28 de ago. de 2016

Reseña: Segundas Oportunidades de Rainbow Rowell.


"I love you more than I hate everything else"
"Quéroche máis do que odio ningunha outra cousa" 

 Por fin levei a cabo a lectura doutro libro de Rainbow Rowell tras o impacto que me producira "Fangirl" (reseña) o pasado Xaneiro, un dos mellores libros que lin no ano, estatus que non conseguiu alcanzar, nin de lonxe, "Segundas Oportunidades" .

Non é que non me gustara esta nova proposta da autora, simplemente non me sorprendeu en absoluto e non me embargou emoción algunha durante a lectura, coa excepción dunha permanente sensación de que algo lle faltaba a este libro, de que non estaba presente por primeira vez ese ingrediente propio e único de Rowell que facía dunha novela contemporánea convencional, unha historia única.

Este libro conta cunha temática máis adulta que Fangirl, pois céntrase nos problemas matrimoniais dunha parella que leva vinte anos casada. Ela é guionista de comedia, traballo que é a súa pasión e a súa vida, e el non traballa, adicándose a tempo completo ao coidado das dúas fillas pequenas de ambos. Georgie sabe que o seu marido non é feliz con ela e sabe que ambos teñen problemas, por moito que se esforcen en ocultalo, polo que tras unha pelexa que fará que pase o Nadal separada da súa familia, non desaproveitará a oportunidade de arreglar o conflicto de raíz que se lle presenta mediante un teléfono amarelo que fai chamadas ao pasado.

A historia en si non é demasiado complexa, é máis, é bastante bastante simple e incluso típica (coa excepción das chamadas ao pasado, enténdese) pero isto tampouco é unha enorme novedade se de novelas de Rainbow Rowell, autora de personaxes non de tramas, falamos. O punto está en que esa falta de trama non se ve compensada como de cotío polo gran desenvolvemento dos protagonistas, pois con excepción de Georgie, non sabemos nada do resto.

Neal é plano planísimo. só o vemos a través dos ollos da súa muller. Isto pode ter unha explicación e terse feito conscientemente, así que non critico demasiado a novela neste aspecto, pero o que non conta con xustificación algunha é a presenza de varios personaxes secundarios que nin pinchan nin cortan e que nin están desenvoltos con profundidade nin o deixan de estar: demasiado planos para ter relevancia, con demasiada presenza para non tela.

En canto ao, como xa dixen, único personaxe ben caracterizado (neste caso Rowell fixo ben o seu traballo e usou bastante ben o seu don, admitámolo) poñíame un pouco dos nervios. Si, isto non é culpa da autora, é cousa miña, pero Georgie era tan absolutamente insegura... Isto nun principio non é censurable, porque tiña lóxica, ademais, debido á trama, pero chegado a certo punto era insoportable o moito que se culpaba a si mesma da infelicidade do seu marido. Vale, si, el non é feliz e digamos que é, en parte, por culpa túa, pero é el quen elixiu estar contigo e el non quixo marchar nin expresou ese sentimento.

Ademais, hai certas actitudes nel que me "cheiraban a chamusquina" e que non me gustaban un pelo, como o exceso de celos cara o mellor amigo de Georgie ou como el só protestaba polo moito tempo que lle tomaba a ela o seu traballo sen ter en conta que adoraba realizalo e era a súa gran pasión, poñendo por diante o interés propio.

Na novela píntase a Neal como un santo e no momento, mentres les, seméllao, de feito non reparara demasiado nestes comportamentos (obviamente si que me fixara porque é bastante evidente pero non reflexionara acerca diso), pero non me gustan nada.

Ademais, a lectura, lonxe de ser lixeira como correspondería dada a súa sinxeleza, é bastante pesada en certas partes e moi repetitiva. aínda que admito que entretén e se deixa ler sen precisar de apenas atención.

Houbo certos elementos que me gustaron: o traballo de Georgie como guinonista, que me pareceu un toque moi interesante é pragado de referencias a series; a personalidade do seu mellor amigo e o unida que estaba a el (unión dinamitada polo marido que se celaba á mínima referencia a el, en fin...) e sobre todo sobre todo sobre todo, o feito de que a irmá da protagonista resultara ser homosexual para congratulación miña e sorpresa (positiva) de súa irmá. Non o esperaba, sorprendeume, gustoume.

En canto ás chamadas ao pasado, estaban pouco presentes para a súa importancia na trama, non sei, non conseguiron interesarme, pero si a trama ao redor delas, é dicir, esa especie de realismo máxico parecido a ¡Qué bello es vivir! ou Christmas Caroll que asocio co Nadal e cousas bonitas, esa posibilidade de cambiar o que se fixo e conseguir ir pola senda correcta, un camiño de amor e felicidade. O problema: que a "culpa" da infelicidade e problemas do marido non eran de Georgie e ela non tiña que facer nada para remedialo, co cal non tiña sentido.

O que máis me convenceu da trama: o final. Porque se trata do típico final bonito, romántico e característico de película navideña e eu son unha friki do Nadal e os seus derivados, así que non puiden evitar o sentimento de calidez e agrado.

Conclusión: Simple, previsible e bastante entretido cuns elementos e actitudes que non me gustaron nada porque deixan entrever unha certa actitude machista. Un 3/5 en Goodreads e tirando polo alto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...