24 de xan. de 2016

Propósitos Literarios 2016: Book Jar.



Este 2016, despois de velo por todas partes durante o 2015, decidín facer unha Book Jar para "obrigarme" a cumprir certos propósitos de lectura dunha maneira dinámica e entretida. Consiste en gardar nun bote de cristal papeliños de cores cun propósito literario escrito en cada un. Cada mes, debes sacar un dos papeis e cumprir o reto que se che propón.

Eu introducín unha variación neste método, metendo no bote máis de 12 papeis, de maneira que poida sacar máis de un cada mes se quero ou se non dou decidido que lectura iniciar. Non calculei exactamente cantos propósitos escribín, pero calculo que son arredor de tres ou catro por mes. 

Non vou a obrigarme a cumprir os propósitos ao pé da letra ou a sacar un papel cada mes, senón que pretendo ser máis flexible e utilizar o Book Jar cando teña tempo, ganas ou o precise.

Os propósitos que me impuxen para o 2016 son:

- Ler un libro dun autor popular que nunca probaras.
- Acabar unha saga/triloxía/biloxía.
- Ler un clásico.
- Ler un libro e logo ver (e reseñar) a súa adaptación cinematográfica.
- Ler un contemporáneo.
- Ler Una Vacante Imprevista da marabillosa JK Rowling.
- Libro que leve moito tempo na miña estantería esperando a ser lido.
- Reler un libro que me gustase.
- Ler un libro cuxo autor xa coñezo e me gusta.
- Retomar un libro deixado a medias.
- Ler un libro en inglés.
- Libro de misterio/intriga.
- Último libro co que te fixeches.
- Ler unha triloxía completa.
- Ler unha novela de ficción histórica.
- Ler Hermosas Criaturas.
- Intentalo de novo con Jane Austen.
- Libro moi popular que teñas pendente.
- Triloxía El Bosque de Esther Sanz.

Os demais papeliños conteñen estes mesmos propósitos repetidos ou algúns semellantes, polo que non é necesario que os escriba de novo. Si que son moitos propósitos, pero tampouco teño a necesidade de velos todos cumpridos a finais de ano, non se trata de algo que deba facer obrigatoriamente, así que cando o 2016 remate, escribirei un post repasándoos e veremos cantos cumprín. Ademais, na reseña de cada libro que decidira ler despois de sacar un papel do tarro, direi que propósito cumprín.

20 de xan. de 2016

Reseña: La casa de Bernarda Alba.


La casa de Bernarda Alba é un clásico da literatura española, que tiven que ler para o instituto e cuxo argumento prometía, aínda que tampouco esperaba demasiado del.

É unha obra de teatro, polo que apenas chega ás 60 páxinas, que conta como é o luto das cinco fillas de Bernarda Alba tras a morte de seu pai. Por orde de súa nai, non poderán saír da casa en oito anos, algo que non gusta a ningunha delas, pero a algunhas menos que a outras. Cando Pepe El Romano entra nas vidas das irmás, descubriranse certos segredos e produciranse certos sucesos inesperados para elas.

A verdade é que a obra me gustou, sobre todo o seu argumento, a historia que se conta, pois pareceume orixinal e moi interesante, ao representar moi claramente a mentalidade machista da época (que podemos ver na maneira de pensar de Bernarda) e sociedade española do momento, pero houbo certos aspectos que non me convenceron, que me deixaron fría, e fixeron que a miña opinión sobre o libro empeorara en certo grado.

Ao ser tan breve, todos os seucesos ocorren demasiado rápido, en moi poucas páxinas, e quizais isto fixo que a miña opinión da obra empeorase un pouco, pois estou acostumada a ler novelas, narrativa, e a ausencia de narrador en La casa de Bernarda Alba fixo que me sentise rara e non me convencera de todo.

A pesar disto, os personaxes creados por Lorca parecéronme absolutamente marabillosos, moi complexos e completos, profundos, e, a pesar da ausencia dun narrador que nos puidese mostrar os pensamentos das protagonistas, o lector pode entender a súa mente, adiviñar que pensa e como vai a reaccionar, e practicamente é como si nolo contaran.

Outro aspecto da obra que tamén me encantou e que xunto cos personaxes fixo que mellorase a miña opinión sobre ela, tendo en conta que a historia en si non me onvenceu de todo, foi a menira tan clara de ensinarnos a preocupación de Bernarda en concreto pero tamén das fillas e demais veciñas do lugar, ante a posibilidade de provocar faladurías e ser protagonistas de cotilleos e historias, ese temor ao escándalo que todas sofren e como este inflúe na súa maneira de comportarse e na súa vida en xeral.

