de intriga e misterio. Ao contrario doutras obras del, algunhas das cales xa falei neste blog (La voz de la madrugada, El museo de los sueños, La mujer autómata...) si que teño cousas malas das que falar e puntos que non me gustaron. Joan Manuel Gisbert, é un dos meus escritores preferidos, sen dúbida, porque consegue manter a intriga todo o tempo e teñen unhas tramas xeniais.

El misterio de la Isla de Tökland, trata dunha illa moi pequena sen ríos, terra ou ningún tipo de elemento que favoreza a vida, polo que está totalmente deshabitada, que é alquilada por un grupo de persoa para, segundo din, conseguir que acudan turistas en masa. Os gobernantes do país ao que pertence a illa, non lles parace mal o trato, dado que na illa non hai nungún tesouro ou algo de valor que poidan querer conseguir, asi que lles é alquilado por dez anos.

Despois dun tempo, nos periódicos anúnciase que na illa de Tökland hai unha serie de acertixos moi complicados e que quen os resolva ganará moitos cartos. O protagonista da novela, un periodista, decide intentalo para poder contarlle a súa aventura aos lectores da revista onde traballa, pero cando chega á illa non todo é tan bo como parece.

Normalmente, os libros deste autor gústanme moito pola increíble capacidade de intrigar e escribir libros fantásticos cun final nunca esperado, pero precisamente foi este último punto o que me decepcionou do libro. En lugar dun final realista que esperaba e quería que tubera, terminou dunha forma fantástica que a min, personalmente, non me gustou. En canto ao resto da obra, non me desgustou pero tampouco me encantou. Nin fu nin fa aínda que si houbo partes que me sorprenderon positivamente.

En canto ás portadas, hai moitas diferentes (moitas máis das que hai nesta entrada) pois xa é un libro que ten relativamente bastantes anos e moitas edicións. Eu lino na versión da segunda portada, a que máis me gusta xunto coa terceira e que me parece que chama máis a atención e da máis ganas de ler a novela.

27 de set. de 2014

Reseña: La Voz de Madrugada


O outro día recordei a este escritor que levaba un tempo olvidado para min e entraronme unhas ganas tolas de ler algunha das súas obras. Despois de mirar cales me interesaban máis, decidín comezar con esta, La voz de la madrugada, porque tan só con ler a súa sinopse xa quedei intrigada e sabía que non me iba defraudar como, efectivamente, non ocorreu.

La voz de la madrugada, é un programa de radio que se emite a partir das dúas da mañá e no que unha muller da que ninguén coñece a identidade, fala de maneira extraña, con moitas metáforas e dunha maneira que ninguén entende. Pouco a pouco, vai gañando oíntes e convértese nun programa de éxito, pero as cartas e chamadas destes nunca son respondidas nin pola muller nin pola emisora de radio. Varios personaxes vense mesturados na historia e acaban descubrindo o misterio que esa voz agocha.

Encantoume a forma na que está escrita a novela, é dicir, mantendo a intriga todo o tempo e non esclarecendo case nada ata o final, e tamén que en cada capítulo cambie a persoa á que lle ocorren as accións contadas, pero que todas elas acaben atopándose, antes ou despois. Este tipo de libros, en ocasións non me gusta demasiado, porque é dificil recordar quen é cada personaxe ou que lle ocorreu a cada quen, pero neste caso pareceume marabilloso e que considero que perdería moito si tan só houbese un ou dous protagonistas. Neste aspecto, recordoume moito a outro libro do autor que lin hai tempo, La mansión de los abismos no que ocorría exactamente o mesmo: había varios personaxes, sendo cada un o protagonista de un capítulo, que tiñan tramas diferentes que confluían ao final dándolle moito valor á historia. Un detalle típico de Joan Manuel Gisbert que me encanta.

Unha novela marabillosa, intrigante ata o final e que consegue deixarnos en vilo ata a última frase, e que está entre as que máis me gustaron do autor.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...