23 de mar. de 2015

Reseña de Divergente 0: Cuatro




Cuatro, de Veronica Roth, non é exactamente unha precuela nin unha secuela da triloxía Divergente pois, a pesar de que conta historias da vida de Cuatro ou Tobias de antes de que comece a historia da triloxía (polo que é en certo modo unha precuela), tamén aparecen escenas e partes que se contan na triloxía pero vistas dende o punto de vista de Cuatro en lugar de dende o de Tris.

Nun principio, non tiña intención de ler o libro, pois pensaba que era unha secuela de Divergente e que me ía parecer cansino e ía estropear o magnífico final da triloxía, pero máis tarde descubrín que contaba partes de Divergente dende outro punto de vista e que ampliaba pequenas historias das que apenas se fala na saga ou que non chgaron a contarse de todo, como o inicio da relación entre Amar e Cuatro ou como veu Cuatro a Tris a primeira vez. 

Vou comentar as diferentes historias por separado:

- O trasladado: Narra os acontecementos ocorridos dende a proba de aptitude de Tobias ata as primeiras probas da súa iniciación. Gustoume moito esta parte porque creo que se conta moi ben e se deixa moi clara a relación de Cuatro con seu pai e a angustia á hora de tomar a decisión. Tamén se matiza máis a relación de Cuatro e Eric, pois polo menos ao principio da triloxía Divergente parecía que eran amigos da alma e nada máis lonxe da realidade.

- El iniciado: Narra a vida de Tobias durante a súa iniciación. 

- El hijo: Esta historia está xeniaaaaal porque se ve paso a paso como decubre cousas de Erudición e Osadía contra Abnegación e como investiga. Á súa vez tamén se ve nela como comeza a ver que non é ouro todo o que reluce e que non debe fiarse de todos.

- El traidor: Aquí aparece Tris Prior e xa se narra como reacciona Cuatro. Tamén se profundiza nas dúbidas de Tobias sobre se avisar ou non á súa antiga facción sobre a guerra que se aproxima.

Conclusión: Gustoume moito o libro porque creo que non se lía en partes sen importancia e que profundiza onde debe pero, se ben é un moi bo recordo de Divergente tras moito tempo dende que o lin, non creo que sexa indispensable a súa lectura e que non é un libro que debas ler para poder confirmar que leches Divergente. Mediocre, sen moita importancia.

13 de mar. de 2015

Reseña: Sueña



Sueña é o primeiro libro da triloxía La cazadora de sueños, de Lisa McMann. Conta a historia de Janie, unha adolescente de 17 anos que, cada vez que algunha persoa se dorme cerca dela, entra nos seus soños, aínda que sexa contra a súa voluntade. algo que lle trae moitos problemas e prexuízos e é moi incómodo. Súa nai é alcohólica, polo que non teñen moitos cartos e ten, tan só, unha amiga que é a única que non se porta mal con ela.

Cando comecei a ler o libro, non esperaba que fose nada do outro mundo pois a trama e temática era moi vista; a típica triloxía adolescente. En cambio, ao empezar a lectura xa notei que me ía encantar pois enfocaban a trama dunha forma inesperada, facendo incapé en pequenos detalles de maneira que notas todos os cabos ben atados.

Atopei moitos puntos positivos que contribuiron a que isto ocorrera. En primeiro lugar, a narración faise en primeira persoa, algo que ADORO nun libro porque fai que prestes máis atención e te enganches, porque todo está ocorrendo nese mesmo instante e os protagonistas descobren todo á vez que o lector. Ademais, Janie non é a típica protagonista tonta que non é capaz de loitar e enfrentarse cos seus problemas, senón que consegue resolver as diferentes complicacións que se plantexan, que por outra parte, teñen resolucións inesperadas por completo na maioría dos casos. Debo falar dun final de novela estupendo para rematar os puntos fortes de Sueña.

Coma sempre, non todo pode ser bo, polo que tamén atopei cousas negativas e malas no libro, aínda que menos que as positivas: En primeiro lugar, non entendo a relación entre Carrie e Janie. Non estou segura de si o fallo está na forma de planteala e como foi escrita, é dicir, se é unha relación pouco creíble, ou se realmente a idea desa amizade era así dende o principio. En calquera caso, pareceume moi falsa e pouco realista. Cambiando por completo de tema, paréceme raro que 9 de cada 10 soños nos que entra Jadnie sexan pesadelos, porque a xente tamén ten soños bos, e boto en fata máis, cóntanse poucos soños tendo en conta que son o eixe sobre o que xira o libro. E, un fallo bastante importante dende o meu punto de vista, é o feito de que cando a protagonista entra nun soño alleo, ten unha especie de convulsións que, extrañamente, á xente non lle chama a atención e que me estraña que lle dé tan pouca importancia. Cada vez que lle ocorre, as persoas confórmanse con que Janie diga que "non pasa nada, de verdade".