Pero, sen dúbida, o mellor de La casa de Bernarda Alba, de toda e cada unha das páxinas do libro, é o final. Xa me gustara e me parecera marabillosa esa maneira tráxica de concluír toda a trama, pero cando lin a última frase de Bernarda (que non vou escribir porque sería un gran e enorme spoiler) quedei marabillada, pois define á perfección a súa mentalidade e o argumento da obra, e considero que non habería outra mellor que poñer no seu lugar.

Conclusión: Ben, personaxes marabillosos e boa descripción da época para unha trama que non me acabou de convencer.

13 de xan. de 2016

Top 10 Mellores Lecturas 2015

Este 2015 foi un ano de moitas lecturas para min, levei a cabo un total de 71, das cales xa elixín as 10 peores (clica aquí para descubrilas), aínda que a maioría delas me gustaron moito ou, en todo caso, non me desgustaron. Foi bastante complicado elexir os 10 libros que aparecen nesta lista (moi complicado), pero logreino finalmente e decidín ordenalos dende o que menos me gustou (aínda que me encantou, por eso está na lista) ata o mellor dos mellores, que ocupa o posto número 1. E para rematar, deséxovos un feliz ano 2016!!

10. Sueños de dioses y monstruos (Hija de Humo y hueso 03).



Esta foi unha das grandes sorpresas do ano, pois non esperaba levar a cabo a lectura de Sueños de dioses y monstruos (reseña) en absoluto, xa que pasara moitísimo tempo dende que lera a segunda parte da triloxía e non me parecía moi adecuado comezar coa terceira sen recordar nada. Pero alégrome moitísimo de ter decidido continuar coa triloxía de Hija de Humo y Hueso, porque este libro co que conclúe a historia é tan maravilloso como os anteriores (que tamén adorara e foran moi especiais para min) e conseguiu que, por fin, puidese considerar Hija de Humo Y Hueso como unha das miñas triloxías preferidas.

Non podo contar de que vai Sueños de Dioses y Monstruos porque faría un gran e enorme spoiler dos dous libros anteriores, pero direi de que trata o primeiro deles. Karou é unha rapaza checa moi peculiar, non só polo seu pelo azul, senón tamén pola extraña familia á que pertence: uns seres chamados quimeras, con aspecto de animal, que criaron a esta xoven humana dende pequena. Brimstone, o seu pai adoptivo, encarga a Karou dende moito tempo atrás a recollida de dentes de toda clase de animal e incluso humanos con un proposito descoñecido para ela e polo que sinte curiosidade. Cando as quimeras comezan a ser ameazadas polo perigo dunha guerra contra os anxos ou serafíns, os seus enemigos ancestrais, Karou conseguirá respostas e deberá cumplir unha misión...

Sueños de Dioses y Monstruos é un libro (como os outros dous) cunha trama bastante extraña, cunha esencia diferente e especial, que a fai única. Disfrutei de maneira increíble con cada unha das palabras que lin nas súas páxinas e, simplemente, conseguía crear en min cada vez que abría a novela un sentimento que nunca antes experimentara, facendo que a adorase. Ademais, o final que se crea para a triloxía non é sinxelo e común, senón extraño e diferente, moi acorde con toda ela, e nel acláranse moitos puntos e tramas abertas nas outras partes da saga, que fan que a sintas ben terminada.






Diario del búnker (reseña) é unha novela dura, brutal e moi especial, pois ao contrario que todos os demais thrillers ou novelas de intriga, non se anda con preámbulos nin narra os acontecementos de maneira elaborada, senón que o autor vai ao gran, directo a acción que acontece, intentando describilo todo dunha maneira dura e realista, acorde coa situación. 

É un libro que atrapa, que fai que non te poidas despegar das súas páxinas ata rematalo, porque necesitas saber o final, que ocorrerá no último momento e nos capítulos anteriores a ese último, xa que o argumento é terriblemente intrigante.

