31 de out. de 2015

Book Tag #7: Familia Addams



Estamos en Halloween, polo que quería publicar un Book Tag con esta temática pero, a verdade, ningún me gustaba demasiado ata que vin este marabilloso cuestionario sobre a familia Addams, protagonista dunhas fantásticas e divertidísimas películas que me encantan. Só existía na rede en inglés, polo que tiven que traducilo eu mesma:


1. Morticia Addams, a nai bruxa. Cal é a túa bruxa preferida dun libro?



Non se trata dunha bruxa en particular, senón de todo o pobo das feiticeiras da triloxía da "Materia Escura", cuxo primeiro libro sabedes que me encantou mentres que me aburrín enormemente coa segunda parte. O que me gusta das bruxas desta triloxía, é a orixinal forma na que están enfocadas. Non se trata para nada das típicas meigas malas que voan en escoba e fan feitizos, senón que son personaxes afables que viven de maneira relativamente semellante á nosa e que tamén conta cun daemonion. Hai que ler as novelas para descubrir e entender este novo e diferente mundo...


2. Gomez Addams, un pai cariñoso. Cal é o teu pai de ficción preferido?




A verdade, tampouco é que me parara a pensar neste aspecto nunca, pero se teño que elixir supoño que serían os pais de Hazel de Bajo la misma estrella de John Green, porque a coidan moitísimo e resisten a dura vida da filla sen queixa nin un só momento de fraqueza , apoiándoa dende o principio e animándoa, intentando facela feliz.


3. Tío Fétido pode xerar electricidade. Que libro che "encende" tanto (enténdase como que che encanta) que non podes deixar de falar del con todo o mundo durante días?


Pode que teña unha obsesión con esta saga... De vez en cando éntranme unhas ganas inmensas e repentinas de ler Harry Potter e de ver as súas películas e non podo evitar facer un maratón desta saga e non deixar de falar do tema e de compartir as miñas emocións durante días con aquel co que me cruce. O certo é que adoito emocionarme en exceso...


4. Miércoles Addams está obsesionada coa morte. Si puideses matar a algún personaxe de libro, cal sería?



Vale, ao principio Ali aínda me caía algo ben e parecíame divertida pero a medida que pasan os libros vaise cambiando esa idea que se ten dela e o lector descobre que é mala, mala malísima e inmensamente cruel. Non quero spoilear a ninguén, pero só vou a dicir que se vans descubrindo actos que levou a cabo que son máis que cuestionables.


5. Pugsley Addams ten unha natureza traviesa e sempre planea bromas (moi) pesadas para todos. Cal é o teu villano de libro favorito?




Non me gusta nada ter que repetir saga no mesmo Book Tag, pero a miña malvada preferida de todos os tempos é Bellatrix Lestrange de Harry Potter, polo que non podo dicir outro libro no seu lugar. Está marabillosamente ben creada, sendo terriblemente extravagante e provocando que me guste e a odie (moitísimo) ao mesmo tempo.


6. Lurch é un personaxe basado en Frankenstein e nun zombie. Cal é a tua adaptación preferida dunha historia?

  



Supoño que a pregunta se refire a unha adaptación cinematográfica, temática que trato nunha sección do meu blog. Hai dúas películas basadas en novelas que me gustan especialmente, En llamas, segunda parte de Los Juegos del Hambre, e Las ventajas de ser un marginado, basado nun libro do mesmo nome (para ver a miña opinión sobre este película fai clic aquí) pois ambas captan á perfección o que o autor quixo expresar na novela e están marabillosamente ben dirixidas.


7. Eudora "avoa" Addams, unha bruxa á vella usanza. Cal é o teu libro clásico de terror favorito?



Trátase de Drácula, unha novela moi coñecida de terror que me sorprendeu moito cando a lin, hai uns anos, polas notables variacións entre a historia orixinal e a que popularmente coñecemos. Ademais, é unha historia moi intrigante (creo recordar) que che ten en vilo durante todas as súas páxinas, querendo saber cal será a sorte que correrá o protagonista.



