7 de xul. de 2017

Reseña: "Perdida" de Gillian Flynn (volvín!)


"Doume conta. A xente quere crer que coñece a outras persoas. Os pais queren crer que coñecen aos seus fillos. As esposas queren crer que coñecen aos seus maridos"

 Ola! Despois dun ano, practicamente, sen subir ningunha entrada regreso. Neste tempo, cambiei bastante persoal e literariamente, xa o iredes vendo a medida que suba novas reseñas de libros algo diferentes aos que acostumaba, aínda que en realidade seguen as mesmas temáticas e estilo que adoitaban, simplemente descubrín máis profundamente os meus gustos literaros. En fin, que me enrollo, hoxe tráiovos a miña opinión reseñada de Perdida, escrito por Gillyan Flynn, unha das miñas autoras favoritas. Non se me ocorre mellor (re)comezo para o blog que optar por esta autora, a pesar de que a novela me supuxera certa decepción. 

  "Perdida" é a terceira novela de Flynn, que supuxo o seu salto á fama ao volverse un bestseller internacional e tratarse da primeira novela da autora traducida ao español. Por esta razón, o desapercibidas que pasaron as súas dúas novelas anteriores ("Heridas Abiertas" e "Lugares Escuros") e o tantísimo que me gustaron estas (non só me pareceron entretidas, impresionantes e intelixentes, senón tamén boas, con alta calidade literaria no subxénero da novela negra e con importante desenvolvemento psicolóxico dos personaxes), dei por sentado que Perdida ía ser omo mínimo igual de apasionante e boa novela, mais as miñas expectativas non se viron cumplidas en absoluto. Como introdución á reseña, simplemente direi que lle concedín na plataforma de Goodreads a esta última lectura unhas mediocres 3 estrelas sobre 5 (6/10), mentres que as súas predecesoras non baixaran da nota máis alta, un 5/5, un 10 absoluto, redondo, brillante e máximo. Por que razón? Aquí comeza a miña explicación.

  O que Perdida promete (e non cumple)e o que eu esperaba era unha novela negra, de intriga, moi profunda a nivel psicolóxico ,con psicoanálise dos personaxes, que contase cun misterio apasionante e extraño, cuxa resolución debecese por coñecer, exclamando admirada a miña sorpresa ou o meu gusto polo que lía. E non o atopei. Para nada. Se me din que esta novela a escribeu outro autor creeríao sen dudalo un segundo, pois por moito que busquei a Gillian Flynn e a súa escrita e toque persoal entre as súas páxinas non a atopei. Síntoo.

  Vale, o misterio pintaba ben nun comezo. Interesante. O personaxe protagonista do marido (o único que me gustou e se asemella en algo nas anteriores creacións humanas da autora, aínda que dun nivel máis baixo en calidade e máis cliché) parecía único e interesante como os das restantes novelas. Error. A novela avanza lenta e perezosamente na súa primeira parte. Unha desaparición dunha muller e a culpa que recae no seu marido. Semella ser el o culpable. Oculta algo. Demasiado fácil, servido en bandexa, non pode ser el. Efectivamente non o é e eu adivíñoo demasiado pronto, antes do que se supón que debería e comezo a sospeitar da muller e a súa aparente perfección plasmada no seu diario íntimo moito antes do que se supón que ocorrerá. Algo falla. A novela perde gas. 

  Si, nun inicio pintaba ben: ambiente sureño americano como me gusta, persoas 100% do EEUU profundo, o marido que parece culpable pero non é... Gústame, pode ser unha boa introducción para un cambio na novela, o seu desenvolvemento, un xiro sorprendente co que todo encaixe. Pero falla, o cambio non ocorre nunca. Si, a percepción do lector sobre Amy e Nick (aínda que eu xa sospeitaba demasiado) muda e chegas a sorprenderte da maldade de unha e a inocencia (que non o é realmente, Nick segue a ser un mal marido e un mal home por moito que se excuse e que ela non sexa tampouco boa peza) doutro, pero eu non quedei satisfeita. 

  Os problemas mentais de Amy aparecen de repente, demasiado rápido e repentinamente, como unha explicación necesaria collida con pinzas. Non digo que Flynn non reflexionara e achara o final e a resolución do misterio cando comezou a escribir, non, o que digo é que non está suficientemente ben intercalado. Debido a que nun inicio se centran as culpas nunha persoa concreta que resulta non ser o criminal e o cambio de perspectiva se dá en moi poucas páxinas explicándose rapidamente, crea unha sensación de precipitación no lector que non o satisface. A mellor parte, a escapada de Amy no motel/camping e as súas reflexións de psicópata alí. Pero despois deso aparece un final imposible con demasiadas coincidencias e sen imprevistos, non e creíble, non é real. Nick coñece demasiado ben os movementos e personalidade de Amy e contrólaa coas súas palabras e aparicións na TV sen ter dúbida das súas reaccións futuras, demasiado fácil, cadra e sae todo moi ben. Despois de que a súa muller fixera todo o seu plan maestro (o outro único punto forte da novela, a caza do tesouro castigadora, sublime e macabra) sen que el o esperas e entendese nun comezo, de repente e un mestre na súa psicoloxía e coñécea perfectamente. Non sei. Non cadra.

  O final da novela prolóngase en exceso, sen sentido nin necesidade, aínda que remate dunha forma bastante adecuada e aceptable como parte da esencia e temática que se presenta ao longo dela. Sobran unhas 30 páxinas como mínimo, ademais de dárselle presencia a personaxes que sobran, dar demasiada importancia a detalles mínimos sin relevancia ao final e querer crear unha novela tan diferente que acaba sendo un cliché. 

  Quero destacar o diario de Amy aquí, no final da reseña. Creo que é a única verdadeira introspección na psicolxía dela e paréceme un bo elemento esa locura tan grnde que leva a unha muller a finxir unha personalidade, unha vida, uns gustos e uns sentimentos durante meses e anos só por venganza e desexo de provocar sufrimento. Así si, Flynn, non creando traumas infantís totalmente clichés e vistos con pais machistas e torturadores para intentar explicar conductas adultas e, esmo, xustificalas. Falo de Nick, de "Perdida", pero podería ser outra novela, pois é un recurso trillado presente en obras como "50 Sombras de Grey", aínda que, por suposto e dando grazas, moito mellor levados aínda que non ben por Gillian que por EJ James.

 "Perdida" non se asemella nada ás grandes obras da súa creadora, a gran esencia dela non está presente. Comprendo que a un novato no mundo na novela negra ou que acabe de descubrir recentemente a Flynn lle poida parecer sorprendente e se lle abra un mundo novo. Pero créeme, pequeno lector, Flynn é moito máis. Ela pode facelo moito mellor. Moito. É a reina da psicoloxía e análise de comportamentos a partir de experiencias traumáticas ou entorno. Unha especie de Naturalismo moderno. Dálle unha oportunidade, esquece "Perdida" e adentráte en Heridas Abiertas e Lugares Oscuros, fortes, desgarradoras, intelixente, únicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...