Conta como Linus desperta nun búnker subterráneo, tras ser enganado e posteriormente sedado e secuestrado, no que a única comunicación co exterior ou, mellor dito, coa planta superior e un vello ascensor que sube e baixa sempre á mesma hora. Nese lugar, hai seis habitacións, seis vasos, seis platos... o que lle indica ao protagonista, como realmente é, que proximamente chegarán novos secuestrados.
Nesta novela veremos o día a día dos secuestrados, a súa deseperación, o seu sufrimento, todo sen ningún tipo de suavidade, de maneira bastante cruda, e intrigarémonos; meterémonos de cheo no misterio, de maneira que será imposible parar na metade da novela sen máis. Foi unha boísima lectura que me mantivo en vilo e cuxo final me pareceu terriblemente desgarrador e para nada previsible.






La casa 758 (reseña) foi unha novela que me gustou moito e, aínda que no seu momento tampouco me parecera tan tan boa, agora doume conta de que en realidade si que disfrutara moito con ela. Considéroa moi especial, diferente (sei que estou repetindo esta palabra moitas veces nesta lista, pero para min ese feito é algo positivo) e incríblemente pragada de realismo e sentimentos. A súa narración é moi pausada, sen demasiados acontecementos nas súas páxinas, pero moitos pensamentos da protagonista.

En La casa 758, cóntase a historia de Krista, que perdeu a súa nai nun accidente de tráfico hai dous anos, que aínda non o superou. Seu pai, en cambio, seguiu adiante coa súa vida con bastante facilidade, algo que ela non lle perdoa. Krista, ademais, acude todos os días á casa 758, o fogar do rapaz que conducía o outro coche no accidente e que o provocou, sen saber moi ben para que. Ademais, a visita do seu avó húngaro e as historias que el lle conta sobre o Holocausto farán que reflexione e decida seguir adiante coa súa vida.

En realidade, é como si a novela non tivese unha liña argumental fixa e claramente definida, van pasando diversos sucesos que marcan a vida da protagonista, e simplemente é un conxunto dos elementos principais desta. É un libro que transmite sensacións e que convence, pouco a pouco, que me pareceu interesante, cun xiro ao final que non esperaba e que impacta bastante (aínda que non me convencese de todo...).

Ademais, nas páxinas desta novela existe unha historia de amor bastante potable, que me convenceu, e que consegue non acaparar toda a atención e eclipsar o resto da trama, sen ser melosa e excesivamente edulcorada.
En resume, é un libro especial que non se pode definir con palabras, pois hai que lelo para realmente entender como é.






Pánico (reseña) foi a última novela de Lauren Oliver (unha das miñas autoras xuvenís favoritas) que lin e da que non esperaba gran cousa ao iniciar a súa lectura, polo que me sorprendín de forma moi positiva e, fose or iso ou por outra razón, Pánico foi unha das miñas mellores lecturas do ano. Como todas as demais lecturas que incluín na lista, tiven unha boa opinión deste libro porque é diferente, distinto á novela estándar xuveníl que é tan fácil atopar. 

Neste libro, Lauren Oliver narra como na cidade de Carp os alumnos de último curso, tras graduarse, pasan un verán xogando a Pánico, intentando superar as probas que os farán gañar unha gran cantidade de diñeiro. O libro alterna o narrador con cada capítulo, contándonos as vivencias de Heather e Dodge dende o seu punto de vista. Isto gustoume, pois estaba convencida de que o narrador se ía a centrar na competición e nada máis, que se ciñería a eso, pero, en cambio, esta trama case pasa a segundo plano, contándosenos moitos outros aspectos que fan que se converta nunha novela completa e que se  se vai formando pouco a pouco ata conseguir envolverche. 

Hai certa intriga na novela que tamén gustou,e que, aínda que non fora un factor decisivo para que me encantase, tampouco estivo mal pero, sobre todo, gustoume que se centrase tanto, sorprendéndome, nas vivencias e historias dos personaxes, non só dos protagonistas, aínda que si principalmente, senón tamén dos amigos destes. Gustoume moito todo ese sufrimento acumulado de Dodge polo desgraciado accidente que sufriu súa irmá, tan relacionado coa competición na que el agora participa, pero sobre todo esa difícil e triste vida de Heather e a súa irmá menor nun parking de caravanas e cunha nai alcohólica. Cando ocorre o que ocorre con relacióna esto último, aínda me enganchei máis á trama se cabe, pois quedei realmente preocupada polo próximo que podía pasar.

En realidade, non podo dicir que foi o que fixo que me gustase esta novela, simplemente, me pareceu completa, interesante, distinta, completa e fixo que en min nacese un sentimento positivo, polo que creo que deberíades intentalo con Pánico, porque pode gustarvos moito.