27 de out. de 2015

Reseña: Cada día




Cada día é un libro de David Levithan, autor xuvenil moi valorado en Estados Unidos e bastante coñecido en España, e o primeiro que leo del. A verdade, é que tiña ganas de ler unha novela deste autor, porque Will Grayson, Will Grayson, novela a dúas mans entre el e o meu amado John Green, encantárame, pero agora quería comprobar se había algunha diferenza con respecto a un libro 100% seu. Decidín que este fose Cada día por ter un argumento moi interesante e orixinal, a pesar de que vira que non era dos máis valorados de Levithan, pero creo que me equivoquei ao facelo, pois, a verdade, é que me desgustou e aburriu bastante.

Cada día conta a historia de A, unha persoa que desperta cada día nun corpo diferente, home ou muller, polo que non ten un sexo definido nin unha familia ou vida propias. Isto tráelle moitos problemas, sobre todo á hora de encariñarse dalgunha persoa...

Ao principio tiña unha idea e impresión positiva desta novela, porque era moi dinámica e amena, con capítulos cortiños (maioritariamente) e nos que apenas se entraba en detallles, é dicir, o autor ía directo ao gran. Ademais, ao comezo era moi novedoso e interesante que en cada un dos capítulos se nos contase un día e, polo tanto, a vida dalgunha persoa concreta, pero pronto pasou a facerse soporífero e pesado. Esta maneira de distribuír os sucesos pasou de entretida a repetitiva nun sopro.

Pasando xa á trama do libro, esta era bastante floxa dende un principio, pois tan só se basea no instalove entre A e a moza dun dos rapaces cuxo corpo ocupa, aínda que eu tiña esperanzas de que evolucionara e collera interés, algo no que volvín a equivocarme. Non é que sexa un argumento malísimo e aburrido, pero si debilucho e sen demasiado interés. Volvemos a ter nesta novela unha trama amorosa mooooooi repetitiva (tipo Cazadores de Sombras, non digo máis): a rapaza apenas sufre, aínda que queira finxir que é así, e "faise a dura" mentres que A sufre, non deixa de choromicar e non pode falar doutro tema. En resume, o última cuarta parte do libro faise moi pesada e non deixa de repetir o mesmo unha outra vez.

Tamén podemos atopar tramas que prometen moito sen chegar a nada: o conflicto con Nathan deixa bastante que desexar, pois parece que vai crear un gran problema para logo desinflarse pouco a pouco.

O final (que xa sabedes que é unha parte crucial e importantísima á hora de crearme unha opinión sobre un libro), non me gustou (case) nada. Non digo que nada, porque a resolución a esa trama amorosa foi a que eu quería, a máis realista e creíble, pero o certo é que quedei totalmente descontenta, pois esa especie de solución que A inventa, que saca da manga sen ter ningún tipo de sentido, non só me desagradou senón que me pareceu totalmente ridícula.

Conclusión: Non teño moito máis que comentar, pois é unha novela sen nada especial, unha entre moitas, do montón. Agradable entre lecturas densas ou en momentos con pouco tempo para ler, pero totalmente prescindible.

22 de out. de 2015

Reseña: Marianela



Marianela de Benito Pérez Galdós é un clásico da Literatura Española, que foi publicado por primeira vez no ano 1870. A verdade é que non tiña demasiadas ganas de lelo, aínda que tampouco era que esperase que me desgustase, senón que simplemente me era indiferente, pero debía facelo para clase. A verdade é que me sorprendeu moito, estaba convencida que ía ser de determinada maneira e que o autor ía tratar o argumento dunha forma concreta, pero sorprendeume bastante.

Conta a historia de Marianela (á que chaman a Nela) unha rapaza moi pouco agraciada e moi parva (segundo todos lle din, pois non deixan de repetirlle nin un só segundo ningunha das dúas cousas). Ela traballa como lazarillo dun cego, Pablo de Penáguilas, e ambos namóranse. Un bo día, un doutor comunícalles que pode operar ao invidente e facer que recupere a vista, o que provoca que Pablo se ilusione moitísimo, mentres que Marianela comeza a preocuparse e sufrir, pois pensa que ao vela, o cego deixará de querela.

A verdade é que o mellor, sen dúbida algunha, de toda a novela é a narración. A prosa do autor é moi moi especial e diferente, con certas pinceladas de humor que agradan ao lector segundo le. A verdade. é que é unha novela bastante orixinal en xeral, pois en certos capítulos sáese dos tópicos e sorprende, tendo en conta que se trata dun libro publicado 140 anos atrás. 

