24 de abr. de 2015

Reseña de Pequeñas mentirosas 2: Secretos


E aquí traio a reseña de "Secretos", a segunda parte de "Pequeñas mentirosas", da que xa fixen reseña. O primeiro libro acaba cunha revelación moi sorprendente e cun final aberto, polo que quixen comezar a lectura de "Secretos" enseguida. 

"Secretos" profundiza máis nas historias persoais de cada unha das amigas (Hannah, Aria, Emily e Spencer) en lugar que no segredo que comparten as catro, polo que coñeces máis aspectos das catro e entendes mellor reaccións que teñen ante as ameazas de "A" e outras situacións. Ademais, escenas e personaxes mencionados na primeira parte da saga pero aos que non se lles deu moita importancia ou que non aparecen en "Pequeñas mentirosas", como a visita do pai de Hannah, que fai que ela reviva a experiencia da súa última visita, aínda que dunha forma un pouco distinta, fan que entendas todo mellor e que descubras novos datos. 

Neste libro, os personaxes evolucionaron con respecto á primeira parte e preocúpanse máis dos seus propios problemas e segredos e de se son contados ou non. Ademais por fin comezan a confiar unhas nas outras. Na serie de televisión basada na saga de "Pequeñas mentirosas", Hannah, Emily, Spencer e Aria volven a ser amigas inmediatamente despois da volta desta a Rosewood e das ameazas de "A". Paréceme moito máis lóxico que se unan entre elas ao pouco de que todo isto ocorra e non que esperen tantísimo como no libro, a pesar de que foi así como o decidiu Sara Shepard. 

Isto é unha crítica un pouco perfeccionista de máis, pero é que polo demais non teño nada que comentar do segundo libro da saga, dado que, polo menos de momento, a autora estao facendo moi moi ben: o libro segue conservando interés, intriga, non se centra en cousas sen importancia e vai ao gran, sen tampouco asoballar con moitos datos. Introduce novas tramas cando debe, creando interés para que non se aburran os lectores e acaba cada libro cunha carta de "A" (algo que me olvidei de comentar na primeira reseña) que abre novas dúbidas despois de cada parte de "Pequeñas mentirosas". Un moi bo toque.

Conclusión: Sigo moi ilusionada pola saga. Sen dúbida sigo moi intrigada e con ganas de descubrir todas as incógnitas que a autora vai deixando abertas. MOI CONTENTA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...