Esta novela é a primeira parte da triloxía do mesmo nome, de Pierce Brown, que conta a historia de Darrow, un vermello, a clase social máis baixa da Sociedade, que traballa baixo terra para conseguir o helio-3, que é necesario para os humanos poidan poboar Marte. É unha Sociedade onde a vida para as clases sociais baixas é moi dura, sen ningunha comodidade, mentres que os dourados contan con numerosos luxos. Ademais, os vermellos deben aguantar os abusos, moi comúns, das clases superiores, que penan coa morte practicamente todos os delitos. Un día, Darrow fará un descubrimento moi importante, que o levará a converterse en dourado.

Trátase dunha triloxía distópica marabillosa, porque aínda que polo que se pode ler na trama non hai moitos aspectos que destaquen nel fronte ao resto das distopías publicadas, non ten nada que ver con elas e trátase, podo dicir case con toda seguridade, da miña distopía preferida. É un libro complexo, no que todos os detalles están pensados e teñen sentido, nada ocorre por casualidade, e hai milleiros de pequenas escenas, moitísimos personaxes e acontecementos tan ben fiados que non se fan pesados ou estresan ao lector, senón que fan que aínda te enganches máis e te sorprendas da gran intelixencia do autor. Este, intelixente, é outro adxectivo aplicable á novela, pois como digo, todo está preparado e pensado con minucioso coidado.

Os personaxes son tamén moi completos e complexos, para nada planos, con evolución e unha historia detrás, e moi únicos e diferentes. Tamén me encantan as tramas políticas, bélicas e de traicións que se dan na novela, outra demostración da súa intelixencia.

En canto á trama, xunta diversos elementos que fan unha mestura perfecta: hai guerra, pouquiño amor que non chega a aburrir, rebelión ante as clases altas opresoras e búsqueda de liberdade como en toda distopía, competicións, familias poderosas e as súa intrigas... Un libro marabilloso e recomendadísimo, difícil de reseñar en tan poucas liñas.






El guardián entre el centeno (reseña) é o único clásico que aparece nesta lista, pero nun bastante alto e merecido posto, porque me encantou, gustoume moitísimo, porque se trata dun tipo de libro que me adoita apasionar, cun protagonista diferente, marxinado, que reflexiona e que nos ensina a súa visión do mundo. Non sei como categorizalo, pero, simplemente, é un libro semellante a Las ventajas de ser un marginado, que a estas alturas xa sabedes que é un dos meus libros preferidos da historia, por non decir o meu favorito, polo que xa me tiña ganada dende o primeiro momento.

A prosa de Salinger é marabillosa, e recordame en certo modo á de John Green, o meu escritor preferido, nese ritmo lento e á vez nada pesado, e en certos aspectos que non sei explicar. Trátase dunha novela que se le de forma amena, pero que á vez non é nada sinxela, senón cun argumento complexo e moi bo. 

As reflexións de Holden son moi profundas, el rexeita a falsedade da xente, moitas veces impulsada pola sociedade e ben vista, así como outros tantos aspectos. É unha persoa que lle da mil voltas ás cousas polo que ao longo das páxinas vemos claras referencias a reflexións anteriores, creándonos nós mesmos desta maneira unha clara imaxe de Holden.

En resume, esta foi unha novela marabillosa, perfecta e que debe lerse, que me encantou e que me produciu sensacións que non sei como expresar con palabras. Trátase dun libro sensible, que transmite emocións á perfección e que atrapa.






E ocupando o cuarto posto na miña lista, xa dentro do Top 5, está Pequeñas Mentirosas (reseña), non só a primeira parte da saga, senón as 8 que levo lidas (ou mellor as 6 primeiras, pois as dúas últimas non me convenceron de todo e comezaron a aburrirme...), porque aínda que non se trate dunha magnífica obra literaria, conseguiu intrigarme, encantarme, engancharme, e facer que só pensase na identidade de A e no asasino de Ali. Ademais, o comentar esta gran saga e os centos de acontecementos que nela ocorren cunha amiga que tamén se veu atrapada pola narración de Sarah Sheppard e pasar decenas de horas falando do tema, fixo que o vivise todo dunha maneira máis intensa e que me apasionase completamente.