Tamén me gustou a grande variedade de personaxes: aínda que Marianela e Pablo son os principais, cóntansenos as vidas e pasado dos demais personaxes, que teñen que ver coa trama principal nalgún ou outro momento e que, sobre todo, teñen certo valor á hora de falar da verdadeira temática da obra: a caridade e o trato ás clases sociais inferiores.
O autor trata de deixar ver que realmente un non pode xulgar aos demais polos seus cartos e circunstancias e que son, precisamente estes, os que marcan a súa vida, os que provocan esa falta de educación, non se trata de falta de intelixencia ou bondade. 

Plasmanse na novela os dous puntos de vista (o do autor/Teodoro e, o máis de dereitas, de Sofía) en conversacións e sucesos que provocan momentos bastante cómicos e que representan claramente o contexto social do libro.

O único que realmente non me gustou, foi o final da novela. Non polo que cocorre, que me parece realista e que está ben, senón pola maneira na que sucede, sen ningún tipo de esplicación aparente.

Conclusión: Un clásico que me gustou bastante e que considero que é unha boa novela, pero non me apasionou e deixoume algo indiferente.

17 de out. de 2015

Reseña: Navidades Trágicas (Detective Hercules Poirot)




Despois de bastante tempo sen ler e (publicar unha reseña) dun libro do detective creado por Agatha Christie, Hercule Poirot (para ver as reseñas anteriores e próximas da serie clica aquí).

Esta vez, cóntase como todos os membros da familia Lee se reunen con motivo das festas de Nadal, despois de anos separados por diversas pelexas, problemas de herencias e demais, polo que non se trata exactamente dun reencontro agradable para a maioría dos irmáns Lee e as súas mulleres. Ademais, o señor Lee (o pai) está moi enfermo, case inválido, polo que a súa única diversión é crear pelexas e poñer en evidencia ás persoas do seu redor, polo que se complica aínda máis a xa tensa reunión familiar. Cando un dos Lee aparece brutalmente asasinado, Poirot deberá descubrir a identidade do autor do crime.

O primeiro que me agradou e sorprendeu positivamente (e que realmente é o mellor da novela, sen dúbida) é a forma tan diferente de ser narrada con respecto ao resto das obras de Christie: en lugar de contar o que ocorre dende o punto de vista de Poirot ou dalgúns dos protagonistas, a autora limítase a describir diferentes escenas entre cada un dos matrimonios protagonistas durante a primeira metade da novela, sempre e cando teñan relación co argumento desta; unha conversación ou escea en cada capítulo. Desta maneira, o lector está enterado do que ocorre incluso antes que o detective belga e os demais sospeitosos, e pode sacar conclusións e movementos estraños que chamen a súa atención.

A partir da metade do libro, isto xa cambia (tristemente, aínda que tamén está ben esta maneira, a "convencional" ou máis típica da escritora de misterio) e vemos a investigación do asasinato e a súa resolución dende o punto de vista de Poirot, con tan só algunha escea intercalada entre outros protagonistas semellantes ás da primeira metade.

En canto ao misterio en si, POR FIN atopo esa esencia de Agatha Christie que nas últimas novelas lidas súas apenas se deixaba entrever. É un asasinato intrigante polas circunstancias de odio similar nas que se produce e pola forma peculiar (unha vez máis) de narrarse. Mestura un roubo cun asasinato (non digo nada máis, xúroo) e a autora introduce pouco a pouco diversas conversas e misteriosos diálogos que fan que nunca esteas seguro da identidade do culpable, pois parece que aumentan as sospeitas sobre alguén ata a seguinte páxina, na que parece que o asasino é outra persoa totalmente oposta. Marabillosa a maneira de soster o misterio en cada momento, aínda que decae un pouco en certas partes.

En canto a esa resolución do misterio, ese final que tanto caracteriza a autora por sorprender a todos e cada uns dos seus lectores, fíxome quedar bastante satisfeita. E se digo "bastante" e non "completamente", é porque (si, non podía deixar unha reseña sen decilo) quizais hai un aspecto que relaciona ao culpable coa razón pola que levou a cabo o asasinato que está un pouco collida por pinzas e non é demasiado lóxica. A pesar disto, considero que é o mellor final que podia dárselle á novela e era mposible que fose máis sorprendente, pois xamais se me pasara pola cabeza esa posibilidade. Un crime planeado con lóxica e intelixencia e cunha gran razón de ser de fondo.

