Amosando publicacións coa etiqueta David Levithan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Levithan. Amosar todas as publicacións

20 de mar. de 2016

Reseña: A de Amor de David Levithan.


 Propúxenme ler unha novela de David Levithan para intentar reconciliarme con este autor tan popular que non consegue gañar o meu corazón por moitos libros da súa creación que me propoña ler. A verdade é que unha vez máis rematei cunha decepción enorme así que declaro nesta entrada que non volverei a ler nada do autor, a menos que se trate dunha novela concreta que me chame e que crea que me vai a apasionar por algunha razón.

A de Amor é unha novela distinta, que non se asemella en ningún aspecto ao que coñecemos como unha novela ou libro de relatos, pois está formado por entradas de dicionario, é dicir, defínense determinadas palabras relacionadas cunha relación romántica pero sen tratarse de definicións convencionais, senón de pequenos relatos, escenas ou reflexións do protagonista acerca do seu amor cara unha muller.

Así de primeiras pinta ben, seino, pero á hora da verdade non acaba de funcionar. O autor intenta crear esceas que representen á perfección o ambiente da súa relación, pero con tantos saltos temporais entre entradas e eses cambios de temas segundo a palabra concreta a tratar, o único que ocorre é que o lector se forma un lío mental no que xa non sabe en que momento da "historia" (si é que a hai) se atopa o libro ou cales son os sentimentos entre os namorados ou se realmente o están e uufff... Realmente non creo que se poida considerar a A de Amor como unha historia, realmente non o é, so se trata dunhas definicións en forma poética. 

En realidade, si que me agradaron, incluso tiven a tentación de marcar algunha das frases ou descripcións dos termos (aínda que o lin en dixital, polo que era imposible) pois a sensibilidade poética do autor e a súa capacidade de escribir desa maneira sinxela pero bonita son asombrosas en certos momentos, déboo admitir, e incluso chegan a causar unha fonda emoción no lector, pero de ahí a construír unha boa historia hai un cacho, e decepcionoume de novo.

Non teño moito máis que dicir acerca de A de Amor, que puntuei cun 2/5 en Goodreads porque non me convenceu en absoluto, e non o recomendo especialmente.

27 de out. de 2015

Reseña: Cada día




Cada día é un libro de David Levithan, autor xuvenil moi valorado en Estados Unidos e bastante coñecido en España, e o primeiro que leo del. A verdade, é que tiña ganas de ler unha novela deste autor, porque Will Grayson, Will Grayson, novela a dúas mans entre el e o meu amado John Green, encantárame, pero agora quería comprobar se había algunha diferenza con respecto a un libro 100% seu. Decidín que este fose Cada día por ter un argumento moi interesante e orixinal, a pesar de que vira que non era dos máis valorados de Levithan, pero creo que me equivoquei ao facelo, pois, a verdade, é que me desgustou e aburriu bastante.

Cada día conta a historia de A, unha persoa que desperta cada día nun corpo diferente, home ou muller, polo que non ten un sexo definido nin unha familia ou vida propias. Isto tráelle moitos problemas, sobre todo á hora de encariñarse dalgunha persoa...

Ao principio tiña unha idea e impresión positiva desta novela, porque era moi dinámica e amena, con capítulos cortiños (maioritariamente) e nos que apenas se entraba en detallles, é dicir, o autor ía directo ao gran. Ademais, ao comezo era moi novedoso e interesante que en cada un dos capítulos se nos contase un día e, polo tanto, a vida dalgunha persoa concreta, pero pronto pasou a facerse soporífero e pesado. Esta maneira de distribuír os sucesos pasou de entretida a repetitiva nun sopro.

Pasando xa á trama do libro, esta era bastante floxa dende un principio, pois tan só se basea no instalove entre A e a moza dun dos rapaces cuxo corpo ocupa, aínda que eu tiña esperanzas de que evolucionara e collera interés, algo no que volvín a equivocarme. Non é que sexa un argumento malísimo e aburrido, pero si debilucho e sen demasiado interés. Volvemos a ter nesta novela unha trama amorosa mooooooi repetitiva (tipo Cazadores de Sombras, non digo máis): a rapaza apenas sufre, aínda que queira finxir que é así, e "faise a dura" mentres que A sufre, non deixa de choromicar e non pode falar doutro tema. En resume, o última cuarta parte do libro faise moi pesada e non deixa de repetir o mesmo unha outra vez.

Tamén podemos atopar tramas que prometen moito sen chegar a nada: o conflicto con Nathan deixa bastante que desexar, pois parece que vai crear un gran problema para logo desinflarse pouco a pouco.

O final (que xa sabedes que é unha parte crucial e importantísima á hora de crearme unha opinión sobre un libro), non me gustou (case) nada. Non digo que nada, porque a resolución a esa trama amorosa foi a que eu quería, a máis realista e creíble, pero o certo é que quedei totalmente descontenta, pois esa especie de solución que A inventa, que saca da manga sen ter ningún tipo de sentido, non só me desagradou senón que me pareceu totalmente ridícula.

Conclusión: Non teño moito máis que comentar, pois é unha novela sen nada especial, unha entre moitas, do montón. Agradable entre lecturas densas ou en momentos con pouco tempo para ler, pero totalmente prescindible.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...