Aínda que me da pereza que a saga conte xa con 15 libros (e aínda virán máis, segundo creo) nos que xa comezan a repetirse cousas, isto tamén é algo positivo, porque poderei seguir disfrutando do misterio durante algo máis de tempo, sen contar, ademais, coa existencia dunha adaptación da novela a serie televisiva que tamén me gusta.

Esta saga trata a historia de cinco rapazas (Alison, Aria, Emily, Hannah e Spencer), ricas, (polo menos case todas, hai unha ou dúas de clase media-alta, en realidade) que se fan moi amigas a pesar de que son totalmente diferentes e que, realmente, o único que as une é Alison, unha rapaza moi popular é á que todos envidian. Un día, celebrando unha festa de pixamas na casa dunha delas, Alison desaparece. A historia que conta esta saga é como as catro amigas restantes se separan e deixan de falarse tras este suceso e como volven a unirse tras ser atopado o cadáver de Ali tres anos máis tarde da súa desaparición. Todo parece relativamente normal, pero as catro amigas gardan un segredo que non lle contaron a ninguén e que Alison tamén sabía e, misteriosamente, un tal "A" comeza a mandarlles SMS e e-mails amenazando con contalo xunto con varios segredos máis.








A seguinte lectura que conseguiu encantarme e apasionarme, foi a novela de Diane Setterfield El cuento número 13 (reseña), que se diferenza bastante do que adoito ler e que me sorprendeu moito, porque é un libro que transmite calidez, fai que esteas a gusto e que o pases ben: é moi agradable e consigue que te sintas así.

É unha narración desenrolada no pasado, que fai que te intrigues polo fin da historia que se che conta, porque ela marcará o final da novela en si, e o destino dos protagonistas, cos que simpatizas en seguida.

É un libro (por enésima vez neste post, pero é totalmente certo) especial e distinto, que recomendo moito, sobre todo para unha época fría e invernal. 

Trata sobre Margaret, unha bibliógrafa con moi pouca experiencia (é máis que nada unha afición para ela) que recibe unha carta dunha escritora moi popular e moi prolífera pero da que ninguén sabe nada, pois en cada entrevista inventa unha vida diferente e unhas experiencias distintas. Na carta, Vira Winter, a escritora, pídelle a Margaret que acuda á súa casa, pois está moi enferma, a punto de morrer, e quere contar a verdade por primeira vez. Margaret, aínda que recelosa, pois pensa que as súa preguntas van obter mentiras de novo como resposta e, ademais, non entende porque foi elixida para semellante tarefa, acude, e alí comeza a marabillosa narración da vida de Vida Winter.





Vale, se os anteriores libros desta lista non son moi comúns e fáciles de atopar na literatura xuvenil, Y por eso rompimos (reseña) é a definición feita libro da novela diferente e especial. Cando a comecei, pensei que non me ía gustar nada, porque tiña críticas boísimas e críticas terribles, e ademais polo tema, romántico en apariencia, da historia, pero ao pouco de empezar namoreime por completo da narración, da maneira de escribir do autor, das ilustracións, da estructura do libro, a maneira de tratar a trama...

En primeiro lugar, a forma na que se presentan as diferentes historias e moi dinámica, fácil de ler e moi interesante, xa que se presenta un obxecto (en forma dunha ilustración preciosa, por certo) a redor do cal xira o relato, de maneira que o lector está sempre pendiente de atopar esa relación obxecto-recordo-razón da ruptura. As historias que se contan son preciosas, pois a forma de narrar do autor é moi especial e moi bonita, con referencias contínuas co cine antigo ou alternativo.

E que houbo mil e un detalles que me apasionaron e que fixeron que quedase impresionada con Y por eso rompimos, polo que é difícil enumeralos todos: trátase simplemente dun cúmulo se cousas positivas e marabillosas.

Esta é a historia da parella formada por Min e Ed e de como esta finalizou, as razóns polas que romperon, narradas en forma de pequenos relatos. Min é a narradora da novela, que vai camiño da casa de Ed para devolverlle unha caixa con moitos recordos dos seus tempos xuntos, que vai sacando un a un, e escribindo nunha carta para el a historia do obxecto en cuestión e a súa relación con algunha das razóns polas que romperon.