En conclusión, unha boa novela da autora e xénero, bastante arriba no ranking das miñas novelas de Agatha Christie preferidas, pero tampouco é nada fóra do común, na liña da autora.


12 de out. de 2015

Reseña: Y por eso rompimos

 
Y por eso rompimos é un libro moi diferente, cun concepto moi distinto aos demais. Como xa sabedes a estas alturas, estas novelas son a miña debilidade, adoro os libros raros e distintos, polo que, aínda que dubidei moito sobre se lelo ou non, finalmente lanceime.

Y por eso rompimos é a historia da parella formada por Min e Ed e de como esta finalizou, as razóns polas que romperon, narradas en forma de pequenos relatos. Min é a narradora da novela, que vai camiño da casa de Ed para devolverlle unha caixa con moitos recordos dos seus tempos xuntos, que vai sacando un a un, e escribindo nunha carta para el a historia do obxecto en cuestión e a súa relación con algunha das razóns polas que romperon.

Nun principio pensei que ía a ser unha novela moi romántica e pastelosa, tipo de lectura que sabedes que non me gusta, pero como trataba o tema dunha ruptura decidín probar e darlle unha oportunidade, algo que agradezo, xa que me gustou moito.

En primeiro lugar, a forma na que se presentan as diferentes historias e moi dinámica, fácil de ler e moi interesante, xa que se presenta un obxecto (en forma dunha ilustración preciosa, por certo) a redor do cal xira o relato, de maneira que o lector está sempre pendiente de atopar esa relación obxecto-recordo-razón da ruptura. As historias que se contan son preciosas, pois a forma de narrar do autor é moi especial e moi bonita, con referencias contínuas co cine antigo ou alternativo.

Ademais, a protagonista feminina, Min, caeume moi ben. Normalmente, a rapaza da relación amorosa soe caerme moi mal ou ter certas actitudes puntuais que non me gustan, ou ben por depender demasiado da parella ou por aturar certos abusos dela ou simplemente por obsesionarse con ela e a súa relación, pero neste caso, gustoume moito o seu comportamento, as razóns polas que romperon, a súa reacción ante certos acontecementos e, en xeral, a súa forma de ser, caeume ben. Ata Ed, que non é o prototipo de chaval que me gusta para nada, non me caeu mal de todo (coa excepción de certos asuntillos, como o gran final e gran razón para finalizar a relación).

Gustáronme as subtramas da novela, como a festa que a parella planeaba e eses enfados cos amigos de ambos, e tamén como se iban desenrolando e complicándose á vez que se relacionaban coa trama principal.

Por último, o gran final non o esperaba para nada. Xa sabedes que este é un punto moi importante nun libro para min, que pode decidir se me gusta ou non, e neste caso quedei bastante satisfeita. Aínda que creo que non lle pega á trama e ao tipo de libro para nada (tan tan especial), ese suceso imprevisto para min e que non supuxen en ningún momento creo que é unha boa forma de rematar o libro e unha moi boa razón para separar á `parella, non me desgustou.

Conclusión: Moi ben. Un libro especial e que me gustou moito.

5 de out. de 2015

Mellor lectura do mes #2: Setembro 2015



Unha vez máis traivos a entrada da miña Mellor Lectura do Mes  (clica aquí para ver máis Mellores Lecturas!!). Podedes pensar que apenas lin neste mes, pois case non publiquei reseñas en Setembro, pero non é asi, simplemente por diferentes razóns non puiden publicalas antes ou estou en proceso de facelo. 

O mellor libro do mes de Setembro, foi Marina de Carlos Ruiz Zafón. Creo que non se trata de ningunha sorpresa, tendo en conta o ben que falara desta novela na súa reseña (clica aquí) e o moitísimo que xa vos dixera que me gustara.

É unha novela emotiva, triste, intrigante, melancólica e marabillosamente ben escrita. Carlos Ruiz Zafón é capaz de transmitirnos todos os sentimentos do protagonista, e os seus propios, pois é un libro moi especial tamén para el, como podemos ler no prólogo (polo menos na miña edición), outro punto positivo a ter en conta, pois aínda que non forme parte da novela propiamente dita, a verdade é que me sorprendeu e que me gustou tamén moito.