Conclusión: A pesar de todo isto, os puntos negativos son menos ca os positivos e non me parecen moi importantes, polo que considero que esta triloxía (ou polo menos a primeira parte) está moi ben escrita e recoméndoa.  Libro xenial e recomendadísimo.

10 de mar. de 2015

Reseña de Cazadores de Sombras: Ciudad de los Ángeles Caídos


Cazadores de Sombras é unha saga de seis libros que conta a vida de Clary, unha rapaza sobreprotexida por súa nai, e como descubre a identidade de seu pai e un mundo de anxos, demos e seres que nunca pensou que puideran existir. Cassandra Claire, a autora destas novelas, escribiu tamén unha precuela de Cazadores de Sombras, chamada Cazadores de Sombras: El Origen, que conta a historia dos antepasados dos protagonistas da saga Cazadores de Sombras.

Eu comecei a ler esa precuela (pois se comezas pola saga en si desvélanse pequenos detalles dela) e gustoume moito, é máis, moitísimo, pois contaba a historia dunha forma pausada pero sen ser aburrida e Will, un dos protagonistas, pareceume un encanto e é dos meus personaxes favoritos de triloxías e sagas en xeral. Tras acabar o último libro de Cazadores de Sombras: El Origen, quedei cun sabor de boca incríble e marabilloso polo que non vía a hora de ler Cazadores de Sombras así que comprei os libros para o meu e-book de inmediato. As conclusións que saquei libro a libro foron as seguintes:

- O primeiro libro, Ciudad de Hueso, encantoume pois fálase moito da vida de Clary e nótase claramente unha introdución, nó e desenlace. É un libro pausado e con acción a partes iguais, polo que me parece perfecto.

- Ciudad de ceniza: Este libro xa me fixo menos graza porque ao ser máis longo tiña partes de "palla" sen sentido e aburridísimas. Ademais xa empezaba a estar cansa das idas e vidas da historia de amor entre Clary e Jace, aquelo comezaba a parecer unha telenovela con parentescos sorprendentes incluídos.

- Por último, Ciudad de Cristal, foi a gota que colmou o vaso e xa non aguantei máis porque non facían máis que repetir as mesmas tramas, dar demasiados xiros (incluso para min que os adoro) e desenlaces imposibles sen sentido. Fíxoseme incríblemente cansino e só acabei a novela porque odio deixar algún libro sen terminar, non por outra cousa.

Esto todo ocorreu durante o verán, sendo o mes de Setembro o último no que lin algo de Cazadores de Sombras, e non tiña pensado ler máis libros despois de ter chegado á conclusión de que a autora debería ter parado xa aí, pero tras acabar os libros que tiña para ler decidín darlles outra oportunidade polo que lin o cuarto libro da saga que, sorprendentemente, me ENCANTOU. 

Despois do terceiro libro, acábase a trama da que trataban os tres primeiros polo que en "Ciudad de los Ángeles Caídos", ábrense novas partes e hai novas intrigas, regresando algúns dos personaxes anteriores. 

Puntos positivos:
  1.  Regresan personaxes anteriores pero sen volver a sacar tramas xa pechadas e cansinas.
  2. Desenvólvense temas relacionados con personaxes secundarios que xa tiña ganas de ler pois había algúns con moito potencial pouco aproveitado.
  3. A trama é débil pero con interés de maneira que non se fai pesada e cansina.
Puntos negativos:

  1. Volven as idas e vidas da relación Clary-Jace. unha vez máis CANSINAS pero tras a pausa que fixera de Cazadores se Sombras foi aguantable.
  2. Odio a actitude de preocupación perpetua de Clary por Jace e que pasa a vida pensando en que pensará el dela e si a segue querendo.
  3. Odio a actitude de Jace que se alonxa de Clary para "que estea a salvo pois merece algo mellor ca el" e a súas torturas cara si mesmo por seu pai que sobran totalmente.

CONCLUSIÓN: Recomendo a lectura desta saga (pero sobre todo da precuela) pero  facendo pausas para evitar aburimento sempre que sintamos xa pesados os libros.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...