E, ocupando o primeiro posto no meu ranking e sen supoñer ningunha sorpresa para ninguén, dado que xa falei desta novela mil veces neste blog e era terriblemente obvio que me encantara, mais aínda tras que eu dixese que se convertera no meu libro autoconclusivo favorito da historia, está Las ventajas de ser un marginado (reseña), unha novela marabillosa, emotiva, plagada de emocións, reflexións e terriblemente ben tratada polo autor, cun argumento atrapante que forma un conxunto espectacular.

Trátase dun libro que non se centra en acontecementos e sucesos, senón en emocións, sentimentos, reflexións e é isto o que transmite.

Gustoume moito a forma de tratar os seus problemas de Charlie, que deixa algunhas cousas sen acabar de explicar para logo aclaralo, e lle da unha importancia e profundiza nos acontecementos dunha forma moi especial e pouco común e fai que non te aburras. Ademais, a historia gustoume moito, pareceume orixinal, e enfocada dunha maneira nunca antes vista, ou lida, e debo recoñecer que me fixo sufrir en bastantes partes e incluso provocou que algunhas bágoas asomasen nos meus ollos, pois a forma na que se descubre que é o que provocou a inestabilidade psicolóxica de Charlie e de que maneira se produciu ese "trauma infantil", son un tanto impactantes e duras.

Non sei como expresar con palabras o que me fixo sentir, simplemente foi espectacular e xenial. É un libro que relería mil veces, e proxecto facelo pronto.

6 de xan. de 2016

Reseña: Huye (la cazadora de sueños 03)



Huye de Lisa McMann é a terceira parte da triloxía La cazadora de sueños, que comeza con Sueña, segue con Teme (libro que lin a comezos do ano pasado pero que non cheguei a reseñar) e acaba con este.

A verdade é que tiña moitísimas ganas de ler esta finísima novela debido ao final da segunda parte da triloxía, que a autora deixa moi aberto e con varias incógnitas. Aínda así, esta é unha triloxía que non recomendo en exceso, é dicir, déixase ler e gústame, pero nada máis: A primeira das novelas é bastante normaliña, gustoume polo escuro da súa trama e a maneira tan extraña de narrar de Lisa McMann, pero tampouco falara demasiado ben dela na súa reseña. En canto á segunda parte, aínda que me gustou máis que Sueña e me pareceu bastante boa, tampouco conseguiu mellorar en exceso a miña opinión da triloxía, polo que non esperaba unha gran obra maestra de Huye, a pesar do cal, me decepcionou.

Non podo dicir que esta terceira parte teña mil fallos e puntos negativos, porque non é certo. Simplemente, non é destacable nin especial e non ocorre absolutamente nada nas 200 e pouco páxinas que ten o libro; comecei a lelo e, cando me dei conta, xa o acabara, sen que nada pasase. Si que me interesei polo argumento e pola importante decisión que a protagonista tiña que tomar nesta última entrega da saga, pero a autora non me permitiu saborealo, que me envolvese o argumento, pois todo é narrado moi rápido, sen pausas, en moi pouco tempo e páxinas. Simplemente, está mal desenvolvido.

Introdúcese unha trama nova neste libro, a aparición do pai da protagonista, que nun principio non acababa de convencerme, pero que pronto descubrín que era moi necesaria para conseguir unha boa conclusión para o libro e foi, en realidade, o único que salvou a este.

En realidade, non podo dicir moito máis, pois, repito, este libro é extremadamente fino e non demasiado relevante. Gustoume o concepto do tenedor de Morton que axuda a tomar unha decisión a Janie e, grazas a Deus, esta decidiu ir por un bo camiño que fixo que non quedase descontenta co final da triloxía. O mellor da novela, é o descubrimento de que, faga o que faga Janie, todo sairá mal, a maldición que ten que soportar, estará ahí durante toda a súa vida e provocaralle mil e un problemas, aínda que intente evitalo. Encantoume esto, polo realista da maneira de plantexalo no argumento e o acorde que é coa esencia escura da triloxía.

En canto ao final do libro, non entendo nada. Creo que era moi innecesaria esa última frase, que queda aberta sen razón aparente e que non sei a que refire. Na contraportada, aparecen diversos comentarios de autores e críticos acerca do tema, e a todos lles parece agradar, calificándoo de "o mellor final posible para a triloxía", cando eu non o vexo así , para nada. Non é que estea mal, pero simplemente sobra, e non se entende a que fai referencia.

Conclusión: Un libro máis, sen nada especial, que non consegue superar á segunda parte da triloxía. Non está mal, non é un mal libro, pero tampouco o recomendo en exceso.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...