21 de abr. de 2015

Reseña: Pequeñas mentirosas





Un día estaba por internet buscando algunha serie que me interesara para comezar a vela, cando recordei "Pequeñas mentirosas" . Eu nunca vira esa serie (de feito non sabía nin de que trataba) pero sonábame de oílo. Vin os cinco primeiros capítulos e non só me gustaron: ENCANTÁRONME así que decidín ler a saga na que estaba basada, a pesar de que ao principio me tirou un pouco para atrás o feito de que a formen nada máis e nada menos que catorce libros.

Conta a historia de cinco rapazas (Alison, Aria, Emily, Hannah e Spencer), ricas, (polo menos case todas, hai unha ou dúas de clase media-alta, en realidade) que se fan moi amigas a pesar de que son totalmente diferentes e que, realmente, o único que as une é Alison, unha rapaza moi popular é á que todos envidian. Un día, celebrando unha festa de pixamas na casa dunha delas, Alison desaparece. A historia que conta esta saga é como as catro amigas restantes se separan e deixan de falarse tras este suceso e como volven a unirse tras ser atopado o cadáver de Ali tres anos máis tarde da súa desaparición. Todo parece relativamente normal, pero as catro amigas gardan un segredo que non lle contaron a ninguén e que Alison tamén sabía e, misteriosamente, un tal "A" comeza a mandarlles SMS e e-mails amenazando con contalo xunto con varios segredos máis.

Visto así, a sinopse e a trama poden parecer absurdas, estúpidas ou tontas pero xuro que é un libro marabilloso. Tenche en tensión todo o rato, estás preocupada, intrigada (pois o segredo non se desvela ata o segundo libro) e non podes deixar de ler. Ademais, as historias das cinco amigas cóntanse por separado de maneira que as vas coñecendo e vendo que todas teñen un problema e algo en segredo. Como tamén hai flashback á época na que aínda eran amigas e Ali vivía, ves como pensan sabelo todo dela, cando en realidade é Alison quen o sabe todo das súas amigas, e como esta é unha manipuladora con un aire malvado.

O libro ten unha chispa que adorei, ademais, que é o feito de que te vas dando conta, realmente, de que todos esconden algo, que nada é o que parece. Por outra parte temos a intriga da identidade de "A", porque é algo imposible de descubrir ou sequera imaxinar. Eu non sospeito nin por asomo quen pode ser e desexo con toda a miña alma sabelo. Tamén descubres a medida que avanzas que Aria, Emily, Spencer e Hannah reciben un castigo por cousas malas que fixeron no pasado e non contaron a ninguén, de ahí o título do libro; moi moi moi apropiado, por certo.

En canto á adaptación á serie, eu vin só os 5 primeiros capítulos pero xa me puiden dar conta que os sucesos pasan nunha orde diferente que no libro e que se saltan moitas cousas, de forma que o primeiro libro se resume en só catro ou cinco capítulos. Por iso, recomendo ler os libros e logo ver a serie ou viceversa e non facelo ao mesmo tempo ou ver a serie sen acabar todos os libros porque podes descubrir cousas que non querias saber (pasoume).

Conclusión: Non é unha saga fácil de resumir nin da que se poida falar sen desvelar nada, así que simplemente recomendo miles a súa lectura. Alégrome de tela atopado e estou moi emocionada con ela e con ganas de que se vaian desvelando os centos de misterios de "Pequeñas mentirosas". ENTUSIASMADA.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...