Esta historia é moi especial, cunha esencia misteriosa, que sabe remitirche ao pasado sen problemas e manterche en vilo ao mesmo tempo que écapaz de emocionarche e facerche pasar un bo rato. A delicadeza coa que é narrada e a forma sutil e tranquila de escribir de Zafón souberon conquistarme, unha vez máis, con Marina.

En conclusión, unha lectura marabillosa e, para nada, do montón.

2 de out. de 2015

Book Tag #6: Contos Clásicos

A lebre e o coello
Un libro que leches moi rápido e un que che levou moito tempo ler.


 



Jonh Green é un escritor que me encanta e cuxos libros me apasionaron e encantaron cando os lin (e non por ser o autor de Bajo la misma estrella) que contan ademais cunha narración moi fluída, marabillosa e diferente que provoca que os leas dunha soa vez e en moi moi pouco tempo. Como teño que dicir un só, creo que vou recomendar El teorema Katherine (mini reseña aquí), unhas das súas novelas que máis me gustou e que menos coñecida e popular é. Remateina nun par de días, como moito, e encantoume (con excepción do final, creo recordar).

Un libro que me levou bastante tempo ler foi Sentido y Sensibilidad (reseña) de Jane Austen debido a que, se xa é un tipo de libro que non me apasiona (con moitos razonamentos e pensamentos e sentimentos profundos en lugar de sucesos e acontecementos), ademais non me enganchou e gustou tanto como Orgullo y Prejuicio (nin de lonxe).





Os tres porquiños.
Triloxía que nun principio no che acababa de convencer pero que finalmente gañou o teu corazón.


Cando rematei o primeiro libro da triloxía Traición ou, tamén chamada, triloxía dos Feos, non entendía as boas críticas que esta recibira polo que estiven vendo en internet, en distintos blogs e vídeos de youtube, pero despois de ler tamén a segunda parte, Perfección, xa puiden percibir ese algo que ten a saga e que a diferencia das demais e mellorar algo a miña opinión inicial. Reseñas das dúas primeiras partes da saga aquí e aquí.





Brancaneves
Un libro no que tiñas postas moitas expectativas e acabaches odiando.


Tampouco é que odiara o que se di odiar Si decido quedarme de Gayle Forman (Reseña), pero ía cunhas expectativas moi altas e decepcionoume moito. Pensei que o libro ía tratar certos temas e de determinada maneira, cando en realidade non foi así, e que ía a ser incríblemente reflexivo, moito máis do que realmente é. Non é un libro horrible, pero tampouco marabilloso.



Peter Pan
Libro que leches moitas veces pero do que nunca te cansas.




Los cuentos del Beedle el Bardo é sen dúbida o libro complemetario de Harry Potter que máis me gusta e un libro marabilloso que adoro en xeral. A primeira vez que o lin foi alí polo 2008, con 8 anos, poucos meses antes de ler por primeira vez a saga de Harry Potter que se convertiría dende entón na miña preferida, aínda que por entón eu era xa unha gran fan das súas películas. Posteriormente, volvín a ler este libro curto unhas cinco ou seis veces máis, porque me parece marabilloso. Para empezar aporta moitísima información sobre o mundo de Harry e sobre a fábula dos tres irmáns  e a varita de saúco, a pedra filosofal e a capa de invisivilidade e ademais conta con esas magníficas anotacións e interpretacións obra de Dumbledore.



O libro da selva
Un libro que perdeches ou tiveches que tirar por algún motivo.

Creo que nunca en toda a miña vida como lectora perdín ou tiven que tirar un libro así que este apartado queda en branco...



A bela durminte
Un libro que fixo que te durmiras mentras o lías.





La daga é a segunda parte da triloxía La Materia Ocura, cuxo primeiro libro me encantou hai xa moito tempo, mentres que a súa segunda parte me aburriu soberanamente. Podes ver as razóns polas que esto ocorreu facendo clic aquí, pero a razón é, en resume, os grandes cambios que se producen en varios aspectos, como os personaxes ou o argumento, que non me conseguiron convencer.




