11 de abr. de 2016

Reseña: Un beso en París (Anna and the French kiss 01) de Stephanie Perkins.


Ultimamente (e como puidechedes notar se seguides o meu blog) apetéceme ler libros de xénero contemporáneo, un tras outro, así que non podía retrasar por moito máis tempo a lectura da triloxía de Stephanie Perkins, Un beso en París, unha das máis populares autoras do xénero. En realidade, non se trata dunha verdadeira triloxía, do que entendemos ao escoitar este termo, senón que son tres novelas "compañeiras", que non comparten personaxes nin trama pero si temática e cuxos protagonistas aparecen no final do terceiro libro, Un final feliz.

Esta novela cóntanos a historia de Anna, unha rapaza estadounidense que é obrigada por seu pai, un escritor de éxito que recentemente se volveu rico, a estudar no Instituto Americano de París, un internado para fillos de personaxes importantes ou adiñeirados de nacionalidade estadounidense. Nun principio, non está demasiado contenta co país, o idioma e as clases pero cando coñece aos seus novos amigos e, en concreto, a St Clair, descubrirá que quizais si lle gusta a vida en Europa...

Sinceramente, tiña expectativas bastante altas con respecto a ese libro, xa que tiña unha nota moi alta en Goodreads e vira un montón de reseñas positivas de booktubers e bloggueiros cos que adoito estar de acordo, e, sin embargo, non se cumpliron de todo. É dicir, si que me entretivo e me gustou bastante a novela, pero non me pareceu de 10 (o de 5/5 en realidade) senón que conseguiu un 3´5 e floxiño...

Si que me parece unha novela contemporánea boa, que esta ben prantexada, é novedosa, e non está tan apegada aos tópicos como soe ocorrer, algo que me agrada, pero tampouco me parece que se saia do convencional e non conseguiu sorprenderme.

O personaxe de Anna pareceume un pouco... cargante e estresante porque, aínda que en moitos aspectos si que podería atopar semellanzas entre ela e eu mesmas, tiña certos comportamentos e actitudes que me estresaban e que facían que puxese os ollos en branco. Aínda así, consegue que te embebas na historia cos seus pensamentos e as súas reflexións son necesarias para o desenvolvemento da trama.

Gustoume a historia de amor entre os protagonistas: doce pero non empalagosa e sen consistir no 100% da historia (aínda que botei en falta máis escenas ao redor de Anna e as súas amigas ou coa subtrama do ocorrido en EEUU) e, algo positivo que non podo dicir de todos os libros con temáticas parecidas, o rapaz, St Clair, pareceume interesante e para nada insoportable ou arrogante. Aínda así, non todo podía ser positivo, e debo criticar sen ningún tipo de pena que tanta volta sobre a relación, esas maneiras de rizar o rizo acerca do triángulo amoroso e esa incapacidade dos dous de tomar a iniciativa e facer algo para lograr aquelo que AMBOS DESEXAN. 

E que é terriblemente estresante que se pasen unhas 50 páxinas falando de que os dous queren estar xuntos pero non poden, pero si, pero no, agora enfádome contigo, agora sintoo porque non era culpa tua... Despois, tamén houbo outras actitudes das amigas de Anna que non entendín, e da propia Anna acerca de tramas relacionadas con elas. Refírome a, por exemplo, o sentimento de culpa que invade á protagonista da historia por se certo feito pode desgustar a Meredith, cando é algo que non considero que fose culpa súa, nin de St Clair, pois non era nada malo ou perxudicial e tratábase dunha acción inevitable e pouco relacionada coa súa compañeira...

Aínda así, a novela déixase ler con facilidade, engancha, e bonita, como a maior parte das pertencentes ao xénero, e encantoume que estivese situada en París, así como as descripcións da cidade, non só fisicamente senón tamén da parte sensorial ou espiritual da cidade, os sentimentos que embargan á protagonistas ao visitar os cines e certos lugares da capital francesa.

Tamén me encantou a parte (medio telenovelesca) dos desenganos amoros e o drama que envolve a novela en si, aínda que en certos momentos rozase a liña que separaba unha relación amorosa bonita e doce dunha relación insoportable tipo Jace e Clary de Cazadores de Sombras.

O único que non logrei ver por ningunha parte, é esa pluma tan alabada da autora, esa prosa que provoca suspiros nos lectores, pois eu atopeime cunha narración bastante sinxela e común. Pode que isto sexa culpa da traducción, non o nego, e pode que isto causase unha peor valoración, pero o caso é que non me convenceu de todo.

Aínda que poida parecer que resalto moitos aspectos negativos, é tan só porque son unha persoa moi crítica cos libros e porque me fixo ata no máis mínimo aspecto, pois o certo é que me sinto moi satisfeita con esta lectura e recoméndoa bastante, aínda que non é unhas das miñas lecturas preferidas nin de lonxe.
En conclusión, unha novela contemporánea boa, interesante e que me gustou, pero sen chegar a encantarme nin superar as expectativas con respecto á novela ou autora que traía de antes. Non merece un 3/5 porque está mellor que iso, pero tampouco chega ao 4, polo que o puntuei cun 3´5/5 en Goodreads. Desexando ler a súa continuación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...