Pinocho
Un libro co que te sentiches enganado (pensaches que sería dunha maneira determinada e foi doutra moi distinta).






En realidade non me sentín enganada con este libro, máis ben ao revés, pois pensei que El club de los corazones solitarios (Minireseñaía a ser doutra maneira, que non me ía a gustar demasiado e que me ía a parecer unha soberana tontería mentres que en realidade é diferente a todos os libros de romántica xuvenil (xénero que sabedes que non me gusta demasiado) e moi interesante e diferente.




A dama e o vagabundo
O teu romance literario preferido.




Como seguro que xa sabes, a saga de Cazadores de Sombras foi a maior decepción na miña vida como lectora (podes ler as críticas aplastantes aquí e aquí). En cambio, a súa precuela (Cazadores de Sombras, los Orígenes) encantoume e marabilloume e o triángulo amoroso formado por Will, Tessa e Jem gustoume moitísimo (son #TeamWill, por certo) ao contrario que a relación Jace-Tessa da saga orixinal.



Alicia no país das marabillas
Mundo literario no que che gustaría vivir.




Non teño absolutamente ningunha dúbida sobre esta cuestión: o mundo dos magos de Harry Potter e Howarts en concreto, serían uns lugares absolutamente marabillosos para vivir e para estudar e se estivera na miña man xa estaría durmindo nunha das camas da casa de Ravenclaw e acudindo ás clases de Defensa contra as artes escuras ou Transformación.



A cincenta
Un libro/saga/triloxía que todo o mundo ama pero que ti odias.


Cazadores de Sombras. Como podedes ler nas reseñas que vos deixo aquí e aquí, os tres primeiros libros da saga gustáronme bastante, aínda que había certos puntos que non acababan de convencerme, pero o cuarto, e sobre todo o quinto e sexto, deixáronme totalmente decepcionada e descontenta, ao contrario que ao 95% dos seus lectores (por decir unha cifra).


Bambi
Un libro que che deixou sen bágoas.





Bajo la misma estrella de John Green é un dos libros cos que máis chorei de toda a miña vida como lectora e, ao mesmo tempo, un dos que máis me fixo rir, xa que conta con esa chispa alegre e simpática do autor e ese argumento triste, formando unha mestura perfecta. É un libro marabilloso e que me encantou.


Tarzán
Libro pouco coñecido que descubristes por casualidade.




Numbers (Reseña) de Rachel Ward é unha triloxía nada coñecida e da que non oíra falar xamais ata que dei con ela de casualidade. Decidín lela polo argumento tan interesante que tiña e gustoume bastante, polo menos relativamente, e espero ler pronto as dúas partes restantes para terminar coa triloxía.



O frautista de Hamelin
Libro/saga/triloxía que leches por moda.




Eu non adoito ler ningunha novela por moda ou porque o resto das persoas o faga, pero si hai moitos libros na miña estantería que coñecín grazas a vídeos en youtube, entradas en blogs ou, simplemente, polo coñecidos que se fixeron nalgún momento. Un exemplo é a triloxía de Las tejedoras de destinos (reseña!) que coñecín grazas a varios booktubers como Juliana Zapata, entre outros.


A sireíña
Un libro que che deixou sen palabras.



Como seguro que sabedes a estas alturas, Las ventajas de ser un marginado é un libro que me encanta e cuxa película me parece das mellores adaptacións que vin (clica aquí para ver a reseña do libro e aquí para ver a da película). Elixín esta novela para esta categoría por que me pareceu que non había unha opción mellor: ademais de ser un libro cunha historia e unha forma de ser narrado que xa me deixou sen palabras de por si, ademais conta cun final que é totalmente inesperado e moi moi forte que non podes evitar que che deixe sorprendido e sen saber ben que pensar.


O xorobado de Notre Dame
Libro que fixo que te encerraras na túa habitación ata telo terminado.



Diario del búnker de Kevin Brooks (reseña!!!!) é un libro que engancha. Non puiden evitar ler sen parar, cando o tiven nas miñas mans, ata rematalo, pois é moi intrigante en canto a argumento e lese bastante rápido ao tratarse dunha especie de diario e das confesións do protagonista. Foi ademais un libro que me gustou moito, polo que o lin nun suspiro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...